Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Luns, 13 de xaneiro de 2020 Páx. 1350

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 170/2019, do 5 de decembro, polo que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Químicos de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, complementando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29 do Estatuto de autonomía de Galicia.

A propia lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996 estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, asignándolle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo a estrutura establecida no Decreto 74/2018, do 5 de xullo).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16, que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións.

Dando cumprimento a esta disposición, o Colexio Oficial de Químicos de Galicia acordou en asemblea xeral a aprobación dos seus estatutos que foron presentados ante esta Administración para os efectos da súa aprobación definitiva mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 18 da Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do exposto, e verificada a adecuación á legalidade do texto dos estatutos, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de decembro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto aprobar os estatutos do Colexio Oficial de Químicos de Galicia que figuran como anexo.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación dos estatutos anteriores

Quedan derrogados os anteriores estatutos que foron aprobados polo Decreto 195/2001, do 26 de xullo, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto no presente decreto.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este Decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de decembro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Estatutos do Colexio Oficial de Químicos de Galicia

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. O Colexio Oficial de Químicos de Galicia

1. O Colexio Oficial de Químicos de Galicia (en diante o Colexio) é unha corporación de dereito público, con personalidade xurídica propia e con capacidade plena para o cumprimento dos seus fins e o exercicio das súas funcións.

2. O ámbito territorial do Colexio é o correspondente á Comunidade Autónoma de Galicia.

3. O Colexio exerce as súas función para os colexiados químicos que exercen a súa profesión, no ámbito da química, inscritos no Colexio.

Artigo 2. Réxime xurídico

O Colexio réxese polos estatutos xerais dos colexios oficiais de químicos, polos presentes estatutos e regulamentos que os desenvolvan, pola Lei 2/1974, do 13 de febreiro, sobre colexios profesionais e, tamén, pola Lei 25/2009, do 22 de decembro, de modificación de diversas leis para a súa adaptación á Lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio e, tamén, pola lexislación básica do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei 11/2001, do 18 de setembro.

Artigo 3. Definicións

Químico: é toda persoa, home ou muller, que, conforme a lexislación e a súa titulación académica, está habilitada para o exercicio profesional da química en calquera das súas especialidades.

Ámbito do exercicio da profesión química: inclúense dentro do ámbito do exercicio da profesión química todos os químicos que exercen a profesión en calquera das súas modalidades, sexa libremente, sexa en entidades privadas ou públicas, e en toda actividade para a cal sexa necesario estar en posesión do título que o habilite para o exercicio ou sempre que a devandita titulación fose condición para desenvolvela.

Colexiado químico: é todo químico que estea colexiado nun colexio oficial de químicos. A condición para ser colexiado é estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións:

1. Licenciatura ou grao en Química, licenciatura en Ciencias Químicas, licenciatura en Ciencias (sección de Química), ou os títulos estranxeiros que, conforme a normativa española e comunitaria, a Administración española competente teña homologado ou recoñecido para exercer a profesión de químico en España.

2. Así mesmo, poderá integrar outros licenciados ou graduados cuxas titulacións superiores estean fundamentadas na ciencia e na tecnoloxía química, sempre e cando non exista un colexio específico que agrupe un colectivo determinado polos seu título de especialidade.

3. Tamén poderán ser colexiados os cidadáns españois ou estranxeiros que acrediten posuír un título estranxeiro homologado, calquera que sexa a súa denominación, sempre que teña como base a ciencia e/ou tecnoloxía química, e acredite un mínimo de 240 ECTS (Sistema europeo de transferencia de créditos), ademais daqueles que posúan titulacións recoñecidas nos estatutos do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Químicos de España (en diante, Consello Xeral).

Artigo 4. Sede

1. O Colexio ten a súa sede social en Santiago de Compostela, na rúa Lisboa, nº 10, Área Central, As Fontiñas, 1º andar, local 31-E.

2. O cambio de sede social poderase levar a cabo, por proposta da Xunta Directiva, por aprobación nunha Xunta Xeral. Para a súa aprobación será necesaria a maioría absoluta dos votos presentes, sendo necesario a asistencia da maioría absoluta de colexiados, entre presentes e representados, en primeira convocatoria, ou dun número calquera deles en segunda convocatoria, celebrada media hora despois da primeira.

Artigo 5. Relacións coa Administración

1. O Colexio, nas cuestións relativas aos aspectos institucionais e corporativos, relacionarase coa Administración pública a través da consellería que sexa competente en materia de colexios profesionais e, nas cuestións referentes ao contido da profesión ou actividade profesional, coa consellería que corresponda ou coa Administración competente por razón do asunto.

2. No ámbito da súa actuación, o Colexio poderá establecer acordos de reciprocidade e cooperación con outros colexios, asociacións e organismos profesionais de acordo coa lexislación vixente.

Artigo 6. Idioma

1. Os idiomas oficiais do Colexio de Químicos de Galicia son o galego e o castelán, para todos os efectos.

CAPÍTULO II

Finalidades e funcións do Colexio

Artigo 7. Finalidade do Colexio Oficial de Químicos de Galicia

1. A ordenación do exercicio da profesión de químico en todas as súas formas, especialidades e ámbitos, a representación desta, a defensa dos intereses profesionais dos colexiados e a protección dos intereses dos consumidores e usuarios dos servicios dos seus colexiados, todo iso sen prexuízo do disposto no artigo 36 da Constitución e da competencia das administracións públicas.

2. A salvagarda e observancia dos principios deontolóxicos e ético-sociais da profesión química, para cuxo efecto lle corresponde aplicar o Código deontolóxico da profesión química, o cal poderá ser completado ou aclarado mediante procedementos específicos.

3. A promoción, por todos os medios ao seu alcance, da constante mellora dos niveis científico, cultural, económico e social dos colexiados, para cuxo efecto poderá organizar e manter toda clase de actividades das anteriores áreas e sistemas de previsión e protección social.

4. A promoción da igualdade entre mulleres e homes no exercicio da profesión.

5. A colaboración cos poderes públicos e a sociedade na consecución e promoción da saúde, na seguridade das persoas e dos bens, na protección do ambiente, no avance da química e as súas aplicacións, na información obxectiva a consumidores e axentes económicos, na formación e ordenación dos profesionais da ciencia e tecnoloxías químicas, na eficiente e xusta regulación normativa para a mellora do sector químico e a súa influencia nas persoas e no ambiente.

CAPÍTULO III

Dos colexiados e a colexiación

Artigo 8. Colexiación

1. Será requisito indispensable e previo para o exercicio da profesión química estar incorporado ao Colexio cando a colexiación sexa obrigatoria, de conformidade coa normativa vixente.

2. Poderán incorporarse ao Colexio todas aquelas persoas, españolas ou estranxeiras, que teñan a titulación indicada no artigo 3 referido á definición de colexiado químico.

3. Os cidadáns estranxeiros poderán incorporarse ao Colexio cando cumpran os requisitos para poder exercer a profesión no Estado español.

Artigo 9. Condicións para ser colexiado e solicitude de colexiación

1. Para incorporarse ou reincorporarse ao Colexio será necesario solicitalo á Xunta Directiva nos termos que aprobe a Xunta Xeral e cumprir os requisitos seguintes:

a) Ser maior de idade e non incorrer en causa de incapacidade.

b) Estar en posesión do título (ver artigo 3) que, conforme a normativa española e comunitaria, a Administración española competente homologase ou recoñecese para o exercicio da profesión química en España e reúna as condición sinaladas nos presentes estatutos.

c) Carecer de antecedentes penais que o inhabiliten para o exercicio profesional.

d) Satisfacer a cota de ingreso que houbese, que non poderá superar os custos asociados á tramitación, e outras que teña establecidas o Colexio.

e) Aceptar por escrito os estatutos, normativas e disposicións do Colexio.

2. Para a incorporación ao Colexio, a persoa interesada solicitará a súa admisión á Xunta Directiva presentando o título orixinal ou certificado administrativo supletorio acreditativo dos estudos e aboamento dos dereitos de expedición, e aboar, se é o caso, a cota de incorporación. De ser o caso, a persoa interesada poderá autorizar por escrito o Colexio para que este consulte a base de datos de títulos do ministerio correspondente (ou doutras instancias da Administración pública). Cando se trate dun traslado de Colexio, bastará unha simple certificación do Colexio de procedencia acreditativa de atoparse en activo e ao día das súas obrigas, ademais de non estar inhabilitado para o exercicio profesional.

3. A Xunta Directiva acordará, no prazo dun mes, desde a recepción da documentación, a denegación ou admisión da colexiación do interesado. Transcorrido o devandito prazo sen resolución expresa, entenderase que esta é positiva.

4. A colexiación só poderá ser denegada cando:

a) Os documentos presentados coa solicitude sexan insuficientes ou existan dúbidas sobre a súa lexitimidade e o solicitante non repare os erros no prazo fixado pola Xunta Directiva.

b) O solicitante falsease os datos ou documentos necesarios para a súa colexiación.

c) A persoa estea afectada por sentenza xudicial firme que a inhabilita para o exercicio da profesión.

d) O solicitante estea cumprindo unha sanción disciplinaria que comporte a exclusión temporal ou definitiva do Colexio.

Artigo 10. Colexiación única

1. Para exercer en todo o territorio nacional bastará a incorporación a un só colexio oficial de químicos.

De toda inscrición, alta ou baixa en calquera colexio, darase inmediata conta ao Consello Xeral de Colexios Oficiais de Químicos de España.

2. Así mesmo, o Colexio notificará ao Consello Xeral, para a súa inscrición no Rexistro Xeral de Sociedades Profesionais, as inscricións practicadas no seu Rexistro de Sociedades Profesionais. O Consello Xeral remitirá ao Ministerio de Xustiza, ao abeiro do previsto legalmente, as inscricións practicadas no Rexistro do Consello Xeral.

Artigo 11. Das clases de colexiados

1. As persoas que formen parte do Colexio poderán ser exercentes, non exercentes, distinguidos ou de honra.

a) Os exercentes serán aqueles que efectivamente exercen a profesión química, en calquera ámbito.

b) Os non exercentes serán aqueles que, por calquera motivo non exerzan a profesión, pero no momento de exerceren a profesión deberán pasar automaticamente a colexiados en exercicio. Durante o tempo que non exercen non aboan ningunha cota ao Colexio

c) Distinguidos ou de honra. Estes colexiados non aboan ningunha cota ao Colexio.

Artigo 12. Sobre os dereitos dos colexiados

Son dereitos dos colexiados:

a) Exercer a profesión de conformidade coas disposicións que en cada momento regulen a actividade profesional.

b) Participar no uso e desfrute dos bens e servizos do Colexio.

c) Participar con voz e voto nas xuntas xerais do Colexio, e conforme estes estatutos.

d) Participar como electores e elixibles para ocupar cargos de xestión e representación dentro do Colexio.

e) Ser informados das actuacións e funcionamento da entidade e das cuestións que fagan referencia ao exercicio da profesión.

f) Intervir na xestión económica e administrativa do Colexio.

g) Expresar libremente, dentro do ámbito colexial, as súas opinións en asuntos de interese profesional.

h) Estar amparados polo Colexio no exercicio e defensa dos seus intereses profesionais.

i) Estar representados polo Colexio cando así o soliciten e o acorde a Xunta Directiva co fin de facilitar aquelas accións, excepcións e defensas relacionadas co exercicio profesional ante tribunais, autoridades e organismos ou entidades públicas e privadas.

j) Presentar ante a Xunta Xeral ou a Xunta Directiva todas aquelas queixas, iniciativas ou suxestións para unha mellor actuación profesional do Colexio ou de calquera dos seus membros.

k) Recorrer contra os acordos da Xunta Directiva e da Xunta Xeral do Colexio. A lexitimación activa necesaria para estes recursos réxese polo disposto na Lei reguladora do contencioso-administrativo.

l) Solicitar a intervención do Colexio para o cobramento e percepcións, remuneracións e honorarios.

m) Solicitar a intervención do Colexio ante os órganos da Administración, persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, cando o colexiado considere que se lesionan ou non se lle recoñecen os dereitos que as propias leis lle outorgan.

n) Calquera outro dereito derivado do seu carácter de membro do Colexio, en atención aos fins e funcións deste.

Artigo 13. Sobre os deberes dos colexiados

Son deberes dos colexiados:

a) Cumprir e facer cumprir os presentes estatutos, os regulamentos que os desenvolvan e os acordos que legalmente o Colexio poida adoptar.

b) Exercer dignamente a profesión observando a disciplina colexial e a harmonía cos restantes colexiados.

c) Asistir aos actos corporativos e, especialmente, emitir voto nas xuntas xerais.

d) Aceptar o desenvolvemento dos nomeamentos para os que sexa elixido, salvo escusa debidamente xustificada.

e) Contribuír nos prazos establecidos regulamentariamente ao sostemento económico do Colexio.

f) Informar o Colexio de todos aqueles feitos que poidan afectar a profesión, cuxa importancia poida determinar a intervención corporativa con carácter oficial.

g) Poñer en coñecemento do Colexio a existencia de persoas que exerzan a profesión sen a titulación correspondente, sen estar colexiadas ou que falten ás obrigas que, como tales, deben cumprir.

h) Todos aqueloutros recollidos na lexislación vixente e nos presentes estatutos.

Artigo 14. Perda da condición de colexiado

1. A condición de colexiado pérdese por:

a) Defunción.

b) Incapacidade legal.

c) Baixa voluntaria comunicada por escrito de forma fidedigna (fax, burofax, correo postal certificado), dirixido ao decano do Colexio.

d) Separación ou expulsión do Colexio como consecuencia de sanción disciplinaria, logo da incoación do correspondente expediente que deberá incluír en calquera caso a audiencia ao interesado.

e) Baixa forzosa por incumprimento das obrigas económicas inherentes á condición de colexiado.

2. O procedemento que se seguirá para a baixa como colexiado será aprobado pola Xunta Xeral.

Artigo 15. Colexiados distinguidos ou de honra

1. Son membros distinguidos aqueles colexiados aos cales a Xunta Xeral, por proposta da Xunta Directiva ou do 10 % dos colexiados, recoñeza tal condición polos seus méritos ou servizos relevantes ao Colexio.

2. Son membros de honra aquelas persoas físicas ou xurídicas que, non sendo colexiados, reciban este nomeamento por acordo da Xunta Xeral en atención aos méritos ou servizos relevantes prestados á profesión o ao Colexio. O nomeamento non incluirá, en ningún caso, a posibilidade de exercer dereitos de representación no ámbito colexial, nin teñen dereito a voto nas asembleas.

Artigo 16. Das sociedades profesionais

1. Os colexiados poderán asociarse para exerceren a profesión nos termos establecidos na Lei 2/2007, do 5 de marzo, de sociedades profesionais, ou lei que a substitúa, e conforme o indicado nos estatutos do Consello Xeral.

2. As sociedades que teñan por obxecto social o exercicio en común da profesión química deberán constituírse como sociedades profesionais segundo a devandita lei.

3. Tamén deberán constituírse en sociedades profesionais, como sociedades multiprofesionais, aquelas que exerzan, ademais da profesión química, outras actividades profesionais colexiadas.

4. As sociedades profesionais que teñan por obxecto social o exercicio da profesión química, así como as sociedades multiprofesionais, cando entre as súas diversas actividades profesionais estea o exercicio da profesión química, inscribiranse no Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio, sempre que teñan o seu domicilio social en Galicia.

5. A inscrición no Rexistro de Sociedades Profesionais dará lugar ao pagamento da cota que acordase a Xunta Directiva do Colexio. Non obstante, terán voz, pero non terán dereito de voto, nas xuntas xerais.

Artigo 17. Da igualdade de xénero

O Colexio promoverá a igualdade de xénero e, tamén, as mesmas oportunidades para homes e mulleres. En todos os casos, nas comunicación do Colexio, incluído estes estatutos, o plural dos substantivos inclúe ambos os xéneros. No caso de se referir a cargos unipersoais ou referencia a colexiados ou a outro tipo de colaboradores, entenderase que os termos fan referencia a ambos os xéneros.

CAPÍTULO IV

Do goberno do Colexio

Artigo 18. Órganos do Colexio

Son órganos de dirección e xestión do Colexio:

1. A Xunta Xeral, como órgano plenario.

2. A Xunta Directiva, como órgano de goberno.

Artigo 19. Da competencia dos órganos

Sen prexuízo da supremacía dos órganos colexiados sobre os unipersoais, corresponde a estes últimos todo aquelo que non fose atribuído explicitamente aos primeiros.

Artigo 20. Da remuneración dos cargos

Ningún cargo do Colexio será remunerado, sen prexuízo do posible reembolso dos gastos orixinados polo cargo no desenvolvemento das súas funcións.

Artigo 21. Da Xunta Xeral

A Xunta Xeral constitúe o órgano supremo da representación colexial ante a cal deberá dar conta á Xunta Directiva. Os acordos tomados en Xunta Xeral serán vinculantes para todos os colexiados.

1. A Xunta Xeral está formada por todos os colexiados que teñan dereito a voto e será presidida polo decano do Colexio ou vicedecano que o substitúa, agás nos casos previstos para a moción de censura, actuando como secretario o secretario ou secretaria do Colexio ou, na súa ausencia, o colexiado máis novo presente.

2. As xuntas xerais ordinarias convocaranse, polo menos, con vinte días naturais de antelación, e as extraordinarias, con oito, como mínimo, mediante notificación que se enviará por correo postal ou electrónico (ou ambos) a cada colexiado, coa indicación da orde do día.

3. Na Xunta Xeral non se poderán adoptar acordos respecto de asuntos que non figuren na orde do día da reunión.

4. Os acordos tomaranse por maioría absoluta dos votos presentes e representados.

5. Para a válida constitución da Xunta Xeral será necesaria a asistencia da maioría absoluta de colexiados, presentes ou representados, en primeira convocatoria, ou dun número calquera deles en segunda convocatoria, que se celebrará media hora despois da primeira.

6. Das reunións da Xunta Xeral redactarase unha acta, en que se fará constar o manifestado e aprobado ou non aprobado na xunta. As actas serán aprobadas na sesión seguinte e serán asinadas polo decano e polo secretario.

Os acordos serán inmediatamente executivos, sen prexuízo dos recursos que contra deles poidan interpoñerse.

7. Os acordos da Xunta Xeral, da Xunta Directiva e as resolucións do decano en temas da súa competencia poderán ser obxecto de recurso en reposición ante o órgano que os ditou no prazo de trinta días desde a súa comunicación aos interesados. Cando a resolución do recurso fose negativa, entenderase esgotada a vía administrativa e poderán exercerse os recursos xurisdicionais que procedan.

Artigo 22. Delegación de voto

1. Os colexiados que non poidan asistir a unha reunión da Xunta Xeral, ordinaria ou extraordinaria, poderán delegar o seu voto noutro colexiado que vaia asistir á devandita reunión.

2. A delegación de voto só debe ser para unha Xunta Xeral en concreto, e deberá facerse constar por escrito ou por calquera método que acredite a súa veracidade ante a secretaría do Colexio.

3. Calquera colexiado, con dereito a voto, presente na reunión da Xunta Xeral só pode levar tres delegacións de voto que teñan entrada na secretaría do Colexio antes das 12.00 horas do día anterior ao da celebración da Xunta Xeral. A non asistencia persoal do colexiado á Xunta Xeral supoñerá a revogación da delegación conferida. As delegacións de voto poderán ser examinadas por calquera colexiado que asista á Xunta Xeral.

Artigo 23. Xunta Xeral ordinaria

Cada ano celebraranse dúas reunións ordinarias da Xunta Xeral. A primeira terá lugar no primeiro trimestre do ano e tratará, con carácter obrigatorio, sobre a aprobación ou non da xestión da Xunta Directiva no ano anterior, tamén sobre a aprobación ou non do balance e liquidación orzamentaria, nos termos previstos nos presentes estatutos.

A segunda celebrarase no cuarto trimestre e terá por obxecto, con carácter obrigatorio, a aprobación do orzamento de ingresos e gastos para o próximo ano e, se é o caso, a elección de cargos directivos.

Artigo 24. Xunta Xeral extraordinaria

As reunións extraordinarias da Xunta Xeral celebraranse sempre que o considere conveniente o decano, a Xunta Directiva ou a solicite, polo menos, o 10 % dos colexiados. Deben tratar exclusivamente dos asuntos que motivaron a convocatoria e consten na orde do día.

Artigo 25. Competencias da Xunta Xeral

Son funcións da Xunta Xeral:

a) Aprobar, se proceder, a memoria anual de actividades presentada pola Xunta Directiva.

b) Aprobar, se proceder, os orzamentos e os balances e contas de resultados.

c) Aprobar por maioría absoluta a fixación de cotas non periódicas e derramas.

d) Controlar a xestión do decano e da Xunta Directiva.

e) Aprobar por maioría absoluta as modificacións dos presentes estatutos.

f) Decidir sobre todas aquelas cuestións que o decano ou a Xunta Directiva sometan á súa competencia.

g) Aprobar, se procede, por maioría de dous terzos as propostas de fusión, absorción, segregación, cambio de denominación ou disolución do Colexio.

h) Aprobar por maioría de dous terzos as mocións de censura presentadas contra a Xunta Directiva.

i) Todas aqueloutras que lle outorguen a lexislación vixente e os presentes estatutos.

Artigo 26. As votacións na Xunta Xeral

1. Os acordos da Xunta Xeral tomaranse por maioría simple de votos, agás para aqueles asuntos en que estes estatutos dispoñan outra cousa.

2. As votacións poderán ser a man alzada ou secretas cando así sexa establecido estatutariamente, o acorde o decano ou o solicite o 25 % dos colexiados con dereito a voto asistentes á xunta.

Artigo 27. Da Xunta Directiva e a súa composición

A Xunta Directiva é o órgano de dirección e xestión ordinario do Colexio e estará formado por:

a) O decano, que a convocará e a presidirá.

b) Dous vicedecanos: vicedecano 1º e vicedecano 2º.

c) O secretario xeral do Colexio, que o será tamén da xunta.

d) O tesoureiro.

e) Os vogais. Haberá un vogal por cada cen colexiados con dereito a voto ou fracción, dos que o colexiado máis novo actuará como vicesecretario xeral da Xunta Directiva.

Artigo 28. Atribucións da Xunta Directiva

Son funcións da Xunta Directiva:

a) Cumprir e facer cumprir os acordos da Xunta Xeral, os estatutos e a lexislación vixente que afecte o Colexio.

b) Velar para que os colexiados ao servizo de entidades e empresas de calquera ámbito sexan tratados conforme a dignidade profesional, demandando dos organismos competentes a promulgación de disposicións tendentes a protexer os colexiados.

c) Vixiar que todos e cada un dos colexiados observen as normas esenciais de dignidade profesional e compañeirismo.

d) Decidir sobre as solicitudes de colexiación.

e) Administrar os bens do Colexio e recadar as cotas de todo tipo que teñan que facer efectivas os colexiados.

f) Naquelas actividades onde a lexislación vixente non regule os honorarios, elaborará un baremo de honorarios que terá carácter meramente orientativo.

g) Adoptar as medidas convenientes para a defensa dos intereses do Colexio e dos seus colexiados.

h) Crear e disolver as comisións necesarias para o mellor cumprimento das funcións colexiais.

i) Aprobar e modificar o seu regulamento de funcionamento interno, dando conta á Xunta Xeral.

j) Velar polo cumprimento das funcións e competencias profesionais dos colexiados.

k) Fixar a data de celebración das xuntas xerais e das xuntas extraordinarias.

l) Preparar e convocar as reunións das xuntas xerais e executar os acordos destas.

m) Cantas outras funcións lle sexan atribuídas pola lexislación vixente e os presentes estatutos ou lle encomende explicitamente a Xunta Xeral.

n) A potestade para crear a figura do xerente/secretario técnico, se o considera oportuno, e decidir, así mesmo, as condicións de contratación e funcións asignadas.

Artigo 29. Reunións da Xunta Directiva

1. A Xunta Directiva reunirase, de xeito ordinario, polo menos, unha vez cada trimestre ao ano. Poderá reunirse de forma extraordinaria cando así o decida o decano ou o soliciten, polo menos, tres membros da Xunta Directiva.

A Secretaría Xeral fará as convocatorias para as reunións, logo do mandato do decano, que fixará a orde do día, con oito días de antelación, polo menos. A convocatoria farase por escrito e farase chegar a todos os membros da Xunta Directiva por calquera medio que deixe constancia da convocatoria, e irá acompañada da orde do día. O decano terá facultade de convocar, en calquera momento, con carácter de urxencia, a Xunta Directiva cando as circunstancias así o exixan.

2. Para que a reunión da Xunta Directiva sexa válida en primeira convocatoria, será necesaria a presenza do decano e da maioría absoluta dos membros da Xunta Directiva con dereito a voto. De non se cumprir esta condición, poderán reunirse en segunda convocatoria, trinta minutos despois, e será suficiente coa presenza de, polo menos, tres dos seus membros con dereito a voto.

3. A asistencia ás reunións da Xunta Directiva é obrigatoria, salvo xustificación debidamente acreditada.

4. A falta de asistencia non xustificada a tres sesións consecutivas ou a cinco nun período de dous anos comportará o cesamento no cargo.

5. Nas reunións da Xunta Directiva só se poderán adoptar acordos sobre puntos que figuren explicitamente na orde do día, agás que estivesen presentes todos os seus membros con dereito a voto e se acordase a súa urxencia por maioría simple.

6. Os acordos tomaranse por maioría dos asistentes, agás naqueles casos en que os estatutos indiquen un réxime diferente. En caso de empate decidirá o voto de calidade do decano.

7. De cada sesión da Xunta Directiva redactarase unha acta en que se farán constar os acordos adoptados, con indicación de se foron por maioría, por unanimidade ou por asentimento, indicando, no primeiro caso, se os interesados o pediren, os nomes dos que votaron en contra.

Así mesmo, farase constar nas actas un extracto das manifestacións e incidencias que durante a sesión acontecesen. As devanditas actas serán asinadas polo decano e o secretario xeral e os acordos serán inmediatamente executados sen prexuízo dos recursos que contra estes poidan interpor segundo estes estatutos.

Artigo 30. Duración dos mandatos da Xunta Directiva

A duración do mandato dos membros da Xunta Directiva será de catro anos. O procedemento para a súa elección será fixado regulamentariamente por maioría absoluta da Xunta Xeral, e incluirá, como mínimo, a forma de presentación das candidaturas e a forma de votación. En todo caso, estará permitido o voto por correo pero non o voto por delegación.

Artigo 31. Da convocatoria de eleccións á Xunta Directiva

1. A convocatoria de eleccións farase tras acordo da Xunta Directiva, en que se indicarán as vacantes que deben ser cubertas, requisitos que deben reunir os candidatos, o programa de datas dos diferentes actos electorais, a aprobación do censo de electores e a composición da mesa electoral.

2. O acordo de convocatoria será notificado, por escrito ou por vía telemática, a cada un dos colexiados dentro dos dez días naturais seguintes ao da da data do acordo.

Artigo 32. Da mesa electoral

O proceso electoral dará comezo coa constitución da mesa electoral, acto que terá lugar o décimo día natural seguinte contado desde a data do acordo de convocatoria.

A mesa electoral estará constituída polo decano e o secretario xeral do Colexio, que actuarán como presidente e secretario, respectivamente, da mesa e o colexiado máis antigo e o máis novo. Se algún deles se presentase á elección ou reelección veríase imposibilitado para o desenvolvemento das súas funcións, sendo substituído polo que regulamentariamente lle corresponda ou polo que o siga ou preceda en orde de antigüidade.

Da constitución da mesa electoral redactarase acta.

Artigo 33. Dos electores e dos elixibles

1. Serán electores todos os colexiados que estean dados de alta no Colexio e estean ao día no pagamento das cotas no día da convocatoria, e figuren inscritos no libro de rexistro do Colexio, documento que terá o carácter de censo electoral e deberá ser pechado, para estes efectos, con unha dilixencia do secretario, en que se fará constar o número de colexiados existentes na devandita data.

2. Serán elixibles todos os colexiados que, non estando suxeitos en prohibición ou incapacidade legal ou estatutaria, se encontran nas mesmas circunstancias do punto anterior, reúnan as condicións de antigüidade e residencia ou outras exixidas en Xunta Xeral e presenten a correspondente candidatura.

3. En todo caso, para poder ser designado para os cargos de decano e vicedecano será requisito indispensable levar cinco anos de colexiación, tres anos para os de secretario xeral e tesoureiro, e dous para os de vogal.

Artigo 34. Da presentación e proclamación de candidaturas

1. Os colexiados que desexen formar parte da Xunta Directiva presentarán as súas candidaturas mediante escrito dirixido á mesa electoral, a través do Rexistro do Colexio.

2. O prazo de presentación de candidaturas finalizará ás dezanove horas do vixésimo día natural seguinte ao do acordo de convocatoria de eleccións.

3. As candidaturas deben constar dos membros necesarios para conformar unha Xunta Directiva, conforme o regulado nestes estatutos. Será requisito indispensable para a admisión de candidaturas conxuntas o nomeamento dun representante, que debe estar colexiado, que poderá ser ou non candidato, que se encargará de realizar todas as xestións da candidatura e de recibir as notificacións que deban practicarse a esta.

4. A mesa electoral proclamará, no prazo dos tres días laborables seguintes á finalización da presentación de candidaturas, a relación provisional das candidaturas que cumpran con todos os requisitos exixidos.

5. Os acordos de proclamación ou denegación serán notificados, en escrito razoado, dentro dos dous días hábiles seguintes, aos candidatos individuais e aos representantes das candidaturas colectivas e publicados no taboleiro de anuncios do Colexio.

6. A exclusión dun membro dunha candidatura colectiva non será causa de exclusión do resto dos membros da devandita candidatura.

Artigo 35. Do procedemento electivo

1. A campaña electoral desenvolverase durante dez días naturais a partir do seguinte ao da data de proclamación definitiva dos candidatos.

Toda propaganda escrita deberá ir asinada, polo menos, por un dos candidatos.

A mesa electoral, logo de audiencia dos candidatos proclamados, determinará o espazo, lugar e tempo que utilizarán os candidatos na súa campaña, de xeito que todos dispoñan de igualdade de oportunidades.

2. A votación, que será libre, pública e secreta, celebrarase o septuaxésimo día natural seguinte ao da convocatoria de eleccións, ou o sexaxésimo día natural seguinte á devandita data se non se impugnou a proclamación de candidaturas.

Para tal fin, o Colexio constituirase en Xunta Xeral.

3. Admitiranse os votos que os colexiados entreguen na Secretaría do Colexio ou envíen por correo, para o cal os electores deberán remitir, en sobre pechado, un documento asinado con expresión do seu nome, apelidos e o número de colexiado, e dentro do dito sobre, outro, pechado e en branco, que contña a papeleta de votación.

O prazo para a recepción do voto por correo pecharase ás dezanove horas do día anterior ao da votación presencial.

Poderase, tamén, votar por medios telemáticos que garanten o carácter persoal, directo e secreto do sufraxio activo e que fosen recibidos antes das 19.00 horas do día anterior ao da votación presencial.

4. Nas papeletas de votación figurarán, clasificadas por cargos e, pola súa vez, por orde alfabética de apelidos, os nomes dos candidatos proclamados, precedidos dun recadro en branco, para que o votante sinale os candidatos ou candidatura a que outorga o seu voto.

5. Cada candidato ou candidatura poderá designar un interventor, de entre os compoñentes do censo electoral, mediante escrito dirixido á mesa electoral. O interventor designado exhibirá ante a mesa electoral a credencial xustificativa da súa condición.

6. En primeiro lugar votarán os electores presentes na Xunta Xeral, que acudirán ante a mesa electoral e, unha vez comprobado polo secretario da mesa que o seu nome figura no censo electoral e verificada a súa identidade mediante o carné de colexiado ou, na súa falta, o documento nacional de identidade, entregarán o sobre ao presidente, quen, á vista do público pronunciará en voz alta o nome do elector, o depositará na urna.

A continuación, o presidente da mesa electoral procederá a introducir na urna os sobres en branco que conteñan a papeleta de votación dos votos emitidos por correo ou entregados polos colexiados na secretaría do Colexio, logo de comprobación, polo secretario da mesa electoral, da identidade dos votantes e da súa inscrición no censo electoral.

O secretario, en todos os casos, anotará na lista do nome e apelidos dos votantes, para levar a cabo as comprobacións precisas no escrutinio.

7. O acto de escrutinio será público e levarao a cabo a mesa electoral no transcurso da Xunta Xeral.

8. Finalizada a votación e antes de comezar o reconto de votos, comprobarase se o número de papeletas depositadas é igual ao número de votantes. Serán consideradas válidas aquelas papeletas en que apareza votado un número de candidatos igual ou inferior a de cargos vacantes.

Serán nulas aquelas en que estea sinalado un número maior de candidatos que os que hai que votar e as que presenten emendas ou estean riscadas.

9. O secretario redactará acta, por duplicado, da sesión, que será asinada por todos os compoñentes da mesa electoral e polos interventores, se os houber.

Os interventores poderán facer constar nela as observacións que consideren oportunas para os efectos de posteriores recursos ou reclamacións.

Os exemplares da acta permanecerán no Colexio, un dos cales se expoñerá no taboleiro de anuncios durante quince días naturais. Darase conta ao Consello Xeral de Colexios Oficiais de Químicos de España do resultado das eleccións.

Artigo 36. Da proclamación dos electos

Finalizado o escrutinio, o presidente da mesa electoral dará lectura do resultado definitivo da votación e proclamará os candidatos ou candidatura que fosen elixidos.

Nos casos de empate resolverase a favor do candidato de maior antigüidade no Colexio e se esta fose tamén igual, o de maior idade.

Artigo 37. Da constitución da Xunta Directiva

A toma de posesión dos elixidos e a constitución da Xunta Directiva terá lugar no prazo máximo de quince días naturais seguintes á proclamación de cargos electos.

Artigo 38. Impugnación das eleccións

1. As resolucións da mesa electoral durante o proceso electoral, salvo no previsto artigo seguinte, terán a consideración de actos de trámite e non serán recorribles de forma independente.

A oposición ás ditas resolucións poderá ser alegada polos interesados para a súa consideración, se é o caso, no recurso contra o acto de proclamación.

2. Contra o acto de proclamación dos elixidos caberá recurso de reposición ante a mesa electoral.

3. No previsto neste capítulo será de aplicación a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 39. Cesamento dos membros da Xunta Directiva

1. Os membros da Xunta Directiva cesan por:

a) Perda da condición de colexiado.

b) Dimisión presentada por escrito.

c) Aprobación dunha moción de censura pola Xunta Xeral.

d) Por non asistiren, sen causa xustificada, polo menos, a catro reunións seguidas da Xunta Directiva.

2. Se algún dos compoñentes da Xunta Directiva, con excepción do decano, cesa por calquera causa, agás moción de censura, a mesma Xunta Directiva designará de entre os membros do Colexio o substituto con carácter de interinidade ata a celebración das seguintes eleccións.

O mandato do novo elixido será o que correspondería ao cesado.

3. No caso de se producir a vacante do decano ou de máis da metade dos membros con dereito a voto da Xunta Directiva, convocaranse eleccións no prazo dun mes para cubrir exclusivamente as devanditas vacantes e polo prazo que faltase ata a próxima elección regulamentaria.

Se o dito prazo fose inferior a seis meses, os membros da Xunta Directiva que permanecesen nela continuarían as súas funcións presididos por un vicedecano ou, na súa falta, polo colexiado máis antigo da Xunta Directiva que non fose o secretario xeral.

Artigo 40. Da moción de censura á Xunta Directiva ou ao decano

1. A moción de censura á Xunta Directiva ou algún do seus membros competerá sempre á Xunta Xeral extraordinaria de colexiados, convocada para este efecto.

2. A solicitude desa convocatoria de Xunta Xeral extraordinaria requirirá a sinatura dun mínimo da terceira parte dos colexiados en pleno desfrute dos seus dereitos colexiais e ao día das súas obrigas económicas, incorporados, polo menos, con tres meses de antelación. A solicitude deberá expresar con claridade as razóns ou motivos en que está fundada.

3. A Xunta Xeral extraordinaria de colexiados terá que celebrarse dentro dos trinta días hábiles contados desde o seguinte a aquel en que se presentase a solicitude e non poderán tratarse nela máis asuntos que os expresados na convocatoria.

4. Para que o voto de censura sexa aprobado e se produza o conseguinte cesamento da Xunta Directiva ou do membro deste órgano a quen afecte, será necesario o voto favorable das dúas terceiras partes dos colexiados presentes na Xunta Xeral extraordinaria.

Se o voto de censura, contra a Xunta Directiva, fose aprobado pola maioría referida no parágrafo anterior, convocaranse eleccións na forma prevista nos presentes estatutos, e a Xunta Directiva quedará facultada para resolver unicamente asuntos de trámite. Se a moción de censura é rexeitada pola Xunta Xeral, ningún dos seus asinantes poderá presentar outra no prazo de dous anos contados desde a celebración da xunta.

Artigo 41. Das comisións

A Xunta Directiva poderá crear por si mesma ou por solicitude de calquera colexiado cantas comisións coide necesarias para o bo funcionamento do Colexio. O réxime do seu funcionamento será fixado regulamentariamente.

Artigo 42. Dos colexiados e as comisións

Os colexiados poderán formar dentro do Colexio comisións para temas concretos ou para a mellor defensa dos seus intereses, dando conta á Xunta Directiva. O procedemento de creación e o seu funcionamento serán regulados pola Xunta Directiva.

Artigo 43. Do decano

1. O decano é o representante oficial do Colexio en todas as relacións coas administracións públicas e con entidades e corporacións de todo tipo, públicas ou privadas.

2. Será elixido pola Xunta Xeral logo da presentación da súa candidatura, e deberá levar, polo menos, cinco anos colexiado no Colexio Oficial de Químicos de Galicia.

Artigo 44. Competencias do decano

Son competencias do decano:

a) Exercer a representación do Colexio. Será substituído nas súas funcións polos vicedecanos 1º e 2º, nesta orde, nos casos de vacacións, ausencia ou enfermidade.

b) Dirixir o Colexio e coordinar o labor de todos os membros da Xunta Directiva.

c) Autorizar coa súa sinatura todos aqueles documentos do Colexio que así o requiran.

d) Conceder apoderamentos para cuestións xudiciais, logo da autorización da maioría absoluta da Xunta Directiva.

e) Convocar e presidir as reunións da Xunta Xeral e da Xunta Directiva.

f) Efectuar, conxuntamente co tesoureiro todas as operacións bancarias e movementos de fondos do Colexio.

g) Todas aqueloutras que lle delegue a Xunta Xeral ou a Xunta Directiva ou que non fosen atribuídas explicitamente a outro órgano de goberno.

Artigo 45. Delegación das funcións do decano

O decano poderá delegar algunha das súas funcións por tempo determinado en calquera membro da Xunta Directiva, logo de informar esta e coa súa aprobación.

Artigo 46. Dos vicedecanos

1. Haberá dous vicedecanos, un deles en representación da zona norte (provincias da Coruña e Lugo) e outro en representación da zona sur (provincias de Pontevedra e Ourense).

2. Unha das funcións dos vicedecanos será substituír o decano nos casos de ausencia ou enfermidade deste. Ten preferencia o vicedecano 1º sobre o vicedecano 2º, por esta orde.

3. Será o vicedecano 1º o de maior antigüidade no Colexio. En caso de igual antigüidade, será o de maior idade.

4. Os vicedecanos exercerán todas as funcións que lles encomende a Xunta Directiva ou o decano, a quen substituirán. Ten preferencia o vicedecano 1º sobre o vicedecano 2º.

5. Os vicedecanos serán elixidos pola Xunta Xeral e deberán levar, polo menos, cinco anos colexiados no Colexio Oficial de Químicos de Galicia.

Artigo 47. Do secretario xeral. Requisitos

O secretario xeral do Colexio será elixido pola Xunta Xeral e deberá levar, polo menos, tres anos colexiado no Colexio Oficial de Químicos de Galicia.

Artigo 48. Das funcións do secretario xeral

Serán funcións do secretario xeral:

a) Levar, supervisar e custodiar os libros necesarios para alcanzar o mellor e máis ordenado funcionamento dos servicios do Colexio. En calquera caso, deberá existir un libro de actas ou documento que o substitúa para a Xunta Xeral, outro para a Xunta Directiva e un libro de rexistro de entrada e saída de documentos e outro de colexiados.

b) Redactar e asinar as actas correspondentes e expedir as certificacións correspondentes co visto e prace do decano.

c) Redactar a memoria anual de actividades do Colexio para a súa presentación ante a Xunta Xeral, logo da aprobación da Xunta Directiva.

d) Controlar a tramitación dos expedientes dos colexiados e ter permanentemente actualizada a lista destes.

e) Supervisar o funcionamento das oficinas do Colexio e a actuación do persoal.

f) Redactar e enviar os oficios de citación para todos os actos do Colexio.

g) Dar cumprimento dos acordos adoptados pola Xunta Directiva.

h) Todas aqueloutras que lle delegue o decano ou a Xunta Directiva ou que lle sexan atribuídas polos estatutos.

Artigo 49. Do tesoureiro. Requisitos

O tesoureiro será un colexiado elixido pola Xunta Xeral e debe levar, polo menos, tres anos colexiado no Colexio Oficial de Químicos de Galicia.

Artigo 50. Das funcións do tesoureiro

Son funcións do tesoureiro:

a) Recadar, vixiar e administrar os fondos do Colexio e levar a contabilidade.

b) Efectuar os pagamentos e asinar, xuntamente co decano, os documentos para o movemento dos fondos do Colexio.

c) Elaborar o orzamento do Colexio para a súa tramitación correspondente.

d) Levar ou supervisar os libros de contabilidade que sexan necesarios.

e) Informar a Xunta Directiva do estado económico e financeiro do Colexio.

f) Todas aqueloutras que lle deleguen o decano ou a Xunta Directiva ou que lle sexan atribuídas polos estatutos.

Artigo 51. Dos vogais. Requisitos

1. Os vogais serán elixidos pola Xunta Xeral e deben levar, polo menos, dous anos colexiados no Colexio Oficial de Químicos de Galicia.

2. As súas funcións respectivas serán asignadas pola Xunta Directiva.

CAPÍTULO V

Do réxime xurídico dos actos colexiais

Artigo 52. Competencias

O colexio é plenamente competente no seu ámbito territorial para o exercicio das función que lle atribúe a Lei de colexios profesionais, os presentes estatutos e as leis da Comunidade Autonómica de Galicia de colexios profesionais e, se é o caso, estes estatutos. A competencia é irrenunciable e exercerana os órganos do Colexio que a teñan atribuída como propia, salvo os casos de delegación ou avocación previstos legalmente.

Artigo 53. Réxime dos actos dos órganos do Colexio

O réxime dos actos dos órganos do Colexio axustaranse aos seguintes principios:

1. Só serán válidos os actos ditados polos órganos do Colexio que teñan competencia para iso, de acordo co disposto na normativa colexial.

2. Cando actúe en exercicio de funcións ou facultades públicas, o Colexio axustará a súa actuación ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e os actos dos órganos do Colexio estarán sometidos ao dereito administrativo. Todo iso, se é o caso, coas especificacións que dispoñan estes estatutos. No se exixirán quórums diferentes dos previstos expresamente nestes estatutos.

3. Enténdese, para os efectos do parágrafo anterior, que son exercicios de funcións ou facultades públicas as seguintes:

a) Os acordos sobre colexiación ou a súa denegación.

b) Os acordos sobre inscrición no rexistro de sociedades profesionais ou a súa denegación.

c) A ordenación da actividade profesional.

d) O exercicio da facultade disciplinaria na orde profesional e colexial.

e) Os acordos de visar traballos profesionais ou a súa denegación.

f) O establecemento de criterios de orientación sobre os honorarios para taxación de custas.

g) As decisións sobre a inclusión nas listas de peritos colexiados para designación xudicial ou a súa denegación.

h) Calquera outra que, pola súa natureza, veña así determinada.

4. O resto das funcións e facultades colexiais estarán rexidas, ademais de por estes estatutos e a súa normativa de desenvolvemento, polo dereito que corresponda segundo a súa natureza.

5. Os acordos dos órganos do Colexio serán inmediatamente executivos, salvo que o propio acordo estableza outra cousa ou sexa de carácter sancionador, caso en que serán executivos cando finalice a vía administrativa.

6. A notificación dos actos suxeitos a dereito administrativo terá que conter o texto íntegro do acto, así como a expresión, se é o caso, dos recursos procedentes e terá que dirixirse ao domicilio declarado ao Colexio, por procedemento que deixe constancia da súa recepción.

7. Os acordos, decisións e recomendacións dos órganos do Colexio observarán os límites da Lei 15/2007, do 3 de xulio, sobre defensa da competencia.

Artigo 54. Recursos

1. Os actos emanados dos órganos do Colexio, no previsto especificamente nos presentes estatutos, en canto estean suxeitos ao dereito administrativo, unha vez esgotados os recursos corporativos, serán directamente impugnables ante a xurisdición contencioso-administrativa.

Contra as decisións ou resolucións dos órganos do Colexio cabe interpoñer os recursos que establece a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ante o Consello Xeral, cando así estea previsto, e na correspondente normativa da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os restantes actos e acordos adoptados polos órganos do Colexio serán directamente impugnables ante a xurisdición que corresponda, segundo a súa natureza.

CAPÍTULO VI

Do réxime económico

Artigo 55. Da confección e liquidación de orzamentos do Colexio

O Colexio ten plena capacidade patrimonial para a xestión e administración dos seus bens e para o cumprimento das súas finalidades, de acordo cos orzamentos correspondentes. Por iso, o Colexio confeccionará, anualmente, o proxecto de orzamentos de ingresos e gastos, e ten que presentalo durante o último trimestre de cada ano á aprobación da Xunta Xeral correspondente.

Así mesmo, dentro do primeiro trimestre de cada ano, o Colexio deberá presentar á Xunta Xeral o balance e liquidación orzamentaria, pechados en 31 de decembro do ano anterior para a súa aprobación ou rexeitamento. Previamente, devandito balance, acompañado dos xustificantes de ingresos e gastos efectuados, porase á disposición dos colexiados que o soliciten.

Artigo 56. Dos recursos económicos do Colexio

Os recursos económicos do Colexio estarán constituídos por:

1. Recursos ordinarios.

a) Os rendementos dos bens e dereitos que constitúan o patrimonio colexial.

b) Os dereitos que se establezan para a elaboración de estudos, informes, ditames ou outros servizos.

c) As cotas dos colexiados, incluídas as de incorporación e derramas.

d) A participación na organización de cursos, congresos ou conferencias.

e) A entrega de certificacións e visado de documentos.

f) Calquera outro legalmente posible de similares características.

2. Recursos extraordinarios.

a) As subvencións ou donativos de calquera tipo, públicas ou privadas.

b) Os bens recibidos por doazón ou herdanza.

c) As cotas especiais para o levantamento de cargas corporativas.

d) Calquera outra que non constitúa recurso ordinario.

Artigo 57. Da xestión económica

1. Os bens do Colexio serán xestionados segundo un orzamento anual, que incluirá a contía das cotas ordinarias, presentado polo tesoureiro e aprobado pola Xunta Xeral, por proposta da Xunta Directiva. O procedemento de elaboración e presentación será regulado por acordo da Xunta Directiva.

2. A xestión económica do Colexio será realizada pola Xunta Directiva, que poderá delegar a súa execución no tesoureiro.

3. En calquera caso, o movemento de bens ou a realización de pagamentos só poderá facerse mediante autorización escrita conxunta do decano e do tesoureiro ou persoas que legalmente os substitúan.

CAPÍTULO VII

Do visado de proxectos e dos honorarios profesionais

Artigo 58. O visado de proxectos

1. O Colexio visará os traballos profesionais no seu ámbito de competencia cando se solicite, por petición expresa dos clientes, por establecéreno as administracións públicas, xa sexa cando actúen como tales ou cando así se estableza conforme o disposto na normativa vixente, sobre visado colexial obrigatorio.

2. O obxecto do visado será comprobar, polo menos:

a) A identidade e habilitación profesional do autor do traballo, utilizando para iso o rexistro de colexiados previsto no artigo 10.2 da Lei estatal de colexios profesionais.

b) A corrección e integridade formal da documentación do traballo profesional, segundo a normativa aplicable a este.

En todo caso, o visado expresará claramente cal é o seu obxectivo, indicando que aspectos son sometidos a control, e informará sobre a responsabilidade que, de acordo co previsto no punto seguinte, asume o Colexio. En ningún caso comprenderá os honorarios nin as demais condicións contractuais, cuxa determinación queda suxeita ao libre acordo entre as partes, nin tampouco comprenderá o control técnico dos elementos facultativos do traballo profesional.

3. En caso de danos derivados dos traballos que visase o Colexio, nos cales resulte responsable o autor do traballo, o Colexio responderá subsidiariamente dos danos que teñan a súa orixe nos defectos que deberían ser postos de manifesto polo Colexio no momento de visar o traballo profesional, e que garden relación directa cos elementos que se visaron nese traballo concreto.

4. Cando o visado sexa preceptivo, o seu custo será razoable, non abusivo nin discriminatorio. O Colexio publicará os prezos dos visados dos traballos profesionais.

CAPÍTULO VIII

Do réxime disciplinario

Artigo 59. Da potestade de sanción

1. O Colexio, a través da Xunta Xeral ou da Xunta Directiva, ten potestade para sancionar as faltas cometidas polos seus membros no exercicio da súa profesión ou actividade colexial.

2. O réxime disciplinario establecido nestes estatutos enténdese sen prexuízo das responsabilidades de calquera outra orde en que os colexiados puidesen incorrer.

3. Non poderán impoñerse sancións disciplinarias, senón en virtude do expediente instruído para o efecto, conforme o procedemento establecido neste capítulo.

4. A potestade sancionadora corresponde á Xunta Directiva. Non obstante, o axuizamento e sanción das faltas cometidas polos membros da Xunta Directiva será competencia do Consello Xeral.

5. Os acordos sancionadores serán executivos en canto se esgote a vía corporativa.

6. O Colexio dará conta inmediata ao Consello Xeral de todas as sancións que impoña e que comporten a suspensión no exercicio profesional, con remisión dun extracto do expediente.

7. As sancións impostas polo Colexio están suxeitas ao indicado no capítulo de réxime disciplinario, nos estatutos do Consello Xeral.

Artigo 60. Do procedemento de sanción

1. Ninguén poderá ser sancionado por feitos que non estean previstos nestes estatutos, nos estatutos dos colexios oficiais de químicos de España, do seu Consello Xeral, ou no Código deontolóxico da profesión química que constituísen falta no momento da súa realización, ou sen instrución previa do correspondente expediente en que se respecten os principios de audiencia, contradición e defensa.

2. O procedemento sancionador será establecido de acordo coa lexislación vixente pola Xunta Xeral por maioría de dous terzos do seus membros presentes ou representados.

3. As faltas cualificaranse de leves, graves ou moi graves.

Artigo 61. Das faltas leves

Son faltas leves:

a) Todas aquelas que non sexan consideradas como graves ou moi graves.

Artigo 62. Das faltas graves

Son faltas graves:

a) As relacionadas co artigo anterior cando sexan cometidas por membros da Xunta Directiva no exercicio das súas funcións.

b) A reiteración continuada de faltas leves.

c) Os actos de desconsideración ofensiva cos compañeiros.

d) A neglixencia no cumprimento dos acordos da Xunta Xeral.

e) A realización de traballos profesionais que, pola súa forma ou fondo, atenten contra o prestixio da profesión e do Colexio.

Artigo 63. Das faltas moi graves

Son faltas moi graves:

a) Calquera conduta constitutiva de delito doloso en materia profesional.

b) O atentado contra a dignidade das persoas con ocasión do exercicio profesional.

c) O incumprimento dos deberes establecidos no artigo 10 destes estatutos ou o incumprimento das normas do Código deontolóxico. En todo caso, antes de impoñerse calquera sanción será oída a Comisión Deontolóxica.

d) A reiteración continuada de faltas graves.

e) A comisión de delitos que afecten o prestixio da profesión e o Colexio.

f) A realización de actos de desconsideración ofensiva aos membros dos órganos de goberno no exercicio das súas funcións.

Artigo 64. Da imposición de sancións

1. A competencia xeral para a imposición de sancións leves ou graves corresponde á Xunta Directiva e poderá ser obxecto de recurso ante a Xunta Xeral, cuxa decisión esgotará a vía administrativa. A imposición de sancións moi graves corresponde en exclusiva á Xunta Xeral, e poderá ser obxecto de recurso en reposición ante ela. O seu acordo esgota a vía administrativa.

2. A imposición de sancións aos membros da Xunta Directiva no exercicio das súas funcións correspóndelle ao Consello Xeral.

Artigo 65. Tipos de sancións

1. As sancións que poderán impoñerse son:

a) Faltas leves:

Amoestación verbal ou escrita.

b) Faltas graves:

Amoestación por escrito con advertencia de suspensión.

Suspensión da condición de colexiado por un prazo non superior a dous meses.

Suspensión para o desempeño de cargos colexiais por un período non superior a catro anos.

c) Faltas moi graves:

Suspensión da condición de colexiado por un tempo superior a un ano e inferior a dous. Inhabilitación por un máximo de dez anos para o desempeño de cargos directivos colexiais.

Expulsión do Colexio, con perda da condición de colexiado.

2. A suspensión da condición de colexiado por un prazo non superior a dous anos non eximirá do deber de contribución económica ao Colexio, incluído o pagamento das cotas correspondentes.

Artigo 66. Da extinción da responsabilidade disciplinaria e da prescrición das faltas

1. A responsabilidade disciplinaria extinguirase:

a) Por falecemento da persoa inculpada.

b) Por cumprimento da sanción.

c) Por prescrición das faltas.

d) Por prescrición das sancións, segundo o disposto no artigo 30 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

2. As faltas prescriben aos dous meses de ter sido cometidas, sen iniciarse a incoación do oportuno expediente, cando se trate de faltas leves; se as faltas son graves, prescribirán ao seis meses, e ao ano cando se tratar de faltas moi graves, excepto as que constitúan delito, que neste caso terán o mesmo prazo de prescrición que a lexislación correspondente marque para este.

3. O período da prescrición interrómpese co inicio do expediente disciplinario e mentres dure este. Se non estivese resolto no prazo de seis meses, para as faltas leves, ou dun ano, para as graves, ou de dezaoito meses para as faltas moi graves, por causas non imputables ao interesado, procederase ao arquivamento inmediato do expediente.

CAPÍTULO IX

Da reforma dos estatutos

Artigo 67. Da reforma dos estatutos

1. A iniciativa de reforma dos presentes estatutos correspóndelle á maioría absoluta dos membros da Xunta Directiva ou ao 25 % dos colexiados con dereito a voto, seguindo o procedemento que regulamentariamente se estableza.

2. Para a súa aprobación ou rexeitamento deberá convocarse unha Xunta Xeral extraordinaria que, logo de deliberación, decidirá por maioría absoluta dos colexiados presentes. Contra o devandito acordo non caberá ningún recurso administrativo.

3. Se o acordo alcanzado é positivo remitiranse as modificacións ao organismo competente do Goberno autonómico para a súa aprobación e publicación. Os novos estatutos entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

4. Se o acordo da Xunta Xeral é de rexeitamento das modificacións propostas, os asinantes non poderán presentar outras novas relacionadas con elas nun prazo de dous anos contado desde a celebración da Xunta Xeral.

CAPÍTULO X

Portelo único, transparencia e memoria anual

Artigo 68. Portelo único

1. O Colexio disporá dunha páxina web en que se integrará o portelo único do Colexio segundo o previsto na Lei 17/2009, do 23 de novembro, en que os colexiados poden realizar todos os trámites necesarios para a colexiación, o seu exercicio e a súa baixa do Colexio.

2. A través do portelo único, os colexiados poden, de forma libre e gratuíta:

a) Obter toda a información e formularios necesarios para o acceso á actividade profesional e o seu exercicio.

b) Presentar toda a documentación e solicitudes necesarias, incluíndo a da colexiación.

c) Coñecer o estado de tramitación dos procedementos en que teña consideración o colexiado e recibir a correspondente notificación dos actos de trámite preceptivos e a súa resolución polo Colexio, incluída a notificación dos expedientes disciplinarios cando non for posible por outros medios.

d) Ser convocados ás xuntas xerais e ter coñecemento da actividade pública do Colexio.

3. A través do referido portelo único, para unha mellor defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios, o Colexio ofrecerá a seguinte información, que deberá ser clara, precisa e gratuíta:

a) As vías de reclamación e os recursos que poderán interpoñerse no caso de conflito entre o consumidor ou usuario e un colexiado ou co Colexio.

b) Os datos das asociacións ou organizacións de consumidores e usuarios a que os destinatarios dos servicios profesionais poden dirixirse para obter asistencia.

c) O contido do Código deontolóxico.

d) Os procedementos de funcionamento do Colexio.

Artigo 69. Transparencia

1. O Colexio estará suxeito ao principio de transparencia na súa xestión.

2. O Colexio, de forma periódica e actualizada, publicará a información cuxo coñecemento sexa relevante para garantir a transparencia da súa actividade relacionada co funcionamento e control da actuación pública, de conformidade coa Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, en canto resulte aplicable.

Artigo 70. Memoria anual

1. O Colexio elaborará unha memoria anual que conterá, polo menos, a seguinte información:

2. Informe anual da xestión económica, incluíndo os gastos de persoal, suficientemente desagregados e especificando as retribucións, se é o caso, e gastos dos membros dos seus órganos de goberno debido ao seu cargo.

a) O importe das cotas aplicables desagregadas por concepto e tipo de servizos prestados, ademais das normas para o seu cálculo e aplicación.

b) A información agregada e estatística relativa aos procedementos informativos e sancionadores en fase de instrución ou que alcanzasen firmeza, con indicación da infracción a que se refiren, da súa tramitación e da sanción imposta, se é o caso, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

c) A información agregada e estatística relativa a queixas e reclamacións presentadas polos consumidores ou usuarios ou as súas organizacións representativas, así como sobre a súa tramitación e, se é o caso, dos motivos de estimación ou desestimación da queixa ou reclamación, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

d) Os cambios no contido do Código deontolóxico do Colexio.

e) As normas sobre incompatibilidades e as situacións de conflito de interese en que se atopen os membros da Xunta Directiva do Colexio.

f) A información estatística sobre a actividade de visados levada a cabo.

3. A memoria anual farase pública a través da páxina web do Colexio, no primeiro semestre de cada ano.

Artigo 71. Servizo de atención aos colexiados e aos consumidores e usuarios

1. O Colexio deberá atender as queixas ou reclamacións presentadas polos colexiados.

2. O Colexio disporá dun servizo de atención aos consumidores e usuarios que, necesariamente, tramitará e resolverá cantas queixas e reclamacións referidas a actividade colexial ou profesional dos colexiados poida presentar calquera consumidor ou usuario que contrate os servizos profesionais, ademais de asociacións e organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa dos seus intereses.

3. O Colexio, a través deste servizo de atención aos consumidores ou usuarios, resolverá sobre a queixa ou reclamación segundo proceda, ben informando sobre o sistema extraxudicial de resolución dos conflitos, ben remitindo o expediente aos órganos colexiais competentes para instruír os oportunos expedientes informativos ou disciplinarios, ben arquivando ou ben adoptando calquera outra decisión conforme co dereito.

Artigo 72. Da disolución do Colexio

1. A disolución do Colexio debe ser aprobada en Xunta Xeral, cos votos favorables dos dous terzos das persoas presentes na Xunta, con dereito a voto.

2. No suposto de disolución do Colexio, o patrimonio destinarase, en primeiro lugar, a cubrir o pasivo. O activo sobrante pasará ao colexio oficial de químicos que pase a realizar as funcións propias no ámbito territorial do Colexio Oficial de Químicos de Galicia, ou ao Consello Xeral de Colexios Oficiais de Químicos de España e, no caso de non existiren estas entidades xurídicas, ás entidades públicas ou privadas cuxo fin sexa o máis próximo ao do Colexio Oficial de Químicos de Galicia.

Disposición adicional primeira

Aqueles puntos non recollidos nos presentes estatutos, que poidan afectar a colexiación química ou a actividade dos seus colexiados, rexeranse polos estatutos do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Químicos de España.

Disposición adicional segunda

A Xunta Directiva poderá establecer acordos de colaboración con asociacións químicas que considere oportunos. Os devanditos acordos terán que aprobarse en Xunta Xeral ordinaria ou extraordinaria.

Disposición transitoria

Mentres a Xunta Xeral non aprobe os regulamentos de desenvolvemento dos presentes estatutos, a Xunta Directiva poderá adoptar os acordos que considere oportunos para o axeitado funcionamento do Colexio, por un prazo máximo dun ano e sen que os devanditos acordos poidan limitar os dereitos dos colexiados.