Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Martes, 31 de decembro de 2019 Páx. 56038

I. Disposicións xerais

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

ORDE do 18 de decembro de 2019 pola que se regula a tarifa específica Xente Nova no transporte público interurbano da competencia da Xunta de Galicia.

A Xunta de Galicia, xunto coas administracións municipais das principais áreas urbanas de Galicia, puxo en marcha o Plan de transporte metropolitano de Galicia (PTMG), consistente nun conxunto de programas dirixidos a potenciar a utilización do transporte público colectivo. Un dos eixes de actuación prioritarios deste PTMG é o programa de integración tarifaria, a través da ordenación da oferta de transporte e o abaratamento do custo por viaxe ás persoas usuarias.

A política tarifaria aplicada no eido do Plan de transporte metropolitano de Galicia supón unha especialidade respecto do marco tarifario xeral previsto no eido da nosa comunidade autónoma. Esta especialidade baséase en que se trata dun programa específico destinado a fomentar o uso do transporte público e afecta as tarifas aplicables ás persoas usuarias.

O tempo transcorrido desde a implantación destes programas puxo de manifesto a súa favorable acollida por parte das persoas usuarias, facilitando a consolidación neses ámbitos dun sistema de transporte público colectivo cun maior nivel de calidade e eficiencia. Ademais, as medidas previstas no dito plan foron reforzadas a partir do ano 2016 coa implantación dunha tarifa específica dirixida ás persoas menores de 19 anos, a tarifa Xente Nova.

Xa que logo, cómpre incidir novamente nestas medidas, nun dobre sentido. Por unha parte, cómpre revisar o ámbito de idade da xente nova que pode acceder a esta tarifa, ampliando o abano daquelas idades para incluír ao conxunto de poboación abranguida entre os 4 e os 20 anos, incluídos.

Por outra parte, o acerto destas medidas xunto coas previsións dos novos contratos de concesión de servizos públicos de transporte regular interurbano de uso xeral que a Xunta de Galicia implantará en desenvolvemento do Plan de transporte público de Galicia favorecen a extensión desta medida ao conxunto do territorio da Comunidade Autónoma, expansión que se prevé nesta orde, habilitando ao centro directivo competente en materia de transportes para que efectúe a necesaria programación desta implantación progresiva.

Para tal fin, recóllense nesta disposición o conxunto de regras que garantan a aplicación da nova tarifa Xente Nova nos medios de transporte, na dobre vertente dos dereitos e das obrigas das persoas beneficiarias desta tarifa.

En virtude do exposto, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto desenvolver a regulación dunha tarifa específica aplicable ao colectivo de persoas usuarias do transporte público regular interurbano de uso xeral incluídas na categoría de Xente Nova. Para os efectos desta orde, terán a consideración de Xente Nova as persoas usuarias do transporte público regular interurbano de uso xeral por estrada con idades comprendidas entre os 4 e os 20 anos de idade, inclusive.

A tarifa establecida consonte co anterior, terá a denominación de tarifa «Xente Nova».

Artigo 2. Tarifa aplicable á Xente Nova

Á Xente Nova que cumpra cos requisitos establecidos nesta orde aplicaráselle unha tarifa de cero euros (0,00 €) nas viaxes interurbanas realizadas en servizos de transporte público regular de viaxeiros/as por estrada de uso xeral da competencia da Xunta de Galicia, cun número máximo de sesenta (60) viaxes mensuais por persoa usuaria, e de acordo coas condicións de funcionamento establecidas nesta orde.

Artigo 3. Medio de pagamento requirido para a aplicación da tarifa Xente Nova

O medio de pagamento requirido para a aplicación da tarifa Xente Nova é a Tarxeta do transporte Xente Nova (en diante, Tarxeta Xente Nova).

Artigo 4. Requisitos para o acceso a unha Tarxeta Xente Nova

1. Pode ser titular dunha Tarxeta Xente Nova calquera persoa con idade comprendida entre os 4 e os 20 anos de idade, inclusive. Unha persoa só pode ser titular dunha única Tarxeta Xente Nova.

2. A emisión da tarxeta realizarase nas oficinas distribuidoras da Tarxeta do transporte da/das entidade/s financeira/s que colaboren no proxecto. A xestión das substitucións ou cancelacións das tarxetas realizaranse igualmente nas oficinas distribuidoras da Tarxeta do transporte da/das entidade/s financeira/s que colaboren no proxecto.

Para organizar a xestión da Tarxeta Xente Nova, a/as entidade/s financeira/s colaboradora/s porán á disposición das persoas interesadas unha aplicación informática que lles facilitará a posibilidade de solicitar unha cita previa para a xestión das altas de tarxetas en calquera das oficinas expendedoras; igualmente, a Administración poderá desenvolver, directamente ou a través da/das entidade/s financeira/s colaboradora/s, unha aplicación que facilite a xestión en liña da solicitude e obtención de novas tarxetas.

3. Para poder dispoñer dunha Tarxeta Xente Nova deberá dispoñerse e presentar na oficina distribuidora o DNI, NIF, pasaporte, NIE, tarxeta de residente ou outro documento análogo da persoa titular da tarxeta que acredite a súa idade e identidade.

Igualmente, cando a persoa titular da Tarxeta Xente Nova sexa menor de idade, deberá achegarse o libro de familia ou documento análogo que acredite a patria potestade ou tutela da persoa que actúe na súa representación, así como o DNI ou documentos análogos desta persoa representante.

Artigo 5. Procedemento de aplicación da tarifa Xente Nova

1. A persoa titular da Tarxeta Xente Nova aboará con cargo á súa tarxeta os desprazamentos que realice en calquera dos servizos interurbanos de transporte público regular de viaxeiros/as por estrada de uso xeral da competencia da Xunta de Galicia. Sen prexuízo da posibilidade de utilización da Tarxeta Xente Nova para o pagamento dun maior número de viaxes, ou de viaxes doutra natureza, a tarifa Xente Nova dará dereito ao reintegro do 100 % do importe aboado polos servizos aos cales lles resulta de aplicación, ata un máximo de 60 viaxes mensuais.

2. A Administración procesará os datos das viaxes pagadas coa Tarxeta Xente Nova en períodos quincenais, co fin de calcular os datos dos reintegros que deben operar respecto de cada tarxeta. Coa finalidade de facilitar a recepción da totalidade das transaccións realizadas nos medios de transporte, o dito cálculo realizarase a partir do décimo día natural posterior ao peche do correspondente período quincenal, logo do cal, os días 5 e 20 de cada mes poranse á disposición das persoas titulares destas tarxetas os reintegros que lles correspondan para a súa aceptación nos caixeiros da/s entidade/s financeira/s colaboradora/s.

3. As persoas usuarias disporán dun prazo de dous meses para aceptar o reintegro desde a data en que este se pon á súa disposición. No caso de non aceptar a recarga dentro do devandito prazo, esta recarga caducará e perderán o dereito a percibila. As persoas titulares poderán consultar en calquera momento o estado das súas recargas na páxina web: http://tmg.xunta.gal/consulta-tarxeta.

Artigo 6. Obrigas das persoas titulares da Tarxeta Xente Nova

1. A Tarxeta Xente Nova será de uso exclusivo da súa persoa titular, quen se responsabiliza da súa custodia e correcto uso, estando obrigada a comunicar á entidade financeira en que se expedise a súa perda ou deterioración para proceder á súa substitución ou anulación. O uso dunha Tarxeta Xente Nova por unha persoa distinta da súa titular dará lugar á súa anulación e á perda do dereito á aplicación da tarifa Xente Nova.

2. No suposto de perda ou subtracción da tarxeta, será obriga da súa persoa titular, ou da persoa que a represente, a comunicación deste feito á entidade financeira colaboradora que corresponda. Nos casos de perda ou subtracción, a entidade financeira procederá á baixa da tarxeta, co que non resultará posible realizar operacións de recarga nela, logo do que poderá solicitarse a expedición dunha Tarxeta Xente Nova en substitución daquela.

Non se expedirá unha nova Tarxeta Xente Nova en substitución daquelas que fosen anuladas por incumprir os deberes que corresponden ás persoas titulares e, especificamente, as que fosen anuladas pola súa utilización por persoa diferente da súa titular sen comunicación previa da súa subtracción ou perda.

3. Para os efectos de facilitar os labores de control realizados por parte das empresas prestatarias dos servizos de transporte ou da Administración, as persoas titulares da Tarxeta Xente Nova deberán ir provistas durante a realización da viaxe dun documento acreditativo da idade e identidade (DNI ou análogo). As persoas titulares da Tarxeta Xente Nova están obrigadas a amosar os documentos acreditativos da idade e identidade no suposto de que sexan requiridas para tales efectos por parte do persoal da empresa de transporte ou das persoas que realicen os labores de control por parte da Administración ou en colaboración coa Administración. A negativa a facilitar o dito documento de identificación ao persoal da Administración, ou ao de condución ou inspección da empresa de transporte, ou a imposibilidade de o facer, resultará equivalente en todo caso a un uso da Tarxeta Xente Nova por persoa distinta da súa titular.

Artigo 7. Extinción do dereito á tarifa Xente Nova

1. Toda vez que a persoa titular da Tarxeta Xente Nova cumpra os 21 anos de idade, perderá o dereito a beneficiarse da tarifa Xente Nova. A entidade financeira emisora bloqueará a tarxeta para a admisión de calquera recarga que non sexa remitida pola Administración, sen prexuízo da posibilidade de seguir empregando a tarxeta coas tarifas ordinarias que resulten de aplicación para un pagamento con tarxeta de transporte, ata o esgotamento do saldo dispoñible.

2. O saldo da Tarxeta Xente Nova poderá transferirse a unha tarxeta de uso xeral para o seu consumo en transporte. Esta operación só pode efectuarse respecto da mesma persoa titular e sempre que esta non reúna os requisitos para poder beneficiarse dunha Tarxeta Xente Nova. Agás en supostos excepcionais de necesidade económica valorados previamente e autorizados pola Administración, o saldo da Tarxeta Xente Nova non poderá ser recuperado en efectivo.

Disposición adicional primeira. Disposicións complementarias aplicables á Tarxeta Xente Nova

No non regulado de forma expresa nesta orde, e en canto non se establezan por parte da dirección xeral competente en materia de transporte regras específicas aplicables ao sistema de transporte, resultarán de aplicación á tarifa Xente Nova as regras xerais de aplicación ao Plan de transporte metropolitano de Galicia e á tarxeta de transporte metropolitano de Galicia (TMG).

Disposición adicional segunda. Aplicación da tarifa Xente Nova nun sistema integrado de transportes

1. A tarifa Xente Nova prevista nesta norma resultará de aplicación tamén a aqueloutros servizos de transporte público, diferentes aos previstos no artigo 2 desta orde e que non se configuren como servizos públicos da competencia doutras administracións, que se desenvolvan como parte do sistema integrado de transportes de Galicia, como os servizos de transporte público regular de viaxeiros/as de uso xeral en augas interiores de Galicia integrados na área de transporte metropolitano de Vigo.

2. A dirección xeral competente en materia de transportes, logo da tramitación contable que resulte de aplicación, poderá acordar a aplicación da tarifa Xente Nova a outros servizos de transporte diferentes dos previstos no artigo 2 e na epígrafe anterior desta disposición, que formen parte do sistema de transporte público de Galicia.

Disposición adicional terceira. Innovación tecnolóxica

Mediante resolución da dirección xeral competente en materia de transportes, poderá acordarse a habilitación doutros medios tecnolóxicos equivalentes que complementen ou, incluso, substitúan a Tarxeta Xente Nova como medio tecnolóxico habilitado para a aplicación da tarifa Xente Nova.

Igualmente, a dita dirección xeral poderá acordar canles adicionais ou substitutorias das previstas nesta orde para a distribución e xestións relacionadas coa Tarxeta Xente Nova, ou medios tecnolóxicos que a complementen ou substitúan, se é o caso.

Disposición transitoria. Aplicabilidade da tarifa Xente Nova

1. A tarifa Xente Nova será de aplicación a partir da entrada en vigor da presente orde, mantendo a súa vixencia ata o 31 de decembro de 2020, prazo que poderá ser ampliado por resolución da dirección xeral competente en materia de transportes, logo da tramitación administrativa e contable pertinentes.

2. Sen prexuízo do indicado no punto anterior, a expansión territorial do ámbito de aplicación da tarifa Xente Nova efectuarase progresivamente. Así, dende a entrada en vigor desta orde, a tarifa Xente Nova resultará de aplicación nos servizos interurbanos de transporte público regular de viaxeiros/as por estrada de uso xeral que se desenvolvan no ámbito territorial das actuais áreas de transporte metropolitano da Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago de Compostela e Vigo.

A dirección xeral competente en materia de transportes acordará, logo da tramitación contable oportuna, as datas das sucesivas ampliacións deste ámbito territorial ata abranguer a totalidade da Comunidade Autónoma, consonte o posibilite a dispoñibilidade de sistemas de cancelación a bordo dos medios de transporte.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento e modificación

Habilítase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de transportes para ditar os actos de execución e interpretación que resulten oportunos en aplicación desta orde.

Igualmente, logo da tramitación administrativa e contable pertinentes, por resolución da persoa titular da dirección xeral competente en materia de transportes poderanse modificar as condicións económicas, o volume de utilización dos servizos de transporte aplicables na tarifa Xente Nova que establece esta orde, ou o abano de idade requirido para acceder á tarifa Xente Nova.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2020.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2019

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade