Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Mércores, 22 de xaneiro de 2020 Páx. 3582

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

RESOLUCIÓN do 13 de xaneiro de 2020, da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, pola que se publican os requirimentos de emenda da documentación das xustificacións presentadas ao abeiro da Orde do 25 de marzo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede a súa convocatoria para o ano 2019.

A Consellería de Política Social convocou para o ano 2019, a través da Orde do 25 de marzo de 2019 (DOG núm. 70, do 10 de abril) subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede Galega de atención temperá.

A partida orzamentaria con cargo á cal se financian estas axudas ten un cofinanciamento do 80 % dos fondos FSE a través do Programa operativo de Galicia 2014-2020.

O artigo 26 da orde de convocatoria establece o obxecto, prazo e documentación necesarios para a xustificación das axudas concedidas. A data límite para a presentación da xustificación era o 15 de novembro de 2019.

Así mesmo, no número 5 do artigo 26 da orde determínase a documentación xustificativa da actuación executada obxecto da subvención que as entidades beneficiarias deberán presentar.

Unha vez revisadas as xustificacións presentadas ao abeiro da dita orde de convocatoria polo órgano encargado da instrución, identificáronse aquelas que non reúnen a documentación necesaria, ben por non tela presentado, ben por conter erro ou por non ser suficiente para a determinación do cumprimento das condicións impostas e da consecución dos obxectivos previstos no acto de concesión da subvención.

O número 6 do citado artigo 26 establece que, no caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, e advírteselle que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

Así mesmo, por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva e consonte o indicado no artigo 45 da citada Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, tal como sinala o artigo 22 da Orde do 25 de marzo de 2019, os actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento publicaranse no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os efectos da notificación.

De acordo co establecido no artigo 15 da Orde do 25 de marzo de 2019, todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento, con posterioridade á presentación da solicitude, deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia da relación de entidades beneficiarias requiridas para emendar as xustificacións que non estean debidamente cubertas e/ou presentar a documentación preceptiva exixida segundo o establecido nas bases reguladoras. Esta relación figura como anexo desta resolución.

Segundo. Facer indicación expresa a todas as entidades beneficiarias recollidas no anexo, que son requiridas para que, no prazo de dez (10) días, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG), emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos conforme se establece na orde de convocatoria recollidos no dito anexo. De non o facer, de conformidade co artigo 26.6 da orde, co artigo 28.10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións da Galicia, e co artigo 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades que correspondan.

Terceiro. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de emenda da documentación das xustificacións, poderán dirixirse á Consellería de Política Social a través dos teléfonos 981 54 01 42 ou 981 54 73 98.

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2020

Ildefonso de la Campa Montenegro
Director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade

ANEXO

Nº de expediente

NIF

Solicitante

Integrantes

Documentación requirida

20-2019.BS700A.AT

P1500002I

Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol

Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Ferrol, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño

– Presentar as facturas (artigo 26.5.e), que deben corresponderse cos datos sinalados no anexo V (artigo 26.5.b).3º).

– Presentar extracto ou certificación bancaria debidamente identificados, selados e asinados pola entidade beneficiaria do gasto realizado dentro da data límite de xustificación, 15 de novembro de 2019 (artigo 9.2).

– Anexo V: corrixir o tipo de vinculación dos integrantes do equipo do Servizo de Atención Temperá.