Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Mércores, 18 de decembro de 2019 Páx. 53579

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 29 de novembro de 2019 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Ribadavia.

O Concello de Ribadavia eleva, para a súa aprobación definitiva, o expediente do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) consonte o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), en relación coa D.T.2ª.1) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

Analizada a documentación achegada, e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes:

1. O Concello de Ribadavia dispón, na actualidade, dunhas normas subsidiarias de planeamento municipal, aprobadas definitivamente o 28.10.1986.

2. Constan informes municipais técnico (16.3.2016), da secretaría (15.3.2016) e a Intervención (16.3.2016).

3. O Pleno do Concello de Ribadavia, en sesión do 30.10.2008, aprobou inicialmente o PXOM; que foi sometido a información pública, mediante anuncios no DOG do 18.11.2008 e nos xornais Faro de Vigo do 14.11.2008 e La Voz de Galicia do 13.11.2008.

4. Deuse audiencia aos concellos limítrofes e solicitáronse informes aos distintos organismos sectoriais, e obtívose resposta de:

• Administrador de Infraestruturas Ferroviarias e Secretaría Xeral de Infraestruturas do Ministerio de Fomento.

• Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.

• Dirección Xeral de Estradas do Ministerio de Fomento.

• Delegación do Goberno.

• Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

• Augas de Galicia.

• Axencia Galega de Infraestruturas.

• Deputación Provincial de Ourense.

• Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

• Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

• Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

• Xefatura Territorial de Ourense da Consellería de Economía e Industria.

• Dirección Xeral de Ordenación e Producción Forestal da Consellería do Medio Rural.

• Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda.

• Banco de Terras de Galicia da Consellería do Medio Rural.

5. O 16.11.2015 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a memoria ambiental correspondente ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica do PXOM de Ribadavia (DOG do 16.12.2015).

6. O Pleno do Concello de Ribadavia, en sesión do 16.3.2016, aprobou provisionalmente o PXOM.

7. Conforme o disposto no artigo 85.7 da LOUG, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo requiriu de deficiencias documentais o 6.5.2016. O 4.11.2016 o Concello achegou a nova documentación complementaria.

8. O 6.2.2017 a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio emitiu a orde que denegou a aprobación definitiva do PXOM, sinalando deficiencias.

9. O 31.5.2018 o Concello aprobou provisionalmente de novo o PXOM e o remitiu á Consellería o 22.6.2018. En datas do 11.7.2018 e do 3.9.2018 a Consellería formulou requirimentos de integridade documental, formalizadas polo concello en datas do 3.8.2018, 7.8.2019, 12.8.2019 e 20.8.2019 respecto da nova aprobación plenaria do 29.7.2019.

II. Análise e consideracións:

Logo de analizar a documentación do PXOM de Ribadavia, elaborada por Consultora Galega, S.L.U., en maio de 2017 e identificada coa dilixencia de aprobación provisional do 29.7.2019, e co obxecto de comprobar o cumprimento das consideracións sinaladas na Orde da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio do 6.2.2017, resulta:

II.I. Tramitación:

A D.T.2ª.1) da LSG dispón que os plans aprobados provisionalmente antes da entrada en vigor desa lei poderán continuar a súa tramitación ata a súa aprobación definitiva a teor do disposto na LOUG.

En relación cos informes sectoriais preceptivos, detéctase as seguintes deficiencias:

• Na ficha do UNDI-3 deberá incorporarse a condición imposta no informe do Ministerio de Fomento do 3.7.2019.

• O PXOM tamén deberá incorporar as determinacións exixidas polos informes do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Digital.

II.2. Clasificación e determinacións nas distintas clases de solo:

II.2.1. Solo urbano:

1. Atendendo á información recollida no propio PXOM, non se acredita que a parte das áreas de repartición R9 e R12, fóra da actual delimitación do solo urbano do núcleo de Ribadavia, reúnan os requisitos para seren clasificadas como solo urbano, de acordo co disposto no artigo 11 da LOUG.

2. Existen áreas de solo urbano consolidado en que se prevé a apertura de novas vías, a transformación en rúas dos camiños existentes ou a delimitación de terreos que non teñen a condición de soar nin a poden acadar con obras de escasa entidade realizables simultaneamente coa edificación, así como terreos urbanizados á marxe do planeamento ou que carecen dos servizos e a consolidación exixibles, polo que, de acordo co artigo 12.b) da LOUG deben ser clasificados como solo urbano non consolidado ou prever as correspondentes actuacións illadas reflectidas nos documentos do plan (planos, estratexia e estudo económico):

– Núcleo de San Cristovo:

• Na área de repartición R-15 deberá incluírse a fronte do polígono lindeira coa rúa Campo de Fútbol e ata a conexión coa estrada OU-504.

– Núcleo de Ribadavia:

• Terreos ao sur da estrada Ribadavia-Francelos con ordenanza ES-2 e ES-3, nos cales se prevé a apertura de novas vías e onde sería necesario prever as correspondentes actuacións illadas ou eliminalas.

• Ao Norte de Francelos, a vía con rotonda prevista ao leste do camiño Lucía deberá ser eliminada ou prever a correspondente actuación illada.

3. Na ordenación do solo urbano, cómpre eliminar da ordenanza EI coa salvidade referida aos usos preexistentes no núcleo de San Paio, onde só se admitirán os graos 1 e 2.

II.2.2. Solo de núcleo rural:

Ao abeiro do establecido nas determinacións 3.1.10 e 3.1.11 das DOT, deberán eliminarse as zonas de núcleo rural común vacantes ao leste do NR-06 Ventosela.

II.3. Outras observacións:

Deberá refundirse a documentación técnica achegada desde o 3.8.2018 nos sucesivos envíos do concello. A última versión do PXOM (rexistro entrada do 20.8.2019) non inclúe as fichas dos núcleos rurais nin as fichas dos ámbitos de desenvolvemento.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

III. Resolución:

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente o Plan xeral de ordenación municipal do concello de Ribadavia, con suxeición ao cumprimento das condicións sinaladas anteriormente e deixando en suspenso os ámbitos das áreas de repartición R9 e R12.

O concello deberá achegar un documento refundido que dea cumprimento ás ditas condicións.

2. No eido dos dous ámbitos R9 e R12 suspendidos, o Concello deberá introducir as correccións necesarias e, tras da súa aprobación plenaria, elevalos novamente ante esta consellería para a súa aprobación definitiva.

3. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

4. Notifíquese esta Orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ribadavia, 29 de novembro de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda