Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Venres, 13 de decembro de 2019 Páx. 52894

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 12 de decembro de 2019 pola que se establecen as condicións dunha emisión de obrigacións da Comunidade Autónoma de Galicia por importe de 50 millóns de euros.

Con base co artigo 37.3 da Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, autorízase a persoa titular da Consellería de Facenda para formalizar operacións de endebedamento mediante a emisión de débeda pública, a concertación de créditos ou calquera outro instrumento financeiro dispoñible no mercado.

Así mesmo, no artigo 33 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, establécese que as emisións de débeda pública ou operacións de crédito que realice a Comunidade terán que ser autorizadas, en todo caso, polo conselleiro de Economía e Facenda dentro dos límites sinalados pola lei, á que lle corresponderá, así mesmo, autorizar as súas características técnicas e o seu tipo de xuro, se estes non fosen determinados pola súa lei de creación. A devandita facultade correspóndelle na actualidade ao conselleiro de Facenda, en virtude do Decreto 88/2018, do 26 de setembro, de estrutura orgánica da Xunta de Galicia e do Decreto 30/2017, do 30 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda.

Mediante Acordo do Consello de Ministros do 22 de novembro de 2019 outorgouse a autorización establecida no artigo 14.3 da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas. Así mesmo, o 3 de decembro de 2019, mediante resolución da Dirección Xeral do Tesouro e Política Financeira, concedéuselle autorización específica da Secretaría Xeral do Tesouro e Financiamento Internacional para cumprir o establecido na Resolución do 4 de xullo de 2017, de prudencia financeira. Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo único

Autorízase un novo tramo (tramo 2), por un importe nominal de 50 millóns de euros, da emisión de débeda pública da Comunidade Autónoma de Galicia (a emisora), por un importe nominal de 200 millóns de euros, emitida o 12 de decembro de 2019, cun xuro do 0 %, prezo da emisión do 99,80 % e amortización dunha soa vez ao par na data de vencemento, 12 de decembro de 2023 (código ISIN ES0001352576).

A data de amortización, así como o tipo de xuro nominal e demais condicións deste novo tramo da emisión de débeda pública que autoriza a presente orde, será a mesma que se estableceu na Orde do 10 de decembro de 2019 pola que se establecen as condicións da emisión de obrigas da Comunidade Autónoma de Galicia por importe de 200.000.000 euros (Diario Oficial de Galicia núm. 236, do 12 de decembro), coas seguintes excepcións:

Importe nominal da emisión: cincuenta (50) millóns de euros.

Data de emisión e desembolso: 13 de decembro de 2019.

Prezo de emisión por obrigación: 99,609 % do importe nominal de cada obrigación.

Entidade colocadora: BANKIA.

Disposición derradeira

Esta orde terá efectos desde o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2019

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda