BDNS (Identif.): 490282.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 11 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans).
Primeiro. Beneficiarios
Poden participar no certame os centros educativos de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial de Galicia.
Segundo. Obxecto e finalidade
O certame ten por obxecto difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial de Galicia, impulsando a realización de actividades de fomento do cooperativismo nos centros educativos.
Poden presentarse traballos nas seguintes modalidades:
a) Actividades artísticas, tales como debuxos, pinturas, maquetas, fotografías ou vídeos, dirixida ao alumnado dos centros de educación infantil, primaria e educación especial.
b) Actividades cooperativizadas, dirixida ao alumnado dos centros de educación secundaria obrigatoria e educación especial.
c) Proxectos empresariais cooperativos, dirixida ao alumnado dos centros de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 3 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do certame Cooperativismo no ensino, dirixido ao alumnado dos centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TR802O) (http://ceei.xunta.gal).
Cuarto. Contía
O orzamento total ascende a vinte e oito mil euros (28.000,00 €).
Na modalidade de actividades artísticas concederanse un total de catro premios ao mellor traballo e catro accésits, por un importe de dous mil cincocentos euros (2.500,00 €) e mil cincocentos euros (1.500,00 €), respectivamente.
Na modalidade de actividades cooperativizadas concederase un total dun premio ao mellor traballo e dun accésit, por un importe de dous mil cincocentos euros (2.500,00 €) e mil cincocentos euros (1.500,00 €), respectivamente.
Na modalidade de proxectos empresariais cooperativos concederase un premio ao mellor proxecto e un premio ao proxecto finalista, por un importe de catro mil cincocentos euros (4.500,00 €) e tres mil cincocentos euros (3.500,00 €), respectivamente.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes e dos traballos remata o 30 de abril de 2020. Non obstante, se o período de presentación resulta inferior a un mes, as solicitudes e os traballos poderán presentarse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Sexto. Outros datos
Os importes dos premios correspondentes ás modalidades de actividades artísticas e de actividades cooperativizadas serán aboados aos centros de ensino, que deberán destinalos á adquisición de material didáctico, audiovisual, informático ou deportivo, ou á realización dunha actividade formativa, deportiva ou cultural dirixida ao alumnado do centro.
Os importes dos premios correspondentes á modalidade de proxectos empresariais cooperativos serán aboados ás persoas autoras do proxecto.
Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2019
Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria