Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Martes, 21 de xaneiro de 2020 Páx. 3134

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 18 de decembro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras de subvencións para proxectos de rehabilitación e reforma de mercados municipais de venda de produtos agroalimentarios, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento MR712A).

O Regulamento 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola do Desenvolvemento Rural (Feader), fixa os obxectivos a que debe contribuír a política de desenvolvemento rural e as correspondentes prioridades da Unión en materia de desenvolvemento rural.

En concreto, no artigo 20.1.d) da citada norma están previstas axudas para investimentos na creación, mellora ou ampliación de servizos básicos locais para a poboación rural, incluídas as infraestruturas correspondentes.

Neste contexto, o Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, aprobado mediante a Decisión de execución da Comisión Europea, do 18 de novembro de 2015 (CCI: 2014ES06RDRP011), modificado mediante a Decisión de execución da Comisión C (2017) 5420 final, do 26 de xullo de 2017, a través da Decisión de execución da Comisión C (2018) 5236 final, do 30 de xullo de 2018, e mediante a Decisión de execución da Comisión C (2019) 1707 final, do 26 de febreiro de 2019, prevé, na ficha correspondente á medida 7.4, o apoio aos investimentos na creación, mellora ou ampliación de servizos básicos locais para a poboación rural, incluídas as actividades recreativas e culturais, e a infraestrutura relacionada; en particular, prevé o apoio a pequenas infraestruturas e/ou equipamentos a pequena escala co obxectivo de proporcionar á poboación rural uns servizos básicos que cubran as súas principais necesidades, proporcionando benestar e facilitando a implantación de actividades que poidan xerar emprego e fixar poboación, con influencia directa nas áreas focais 3A e 6B.

Neste marco, considérase estratéxico o investimento para rehabilitar e reformar os mercados municipais de venda de produtos agroalimentarios e prazas de abastos, considerando que a actividade comercial que neles se desenvolve é vital para a dinamización económica e social dos territorios, sendo en moitos dos casos, un elemento aglutinador do pequeno comercio que os arrodea.

Historicamente, os mercados foron un importante eixo vertebrador da actividade comercial, cun papel clave na defensa da pequena e mediana empresa. Entre as súas fortalezas fronte ás grandes superficies comerciais, os consumidores valoran o trato persoal e profesional, a calidade dos produtos e o coñecemento da súa orixe (sendo en moitos casos local, o que axuda a xerar riqueza no sector primario do propio territorio), e o seu valor como promotores dunha cultura da alimentación. A revalorización do comercio local nunha sociedade cada vez máis competitiva exixe prever múltiples variables, pero sen dúbida o mantemento das infraestruturas debe considerarse esencial.

Esta actuación estratéxica pode canalizarse a través da concesión de subvencións a favor das entidades locais para executar obras e prestar servizos locais, no marco dos principios de cooperación e colaboración que rexen as relacións entre os municipios e a Administración autonómica, nos termos previstos na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. Con esta finalidade, a modificación do PDR de Galicia 2014-2020, aprobada mediante a Decisión de execución da Comisión C (2019) 1707 final, do 26 de febreiro de 2019, incrementou a dotación orzamentaria para a xestión, por parte da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dunha liña específica de axudas dentro da medida 7.4 do PDR.

Tendo en conta todo o anterior, cómpre regular a concesión das axudas a concellos para acometer obras de rehabilitación e/ou reforma nos mercados e prazas de abastos co fin de mellorar e potenciar a comercialización de produtos agroalimentarios, no marco da medida 7.4 do PDR de Galicia 2014-2020, con cofinanciamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) nunha porcentaxe do 75 %.

A tramitación deste expediente acóllese á Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, que regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que a aprobación do expediente queda condicionado á efectiva existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2020.

Tendo en conta o anterior, o director xeral da Agader, no exercicio das competencias delegadas polo Acordo do Consello de Dirección da Agader do 11 de xullo de 2013 (Resolución do 24 de xullo de 2013; DOG núm. 148, do 5 de agosto),

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Aprobar as bases reguladoras das subvencións a concellos para a execución de proxectos de rehabilitación e reforma de mercados municipais de venda de produtos agroalimentarios, cofinanciadas parcialmente con Feader no marco do PDR de Galicia 2014-2020.

As citadas bases incorpóranse a esta resolución como anexo I.

2. Convocar para o ano 2020, en réxime de concorrencia competitiva, as subvencións para proxectos de obras de execución de proxectos de rehabilitación e reforma de mercados municipais de venda de produtos agroalimentarios, cofinanciadas parcialmente con Feader no marco do PDR de Galicia 2014-2020.

3. Aprobar os anexos que se xuntan a esta resolución para a xestión da convocatoria.

Artigo 2. Financiamento

1. Os proxectos subvencionados ao abeiro desta convocatoria están confinanciados con Feader no marco da medida 7.4 do PDR de Galicia 2014-2020, de acordo coa seguinte distribución plurianual e por fontes financeiras:

Anualidade

Importe

Desagregación por fontes financeiras

Feader (75 %)

Fondos Mapa (7,5 %)

Fondos Xunta (17,5 %)

2020

860.000 €

645.000 €

64.500 €

150.500 €

2021

860.000 €

645.000 €

64.500 €

150.500 €

Total

1.720.000 €

1.290.000 €

129.000 €

301.000 €

Conta orzamentaria 14.A1.712A.760.0

Código proxecto: 2019-00003

2. Esta convocatoria de axudas tramítase conforme o establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o vindeiro ano 2020, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia e en trámite parlamentario actualmente. Así mesmo, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

3. As contías indicadas poderán incrementarse en función das solicitudes presentadas, sempre que teña lugar unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa, segundo prevé o artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da devandita lei, debéndose publicar no Diario Oficial de Galicia o aludido incremento de contía.

Artigo 3. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes de axuda será de corenta e cinco (45) días naturais, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015), os prazos expresados en días contaranse a partir do día seguinte a aquel en que teña lugar a notificación ou publicación do acto de que se trate.

Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Cando un día sexa hábil no concello e inhábil na sede do órgano administrativo, ou á inversa, considerarase inhábil en todo caso.

Artigo 4. Obriga de relacionarse electronicamente

Nos termos previstos no artigo 14.2 da Lei 39/2015, as persoas xurídicas están obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas.

Tendo en conta o anterior, tanto a presentación das solicitudes de axuda, como os demais trámites necesarios para a xestión deste procedemento administrativo, incluídos os requirimentos de emenda e as notificacións, faranse a través de medios electrónicos, nos termos previstos nas correspondentes bases reguladoras.

Artigo 5. Prazo para a xustificación dos investimentos

O prazo límite para executar e xustificar os investimentos correspondentes á anualidade 2020 será o 1 de outubro de 2020.

O prazo final de execución e xustificación dos investimentos subvencionados remata o 1 de xullo de 2021.

Disposición adicional primeira. Recursos

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección da Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG; ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, ao abeiro do artigo 10.1.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación no DOG.

Disposición adicional segunda. Información

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web da Agader: https://agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda.

b) Na Guía de procedementos e servizos, no enderezo:

https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

c) Nos teléfonos 981 54 73 82/981 54 26 90 (Agader).

d) De xeito presencial, na Agader (lugar da Barcia, 56, Laraño, 15897 Santiago de Compostela), con cita previa no teléfono 981 54 73 82.

Disposición adicional terceira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que as persoas interesadas poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou de forma presencial nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira

O director xeral da Agader poderá ditar os actos necesarios para asegurar a correcta aplicación desta convocatoria.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución será aplicable desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2019

Miguel Ángel Pérez Dubois
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ANEXO I

Bases reguladoras

CAPÍTULO I

Regras xerais

Artigo 1. Obxecto

O obxecto destas bases é establecer o réxime das axudas que xestiona a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) para a execución de proxectos de rehabilitación e reforma de mercados municipais de venda de produtos agroalimentarios, no marco da medida 7.4 do PDR de Galicia 2014-2020.

As axudas consistirán en subvencións de capital.

O procedemento tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo cos artigos 20 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, LSG).

O código identificativo do procedemento será o MR712A.

Artigo 2. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das axudas xestionadas ao abeiro destas bases reguladoras todos os concellos de Galicia.

2. As entidades solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter remitidas ao Consello de Contas de Galicia as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente estean obrigadas, antes do vencemento do prazo de presentación da solicitude de axuda.

b) Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública de Galicia. Este requisito comprobarase con anterioridade a ditar a correspondente proposta de resolución de concesión, tendo en conta o límite máximo para resolver este procedemento, segundo o que se determina no artigo 17 destas bases reguladoras.

c) Non poderán ter a condición de beneficiarios os concellos que estean incursos nalgunha das prohibicións establecidas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Proxectos subvencionables

1. Nos termos destas bases reguladoras, serán subvencionables as obras de rehabilitación e/ou reforma de mercados e prazas de abastos municipais.

2. Requisitos dos proxectos.

a) Que se desenvolvan no territorio de Galicia, con excepción das parroquias clasificadas como zonas densamente poboadas (ZDP), atendendo á clasificación para as parroquias galegas segundo o grao de urbanización denominada GU 2016 (IGE, 2016). Na páxina web da Agader pode consultarse a relación de parroquias clasificadas como ZDP.

b) Que as actuacións propostas se executen en inmobles de titularidade municipal.

c) Que se axusten á normativa sectorial (autonómica, estatal e local) que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto.

d) Que sexan viables técnica e financeiramente.

e) Que sexan finalistas, é dicir, que no momento do pagamento final cumpran os obxectivos e funcións para os que se concede a axuda. Non se admitirán fases de proxectos.

f) Os investimentos propostos non poderán estar iniciados na data da presentación da solicitude de axuda. Verificarase o cumprimento deste requisito mediante a realización dunha acta de non inicio durante a fase de instrución do procedemento. Se o concello solicitante desexa iniciar a execución do proxecto antes da realización da citada comprobación, deberá achegar unha acta notarial que reflicta fidedignamente o non inicio da obra.

g) Non se admitirán proxectos cun orzamento base para a licitación inferior a 10.000 €.

3. As actuacións propostas deberán encadrarse nun único proxecto de obra, co contido que se determine no artigo 10.1.d) destas bases reguladoras.

Os concellos poderán presentar, como máximo, un proxecto ao abeiro destas bases reguladoras. O proxecto que se presente deberá comprender as obras de rehabilitación e/ou reforma nun mercado de venda de produtos agroalimentarios ou praza de abastos.

Artigo 4. Gastos subvencionables

1. Serán subvencionables ao abeiro destas bases reguladoras:

a) Obras de rehabilitación e/ou reforma de mercados e prazas de abastos; en particular:

1º. Obras de rehabilitación e/ou reforma construtiva da edificación.

2º. Obras para a habilitación, dentro dos inmobles xa existentes, de espazos de uso común.

3º. Instalacións de uso colectivo dentro dos inmobles.

b) Custos de redacción do proxecto e dirección de obra, ata un máximo do 12 % dos custos subvencionables.

2. Con carácter xeral, non serán subvencionables:

a) A construción de novos mercados, recintos ou novos espazos de comercialización alleos ao mercado e praza de abastos existente.

b) Actuacións exclusivamente ornamentais, as de simple reparación ou mera substitución de elementos existentes que non acheguen valor engadido á edificación.

c) A instalación de casetas ou puntos de venda móbiles.

d) Achegas en especie e gastos executados con medios propios.

e) Custos de funcionamento da actividade subvencionada.

f) Equipos de calefacción, climatización ou vinculados ás enerxías renovables.

g) Redes de telefonía e telecomunicación.

h) Mobiliario e equipamento móbil.

i) Adquisición de terreos.

j) O IVE e demais impostos.

k) Os conceptos do orzamento sen desagregar, así como partidas a tanto global.

l) Os investimentos realizados con carácter previo á presentación da solicitude de axuda.

m) Os investimentos que substitúan a outros financiados anteriormente con fondos comunitarios e respecto dos que non transcorresen cinco anos desde a certificación da súa realización, así como os investimentos de rehabilitación de locais cuxa construción ou adquisición fose xa subvencionada con fondos comunitarios e aínda non pasasen cinco anos desde a súa execución.

Artigo 5. Intensidade da axuda

Os proxectos subvencionados recibirán unha porcentaxe de subvención do 80 % dos custos subvencionables, ata un máximo de 50.000 € de axuda.

Artigo 6. Compatibilidade e acumulación de axudas

1. Unha operación poderá recibir axuda dun ou varios fondos EIE ou dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, a condición de que a partida de gasto incluída nunha solicitude de pagamento para o reembolso por un dos fondos EIE non estea subvencionada por outro fondo ou instrumento da Unión, nin polo mesmo fondo conforme a un programa distinto.

2. Á marxe do anterior, as subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, tanto de orixe pública como privada, sempre que a intensidade máxima das axudas con fondos públicos non exceda o 100 % do importe elixible do proxecto.

3. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou, de ser o caso, ao reintegro da axuda.

4. Para os efectos de determinar a compatibilidade e acumulación das axudas, a persoa beneficiaria deberá declarar outras axudas solicitadas, concedidas e/ou pagadas para o mesmo proxecto, nos termos previstos na solicitude de axuda (anexo II) e na solicitude de pagamento (anexo V).

Artigo 7. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da LSG, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade. Así mesmo, publicaranse no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas, con expresión da convocatoria, o programa e crédito orzamentario a que se imputen, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade ou as finalidades da subvención.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias das subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquelas das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015).

2. A notificación practicarase do seguinte xeito:

a) Enviaráselle ao concello interesado ao enderezo de correo electrónico que facilite no formulario de solicitude de axuda un aviso en que se lle indica a posta á súa disposición da notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

b) Poderá acceder á citada notificación no taboleiro electrónico dispoñible na aplicación informática habilitada para estas axudas co usuario e contrasinal do solicitante, desde a páxina web da Agader, https://agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, Agader practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

CAPÍTULO II

Iniciación do procedemento

Artigo 9. Presentación da solicitude de axuda

1. A presentación da solicitude de axuda realizarase unicamente por medios electrónicos.

Dentro do prazo establecido na convocatoria, os concellos interesados deberán cubrir previamente o formulario descritivo das circunstancias da persoa solicitante e do proxecto para o que se solicita a subvención, a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web da Agader https://agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda.

Para poder presentar a solicitude, é imprescindible que o concello solicitante ou o seu representante legal dispoña de DNI electrónico ou calquera outro certificado dixital expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT).

2. Para poder presentar a solicitude, será necesario seguir os seguintes pasos:

a) Darse de alta na aplicación informática para a xestión das axudas. O nome de usuario será o NIF da entidade solicitante; o contrasinal será o determinado por esta.

b) Necesariamente deberán cubrirse todos os campos establecidos como obrigatorios; así mesmo, débese anexar a documentación referida no artigo 10 destas bases reguladoras.

c) Unha vez cuberto o formulario, a entidade solicitante poderá presentar a súa solicitude de axuda.

No momento da presentación, a aplicación informática expedirá un recibo acreditativo do feito da presentación e xerará de forma automática os anexos II (solicitude de axuda) e III (memoria-resumo do proxecto). A publicación no Diario Oficial de Galicia dos citados anexos ten carácter puramente informativo.

3. Se algún dos concellos interesados presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. A aplicación informática disporá de instrucións de axuda para consulta dos solicitantes. No caso de dificultades técnicas ou no caso de requirir máis información, a Agader pon á disposición dos concellos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través dos números de teléfono 981 54 73 82/981 54 26 90, e o enderezo de correo electrónico infoagader@xunta.gal.

Artigo 10. Documentación que teñen que presentar as entidades solicitantes

1. Xunto co formulario normalizado de solicitude (anexo II), os concellos interesados deberán achegar a seguinte documentación:

a) Memoria xustificativa da actuación proposta, segundo o anexo III.

Deberase ter en conta que a información resultante desta memoria terase en conta, se for o caso, para a baremación do proxecto, nos termos establecidos no artigo 15 destas bases reguladoras.

b) Certificación expedida pola persoa titular da Secretaría da entidade local, acreditativa dos seguintes extremos:

1º. Da designación legal do representante da entidade solicitante.

2º. Do acordo da entidade municipal relativo á participación nesta convocatoria de axudas.

3º. Da titularidade municipal dos inmobles onde se van realizar os investimentos.

c) Certificación da persoa titular da Secretaría ou da Intervención municipal acreditativa de que a entidade solicitante remitiu ao Consello de Contas as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigada. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación da solicitude da axuda.

d) Proxecto de obra das actuacións propostas, segundo proceda, co seguinte contido mínimo:

1º. Memoria descritiva das necesidades detectadas e das actuacións propostas.

2º. Orzamento desagregado, indicando unidades de obra, medicións, prezos unitarios e descompostos.

3º. Planos de situación e de detalle.

4º. Referencia catastral e coordenadas UTM das actuacións propostas.

e) Informe asinado por técnico/a municipal competente, indicando se a actuación proposta foi obxecto ou non de subvencións con fondos comunitarios nos últimos cinco anos, ou incide en locais cuxa construción ou adquisición fose xa subvencionada con fondos comunitarios no mesmo período.

f) De ser o caso, certificación expedida pola persoa responsable da Secretaría municipal, acreditativa da boa xestión do concello, nos termos previstos no artigo 15.2 destas bases reguladoras, indicando, se procede, o seguinte contido:

1º. O concello rendeu as contas do exercicio anterior dentro dos prazos legalmente establecidos.

2º. O concello cumpriu coa estabilidade orzamentaria no exercicio anterior.

3º. O concello aprobou o orzamento anual no prazo legalmente establecido e non o ten prorrogado.

g) De ser o caso, declaración asinada polo representante legal da entidade respecto da asunción do compromiso de información, promoción e difusión do mercado local a través da páxina web da entidade municipal, nos termos establecidos no artigo 15.3.b) destas bases reguladoras.

h) De ser o caso, declaración ou informe asinado polo representante do concello ou pola persoa que dentro da Xunta de Goberno Local teña atribuídas as competencias en materia de comercio indicando se concorren as circunstancias referidas no artigo 15.3.f) das bases reguladoras.

i) De ser o caso, declaración ou informe asinado polo representante do concello ou pola persoa que dentro da Xunta de Goberno Local teña atribuídas as competencias en materia de comercio indicando se concorren as circunstancias referidas no artigo 15.3.g) das bases reguladoras.

Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirírselle ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal, de conformidade co disposto no artigo 28 da Lei 39/2015. As persoas solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Agader poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica.

3. Se algún dos concellos interesados presenta a documentación complementaria de forma presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. No caso de que o proxecto de obra supere o tamaño límite establecido pola sede electrónica ou teña un formato non admitido, os concellos promotores poderán dividir o arquivo correspondente, xerando varios de menor tamaño, ou ben optar pola súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos, en formato CD. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Non será necesario que as persoas solicitantes presenten a documentación que xa conste en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, poderán acollerse ao establecido nos artigos 28.3 da Lei 39/2015 e 20.3 da LSG, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e sempre que non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponda. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade a que se formule a proposta de resolución.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

2. No caso de que os concellos interesados se opoñan a estas consultas, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado na solicitude de axuda e achegar os correspondentes documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselle solicitar aos interesados que presenten os documentos correspondentes.

CAPÍTULO III

Instrución e resolución do procedemento

Artigo 12. Instrución do procedemento

1. Os actos de instrución do procedemento en virtude dos que deba ditarse a resolución de concesión competerán á Subdirección de Planificación e Dinamización do Medio Rural.

2. En relación coa solicitude da axuda, o órgano instrutor comprobará que a operación cumpre as obrigas establecidas pola normativa da Unión Europea, a lexislación nacional e o programa de desenvolvemento rural e demais normas e requisitos obrigatorios. En particular, verificarase:

a) A admisibilidade do concello beneficiario.

b) A admisibilidade da operación proposta.

c) A elixibilidade dos investimentos propostos.

d) O cumprimento dos criterios de selección de operacións.

3. Logo da presentación da solicitude da axuda e durante a instrución do procedemento, non se admitirá ningunha modificación dos proxectos de obra presentados.

4. Durante a instrución do procedemento, a Agader realizará unha visita previa ao lugar da operación, para comprobar que os investimentos para os que se solicita a axuda non están iniciados e para verificar a admisibilidade do proxecto. O resultado da visita documentarase nunha acta de non inicio asinada por ambas as dúas partes, agás nos casos en que o concello solicitante presenta unha acta notarial, segundo o indicado no artigo 3.2.f) das bases reguladoras.

Artigo 13. Emenda da solicitude

1. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano instrutor requiriralle á persoa interesada que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días, nos termos previstos no artigo 68 da Lei 39/2015, coa indicación de que, se así non o fixer, teráselle por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ditarse nos termos previstos no citado artigo.

Igual requirimento efectuarase no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS) e á consellería competente en materia de facenda.

2. As notificacións do requirimento de emenda efectuarase por medios electrónicos, nos termos previstos no artigo 8 destas bases reguladoras.

3. A documentación a que se refire a emenda presentarase de forma electrónica a través da páxina web da Agader (https://agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda) acudindo a aplicación informática habilitada para a xestión destas axudas.

4. Co fin de completar a instrución do procedemento, a Agader poderá requirirlle á persoa solicitante que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

5. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar con posterioridade á presentación da solicitude de axuda deberán ser realizados electronicamente accedendo á aplicación informática habilitada para a xestión das axudas, accesible desde a páxina web da Agader (https://agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda).

Artigo 14. Baremación das solicitudes

Unha vez revisadas as solicitudes de axuda e practicadas as emendas, as áreas dependentes do órgano instrutor valorarán aquelas que reúnan todos os requisitos e conten coa documentación necesaria. A valoración realizarase en réxime de concorrencia competitiva, tendo en conta os datos e a documentación achegada pola persoa solicitante e segundo os criterios de selección de operacións previstos no artigo seguinte.

Excluiranse os proxectos que, logo da súa baremación de acordo cos criterios aplicables, obteñan unha puntuación inferior a 30 puntos, ao considerarse que non acadan os niveis mínimos de viabilidade e cobertura dos obxectivos das presentes bases.

Artigo 15. Criterios de selección de operacións

Para a selección dos proxectos, deberán aplicarse os seguintes criterios:

1. A localización xeográfica da actuación: ata 30 puntos.

a) Evolución demográfica: ata 15 puntos.

Taxa de evolución interanual de poboación do concello, segundo datos do IGE para o período 1999-2016, ata un máximo de 10 puntos, de acordo cos seguintes tramos:

Concellos cunha caída de poboación igual ou superior ao 20 %: 10 puntos.

Concellos cunha caída de poboación igual ou maior ao 10 % e menor do 20 %: 8 puntos.

Concellos cunha caída de poboación menor ao 10 % e igual a 0: 6 puntos.

Concellos con incremento de poboación igual ou menor ao 10 %: 4 puntos.

Concellos con incremento de poboación maior ao 10 % e igual ou menor ao 35 %: 2 puntos.

Concellos con incremento de poboación superior ao 35 %: 0 puntos.

Despoboamento: evolución demográfica. Prímanse os concellos con demografía negativa (habitantes 1999-habitantes 2018)/habitantes 2018.

Taxa de envellecemento do concello (porcentaxe de poboación >64 anos), segundo datos do IGE para o ano 2016, ata un máximo de 5 puntos, de acordo cos seguintes tramos:

Concellos cunha taxa de envellecemento igual ou superior ao 35 %: 5 puntos.

Concellos cunha taxa de envellecemento inferior ao 35 % e igual ou superior ao 25 %: 4 puntos.

Concellos cunha taxa de envellecemento inferior ao 25 % e igual ou superior ao 15 %: 3 puntos.

Concellos cunha taxa de envellecemento inferior ao 15 % e igual ou superior ao 10 %: 2 puntos.

Concellos cunha taxa de envellecemento inferior ao 10 %: 0 puntos.

Envellecemento: distribución en función do % de maiores de 64 anos. Prímanse os máis envellecidos (datos 2016).

b) Desenvolvemento socioeconómico: ata 10 puntos, segundo a renda familiar dispoñible por concello, segundo datos do IGE para o ano 2016, ata un máximo de 5 puntos, de acordo cos seguintes tramos (calculados en base 100):

Concellos cunha RFDH inferior ou igual a 80: 10 puntos.

Concellos cunha RFDH maior de 80 e menor ou igual a 90: 7 puntos.

Concellos cunha RFDH maior de 90 e menor ou igual a 100: 5 puntos.

Concellos cunha RFDH maior de 100 e menor ou igual a 110: 2 puntos.

Concellos cunha RFDH maior de 110: 0 puntos.

c) Concellos localizados en zonas de montaña, segundo a definición que resulta da medida 13 do PDR de Galicia 2014-2020: 5 puntos.

2. En función da boa xestión acreditada polas entidades solicitantes: ata un máximo de 10 puntos.

a) O solicitante rendeu as contas do exercicio anterior dentro dos prazos legalmente establecidos: 2 puntos.

b) O solicitante cumpriu coa estabilidade orzamentaria no exercicio anterior: 4 puntos.

c) O solicitante aprobou o orzamento anual no prazo legalmente establecido e non o ten prorrogado: 4 puntos.

3. En función da actuación proposta: ata un máximo de 60 puntos.

a) A entidade solicitante presenta investimentos destinados á supresión de barreiras arquitectónicas e mellora da accesibilidade ao mercado ou praza de abastos: 10 puntos.

b) A entidade solicitante comprométese a informar, promocionar e difundir o mercado a través da súa páxina web: 4 puntos.

c) A entidade solicitante presenta investimentos destinados á redución do impacto ambiental da actividade e dos residuos xerados: 8 puntos.

d) Se a entidade presenta investimentos destinados á instalación ou mellora de cuartos de aseo: 10 puntos.

e) Se a entidade presenta investimentos destinados a instalar ou mellorar a sinalización dentro do propio mercado ou praza de abastos: 10 puntos.

f) No mercado ou praza de abastos existen puntos de venda que oferten produtos en canais curtos de comercialización, produtos de proximidade e/ou ecolóxicos: 10 puntos.

g) No mercado ou praza de abastos existen puntos de venda que oferten produtos agroalimentarios con denominacións de orixe protexida ou con indicación xeográfica protexida, recoñecidas pola lexislación autonómica de Galicia: 8 puntos.

En caso de empate, a priorización de proxectos atenderá a maior puntuación total obtida no punto 3 deste artigo (criterios en función da actuación proposta). Se persiste o empate, primará a puntuación obtida no punto 1 (localización xeográfica da actuación). Se aínda así persiste o empate, primará o momento da presentación da solicitude.

Artigo 16. Proposta de resolución

1. Unha vez avaliadas as solicitudes, o órgano instrutor elaborará unha relación dos expedientes ordenada por orde decrecente de puntuación, en aplicación dos criterios de baremación establecidos no artigo anterior.

2. Instruído o procedemento e inmediatamente antes de ditar a proposta de resolución, poñerase de manifesto aos interesados, para que no prazo de dez días poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor confeccionará a relación definitiva de puntuacións outorgadas ás solicitudes e elevará a proposta de resolución ao director xeral da Agader.

3. A proposta de resolución expresará de forma motivada a relación de proxectos para os que se propón a concesión da axuda, coa identificación, en relación a cada proxecto, da persoa beneficiaria, puntuación obtida no proceso de baremación, porcentaxe e importe da axuda proposta e fontes de financiamento.

De ser o caso, contará cunha relación dos proxectos admitidos que non acadaron a subvención polo esgotamento do orzamento dispoñible, que conformarán, para cada unha das liñas de axuda, a lista de agarda. O órgano xestor poderá acordar activar a lista de agarda no suposto de que, na correspondente liña de axuda respectiva, algunha persoa beneficiaria renuncie á subvención concedida ou decaia no dereito á súa percepción; neste caso os créditos liberados poderán asignarse por orde decrecente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto.

Expresará tamén, de xeito motivado, a relación de proxectos para os cales non se propón a concesión de subvención, por falta de documentación, por non reunir os requisitos ou por non acadar a puntuación mínima necesaria.

CAPÍTULO IV

Resolución do procedemento

Artigo 17. Resolución

O director xeral da Agader resolverá motivadamente, por delegación do Consello de Dirección da Agader, a selección dos proxectos. O prazo límite para ditar resolución expresa e notificala será de cinco meses, contado desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes. A persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo se, transcorrido o prazo anterior, non se lle notificou resolución expresa.

Artigo 18. Notificación das resolucións do procedemento

1. Todas as resolucións notificaranse nos termos establecidos nos artigos 40 e 41 da Lei 39/2015. A notificación farase exclusivamente a través de medios electrónicos, segundo o establecido no artigo 8 destas bases reguladoras.

Nas notificacións indicarase de modo expreso que a subvención se concede ao abeiro da medida 7.4 do PDR de Galicia 2014-2020 e que esa actuación se enmarca nas áreas focais 3B e 6B.

2. A resolución de concesión expresará a porcentaxe e importe total da axuda que corresponde para a execución do proxecto, calculado sobre a base do orzamento elixible, así como a súa distribución por anualidades.

3. Notificada a resolución, e sen prexuízo dos recursos que procedan, se transcorridos dez (10) días hábiles desde a notificación, a persoa interesada non comunica expresamente a súa renuncia á subvención (anexo IV) entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiaria.

Artigo 19. Obrigas dos concellos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, e manter a obriga de destino das actuacións subvencionadas durante un período mínimo de cinco anos a partir da resolución de pagamento final.

As obras deberán ter unha garantía de mantemento de cinco anos, contados desde a data de pagamento final da axuda, e serán por conta do concello os custos necesarios para a súa conservación. O concello debe asumir todas e cantas responsabilidades dimanen das posibles irregularidades ou ilegalidades causadas por mor das obras, nos termos previstos na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.

2. No caso de que o concello solicitante asumise o compromiso de realizar actividades de información, promoción e difusión do mercado local a través da súa páxina web, nos termos previstos no artigo 15.3.b) destas bases reguladoras, este contido deberá proporcionar información suficiente sobre a identificación e localización do mercado, o seu réxime de funcionamento e apertura; conter una relación dos postos de venda e produtos ofrecidos, información sobre as campañas de promoción e difusión da vantaxes do comercio local. Estes contidos deberán manterse durante o período de cinco anos contado desde a data de pagamento final do expediente. O incumprimento deste compromiso dará lugar á rebaremación do proxecto, podendo comportar, de ser o caso, o reintegro da axuda concedida.

3. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como o cumprimento da finalidade da subvención, a realización do proxecto completo que fundamentou a concesión da subvención e o seu custo real.

4. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e executar a totalidade do proxecto presentado xunto coa solicitude que fundamentou a resolución de concesión, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Realizar o proceso de tramitación e adxudicación da contratación conforme coas prescricións contidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, e demais normativa de contratación aplicable ás entidades locais.

6. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

7. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

8. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme coa disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006 e artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A aceptación da axuda supón a súa publicación nunha lista pública de beneficiarios.

9. Cumprir coas obrigas de publicidade que se especifican a seguir:

Deberase publicitar a concesión da axuda nos termos previstos no anexo III do Regulamento 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1305/2013, e co disposto na Estratexia de información e publicidade do PDR 2014-2020 de Galicia; en particular, do seguinte xeito:

a) Deberá colocarse en lugar visible ao público unha placa con información sobre o proxecto, en que se destacará a axuda financeira da Unión, coa inclusión do seguintes elementos: a bandeira europea, a referencia ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e a inclusión do lema: «Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural: Europa inviste no rural». Ao mesmo tempo, incluirán unha referencia á participación do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación no cofinanciamento das actuacións subvencionadas, mediante a inclusión do logotipo deste organismo. As placas, que se colocarán nun lugar visible ao público, serán de material resistente e ríxido, non sendo admisible a simple impresión en papel.

A Agader facilitará a través da súa páxina web os modelos, oso formatos e as dimensións das placas informativas.

b) No caso de que o concello teña páxina web, incluirá unha breve descrición da operación con referencia ao financiamento da Unión Europea.

As referidas obrigas de publicidade deberán cumprirse durante un período mínimo de cinco anos contado desde a resolución de pagamento final da axuda.

10. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponde á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, así como ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Os concellos beneficiarios suxeitaranse ás verificacións previstas no Regulamento (UE) núm. 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) núm. 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao Sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. De conformidade cos artigos 24 e seguintes do citado regulamento, entre estas actuacións de comprobación efectuaranse controis administrativos de todas as solicitudes de axuda e de pagamento, así como os controis sobre o terreo e controis a posteriori que se determinen. Ademais, e en aplicación do disposto no artigo 71 do Regulamento (UE) núm. 1305/2013, deberán proporcionarlle á autoridade de xestión do PDR de Galicia 2014-2020, aos avaliadores designados ou a outros organismos en que a dita autoridade delegue a realización deste tipo de tarefas, toda a información necesaria para poder realizar o seguimento e avaliación do programa.

11. Os beneficiarios deberán manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta orde, segundo resulta do artigo 66 do Regulamento 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader.

12. Cando o concello beneficiario non poida executar o proxecto subvencionado, deberá presentar a súa renuncia a través do modelo normalizado que se incorpora á resolución como anexo IV.

Artigo 20. Execución das actuacións subvencionadas

1. Os concellos beneficiarios deberán licitar e adxudicar as actuacións subvencionadas nos termos previstos na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público (en diante, LCSP).

2. Deberase tramitar un único procedemento de contratación de obra que comprenda todas as actuacións propostas.

3. Os concellos poderán tramitar calquera dos procedementos previstos no artigo 131 da LCSP. Non se admitirá a execución de obras a través de encomendas de xestión.

4. No caso de que opten por tramitar un contrato menor, e independentemente do disposto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán solicitar e obter, como mínimo, tres ofertas de diferentes licitadores con carácter previo á contratación, salvo que non exista no mercado suficiente número de entidades que executen a prestación de que se trate. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación, realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

5. Independentemente do procedemento de contratación que se tramite, os criterios de adxudicación aprobados polo órgano de contratación deberán incluír necesariamente o criterio do prezo, cunha ponderación mínima do 50 % respecto do total. O incumprimento deste requisito suporá a aplicación dunha redución da axuda que se deberá pagar equivalente ao 20 % do total da axuda certificada.

6. No caso de que se prevexan melloras como criterio de adxudicación, estas deberán estar suficientemente especificadas, nos termos previstos no artigo 145.7 da Lei 9/2017. No suposto de que as melloras incluídas no prego de cláusulas administrativas particulares non respecten o disposto no citado artigo, aplicarase un desconto sobre a axuda que se deberá pagar equivalente ao valor das melloras ofertadas polo contratista.

7. Independentemente do procedemento que se siga, as empresas ofertantes non poderán estar vinculadas entre elas, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

8. En todo o proceso de licitación os concellos coidarán especialmente de que en toda a documentación se faga constar que as actuacións que se van executar contan co cofinanciamento da Unión Europea a través do Feader, do Ministerio de Agricultura e Pesca e Alimentación e da Xunta de Galicia (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural).

9. Calquera modificación do proxecto de obra deberá ser comunicada a Agader e, en calquera caso, deberase tramitar unha modificación do proxecto nos termos previstos no artigo 205 da Lei 9/2017.

CAPÍTULO V

Xustificación e pagamento

Artigo 21. Xustificación dos investimentos

1. A presentación da solicitude de pagamento (anexo V) realizarase unicamente por medios electrónicos, a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, e na páxina web da Agader https://agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda, dentro do prazo de execución e xustificación referido no artigo 5 da resolución pola que se convocan as correspondentes axudas. O anexo V publícase no Diario Oficial de Galicia para efectos puramente informativos.

2. A documentación correspondente á xustificación do investimento presentarase igualmente de forma electrónica.

3. Xunto coa solicitude de pagamento (parcial e final), deberán presentar a seguinte documentación:

a) Certificación/s de obra asinada/s pola persoa encargada da dirección de obra (parciais ou final, segundo corresponda).

b) Informe fotográfico que reflicta o curso da execución das actuacións subvencionadas.

c) Facturas rexistradas no Punto xeral de entrada de facturas electrónicas da Administración xeral do Estado (FACe) ou plataforma similar.

d) Xustificante bancario do pagamento (transferencia bancaria ou certificación bancaria), que deberá identificar o número de factura obxecto de pagamento, o concepto facturado, entidade que realiza o pagamento e o destinatario. Os xustificantes de pagamento tramitados a través da banca electrónica deberán vir validados co selo da entidade bancaria correspondente.

e) Relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiarán a actividade subvencionada, con indicación do seu importe e procedencia, nos termos establecidos na solicitude de pagamento (anexo V).

4. A maiores da documentación referida no punto 3 deste artigo, xunto coa solicitude de pagamento parcial deberán xuntar a seguinte documentación:

a) Certificación expedida pola Secretaría da entidade local, relativa aos seguintes aspectos:

1º. O acordo de aprobación do proxecto técnico das obras por parte do órgano municipal competente.

2º. A aprobación da correspondente certificación parcial de obra por parte do órgano municipal competente.

b) Certificación ou informe da persoa titular da Secretaría ou da Intervención da entidade local ou, de ser o caso, do/da empregado/a público/a que, de acordo coa estrutura organizativa do concello, teña atribuída as competencias en materia de contratación pública, acreditativo de que o procedemento de contratación pública se tramitou nos termos previstos na normativa de contratación do sector público vixente, así como dos seguintes aspectos:

1º. Procedemento seguido para a contratación das obras subvencionadas.

2º. Criterios de valoración para a adxudicación do contrato, con indicación da ponderación de cada un deles.

Este informe ou certificación acompañarase da listaxe de comprobacións para operacións de investimento público, que poderá descargarse da páxina web da Agader https://agader.xunta.gal.

c) No caso de obras contratadas mediante o procedemento de contrato menor, tres ofertas solicitadas segundo o exposto no artigo 20 destas bases reguladoras.

Os expedientes de contratación deberán estar dispoñibles no concello para a súa comprobación e, de ser o caso, deberá remitirse copia a Agader no caso de que así se lle requira ao concello.

5. A maiores da documentación referida no punto 3 deste artigo, xunto coa solicitude de pagamento final, deberán xuntar a seguinte documentación:

a) Informe do/da técnico/a municipal competente, acreditativo do cumprimento da lexislación urbanística e sectorial, así como do planeamento en vigor, con indicación de se proceden ou non permisos e/ou autorizacións doutros organismos para a execución do proxecto.

b) De ser o caso, copia dos permisos e autorizacións legalmente exixidos para levar a cabo as obras.

c) Fotografías acreditativas do cumprimento das obrigas de publicidade referidas no artigo 19.9 destas bases reguladoras e, de ser o caso, captura da páxina web do concello, con referencia ao financiamento do proxecto.

d) De ser o caso, acreditación do compromiso asumido en virtude do artigo 15.3.b) das bases reguladoras: captura de pantalla web onde quede reflectido o compromiso de información, promoción e difusión do mercado local a través da páxina web do concello.

En todo caso, a Agader poderá solicitarlle ao beneficiario as aclaracións ou informes que considere convenientes en relación coa xustificación da subvención concedida.

Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (en diante, RLSG), cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polas persoas beneficiarias, porállelos no seu coñecemento e concederalles un prazo de dez (10) días hábiles para a súa corrección.

No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado esta, requirirase igualmente a persoa beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente, nos termos previstos no artigo 45.2 do RLSG.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta cos seguintes organismos: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda.

Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 8 destas bases reguladoras.

Artigo 22. Controis administrativos da solicitude de pagamento

1. Os gastos xustificados deben coincidir cos compromisos adquiridos segundo a resolución de concesión da subvención.

Os controis administrativos das solicitudes de pagamento incluirán necesariamente as seguintes comprobacións:

a) A operación finalizada en comparación coa operación para a que se presentou a solicitude e se concedeu a axuda.

b) Os custos contraídos e os gastos realizados.

c) A verificación da moderación de custos propostos.

2. En cumprimento do artigo 48 do Regulamento (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013, as operacións de investimento financiadas incluíran, polo menos, unha visita in situ ao lugar da operación para comprobar o remate do proxecto obxecto da solicitude de pagamento.

3. Os pagamentos calcúlanse sobre a base do que se considera elixible durante os controis administrativos da solicitude de pagamento e, de ser o caso, dos controis sobre o terreo que procedan.

Para estes efectos, determinarase:

a) O importe que se pode conceder ao beneficiario en función da solicitude de pagamento e a decisión de concesión. Para tal efecto tomarase en consideración a suma dos importes de gastos que o beneficiario presenta como xustificación da operación aprobada. No caso de que o importe da solicitude de pagamento sexa superior ao aprobado axustarase ao límite concedido.

b) O importe que se pode conceder ao beneficiario logo de controlar a elixibilidade dos gastos que o beneficiario presenta como xustificación da operación aprobada, mediante control administrativo ou sobre o terreo.

A cantidade que se pagará ao beneficiario será a definida no importe b).

Cando o importe a) supera ao importe b) en máis dun 10 %, a cantidade que se pagará é igual ao importe b) menos a diferenza entre os dous importes, non obstante nunca irá máis alá do importe solicitado.

No caso de incumprimentos de normas relacionadas coa contratación pública, tomaranse como referencia as porcentaxes indicadas no anexo da Decisión da Comisión, do 19 de decembro de 2013, relativa ao establecemento e a aprobación das directrices para a determinación das correccións financeiras que deba aplicar a Comisión aos gastos financiados pola Unión no marco da xestión compartida, no caso de incumprimento de normas en materia de contratación pública.

Artigo 23. Réxime de pagamento

1. Con cargo á anualidade 2020, tramitarase un único pagamento á conta. O importe do pagamento á conta que se tramite non poderá superar o 80 % da subvención concedida, nin exceder a anualidade prevista para este exercicio orzamentario.

O feito de non xustificar correctamente esta anualidade no prazo establecido no artigo 5 da resolución pola que se convocan as correspondentes axudas devirá na perda parcial do dereito ao cobramento da axuda, polo importe indebidamente xustificado.

Na anualidade 2021 non se concederán pagamentos á conta, de xeito que se practicará unicamente a liquidación do expediente mediante o pagamento final.

2. Os concellos beneficiarios están exentos da constitución de garantías, en virtude do disposto no artigo 65.4.c) do Decreto 11/2009.

CAPÍTULO VI

Modificación da resolución de concesión

Artigo 24. Modificación da resolución de concesión da subvención

1. Toda alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da subvención concedida. En particular, a variación do importe dos investimentos subvencionados e a obtención concorrente de subvencións, axudas ou recursos outorgados por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da subvención concedida. Tamén dará lugar á modificación da subvención a alteración das condicións establecidas na resolución de adxudicación da subvención.

2. No suposto de que as novas circunstancias afecten a criterios tidos en conta no baremo, revisarase a puntuación asignada inicialmente ao proxecto, o que poderá dar como resultado a perda do dereito á subvención.

En todo caso, a modificación da resolución de concesión tramitarase nos termos previstos no artigo 35 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

CAPÍTULO VII

Reintegro e réxime sancionador

Artigo 25. Reintegro da subvención

1. Procederá o reintegro das contías percibidas indebidamente e a exixencia dos xuros de demora nos supostos previstos no artigo 33.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Os xuros calcularanse en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de 60 días, e a data de reembolso ou dedución (Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2012, modificado polo Regulamento de execución 2017/1242).

2. Tendo en conta o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se o incumprimento atinxe ao mantemento do ben ou da actividade subvencionada, a cantidade que se reintegrará será proporcional ao tempo de incumprimento.

3. O procedemento de reintegro tramitarase nos termos previstos no artigo 77 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Non procederá o reintegro da axuda nos seguintes supostos:

a) Expropiación dunha parte importante do ben subvencionable, se esta expropiación non era previsible o día en que se concedeu a subvención.

b) Catástrofe natural grave que afecte considerablemente os bens da empresa subvencionada e impida o seu normal funcionamento.

Artigo 26. Réxime sancionador

Os concellos beneficiarios das axudas, de ser o caso, estarán suxeitos ao réxime sancionador previsto nos títulos IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da citada lei e ao disposto no Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 e no Regulamento delegado (UE) nº 640/2014.

CAPÍTULO VIII

Réxime normativo e de recursos

Artigo 27. Normativa de aplicación

1. Normativa autonómica:

Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

2. Normativa estatal:

Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se transpoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.

3. Normativa comunitaria:

Decisión de execución da Comisión Europea, do 18 de novembro de 2015, pola que se aproba o Programa de eesenvolvemento rural de Galicia (España) para os efectos da concesión da axuda do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (CCI: 2014ES06RDRP011), modificado mediante a Decisión de execución da Comisión C (2017) 5420 final, do 26 de xullo de 2017, a través da Decisión de execución da Comisión C (2018) 5236 final, do 30 de xullo de 2018, e mediante a Decisión de execución da Comisión C (2019) 1707 final, do 26 de febreiro de 2019.

Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Feder, FSE, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao FEMP, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Feder, FSE, ao Fondo de Cohesión e ao FEMP.

Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello.

Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre o financiamento, a xestión e o seguimento da Política Agrícola Común.

Regulamento (UE) nº 807/2014 da Comisión, do 11 de marzo, que completa o Regulamento (UE) nº 1305/2013.

Regulamento de execución (UE) nº 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1305/2013.

Regulamento (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, ás medidas de desenvolvemento rural e á condicionalidade.

Regulamento delegado (UE) nº 640/2014, do 11 de marzo, polo que se completa o Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello.

Regulamento de execución (UE) 2017/1242 da Comisión, do 10 de xullo de 2017, que modifica o Regulamento de execución (UE) nº 809/2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, ás medidas de desenvolvemento rural e á condicionalidade.

Decisión da Comisión do 19 de decembro de 2013 relativa ao establecemento e á aprobación das directrices para a determinación das correccións financeiras que haxa que aplicar a Comisión aos gastos financiados pola Unión no marco da xestión compartida, en caso de incumprimento das normas en materia de contratación pública.

Artigo 28. Réxime de recursos

As resolucións dos procedementos instruídos ao abeiro destas bases esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor os seguintes recursos:

Recurso potestativo de reposición perante o Consello de Dirección da Agader, no prazo dun (1) mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

Se transcorrido o prazo para resolver non lle é notificada a resolución á persoa interesada, entenderase desestimada por silencio administrativo e caberá interpor recurso potestativo de reposición contra a desestimación por silencio administrativo en calquera momento, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, como sinala o artigo 124 da Lei 39/2015, ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file