Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Luns, 18 de novembro de 2019 Páx. 49001

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

DECRETO 147/2019, do 24 de outubro, polo que se declara ben de interese cultural a zona arqueolóxica de Castromao na parroquia de Santa María de Castromao no concello de Celanova (Ourense).

A zona arqueolóxica de Castromao, na parroquia de Santa María de Castromao, no concello de Celanova, comprende un conxunto de bens de diferente natureza situados no cumio e ladeiras do coto en que se localiza o castro de Castromao relacionados espacial e cronoculturalmente con el, que en conxunto configuran unha zona arqueolóxica na cal os diferentes ámbitos ilustran a evolución e a dinámica de ocupación continuada desde a primeira Idade de Ferro ata os nosos días.

Desde as primeiras mencións de Ramón Barros Silvelo no seu libro Antigüidades de Galicia (1875), pero en especial a partir dos anos 60 ata a actualidade, foi obxecto de sucesivas intervencións arqueolóxicas, que incluíron, ademais de escavacións, restauracións e consolidacións para a posta en valor. O interese científico dos materiais e a información proporcionada por estas actuacións xustifican que sexa un referente para a investigación arqueolóxica galega, xa que permitiron acadar un coñecemento máis profundo do xacemento e do seu contorno, o que resulta imprescindible para definir de xeito fundamentado o alcance da zona arqueolóxica e delimitar o espazo significativo a nivel patrimonial, estudos que se viron complementados pola realización dos traballos específicos de prospección arqueolóxica e documentación para a delimitación e declaración como ben de interese cultural da zona arqueolóxica de Castromao.

A xustificación do valor cultural sobranceiro desta zona arqueolóxica fundaméntase na súa importancia histórica, o seu potencial científico e o carácter representativo como un dos asentamentos castrexos máis antigos de Galicia. A zona arqueolóxica presenta unha longa evolución desde comezos da Idade de Ferro ata a Época Galaico-Romana e documenta unha ocupación continua sen lagoas desde o século VII a. C. ao II/III d. C., que se prolonga a través da Idade Media ata a actualidade. Ilustra, en consecuencia, a evolución da sociedade, do poboamento e da paisaxe entre a Protohistoria e a Idade Media neste contexto xeográfico.

A importancia histórica de Castromao vén avalada pola súa identificación como o oppidum de Coeliobriga, capital do pobo prerromano dos Coelerni, citado na Tabula Hospitalis atopada durante as escavacións de 1970 dirixidas por Xesús Ferro Couselo e Xaquín Lourenzo Fernández, que dá conta do pacto asinado por este pobo cun prefecto romano no ano 132 d. C.

Este achado, xunto coa mención no Padrón de Chaves e outras referencias, xustifican que os investigadores identifiquen Castromao con Coeliobriga, sendo a tábula un documento arqueolóxico único e de singular relevancia histórica.

Así pois, tendo en conta que se trata dun asentamento fortificado cunha ocupación asociada de época galaico-romana na súa ladeira, que se desenvolveu cara ao que hoxe é o núcleo rural tradicional de Castromao, e que o conxunto constitúe un lugar de relevante interese cultural, incluíndo os elementos que expresamente se sinalan como parte integrante da zona arqueolóxica, e caracterizado polo seus valores históricos e arqueolóxicos, que representan e ilustran a evolución da sociedade e da paisaxe cultural de Galicia na antigüidade, é polo que se considera que a categoría de zona arqueolóxica é a figura máis acaída para a eficacia do réxime de protección, que deriva da categoría de xacemento arqueolóxico, establecido no artigo 10.1. da Lei 5/2016, do 4 de maio, que o define como: «o lugar en que existen evidencias de bens mobles ou inmobles susceptibles de seren estudados con metodoloxía arqueolóxica, de interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, sempre que estea relacionado coa historia humana, ou antropolóxico».

Por tanto, tendo en conta que a Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e segundo o teor do disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural e, en exercicio desta, aprobouse a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

No artigo 8.2 da devandita Lei 5/2016, do 4 de maio, indícase que: «Terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei. Os bens de interese cultural poden ser inmobles, mobles ou inmateriais».

O artigo 10.1.d) da Lei 5/2016, do 4 de maio, define xacemento ou zona arqueolóxica como o lugar en que existen evidencias de bens mobles ou inmobles susceptibles de seren estudados con metodoloxía arqueolóxica, de interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, sempre que estea relacionado coa historia humana, ou antropolóxico».

Despois de actualizar a documentación dispoñible sobre traballos previos, solicitouse o informe sobre o seu valor sobranceiro ao Consello da Cultura Galega, á Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario e á Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, como órgano de asesoramento e órganos consultivos, respectivamente, segundo se establece no artigo 7 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. Todos eles emitiron informe positivo á proposta de incoación presentada.

O 27 de agosto de 2018, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu unha resolución pola que se incoaba o procedemento para declarar ben de interese cultural a zona arqueolóxica de Castromao, sito na parroquia de Santa María de Castromao no termo municipal de Celanova; publicada no Diario Oficial de Galicia número 171, do 7 de setembro de 2018, e se abría un período de exposición pública dun mes sen que se presentase ningunha alegación.

Á vista do anterior, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural acordou a incoación do procedemento de declaración como ben de interese cultural, pola resolución publicada no Diario Oficial de Galicia número 171, do 27 de agosto de 2018, e abriuse un período de exposición pública dun mes no cal non se presentaron alegacións. Na tramitación do expediente cumpríronse todos os trámites legalmente preceptivos de acordo coas disposicións vixentes.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura e Turismo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e catro de outubro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto

Este decreto ten por finalidade declarar ben de interese cultural a zona arqueolóxica de Castromao, na parroquia de Santa María de Castromao no concello de Celanova (Ourense), conforme o descrito no anexo I, e segundo a delimitación establecida no anexo II deste decreto.

Segundo. Inscrición

Esta declaración inscribirase no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e comunicarase ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Terceiro. Publicidade

Este decreto publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Cuarto. Notificación

Este decreto polo que se declara ben de interese cultural a zona arqueolóxica de Castromao notificarase ao concello de Celanova e ás persoas interesadas.

Quinta. Recursos

Contra este acto, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poden interpoñer potestativamente recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación ante o órgano que ditou o acto ou, directamente, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Eficacia

Este decreto terá eficacia desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Incorporación ao planeamento municipal

A entrada en vigor deste decreto obriga ao Concello de Celanova a incorporalo ao seu planeamento urbanístico xeral e incorporar as determinacións específicas para a súa protección e conservación, nas condicións establecidas no artigo 35.5 e na disposición transitoria cuarta da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de outubro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo

ANEXO I

Descrición do ben

1. Denominación: zona arqueolóxica de Castromao.

2. Localización:

• Lugar: Castromao.

• Parroquia: Santa María de Castromao.

• Concello: Celanova.

• Provincia: Ourense.

• Coordenadas centrais UTM ETRS89 FUSO 29: X: 584.495, Y: 4.668.210.

3. Descrición:

O hábitat castrexo de Castromao presenta unha ocupación continuada que abrangue desde o S. VII a. C. ao II d. C., ben que, segundo os investigadores, a presenza dun petróglifo con coviñas sobre un penedo en que se apoia a muralla na parte inferior SE do castro podería ser indicativa dunha fase de ocupación anterior. Por outra parte, a documentación monástica de Celanova testemuñaría que a ocupación en época galaico-romana se prolongou na Idade Media no núcleo tradicional de Castromao, continuando ata hoxe. En Castromao o recinto habitacional aséntase nun outeiro penedoso que obriga a socalcar todas as vertentes.

A súa parte superior ou croa presenta dous chanzos onde se localizaron estruturas levantadas con materiais perecedoiros, pertencentes á fase de ocupación máis antiga do castro.

Desde a croa, a estrutura urbana organízase en sucesivas plataformas de nivelación descendentes, amparadas por muros de contención sobre afloramentos. A última plataforma inferior está cinguida por unha muralla que, segundo os investigadores, sería o primeiro elemento construído, e que se reformou posteriormente en dúas fases diferenciadas. O único acceso coñecido localízase na vertente sur do castro. Nos anteditos socalcos dispóñense as construcións feitas en cachotaría de granito: vivendas de planta circular, cadradas, rectangulares, con esquinas arredondadas, en ocasións con vestíbulos e edificacións auxiliares que se distribúen en barrios ou unidades familiares adaptándose ás características do lugar. Os seus muros, levantados en seco mediante dous paramentos paralelos recheos de terra e cascallo, son máis coidados que os das estruturas anexas e están recebados, presentando unha cara externa mellor rematada que a interior.

A articulación efectiva do espazo castrexo, a forma en que se distribúen os tres barrios, a organización en unidades de ocupación e outros elementos complementarios como os muros dos socalcos ou mesmo os sistemas de saneamento, revelan ser resultado dunha planificación urbanística previa. A estrutura defensiva delimitaría e condicionaría a distribución do espazo interno do poboado, actuaría como elemento disuasorio e de mostra de poder fronte ao exterior e facilitaría a defensa e o control da contorna, á vez que sinalaba a posesión territorial dun pobo.

Extramuros, os achados de materiais construtivos e as análises de fosfatos proban unha forte ocupación, polo menos en tempos da romanización, e demostran unha grande expansión do poboado alén do recinto fortificado ao norte e sur e, en especial, na parte baixa leste, onde se sitúa o núcleo actual de Castromao, e tamén nas terras que desde este descenden cara ao val de Celanova.

A ocupación medieval de Castromao está testemuñada nas fontes escritas no século X e posteriormente ata a actualidade, xa que o núcleo de Castromao segue a estar habitado.

A localización do castro, nun outeiro que domina visualmente un vasto territorio sobre as terras de Celanova e Ourense, foi estratexicamente seleccionado para o control dos intercambios comerciais a medio camiño entre a ruta fluvial do río Miño e as vías de comunicación terrestres que penetraban no antigo territorio da Gallaecia, principalmente as procedentes do sur (da Lusitania) conectando a vía XVIII do Itinerario Antonino entre Braga a Astorga coa vía secundaria que ía cara ao asentamento de Aurea (Ourense) e a procedente do suroeste da Península Ibérica. Estes aspectos citados confirman o seu carácter de lugar central e estratéxico na organización socioeconómica dos pobos castrexos desta área.

Unha das principais características que fan singular Castromao dentro do conxunto dos castros galegos é a cantidade, variedade e riqueza dos restos arqueolóxicos exhumados nas numerosas campañas de escavacións, realizadas desde os anos 60 do século pasado, ata a actualidade.

Entre todos os materiais destaca a variedade dos tipos cerámicos, de xeito que coexisten formas castrexas de produción propia coñecidas como tipo Castromao, que datan da segunda Idade de Ferro, xunto con outros elementos procedentes de centros exportadores do imperio e Grecia (terra sigillata sudgálica, hispana, cerámica marmorata e común romana), así como elementos construtivos e decorativos (amarradoiras, fornos, columnas, trísceles, tégulas e ladrillos), esculturas, muíños, moldes de fundición e sementes.

O seu carácter de centro produtor e de intercambio reflíctese na singular variedade dos materiais que testemuñan tanto o seu carácter na área comercial con vocación exportadora e importadora (presenza de materiais de luxo de procedencia mediterránea e algún exótico) e na abundancia de obxectos suntuarios como doas vítreas, fibelas, alfinetes, lingotes de ouro, moedas, esculturas..., polo que é considerado como un dos xacementos máis ricos do noroeste.

A declaración da zona arqueolóxica alcanza a totalidade dos vestixios e rexistros arqueolóxicos vinculados á área arqueolóxica de Castromao, incluíndo os bens inmobles, mobles, inmateriais e as evidencias materiais de carácter arqueolóxico e paleoambientais existentes na superficie e o subsolo.

Inclúe tamén un catálogo de elementos patrimoniais vinculados, entre os cales destacan un petróglifo, hórreos, un cruceiro e as ruínas dunha capela situados no propio castro, unha área arqueolóxica potencial situada ao oeste, e unha epígrafe romana encaixada na casa reitoral de Castromao, ademais dun conxunto de elementos representativos da arquitectura popular dese núcleo.

4. Estado de conservación e usos: destaca o magnífico estado de conservación das estruturas arqueolóxicas exhumadas, consolidadas e exhibidas, un total de 75 vivendas, que, xunto coas murallas e muros de contención, constitúen unha excelente mostra da arquitectura en pedra e urbanismo castrexos.

En xeral presenta un bo estado de conservación con alteracións puntuais: labores agrícolas tradicionais e desenvolvementos urbanísticos no ámbito do xacemento romano, ou sexa no pobo de Castromao, e a explotación forestal no contorno de protección, sobre todo nos sectores noroeste, oeste e suroeste do castro.

Cómpre destacar o valor monumental do castro e o seu potencial para a revalorización social, dado o bo estado de conservación das numerosas estruturas arqueolóxicas exhumadas, consolidadas e exhibidas, que constitúen unha excelente mostra da arquitectura castrexa. A todo isto habería que unir o feito de que sexa un conxunto visitable, sinalizado e ben coñecido na comarca. Todos estes aspectos aludidos avalan o seu potencial como recurso científico, cultural e turístico de primeira magnitude.

5. Réxime de protección:

O réxime de protección dun ben inmoble declarado ben de interese cultural coa categoría de zona arqueolóxica será o que se define nos títulos II e III da Lei 5/2016, do 5 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. En concreto, pode resumirse en:

• Autorizacións: as intervencións que se pretendan realizar no ben ou no seu contorno de protección terán que ser autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural, coas excepcións previstas na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. Será tamén necesaria a autorización previa da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural para a realización de calquera actividade arqueolóxica. Calquera actuación que comporte a remoción de terras no xacemento arqueolóxico ou no seu contorno tamén requirirá a devandita autorización previa.

• Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre o ben están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

• Utilización: a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellaron a súa protección, polo que os cambios de uso substanciais deberán ser autorizados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

• Acceso: as persoas físicas e xurídicas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e demais titulares de dereitos reais sobre o ben están obrigadas a permitir o acceso aos ditos bens ao persoal habilitado para a función inspectora; ao persoal investigador acreditado pola Administración e ao persoal técnico designado pola Administración para a realización dos informes necesarios.

• Deber de comunicación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre o ben están obrigadas a comunicar á consellería competente en materia de patrimonio cultural calquera dano ou prexuízo que sufrisen e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.

• Visita pública: as persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e, en xeral, titulares de dereitos reais sobre os bens de interese cultural especificamente declarados permitirán a súa visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día, que serán definidos previamente

• Dereito de tenteo e retracto: calquera pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de desfrute dos bens de interese cultural deberá ser notificada, de forma que faga fe, á consellería competente en materia de patrimonio cultural con indicación do prezo e das condicións en que se propoña realizar aquela. En todo caso, na comunicación da transmisión deberá acreditarse tamén a identidade da persoa adquirente.

• Interese social para os efectos da expropiación forzosa: poderán expropiarse por causa de interese social os inmobles situados no contorno de protección dos bens de interese cultural que atenten contra a súa harmonía ambiental, perturben a súa contemplación ou impliquen un risco para a súa conservación. Así mesmo, serán causa xustificativa de interese social para os efectos da expropiación as melloras nos accesos aos bens de interese cultural, a dignificación do seu contorno e, en xeral, a mellora das condicións para a súa valorización e función social. Tamén se considerará causa xustificativa de interese social para os efectos da expropiación a promoción por parte da Administración pública de actuacións destinadas á posta en valor do patrimonio arqueolóxico co obxecto de facilitar a súa visita pública e desfrute pola sociedade.

ANEXO II

Delimitación da zona arqueolóxica e do seu contorno de protección

Delimitación da zona arqueolóxica.

Comprende a totalidade do recinto castrexo coas súas estruturas defensivas visibles (murallas, foxos, antecastros e terrazas vinculados, etc.) e o asentamento romano na ladeira leste, coas súas respectivas áreas de influencia e explotación xunto coa paisaxe cultural inmediata e os elementos funcionais de seu (peches, sebes, valos, camiños...). Abrangue unha ampla superficie habitable, se se ten en conta a presenza de materiais arqueolóxicos en superficie, principalmente nos socalcos do lado norte, a pequena chaira polo sur e moi especialmente toda a ladeira leste, incluíndo o asentamento romano e medieval, no núcleo tradicional de Castromao, que se desenvolveu cara aos bancais estremeiros. Inclúe a totalidade das estruturas e vestixios arqueolóxicos descubertos pola investigación, a rede viaria histórica e os espazos estremeiros inmediatos e consubstanciais con estes.

A súa delimitación é resultado da suma de evidencias, indicios, topónimos significativos, a paisaxe vinculada historicamente ao recinto castrexo e os barrios de evolución e de desprazamento do hábitat histórico cara a zonas máis baixas. Comprende a superficie da zona arqueolóxica e delimítase a partir dos elementos estruturais máis exteriores a ela vencellados. Situándonos ao sur da delimitación, comezamos o trazado na estrada provincial O-0208 Ourense-Celanova en dirección Celanova, tras pasar o núcleo de Cavadoiro, na intersección entre a estrada provincial antedita coa a pista que desde o sur leva á aldea de Castromao (P1), a delimitación continúa no sentido das agullas do reloxo:

• Desde o punto 1 séguese uns metros cara ao oeste por esta estrada ata a intersección co vértice suroeste da parcela 510:489, onde se atopa o P2.

• Desde este punto cara ao noroeste polos lindeiros oeste das parcelas 510:489 e 490, ata o vértice sur da parcela 510:491, onde se atopa o P3.

• Desde aquí séguese cara ao oeste polos lindeiros sur das parcelas 510:491 e 486, atravesamos pola metade a 485, 484 e 478 ata unha pista da concentración parcelaria, onde se atopa o punto P4.

• Desde aquí sóbese cara ao norte ata o empalme con outra pista da concentración parcelaria, onde se sitúa o P5.

• Desde aquí séguese cara ao norte pola mesma pista ata chegar á bifurcación da pista identificada no catastro como 510:9004, no seu extremo norte, onde se atopa o P6.

• Desde aquí continúa tomando, na encrucillada, a pista da dereita, primeiro en dirección norte e logo ao leste continuando dirección nordés ata a intersección coa pista asfaltada que vai a Castromao xa no norte, onde se atopa o P7.

• Desde o punto anterior, crúzase a pista cara ao leste e séguese pola mesma pista ata o cruzamento dun camiño que vai cara ao sur, no vértice nordés da parcela 67:12, onde se atopa o P8.

• Desde este séguese cara ao sur, abeirando a aldea de Castromao polo leste, ata a encrucillada de dúas pistas da concentración parcelaria co vértice SE da parcela 510:415, onde se atopa o P9.

• Desde o punto anterior continúa pola mesma pista cara ao sur ata o vértice nordés da parcela 510:5056, onde se localiza o punto 10.

• Desde o punto 10 continuamos polo lindeiro leste da mesma parcela ata o seu remate, na intersección coa OU-0208, onde situamos o punto 11.

• Desde aquí continuamos cara ao oeste pola estrada OU-0208 en dirección Ourense, ata o punto 1 xa descrito, onde comenzamos a delimitación.

Delimitación da zona arqueolóxica

Punto

X

Y

1

584.524

4.667.888

2

584.400

4.667.882

3

584.375

4.667.949

4

584.217

4.667.973

5

584.220

4.668.022

6

584.221

4.668.240

7

584.676

4.668.604

8

584.768

4.668.603

9

584.687

4.668.004

10

584.690

4.667.904

11

584.679

4.667.884

Delimitación do contorno de protección.

O contorno da área arqueolóxica de Castromao circunscribe a totalidade da zona arqueolóxica e atinxe os socalcos e a ladeira baixa do sector leste e norte. Inclúe tamén as áreas de influencia susceptibles de albergar restos arqueolóxicos. Na zona oeste, inclúe as terrazas de Cerdeira e considera os indicios obtidos da fotografía aérea do voo americano do ano 1957 que permiten documentar os antecedentes da ocupación castrexa no monte Cavadoiro. Polo norte abrangue a ladeira ata a ruptura da pendente; polo leste achega un contorno máis humanizado e urbanizado arredor da aldea de Castromao, incluídos a igrexa e dextrais; polo sur ata a estrada; e polo oeste incorpora unha área de plataformas de posible potencial arqueolóxico, nos lugares identificados pola microtoponimia do catastro e do mapa base como Cañotas, Rescaldo, Cerdeira e Monte Vello. O ámbito delimitado como contorno de protección engade ao conxunto arqueolóxico o lugar natural con que está indisolublemente unido, a paisaxe e espazos vinculados á zona arqueolóxica, tendo en conta a súa bacía visual e a necesidade de protexer as perspectivas visuais.

Os límites tratan de adaptarse ao territorio circundante baseándose en criterios de potencialidade arqueolóxica e topográficos, utilizando como referentes os lindes parcelarios, os camiños, os fitos e accidentes xeográficos. Comprende unha área concéntrica exterior á anterior, configurada para asegurar a conservación de posibles restos vencellados, non visibles na superficie, e evitar impactos visuais que deturpen a interpretación do xacemento.

• Comezando polo suroeste da área BIC, a altura do Outarelo e antes de chegar á aldea e o monte do Cavadoiro, na intersección da estrada provincial OU-0208 Celanova-Ourense (en dirección a Ourense), cunha pista da concentración parcelaria que vai cara ao norte, sitúase o punto 1 (P1), continuando a delimitación no sentido das agullas do reloxo a partir deste punto.

• Desde aquí séguese cara ao oeste pola estrada ata un cruzamento cunha pista da concentración parcelaria, onde se sitúa o P2.

• Desde aquí séguese a pista anterior cara ao norte ata o vértice nordés da parcela 113:307, onde se atopa o P3.

• Desde aquí crúzase en dirección nordés polo linde da 68:1 e a 48:281, ata chegar ao vértice norte desta última, onde se sitúa o P4.

• Desde aquí e seguindo o linde en dirección nordés, deixando ao oeste a 48:281, 48:360 e 377 ata chegar a unha pista que vai cara ao norte ata o pobo de Canavelas, onde se atopa o P5.

• Desde o P5 séguese esta pista ata o cruzamento coa estrada que pasa ao norte de Castromao, na aldea de Canavelas, onde se sitúa o P6.

• Desde aquí séguese a estrada en dirección leste ata o cruzamento coa estrada que, cara ao sur, vai á Roda de Arriba, onde se atopa o P7.

• Desde aquí séguese a estrada anterior cara o sur ata o cruzamento dela cun camiño á dereita, antes de chegar á aldea da Roda de Arriba, onde se sitúa o P8.

• Desde aquí séguese o camiño cara ao sur, ata o cruzamento con outro camiño que se dirixe ao oeste, no vértice noroeste da parcela 67:99, onde se atopa o P9.

• Desde aquí séguese o camiño anterior cara ao sur, ata o extremo leste da parcela 67:679, onde se sitúa o P10.

• Desde aquí séguese o camiño anterior cara ao sur deixando ao oeste as parcelas do polígono 67:397, 398, 399, 405, 406 e ao leste a 392, 396, 400, 402 e 404 e a 508:6013, ata chegar ao cruzamento con outra pista que vén do norte, no extremo sur da parcela 67:404 onde está o P11.

• Desde o punto anterior séguese por un lindeiro deixando ao norte a parcela 508:6018 e ao sur a 67:613, 614 e 615, ata chegar ao P12, situado no extremo nordés da parcela 67:615.

• Desde o punto 12 séguese cara ao sur por outro lindeiro deixando ao leste as parcelas do polígono 67:616 e 617, e ao oeste a 615 e 627 ata chegar á pista forestal, onde se atopa o P13.

• Desde aquí séguese a estrada cara ao sur e no primeiro cruzamento a man esquerda cara ao sueste, ata chegar á estrada onde se atopa o P14.

• Desde o punto anterior séguese a estrada cara ao oeste en dirección Castromao ata chegar á primeira pista que sae cara o sur, xusto no leste da parcela 520:6, no P15.

• Desde aquí séguese en liña recta polo límite sur das parcelas 5, 65, 45, 41, 40 do polígono 70 e pola linde desta última cara ao norte, ata a intersección dun camiño que vén do leste co vértice suroeste da parcela 69:29, ao P16.

• Desde o punto 16 séguese en liña recta cara ao noroeste, atravesando a parcela 1 do polígono 69, nunha zona de monte baixo ata o P1.

Delimitación do contorno de protección

Punto

X

Y

1

584.210

4.667.835

2

583.693

4.667.905

3

583.949

4.668.283

4

584.118

4.668.441

5

584.266

4.668.636

6

584.341

4.668.820

7

584.963

4.668.797

8

584.988

4.668.672

9

584.976

4.668.562

10

584.976

4.668.562

Punto

X

Y

11

585.013

4.667.973

12

585.072

4.667.947

13

585.070

4.667.833

14

585.004

4.667.684

15

584.733

4.667.596

16

584.501

4.667.697

Planimetría coa delimitación da zona arqueolóxica e o seu contorno de protección.

missing image file