Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Mércores, 20 de novembro de 2019 Páx. 49418

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 11 de novembro de 2019 pola que se acorda a cesión en propiedade da embarcación Serra Barbanza, propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia, á Asociación Cultural e Deportiva Bielas Sport.

O Decreto 168/2015, do 13 de novembro (DOG núm. 221, do 19 de novembro), modificado polo Decreto 39/2018, do 5 de abril (DOG núm. 78, do 23 de abril), polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, dispón que esta é o órgano da administración da Comunidade Autónoma ao cal lle corresponde propor e executar as directrices xerais do Goberno en materia de ordenación pesqueira en augas interiores, marisqueo, acuicultura, confrarías de pescadores/as e demais organizacións e asociacións dos/das profesionais do sector, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española.

A Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 82, permite a cesión gratuíta de bens da Comunidade Autónoma a outras administracións públicas, fundacións públicas e entidades sen ánimo de lucro, sempre que se dediquen a fins de utilidade pública ou interese social; queda así obrigado o cesionario a destinar os bens ao fin expresado no correspondente acordo.

A Asociación Cultural e Deportiva Bielas Sport de Ribeira, con CIF G70036249 e inscrita no Rexistro de Asociacións co número 2004-7279-1, a través de escritos do 31.5.2019, 5.7.2019, 9.7.2019 e 26.9.2019, solicitou a cesión en propiedade dunha embarcación.

A referida asociación destinará a embarcación a fins de utilidade pública ou interese social e de xeito especial, a actividades de apoio e seguridade en eventos náutico-deportivos (regatas, competicións de wíndsurf, travesías a nado...), así como á colaboración en emerxencias marítimas de ámbito local.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 27, números 15 e 29, do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1

Acórdase a cesión en propiedade do seguinte ben á Asociación Cultural e Deportiva Bielas Sport de Ribeira:

Nome da embarcación: Serra Barbanza.

Matrícula: 8ªVI 5-2-91.

Eslora: 13 m.

Manga: 3,80 m.

Puntal: 1,94 m.

Arqueo: 19,13 TRB.

Antigüidade: 1987.

Material casco: P.R.F.V.

2 motores: MAN D-2866 LE 405.

Sistema propulsor: Jets Hamilton Mod. HJ362 (2).

Artigo 2

O ben citado no artigo 1 atópase desafectado do servizo público por Resolución da Consellería do Mar do 4 de xuño de 2019.

Artigo 3

A cesión sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) De conformidade co establecido pola Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 82, o ben cedido destinarao a entidade cesionaria a fins de utilidade pública ou interese social e, de maneira especial, a actividades de apoio e seguridade en eventos náutico-deportivos (regatas, competicións de wíndsurf, travesías a nado...), así como á colaboración en emerxencias marítimas de ámbito local.

b) Coa cesión outórgase á Asociación Cultural e Deportiva Bielas Sport a propiedade do ben moble cedido.

c) Serán a cargo da entidade cesionaria todos os gastos da conservación e mantemento do ben moble cedido.

d) Tanto se o ben cedido non se aplicase aos fins sinalados, como se se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor do detrimento ou deterioración que sufrisen.

e) A entidade cesionaria realizará todos os trámites necesarios para o cambio de titularidade do ben cedido no rexistro marítimo da capitanía marítima correspondente, e correrán pola súa conta todos os gastos que estes orixinen.

Artigo 4

A cesión formalizarase mediante acta subscrita pola secretaria xeral técnica desta consellería ou funcionario/a en quen delegue, e nela deberá constar o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Artigo 5

Corresponde á Consellería do Mar verificar a aplicación do ben cedido sinalado no artigo 1 ao fin para o que é cedido e pode adoptar para isto cantas medidas sexan necesarias.

Disposición derradeira primeira

A Consellería do Mar, a través da Secretaría Xeral Técnica, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón nesta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2019

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar