Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Luns, 13 de xaneiro de 2020 Páx. 1571

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 4 de decembro de 2019, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se publica a resolución dos recursos de reposición interpostos contra a revisión do esbozo do monte de Santa Locaia de Parga, do concello de Guitiriz (expediente 32/75).

Para os efectos previstos no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, na sesión do día 25.11.2019, baixo a presidencia de María Olga Iglesias Fontal e coa asistencia dos vogais Josefina Pereira de la Riera e Miguel Ángel Cela González, e da secretaria Lucía Belver Quiroga, tomou o seguinte acordo:

Monte Veciñal en Man Común (MVMC) de Santa Locaia, pertencente aos veciños da parroquia de Santa Locaia de Parga, no termo municipal de Guitiriz.

O 26.5.2017 a comunidade propietaria do MVMC de Santa Locaia (Guitiriz) presentou unha solicitude para que se procedese á revisión do esbozo do dito monte.

Unha vez tramitada a solicitude de revisión e tendo en conta a documentación achegada pola comunidade coa solicitude, as alegacións presentadas durante o procedemento e demais documentación, entre ela unha sentenza do 8.11.1957 do Xulgado de Primeira Instancia de Lugo, e segundo proposta do Servizo de Montes para a dita revisión, o Xurado Provincial de MVMC, o 27.3.2019, acordou por unanimidade a revisión do esbozo do monte, que queda cunha superficie de 462,2 ha.

O 21.5.2019 tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia en Lugo un recurso de reposición presentado por Josefa Ulla Lamas e outras tres persoas. No dito recurso alegan, en resumo:

– Falta de acordo previo da asemblea da Comunidade do MVMC de Santa Locaia.

Incumprimento da normativa reguladora do procedemento de revisión do esbozo, excedendo o seu obxecto.

– Extralimitación de competencias por parte do xurado por incluír parcelas na revisión que estaban inscritas no Rexistro da Propiedade e sobre as que se evidenciou un conflito de propiedade.

– Fundamentación da resolución nunha sentenza do 8.11.1957 ditada polo Xulgado de Primeira Instancia de Lugo, que non é firme e da que ademais se fixo unha interpretación errónea, pois non declaraba a propiedade dos veciños en réxime de propiedade xermánica senón romana.

Manifestan que a sentenza foi apelada e logo, ante a Audiencia Territorial da Coruña, ambas as partes chegaron a un acordo no senso de que os particulares recoñeceron a favor do Concello de Guitiriz e o Patrimonio Forestal 120 ha. Achegan auto polo que se aproba a transacción xudicial do 28.4.1959.

Por todo o exposto, e por soster que o xurado provincial o que fixo realmente, a través da revisión do esbozo do monte, foi unha clasificación ex novo sen seguir o procedemento para iso, solicitan que se considere o seu recurso e se revogue o acordo do xurado.

O 23.5.2019 tivo entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia en Lugo un recurso de reposición contra a resolución referida, presentado por Financiera Maderera, S.A. No dito recurso alegan, en resumo:

– Falta de acordo previo da asemblea da comunidade do MVMC de Santa Locaia.

– Incumprimento da normativa reguladora do procedemento de revisión do esbozo, excedendo o seu obxecto.

– Extralimitación de competencias por parte do Xurado Provincial de Clasificación de MVMC, por incluír parcelas na revisión que estaban inscritas no Rexistro da Propiedade e sobre as que se evidenciou un conflito de propiedade.

– Fundamentación da resolución nunha sentenza do 8.11.1957 ditada polo Xulgado de Primeira Instancia de Lugo, que non é firme e da que ademais se fixo unha interpretación errónea, pois non declaraba a propiedade dos veciños en réxime de propiedade xermánica senón romana.

Manifestan que a sentenza foi apelada, e logo, ante a Audiencia Territorial da Coruña ambas as partes chegaron a un acordo no senso de que os particulares recoñeceron a favor do Patrimonio Forestal 120 ha.

Achegan un auto polo que se aproba a transacción xudicial do 28.4.1959.

– Incumprimento do procedemento establecido para a clasificación de MVMC.

E por iso solicita que se suspenda a resolución impugnada.

O 10.6.2019 tivo entrada un recurso de reposición presentado por Mª Regina Cabado Ares e outra persoa máis. No dito recurso alegan de xeito resumido:

– Nulidade do procedemento de revisión do esbozo, excedendo do seu obxecto, por utilizarse para a clasificación como MVMC do predio Pena Taberna e, polo tanto, prescindindo dos trámites esenciais para a súa clasificación.

– A propiedade das recorrentes do predio Pena Taberna (parcela 103 do polígono 337) atópase inscrita no Rexistro da Propiedade a favor de Mª Inés Losada Fernández, unha das recorrentes, e, polo tanto, non susceptible de incorporarse no esbozo do monte no procedemento tramitado.

– Fundamentación da resolución nunha sentenza do 8.11.1957 ditada polo Xulgado de Primeira Instancia de Lugo, que non é firme e que non goza de cousa xulgada respecto da propiedade dos montes obxecto da litis.

Por todo o exposto, solicitan que se considere o seu recurso e se revogue o acordo do Xurado.

O 17.6.2019, deuse traslado do recursos á comunidade propietaria do monte e deuse audiencia polo prazo de 10 días. En contestación, o 14.6.2019 a comunidade presentou un escrito de alegación en que, en síntese, manifesta:

– Que a revisión de esbozo solicitada contou cos acordos necesarios da asemblea da comunidade propietaria do monte (en sesións celebradas o 24.6.2016 e o 28.1.2017).

– Que a emenda realizada á solicitude (por mor da segregación dunha parcela catastral nun momento posterior á solicitude) non supuxo ningunha modificación dos límites aprobados na asemblea do 28.1.2017.

– E que respecto ao auto xudicial de data do 28.4.1959 unicamente se menciona que houbo un acordo en que os veciños recoñeceron 120 hectáreas a favor do Patrimonio Forestal do Estado. Esta superficie sería a que foi consorciada con el e posteriormente transformada en convenio coa Xunta de Galicia.

– Sobre o resto, queda claro que son propiedades da comunidade de veciños da parroquia de Santa Locaia.

Examinados os recursos e as argumentacións expostas, xunto coa documentación que figura incorporada na tramitación da revisión do esbozo conclúese:

– Que a tramitación do procedemento de revisión do esbozo non conculcou ningunha previsión legal, xa que quedou probada a propiedade dos terreos obxecto da revisión e a ausencia de conflito sobre a propiedade, que xa fora dirimido nunha sentenza do 8.11.1957, e por cuxo pronunciamento a Administración debe avirse.

– Que, polo tanto, non se levou a cabo unha clasificación de terreos como MVMC, xa que o feito de incluír ex novo predios dentro da revisión do esbozo é algo que a propia disposición prevé, establecendo como única limitación, e conforme o que derive dos datos e documentos que figuren no procedemento, a inclusión de predios inmatriculados no Rexistro da Propiedade a favor de terceiros distintos á comunidade. No procedemento explicouse que calquera documentación ou inscrición que contraviña o disposto na resolución xudicial se entendeu inválida e ineficaz, impedindo a súa consideración.

– Que a sentenza do 8.11.1957 deveu firme e enténdese plenamente eficaz nos seus termos xa que declara con absoluta claridade que os terreos de monte a que se refire e que conforman o monte cuxo esbozo se revisa son terreos pertencentes á comunidade veciñal da parroquia de Santa Locaia, no senso de recoñecer a propiedade común ligada á súa condición de veciños e con casa aberta, e en ningún caso na atribución daquela a uns veciños concretos da dita parroquia que nun momento histórico puntual puideran tela adquirido. Cabe lembrar que, incluso por encima do establecido nas resolucións de clasificación, o artigo 13 da LMVMC prima o que derive das resolucións ditadas na xurisdición ordinaria, que teñen o efecto directo de atribuír a propiedade ás comunidades respectivas sen necesidade de tramitar un expediente de clasificación, requirindo só o seu recoñecemento.

– A realidade exposta na dita sentenza, a pesar de a non coñecerse a súa existencia na tramitación do expediente de clasificación do MVMC de Santa Locaia de Parga, xa foi parcialmente recoñecida polos veciños desa parroquia no dito expediente, que en ningún caso manifestaron nada sobre unha atribución da propiedade de natureza romana (como queren dar a entender algúns dos recorrentes).

– Que, conforme o anterior, ningunha documentación, incluída a certificación da inscrición no Rexistro da Propiedade de parcelas incluídas no monte, se pode ter en conta na tramitación do procedemento, nin implica a existencia de ningún conflito sobre a propiedade que poida impedir aquela.

– Por todo isto, a revisión de esbozo adáptase procedementalmente ao establecido na lei, implicando, así mesmo, que se dite resolución en atención ao establecido nunha sentenza ditada na xurisdición civil que xa declara uns determinados terreos como propiedade de natureza veciñal en man común do monte de titularidade dos veciños da parroquia de Santa Locaia.

Examinados os devanditos recursos, o xurado, por unanimidade, acorda desestimalos de conformidade cos fundamentos que se recollen na correspondente resolución.

Contra esta resolución, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación no Diario Oficial de Galicia, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 4 de decembro de 2019

María Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Lugo