Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Luns, 18 de novembro de 2019 Páx. 49038

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 12 de novembro de 2019 pola que se amplía a dotación orzamentaria da convocatoria de subvencións para a adquisición de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021, para o exercicio 2019.

O 11 de xaneiro de 2019 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 12 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a adquisición de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.

O ordinal vixésimo sétimo, parágrafo 1, da citada resolución establece que as axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 07.83.451B.780.1, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, por un importe total de 800.000 euros, e financiarase con fondos propios da comunidade autónoma. Ademais, no parágrafo 3 do mesmo ordinal prevese que a contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), que terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Tendo en conta que o importe das subvencións correspondentes ás solicitudes presentadas supera o previsto inicialmente na convocatoria, é necesario a súa ampliación para poder atendelas, tendo en conta a existencia de crédito para poder realizar a citada ampliación.

De conformidade co artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co ordinal vixésimo sétimo da Resolución do 12 de decembro de 2018, é competente para ditar esta resolución a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Polo exposto,

RESOLVO:

Único. Ampliar a dotación orzamentaria para a convocatoria de subvencións para a adquisición de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021, para o exercicio 2019.

O incremento da dotación será de 600.000 euros, polo que a contía máxima das subvencións que se poderán conceder será de 1.400.000 euros.

Esta ampliación non implica a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo máximo para resolver.

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2019

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo