Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Martes, 24 de decembro de 2019 Páx. 54491

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 16 de decembro de 2019, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, convocado mediante a Orde do 1 de marzo de 2018 pola que se fan públicos a data, a hora e o lugar de realización do terceiro exercicio do proceso selectivo.

O tribunal nomeado por Orde do 31 de maio de 2019 (DOG núm. 107, do 7 de xuño) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, convocado mediante a Orde do 1 de marzo de 2018 (DOG núm. 48, do 8 de marzo), acordou, en sesión do 4 de decembro de 2019, solicitar da Dirección Xeral da Función Pública a ampliación do prazo establecido para a realización do terceiro exercicio nun máximo de vinte (20) días hábiles.

En sesión que tivo lugar o 11 de decembro de 2019, o tribunal acordou fixar, de conformidade co disposto na base II.1.2.6 da convocatoria, o día 14 de xaneiro de 2020 para a celebración do terceiro exercicio, sempre que fose atendida a solicitude a que se refire o parágrafo anterior.

Unha vez acordada a ampliación do prazo e publicada esta no DOG núm. 238, do 16 de decembro de 2019, comunícase que o terceiro exercicio terá lugar o 14 de xaneiro de 2020, en chamamento único que se iniciará ás 15.00 horas, nas aulas 6 e 7 da Facultade de Dereito de Santiago de Compostela.

Os/as aspirantes deberán ir provistos de DNI ou de documento fidedigno acreditativo da súa identidade, ao xuízo do tribunal, e de bolígrafo de tinta azul. Os aspirantes serán provistos de calculadora polo tribunal e quedará prohibido o uso de calculadoras distintas daquelas que lles faciliten.

Este exercicio consistirá en dúas probas.

A primeira delas consistirá na resolución por escrito dun cuestionario de dez (10) preguntas. A duración máxima da proba será de noventa (90) minutos.

A segunda proba consistirá na resolución, á escolla da persoa aspirante, de tres (3) supostos prácticos de dereito tributario ou de tres (3) supostos prácticos de dereito orzamentario. A duración máxima da proba será de cento vinte (120) minutos. Para o desenvolvemento desta segunda proba, as persoas aspirantes poderanse servir de textos legais sen comentarios; admitiranse as súas versións consolidadas, aquelas nas cales figuren notas de vixencia e/ou referencias cruzadas a outras normas e os subliñados simples sempre que non inclúan ningunha outra información, comentario doutrinal ou referencia xurisprudencial. Así mesmo, está expresamente prohibida a utilización de libros de consulta, das resolucións do presidente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas, e de temarios, informes ou ditames de calquera tipo.

Durante o desenvolvemento do exercicio, os membros do tribunal e o persoal colaborador poderán examinar o material que está a utilizar cada aspirante e comprobar que se axusta ao establecido no parágrafo anterior. O manexo de textos normativos distintos dos permitidos determinará a expulsión do aspirante.

Non se permitirá o acceso ás aulas en que se realice o exercicio con teléfonos móbiles, axendas electrónicas, reloxos intelixentes ou calquera outro material ou instrumento de que se poida valer o/a aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará ningún servizo de recollida de móbiles.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2019

Mª Sonia Lafont Sendino
Presidenta do tribunal