Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Martes, 26 de novembro de 2019 Páx. 50166

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 15 de novembro de 2019 pola que se convoca o curso monográfico Violencia de xénero na adolescencia.

Aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2019, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar o curso monográfico Violencia de xénero na adolescencia, de acordo coas bases que se indican a seguir:

1. Obxectivos.

A formación presentada neste curso monográfico pretende contribuír á incorporación da perspectiva de xénero nas tarefas que desenvolve o persoal empregado público nos diferentes ámbitos, poñendo o foco na forma en que a violencia de xénero afecta as mulleres adolescentes.

Búscase fomentar o coñecemento e a análise crítica necesaria para a identificación das desigualdades, discriminacións e violencias explícitas existentes contra as adolescentes, de xeito que se posibilite a incorporación destes coñecemento ás actuacións públicas e se facilite o desenvolvemento de estratexias de prevención, detección e intervención.

Como obxectivos principais desta actividade poden destacarse os seguintes:

– Formar as persoas participantes nos conceptos básicos sobre desigualdade e discriminación entre mulleres e homes.

– Dotar as persoas participantes de ferramentas de análise da realidade desde unha perspectiva de xénero, que permita a detección de desigualdades no ámbito público e privado.

– Previr a violencia de xénero a través de formación específica sobre as violencias de xénero, a súa raíz na socialización de xénero e os seus mecanismos de transmisión ao persoal da Administración pública, o cal servirá, posteriormente, como axente de transformación social no seu ámbito concreto de traballo.

– Fomentar a toma de conciencia sobre a importancia dos modelos referenciais no desenvolvemento e tolerancia de condutas violentas nos e nas adolescentes.

– Detectar e deconstruír mitos que dificultan a identificación dos casos de violencia de xénero entre adolescentes.

– Fomentar unha análise crítica da influencia das redes sociais e da internet no desenvolvemento de condutas violentas entre adolescentes. Dotar de ferramentas as persoas asistentes para comprender o cambio de paradigma vivido nas relacións sociais coa irrupción das TIC.

– Ofrecer ferramentas de análise para a identificación das condutas violentas máis habituais entre adolescentes, así como dos síntomas de que estas se estean producindo en rapazas e rapaces.

– Fomentar a identificación de violencias de xénero, calquera que sexa a súa forma, e ofrecer algunhas ferramentas de intervención primaria en casos de violencia de xénero.

Esta actividade formativa en materia de violencia de xénero está a ser financiada con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero (Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade).

2. Contidos.

A formación estará dividida en 4 sesións, enfocadas a traballar as seguintes temáticas:

– Violencia contra as mulleres:

• Conceptos introdutorios.

• Tipos e modalidades de violencia de xénero.

• Mitos e realidades arredor da violencia de xénero.

• Notas sobre a lexislación galega, española e europea.

– Violencia contra as adolescentes na parella:

• O amor romántico na construción das relacións sexo-afectivas adolescentes.

• Análise da construción e consolidación de masculinidades tóxicas en rapaces adolescentes.

• Características da idade que fomentan a aparición e tolerancia de condutas violentas contra as adolescentes.

• Características da idade que dificultan a detección dos casos de violencia contra as adolescentes.

– Violencias sexuais contra as adolescentes:

• A violencia sexual como mecanismo de poder e control contra as mulleres.

• O terror sexual e o impacto desta construción social na saúde sexual, emocional e psicolóxica das adolescentes.

• Análise do incremento da violencia sexual entre menores.

– Violencias contra as adolescentes nas redes sociais e na internet:

• Características dos medios dixitais que posibilitan, fomentan ou aumentan a violencia contra as adolescentes.

• Modalidades de violencias sexuais e psicolóxicas contra as adolescentes.

• Consentimento.

3. Persoas destinatarias.

O curso está dirixido ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, das administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, dos seus entes instrumentais, da Administración de xustiza e das universidades do Sistema universitario de Galicia.

4. Desenvolvemento.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Datas: 9, 10, 11 e 12 de decembro de 2019.

Horario de tarde: 16.00 a 19.30 horas.

Duración: 14 horas lectivas.

5. Número de prazas: 50.

6. Inscrición.

1º. A inscrición nesta actividade formativa só poderá realizarse vía telemática accedendo ao enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2º. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo cos requisitos de selección establecidos no punto 3 desta convocatoria.

3º. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

4º. O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 2 de decembro de 2019.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 horas ata as 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 39-981 54 62 41.

7. Comprobación de datos.

1º. Para a tramitación do procedemento consultaranse os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección desta actividade formativa.

2º. A presentación da solicitude comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

3º. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, coa indicación expresa a este respecto, no que deberán achegar a documentación que acredite a Administración a que pertenzan, a súa situación administrativa e o tipo de persoal.

8. Criterios de selección.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes.

9. Publicación das listaxes do alumnado seleccionado.

A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar neste curso monográfico, así como un número adecuado de reservas, no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda ou atópanse excluídas de acordo co disposto no punto segundo, ordinal 6º, da Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

10. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

1º. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2º. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada, enviando un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, cunha antelación mínima de tres días anteriores ao comezo da actividade formativa, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas letras a) e b) pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia desta actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

11. Facultades da EGAP.

1º. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización, nese caso empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2º. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

12. Certificado de asistencia oficial.

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2019

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública