Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Xoves, 16 de xaneiro de 2020 Páx. 1964

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 172/2019, do 19 de decembro, polo que se crea o Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local da Coruña e Pontevedra por fusión dos colexios territoriais da Coruña e de Pontevedra.

Exposición de motivos

De conformidade co disposto no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, complementando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29 do Estatuto de autonomía de Galicia.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse mediante o Decreto 337/1996, do 13 de setembro, sobre asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de colexios oficiais ou profesionais.

A Comunidade Autónoma de Galicia ditou, en virtude da dita competencia, a Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia. De acordo co seu artigo 14, a constitución dun novo colexio profesional por fusión de dous ou máis colexios correspondentes á mesma profesión farase mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia.

En termos similares, o artigo 4 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, sobre colexios profesionais, sinala que a fusión será promovida polos propios colexios, de acordo co disposto nos respectivos estatutos, e requirirá aprobación por decreto, logo de audiencia dos demais colexios afectados. No mesmo sentido se manifesta o Real decreto 353/2011, do 11 de marzo, polo que se aproban os estatutos xerais da Organización Colexial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local, norma básica reitora do seu Consello Xeral.

Neste contexto, os colexios territoriais de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local da Coruña e de Pontevedra solicitaron a fusión de ambas as corporacións, mediante a creación dun colexio biprovincial, coa seguinte denominación: Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local da Coruña e Pontevedra, que asume as funcións de representación dos colexios resultantes da fusión.

As razóns que xustifican esta unificación baséanse en criterios de eficacia e eficiencia na consecución dos obxectivos que deben cumprir como corporacións de dereito público, tanto en relación coa defensa dos intereses das persoas colexiadas como das persoas consumidoras e usuarias, á vez que favorece a interlocución coas administracións públicas, co sector empresarial e coa sociedade no seu conxunto, promovendo unha mellor ordenación das actividades de servizos e o desenvolvemento da economía en xeral, así como o mellor cumprimento do fin esencial da defensa do correcto exercicio das funcións reservadas aos/ás habilitados/as nacionais por redundar en beneficio da cidadanía.

En consecuencia, de acordo co disposto na Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, mediante este decreto créase un colexio territorial biprovincial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local da Organización Colexial Territorial da Coruña e de Pontevedra da Comunidade Autónoma de Galicia.

O decreto consta dunha exposición de motivos, catro artigos relativos á creación e ámbito territorial, ámbito persoal, relacións co Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia, e uso do galego, tres disposicións transitorias e unha disposición derradeira.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión de dezanove de decembro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1. Creación e ámbito territorial

1. Créase un colexio territorial biprovincial, denominado Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local da Coruña e Pontevedra, mediante a fusión das organizacións colexiais territoriais de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local da Coruña e de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local de Pontevedra.

2. O colexio resultante da fusión, como corporación de dereito público, terá personalidade xurídica e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins consonte este decreto, e exercerá as súas funcións dentro do ámbito territorial correspondente ás provincias da Coruña e Pontevedra

3. Terá a sede, dentro do seu ámbito territorial, no lugar que establezan os seus estatutos.

Artigo 2. Ámbito persoal

O Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local da Coruña e Pontevedra, creado por fusión, estará integrado por todas as persoas colexiadas pertencentes aos colexios fusionados, así como polas que con posterioridade sexan incorporadas a el por reuniren os requisitos exixidos para a súa colexiación e dispoñan da titulación que lles permitise colexiarse en calquera das dúas organizacións colexiais que se unifican.

Artigo 3. Relacións coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia

O Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local da Coruña e Pontevedra relacionarase coa Administración autonómica a través da consellería que teña atribuídas as competencias en materia de colexios profesionais e, no relativo ao contido da profesión, coas consellerías competentes por razón da actividade profesional.

Artigo 4. Uso do galego nas comunicacións

O colexio resultante procurará e fomentará o uso do galego en todas as súas comunicacións, tanto internas coma externas, segundo o establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e na regulación de normalización lingüística.

Disposición transitoria primeira. Comisión xestora

1. A fusión aprobada polas asembleas dos colexios territoriais que se fusionan rexerase polos acordos adoptados polas respectivas asembleas xerais dos colexios promotores da fusión, nos cales se designará unha comisión xestora formada pola Xunta de Goberno do Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local da Coruña, segundo os acordos adoptados por ambas as corporacións.

2. Na designación das persoas integrantes da comisión xestora procurarase acadar unha composición equilibrada de mulleres e homes, e a súa elección rexerase polo establecido nos estatutos do Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local da Coruña e, supletoriamente, polos de Pontevedra.

3. A Comisión Xestora exercerá as funcións de impulso e coordinación do proceso de unificación dos dous colexios que se fusionan.

4. A Comisión Xestora actuará como un órgano colexiado e tomará as súas decisións, cando menos, por maioría absoluta do número legal dos nembros que a compoñen.

5. A Comisión Xestora, no prazo máximo dun mes desde a entrada en vigor deste decreto, presentará os estatutos provisionais para o colexio resultante da fusión, nos cales se regularán o proceso electoral, a composición e o funcionamento da asemblea colexial constituínte e a forma de designación dos órganos de goberno e as súas funcións. Os estatutos provisionais remitiranse á consellería da Xunta de Galicia competente para os efectos de verificar a súa adecuación á legalidade e ordenar, de ser o caso, a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, logo do informe preceptivo do Consello Xeral, de conformidade co disposto no artigo 26 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais.

6. Calquera modificación do activo ou pasivo acaecida en calquera dos colexios que se fusionan, entre a data da aprobación inicial polas respectivas asembleas e a celebración da asemblea constituínte que teña que aprobala, comunicarase á dita Comisión Xestora para que a inclúa no balance integrado resultante da unificación dos balances de fusión.

Disposición transitoria segunda. Constitución do colexio resultante

1. No prazo de dous meses desde a publicación dos estatutos provisionais convocarase a asemblea constituínte do colexio resultante da fusión, integrada por todos os membros dos colexios fusionados, na cal se procederá á aprobación dos estatutos definitivos (logo do informe preceptivo do Consello Xeral), e á elección dos membros dos respectivos órganos de goberno do novo colexio.

2. O colexio territorial resultante quedará formalmente constituído e adquirirá personalidade xurídica e plena capacidade de obrar no momento en que se constitúan os seus respectivos órganos de goberno, momento en que quedarán disoltos os colexios promotores da fusión.

3. Os estatutos definitivos, xunto coa certificación da acta da reunión da correspondente asemblea constituínte, serán presentados ante a consellería competente en materia de colexios profesionais, para a verificación da súa legalidade, aprobación definitiva e inscrición no Rexistro de Colexios, de conformidade co disposto no artigo 18 da Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición transitoria terceira. Subrogación

O colexio resultante da fusión subrógase en todos os dereitos e obrigas dos colexios promotores da fusión.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2019

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza