Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Mércores, 18 de decembro de 2019 Páx. 53562

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 5 de decembro de 2019 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Luzes.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Luzes, con domicilio na rúa Santa Luisa de Marillac, número 9, na Coruña.

Feitos:

1. O 12 de xuño de 2019 Juan Janeiro Vilaboa, secretario do padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Luzes foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña o 7 de maio de 2019, ante o notario Raúl Muñoz Maestre, co número de protocolo 2.056, por Manuel Emiliano Bragado Rodríguez, Manuel Rivas Barrós, Xosé Manuel Carlos Pereiro Sánchez, Ana Luísa Bouza Santiago, Xoán Antón Pérez Lema López, Xesús Manuel Vega Buján, Juan Janeiro Vilaboa, Ana María Pumares Pita, Víctor Francisco Sampedro Blanco e María Isabel Romero Barciela, que actúan no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto «o fomento e difusión da cultura galega, o estudo e investigación sobre a sociedade galega, a promoción do debate público e de elaboración de propostas e retos de Galicia».

4. O padroado inicial da fundación está formado por Manuel Emiliano Bragado Rodríguez como presidente; Juan Janeiro Vilaboa como secretario; Xesús Manuel Vega Buján como tesoureiro; e Manuel Rivas Barrós, Xosé Manuel Carlos Pereiro Sánchez, Ana Luísa Bouza Santiago, Xoán Antón Pérez Lema López, Ana María Pumares Pita, Víctor Francisco Sampedro Blanco e María Isabel Romero Barciela como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Luzes, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura e Turismo.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 2 de decembro de 2019.

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Luzes e adscribila ao protectorado da Consellería de Cultura e Turismo.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2019

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza