Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Xoves, 19 de decembro de 2019 Páx. 53739

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 5 de decembro de 2019, conxunta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se adxudican as axudas da Orde do 1 de outubro de 2019 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral (modalidade B) nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (convocatoria complementaria da realizada pola Orde do 28 de maio de 2019, Diario Oficial de Galicia número 111, do 13 de xuño) (código de procedemento IN606C).

A Orde do 1 de outubro de 2019 (DOG núm. 194, do 11 de outubro) establece as bases reguladoras e a convocatoria das axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral, modalidade B (convocatoria complementaria da realizada pola Orde do 28 de maio de 2019, Diario Oficial de Galicia número 111, do 13 de xuño) da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (en diante, Gain), en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva.

O obxecto desta convocatoria é outorgar axudas a aquelas entidades que obtiveron un contrato posdoutoral no ano 2016 da modalidade A a través da Gain e que, por circunstancias especiais, previstas no artigo 16 das bases da Orde do 18 de febreiro de 2016 (DOG núm. 44, do 4 de marzo), se lles concedeu un aprazamento da avaliación, o que determinou que non puidesen concorrer á convocatoria realizada pola Orde do 28 de maio de 2019 por non ter finalizado o antedito contrato.

O obxectivo é dar continuidade á súa carreira investigadora, mediante o financiamento dun contrato dun máximo de dous anos de duración, posibilitando un perfeccionamento na súa formación e o establecemento dunha liña de investigación propia que lles permita, nun futuro, consolidar a súa traxectoria.

No artigo 2 das bases da convocatoria determínase quen pode ser beneficiario e os requisitos que deben cumprir as persoas candidatas a estas axudas.

De acordo co establecido no artigo 9 desta convocatoria, a instrución do procedemento de concesión destas axudas correspondeulle á Gain. Unha vez analizadas as solicitudes, sen que ningunha das entidades solicitantes fose requirida para emendar erros ou falta de documentos, a persoa titular da dirección da Gain ditou unha resolución pola que se aprobaron as listas definitivas das solicitudes admitidas e excluídas, publicadas na internet no enderezo http://gain.xunta.gal.

A única solicitude admitida foi ponderada por un equipo avaliador formado por persoas expertas de fóra do Sistema de I+D+i galego, coa colaboración da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), a partir da documentación indicada no artigo 6 das bases da convocatoria e segundo o baremo que se indica no artigo 10 das bases.

O resultado desta avaliación entregóuselle á comisión de selección definida no artigo 11 das bases da convocatoria, que elaborou un informe para os órganos instrutores en que se propón non conceder a axuda á única solicitude presentada debido a que non alcanzou a puntuación mínima establecida no artigo 11 das bases da convocatoria, nin tampouco a puntuación igual ou superior a 75 puntos estipulada no artigo 5 do anexo II da Orde do 28 de maio de 2019.

A competencia para resolver estas axudas correspóndelle conxuntamente á persoa titular da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e á persoa titular da Presidencia da Gain, de acordo co artigo 12 das bases da convocatoria.

En consecuencia, de acordo co establecido no artigo 10 das bases da convocatoria e atendendo á proposta de concesión elevada polos órganos instrutores a partir do informe da comisión de selección reunida o día 22 de novembro de 2019, a través da Secretaría Xeral de Universidades e da Gain,

RESOLVEMOS:

Primeiro. Denegar a axuda á única solicitude presentada pola Fundación Profesor Novoa Santos porque obtivo unha nota de avaliación de 61 puntos, inferior á puntuación mínima establecida polo artigo 11 das bases da convocatoria, e tamén inferior á puntuación mínima de 75 puntos estipulada no artigo 5 do anexo II da Orde do 28 de maio de 2019.

Segunda. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da presidencia da Gain no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade cos artigos 19 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2019

Carmen Pomar Tojo

Francisco Conde López

Conselleira de Educación, Universidade

Conselleiro de Economía, Emprego e

e Formación profesional

Industria e presidente da Axencia Galega

de Innovación