Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Venres, 8 de novembro de 2019 Páx. 48251

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 22 de outubro de 2019, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, pola que se ordena a publicación da modificación dos estatutos da sociedade mercantil pública autonómica Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A.

A xunta xeral da sociedade mercantil pública autonómica Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A., que tivo lugar o 8 de outubro de 2019, aprobou o texto refundido dos seus estatutos sociais logo do acordo do Consello da Xunta de Galicia do día 29 de maio de 2019, que autorizou, por proposta do conselleiro de Facenda, a modificación dos ditos estatutos.

Unha vez rematada a tramitación que establece a lexislación mercantil, en cumprimento do disposto nos artigos 104.3 e 105.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ordénase a publicación no Diario Oficial de Galicia como anexo a esta resolución, dos estatutos refundidos da sociedade mercantil pública autonómica Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2019

María del Socorro Martín Hierro
Secretaria xeral técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda

ANEXO

Estatutos da sociedade Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A.

TÍTULO I

Denominación, obxecto, duración e domicilio

Artigo 1. Denominación, natureza xurídica, normativa e adscrición

Baixo a denominación de Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. (Galaria), a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia constitúe unha sociedade mercantil pública autonómica con forma de sociedade anónima, que se rexerá por estes estatutos e, no non previsto neles, polos preceptos que resulten de aplicación do Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital, da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, coa normativa que regula a contratación do sector público, e coas demais disposicións que lle sexan aplicables.

O réxime orzamentario, económico-financeiro, de contabilidade e de control é o establecido pola lexislación de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.

A sociedade Galaria ten a consideración de medio propio personificado, respecto da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico, para a execución de actividades que lle sexan encargadas por esta ou polos seus organismos e entidades de natureza pública dentro das materias que constitúen o seu obxecto social, cumprindo os requisitos exixidos no artigo 32.2.d) da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.

As relacións coas anteriores entidades, por conseguinte, non se considerarán de natureza contractual, serán para todos os efectos de carácter interno, dependente e subordinado e articularanse a través de encargos cuxo réxime xurídico e administrativo será o previsto no citado artigo 32 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, no artigo 13 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, e nos artigos 8,9 e 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Neste mesmo sentido, seralle aplicable a normativa relativa á transparencia de relacións financeiras entre as administracións públicas e as empresas públicas dependentes delas, así como ás normas de transparencia e bo goberno previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

En calquera caso, os encargos que lle poidan conferir referiranse sempre a actuacións concretas e requirirán, para tales efectos, da preceptiva e previa resolución do órgano que efectúe o encargo, onde se identificarán os termos e as condicións en que este se deberá realizar.

Galaria, como medio propio personificado, non poderá participar en licitacións públicas convocadas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ou polos seus organismos e entidades de natureza pública, sen prexuízo de que, cando non concorra ningún licitador, poida encargárselle a execución da prestación obxecto destas.

A entidade estará adscrita á Consellería de Sanidade.

Artigo 2. Obxecto social

Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. ten por obxecto a actividade asistencial, o desenvolvemento, execución e explotación de infraestruturas sanitarias, a prestación de servizos de consultoría no eido sanitario, así como a prestación de servizos relacionados co ámbito sanitario.

En particular, constituirán parte do obxecto social as seguintes actividades:

a) A promoción, planificación, deseño, construción, conservación, mantemento, dotación de equipamento e explotación, por si mesma ou mediante terceiros, de toda clase de infraestruturas sanitarias que sexan promovidas pola Comunidade Autónoma de Galicia ou nas cales esta participe, incluída a prestación de servizos de carácter non clínico ou asistenciais no eido sanitario que se desenvolvan nelas.

b) A prestación de actividades de consultoría en materia de avaliación, planificación, promoción, adquisición, organización, mantemento, formación, xestión, investigación, control de calidade e, en xeral, calquera materia relacionada co sector sanitario, especialmente no eido da alta tecnoloxía sanitaria.

c) A prestación de servizos de xestión ordinaria e administración doutras sociedades ou fundacións que teñan definido nos seus estatutos o carácter de públicas e que están vinculadas por razón do seu obxecto social a actividades sanitarias e da saúde.

d) A realización da actividade asistencial que lle sexa encargada polo Servizo Galego de Saúde.

As actividades abranguidas no obxecto social poderanse realizar, total ou parcialmente, ben mediante a creación de sociedades filiais, ben participando noutras sociedades de obxecto idéntico ou análogo, ou ben mediante calquera outra fórmula admitida en dereito, respectando en todo caso o marco normativo definido no artigo 1 dos presentes estatutos.

Constitúe o CNAE da actividade principal o 8610. Os CNAE doutras actividades accesorias que tamén realiza a entidade son 8621, 8622 e 8690.

Artigo 3. Duración e data de comezo das operacións

A duración da sociedade é indefinida e dá comezo ás súas operacións o día do outorgamento da escritura constitucional.

Artigo 4. Domicilio social

A sociedade fixa o seu domicilio no Edificio Administrativo San Lázaro, 3º andar, 15703 Santiago de Compostela (A Coruña).

O cambio de domicilio social dentro do mesmo termo municipal poderase realizar por acordo do Consello de Administración. De igual forma poderá crear, suprimir ou trasladar centros, delegacións ou outros recursos que o mellor desenvolvemento das actividades da sociedade aconselle.

TÍTULO II

Capital social e accións

Artigo 5. Capital social

O capital social fíxase na cantidade dun millón douscentos setenta e cinco mil trescentos sesenta e un euros con cincuenta céntimos (1.275.361,50 €), dividido en trescentas cincuenta accións (350) de tres mil seiscentos corenta e tres euros con oitenta e nove céntimos (3.643,89 €) cada unha, numeradas da 1 á 350, ambas as dúas inclusive, totalmente subscritas e desembolsadas.

Artigo 6. Accións

As accións estarán representadas por títulos nominativos emitidos pola sociedade, que poderán ser unitarios ou múltiples; os unitarios serán, en todo caso, indivisibles.

Os títulos emitidos deberán conter necesariamente as mencións sinaladas como mínimas na normativa de aplicación.

A acción confire ao seu titular a condición de socio con todos os dereitos e deberes inherentes a ela.

En caso de copropiedade, usufruto ou peñor de accións, aplicarase o que sobre estes puntos dispón a normativa de aplicación.

As accións figurarán nun libro de rexistro que levará a sociedade, no cal se inscribirán as sucesivas transferencias ou constitucións de dereitos reais ou gravames sobre elas. Este libro de rexistro rexerase polo disposto na lexislación que lle resulte aplicable.

Artigo 7. Ampliación ou diminución do capital social

O capital social poderá ser ampliado ou diminuído con suxeición ás normas legais aplicables.

En todo aumento de capital, os titulares das accións poderán exercer, dentro do prazo sinalado polo Consello de Administración e non inferior a un mes desde a publicación da oferta de subscrición da nova emisión no Boletín Oficial do Rexistro Mercantil, o dereito de subscrición da nova emisión en proporción ás accións posuídas.

Artigo 8. Exercicio de dereitos

O exercicio dos dereitos que lle correspondan á Comunidade Autónoma como titular de accións da sociedade será competencia, en todo caso, do órgano directivo competente en materia de patrimonio, sen prexuízo das delegacións que poidan establecerse.

TÍTULO III

Órganos da sociedade

Artigo 9. Órganos da sociedade

A dirección, o goberno e a administración da sociedade corresponden aos seguintes órganos:

a) Xunta Xeral de Accionistas.

b) Consello de Administración.

Os membros da Xunta Xeral de Accionistas e do Consello de Administración estarán suxeitos ao réxime de incompatibilidades que derive da súa condición, de acordo co réxime xeral que lles sexa aplicable.

CAPÍTULO I

A Xunta Xeral de Accionistas

Artigo 10. Xunta Xeral

A Xunta Xeral, debidamente convocada e constituída, representa o supremo órgano de expresión da vontade social, e as súas decisións son soberanas respecto ás cuestións da súa competencia.

Artigo 11. Competencia da Xunta Xeral de Accionistas

É competencia da Xunta Xeral deliberar e acordar sobre os seguintes asuntos:

a) A aprobación das contas anuais, a aplicación do resultado e a aprobación da xestión social.

b) O nomeamento e a separación dos administradores, dos liquidadores e, de ser o caso, dos auditores de contas, así como o exercicio da acción social de responsabilidade contra calquera deles.

c) A modificación dos estatutos sociais.

d) O aumento e a redución do capital social.

e) A supresión ou limitación do dereito de subscrición preferente e de asunción preferente.

f) A adquisición, a venda ou a achega a outra sociedade de activos esenciais. Presúmese o carácter esencial do activo cando o importe da operación supere o vinte e cinco por cento do valor dos activos que figuren no último balance aprobado.

g) A transformación, a fusión, a escisión ou a cesión global de activo e pasivo.

h) A disolución da sociedade.

i) A aprobación do balance final de liquidación.

j) Calquera outro asunto que determine a lei ou os estatutos.

Artigo 12. Clases de xuntas

As xuntas xerais poderán ser ordinarias ou extraordinarias e deberán ser convocadas polos administradores.

Xunta ordinaria é a que se debe reunir dentro dos seis primeiros meses de cada exercicio, para censurar a xestión social, aprobar, se é o caso, as contas do exercicio anterior e resolver sobre a aplicación do resultado.

Xunta extraordinaria é calquera outra que non sexa a ordinaria anual.

Artigo 13. Constitución da Xunta

A xunta xeral, ordinaria ou extraordinaria, quedará validamente constituída, en primeira convocatoria, cando os accionistas presentes ou representados posúan, cando menos, o vinte e cinco por cento do capital subscrito con dereito a voto. En segunda convocatoria, será válida a reunión da xunta calquera que sexa o capital concorrente a ela.

Artigo 14. Constitución: supostos especiais

Non obstante, para que a xunta xeral ordinaria ou extraordinaria poida acordar validamente o aumento ou a redución do capital e calquera outra modificación dos estatutos sociais, a emisión de obrigas, a supresión ou a limitación do dereito de adquisición preferente de novas accións, así como a transformación, a fusión, a escisión ou a cesión global de activo e pasivo, será necesaria, en primeira convocatoria, a concorrencia de accionistas presentes ou representados que posúan, ao menos, o cincuenta por cento do capital subscrito con dereito de voto. En segunda convocatoria, abondará a representación do vinte e cinco por cento do capital subscrito con dereito a voto.

Se o capital presente ou representado supera o cincuenta por cento, bastará con que o acordo se adopte por maioría absoluta. Porén, requirirase o voto favorable dos dous terzos do capital presente ou representado na xunta cando en segunda convocatoria concorran accionistas que representen o vinte e cinco por cento ou máis do capital subscrito con dereito de voto sen alcanzar o cincuenta por cento.

Artigo 15. Requisitos de convocatoria e xunta universal

O anuncio expresará a data da reunión en primeira convocatoria e a orde do día. Poderá, así mesmo, facerse constar a data en que, se procede, se reunirá a xunta en segunda convocatoria. Entre a primeira e a segunda reunión deberá mediar, polo menos, un prazo de 24 horas. Farase mención do dereito de calquera accionista a obter da sociedade pública, de forma inmediata e gratuíta, os documentos que serán sometidos á súa aprobación e, se é o caso, o informe dos auditores de contas. Non obstante, a xunta entenderase convocada e quedará validamente constituída para tratar calquera asunto, sempre que estea presente todo o capital desembolsado e os asistentes acepten por unanimidade a súa celebración.

Artigo 16. Lexitimación de asistencia ás xuntas

Poderán asistir á xunta, en todo caso, os titulares de accións que as tivesen inscritas no libro de rexistro de accións con cinco días de antelación a aquel en que se celebre a xunta, e os titulares de accións que coa mesma antelación acrediten mediante documento público a súa regular adquisición de quen apareza como titular no libro de rexistro. Coa devandita acreditación entenderase solicitada aos administradores a inscrición no libro de rexistro.

Os administradores deberán asistir ás xuntas xerais. Por instancia do Consello de Administración, poderán asistir ás xuntas, con voz e sen voto, os directores e técnicos da sociedade pública.

Artigo 17. Representación

Todo accionista que teña dereito de asistencia poderá facerse representar na xunta por outra persoa.

A representación, nos termos e co alcance establecido na Lei de sociedades de capital, deberá conferirse por escrito e con carácter especial para cada xunta.

Estes últimos requisitos non serán necesarios cando o representante posúa poder xeral conferido en escritura pública con facultades para administrar todo o patrimonio que o representado teña en territorio do Estado.

A representación é sempre revogable. A asistencia persoal do representado á xunta terá o valor de revogación.

Artigo 18. Convocatorias extraordinarias

Os administradores poderán convocar xunta extraordinaria sempre que o consideren conveniente para os intereses sociais. Deberán, así mesmo, convocala cando o soliciten accionistas que representen o cinco por cento do capital social, expresando na solicitude os asuntos que se tratarán nela. Neste caso, a xunta deberá ser convocada para celebrarse dentro dos trinta días seguintes á data do oportuno requirimento notarial aos administradores, os cales incluirán necesariamente na orde do día os asuntos que fosen obxecto da solicitude.

Artigo 19. Presidente e secretario

Nas xuntas xerais actuarán de presidente e secretario os que o sexan do Consello de Administración.

Na súa falta, o vicepresidente e vicesecretario, de existiren tales cargos, ou, no caso contrario, un conselleiro e un accionista, respectivamente, que designe a xunta.

Artigo 20. Adopción de acordos

Os acordos da xunta adoptaranse por maioría simple, agás os supostos previstos nestes estatutos e na lei, nos cales se require maioría cualificada. Cada acción dá dereito a un voto.

Artigo 21. Acta da xunta. Certificacións

A acta da xunta deberá ser aprobada pola propia xunta a continuación da súa celebración e, na súa falta, dentro do prazo de quince días, polo presidente e dous interventores, un en representación da maioría e outro da minoría.

A acta aprobada en calquera destas dúas formas terá forza executiva a partir da data da súa aprobación.

A facultade de certificar as actas das xuntas e os acordos que se adopten corresponde ao secretario ou, se é o caso, ao vicesecretario do Consello de Administración. As certificacións emitiranse sempre co visto e prace do presidente, ou tamén, se é o caso, do vicepresidente do devandito órgano.

CAPÍTULO II

O Consello de Administración

Artigo 22. O Consello de Administración

O Consello de Administración é o órgano de goberno da sociedade. Estará formado por un mínimo de tres e un máximo de oito conselleiros, nomeados pola xunta de accionistas por un período máximo de seis anos renovables e, en todo caso, de conformidade co regulado no artigo 108 da Lei 16/2010.

Para ser nomeado administrador non será necesaria a condición de accionista.

Os administradores estarán sometidos ao réxime de prohibicións e responsabilidade previsto na normativa de aplicación. Non poderán ser nomeados administradores os que estean incursos en causa legal de prohibición, incapacidade ou incompatibilidade.

Os membros do Consello de Administración poderán percibir unha cantidade fixa en concepto de axuda de custos de asistencia ás reunións do Consello de Administración, que será fixada pola Xunta Xeral de Accionistas logo de acordo do Consello da Xunta, e deberá contar co informe favorable da consellería competente en materia de facenda.

Artigo 23. Presidente do Consello

A persoa titular da presidencia do Consello de Administración será a persoa titular da Consellería de Sanidade e a persoa titular da presidencia do Servizo Galego de Saúde e correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Exercer a representación institucional da sociedade.

b) Convocar, presidir, suspender e levantar as sesións, arbitrar as deliberacións do Consello e desfacer os empates co seu voto de calidade.

c) Presentar ao Consello os informes que considere oportunos.

d) Exercer en caso de urxencia toda clase de accións, excepcións e recursos xudiciais e administrativos en defensa dos dereitos e intereses da sociedade, e dar conta diso na primeira sesión que se celebre do Consello de Administración.

e) Calquera outra función expresamente encargada ou que lle sexa delegada polo Consello de Administración de entre as de natureza delegable.

O Consello de Administración elixirá de entre os seus membros un vicepresidente, ao cal corresponde:

a) Substituír o presidente e exercer as súas funcións en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

b) Aquelas que por escrito lle sexan delegadas polo presidente, logo de autorización do Consello de Administración.

A duración dos cargos de presidente e vicepresidente será de tres (3) anos prorrogables por períodos análogos.

Artigo 24. O secretario

O secretario será designado polo Consello de Administración, para un período de tres (3) anos prorrogables por igual período; a elección non terá que recaer necesariamente nun dos seus membros.

No nome do presidente, o secretario realizará a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias do Consello de Administración, ás cales asistirá con voz e, en caso de non ser conselleiro, sen voto.

O secretario redactará acta das sesións do Consello, que serán asinadas polo presidente e serán transcritas ao libro habilitado para o efecto.

Artigo 25. Funcións do consello e delegación de facultades

Con estrita suxeición á normativa de aplicación corresponderán ao Consello de Administración as seguintes funcións:

a) Representar e dirixir a sociedade, no marco fixado nestes estatutos e nas leis.

b) Fixar os criterios de actuación da sociedade dentro do marco fixado polos seus estatutos.

c) Aprobar os regulamentos de réxime interior, así como os de organización interna, estrutural e funcional.

d) Adoptar as medidas e disposicións convenientes que garantan o mellor cumprimento dos fins establecidos.

e) Aprobar os plans xerais, económicos, financeiros, operativos, de obras e investimento e a súa periodificación anual, que deben reflectirse nos orzamentos anuais de explotación ou de capital que tamén aprobará.

f) Aprobar periodicamente os plans de actividade e de investigación, e os seus resultados.

g) Formular as contas anuais, o informe de xestión e a proposta de aplicación do resultado no prazo máximo de 3 meses a partir do peche do exercicio social.

h) Nomear o/a director/a xerente, por proposta da presidencia.

i) Aprobar a política de persoal e réxime retributivo dentro dos límites legais. Aprobar un cadro de persoal, que incluirá os postos de persoal directivo e os instrumentos polos cales se regulan as condicións do traballo do persoal.

j) Actuar como órgano de contratación nos contratos, convenios ou concertos cuxa conclusión sexa precisa para o desenvolvemento de todas as actividades comprendidas no obxecto social.

k) Formular a memoria anual.

l) Aprobar os acordos e/ou convenios que considere de interese para o mellor logro dos seus fins.

m) Aprobar a política de ordenación de pagamentos e facturación proposta polo director xerente.

n) Exercer as accións e excepcións que considere oportunas, así como os recursos e reclamacións xudiciais e administrativas, en defensa dos dereitos e intereses da sociedade.

o) Propoñer á xunta xeral extraordinaria o aumento ou diminución do capital social, logo de cumprimento dos requisitos legais.

p) Convocar as xuntas xerais de accionistas, xa sexan ordinarias ou extraordinarias, e executar os seus acordos.

q) Calquera outra función non asignada expresamente a outro órgano.

O Consello de Administración, co voto favorable das dúas terceiras partes dos seus compoñentes, poderá nomear de entre os seus membros unha comisión executiva ou un ou máis conselleiros delegados, nos cales delegará, a salvo das limitacións establecidas na lei, todas ou aquela parte das súas facultades que crea convenientes para a mellor marcha dos asuntos sociais, sen prexuízo dos apoderamentos que, se é o caso, poida conferir ao/á director/a xerente.

A remoción das facultades delegadas polo Consello levarase a efecto mediante o voto maioritario dos conselleiros asistentes á reunión en que tal cuestión se trate, aínda que carecerá de voto aquel a quen afecte o correspondente acordo.

Así mesmo, o Consello de Administración poderá conferir toda clase de poderes, mesmo a favor de persoas estrañas á sociedade pública, coas atribucións que considere convenientes.

En ambos os casos, o Consello determinará, de modo expreso, se o uso da sinatura social corresponde a todos os conselleiros elixidos ou a algún deles, e se é solidaria ou mancomunada esta facultade.

Artigo 26. Reunións

O Consello de Administración reunirase, convocado polo presidente ou por quen faga as súas veces, en sesión ordinaria, polo menos unha vez ao trimestre, e en sesión extraordinaria cando así o solicite o presidente pola súa propia iniciativa, ou por solicitude dun terzo dos seus membros.

Para a válida constitución das sesións requírese convocatoria por escrito dirixida ao domicilio de cada conselleiro con catro días de antelación, en que se expresarán a orde do día, o lugar e a hora da sesión. En caso de sesión extraordinaria, a convocatoria poderá realizarse con vinte e catro horas de antelación por un medio que deixe constancia.

Así mesmo, considerarase formalmente constituído o Consello cando, estando presentes todos os seus membros, así o acorden por unanimidade.

Para que quede validamente constituído o Consello requírese a concorrencia, presentes ou representados noutros membros do Consello, da metade máis un dos seus membros.

Artigo 27. Acordos

Os acordos, se a lei non exixe un quórum especial, adoptaranse por maioría absoluta dos votos dos conselleiros presentes ou representados e, en caso de empate, decidirase por voto de calidade do presidente.

Non serán válidos os acordos que non consten na orde do día, salvo aprobación unánime de todos os conselleiros, e os que non figuren na correspondente acta da sesión.

Os acordos do Consello poderán ser impugnados polos administradores ou polos accionistas nos prazos e condicións establecidos na normativa de aplicación.

Artigo 28. Libro de actas. Certificacións

As discusións e acordos do Consello levaranse a un libro de actas, que serán asinadas polo presidente e polo secretario.

A facultade de certificar as actas das reunións do Consello de Administración e os acordos que se adopten correspóndelle ao secretario ou, se é o caso, ao vicesecretario. As certificacións emitiranse sempre co visto e prace do presidente ou tamén, se é o caso, do vicepresidente.

Artigo 29. Comisións ou comités con carácter permanente ou ocasional

Por proposta da presidencia, o Consello de Administración poderá constituír no seu seo comisións ou comités con carácter permanente ou ocasional e coa composición, atribucións, réxime das reunións, requisitos dos acordos e garantías que máis conveña á mellor e máis recta xestión e administración dos intereses sociais, sen que en ningún caso poidan atribuírse as facultades indelegables segundo a lei.

Os comités e as comisións serán presididos polo/a presidente/a e, na súa falta, polo/a conselleiro/a de maior idade.

As actas que de ser o caso se redacten serán autorizadas polo/a secretario/a do Consello de Administración.

Artigo 30. Director xerente

O Consello de Administración nomeará un director xerente por proposta do presidente, que se configura como órgano unipersoal executivo da sociedade.

Este estará suxeito ao réxime de incompatibilidades que derive da súa condición, de acordo co réxime xeral que lle sexa aplicable.

Artigo 31. Funcións do director xerente

Son funcións do director xerente:

a) Executar e facer cumprir os acordos de Consello de Administración e as disposicións do presidente.

b) Exercer por apoderamento do Consello de Administración a representación da sociedade fronte ás administracións públicas, institucións e, en xeral, terceiros.

c) Propoñer e executar os plans estratéxicos e operativos que posibiliten o desenvolvemento harmónico da sociedade.

d) Dirixir, xestionar, controlar e inspeccionar, de acordo coas directrices do Consello de Administración, a organización e as actividades da sociedade que conduzan á consecución e ao mantemento dun alto nivel na prestación de servizos de acordo cos fins da sociedade.

e) Establecer os plans de actuación, o orzamento de xestión e os programas das unidades empresariais e, en xeral, de todas as unidades organizativas da sociedade.

f) Propoñer e facer cumprir as normas de funcionamento interno da sociedade, globais e en cada unha das súas unidades organizativas.

g) Supervisar todos os asuntos e operacións que aseguren que todos os fondos obtidos son gastados na maneira máis vantaxosa para a sociedade.

h) Elaborar e propoñer ao Consello de Administración o orzamento anual de gastos e ingresos nas súas revisións.

i) Administrar o patrimonio de acordo coas leis e coas atribucións concedidas polo Consello de Administración.

j) Ordenar os pagamentos e a xestión de tesouraría, dentro dos límites que, de ser o caso, lle sinale o Consello de Administración.

k) Formalizar os contratos, convenios ou concertos, precisos para o desenvolvemento de todas as actividades comprendidas no obxecto social, unha vez aprobados polo órgano de contratación, en caso de ser preciso.

l) Propoñer ao Consello de Administración o nomeamento e o cesamento dos directores que teña establecida a sociedade.

m) Desenvolver e manter a política de persoal. Seleccionar, contratar, sancionar, controlar e resolver as relacións laborais. A selección de persoal será efectuada con respecto aos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade da convocatoria. Para estes efectos, para a selección do seu cadro de persoal, será necesario un anuncio público de convocatoria, de acordo co disposto nos artigos 110 e 112.3 da Lei 16/2010, ou na normativa que a substitúa.

n) Informar regularmente o Consello de Administración dos resultados de xestión, operativos e financeiros, elaborando as contas anuais.

o) Calquera outra función que lle delegue o Consello de Administración.

Artigo 32. Persoal directivo

Os postos directivos serán provistos mediante convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia polo procedemento de libre designación; o seu nomeamento e cesamento corresponderá á persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

A vinculación deberá formalizarse mediante nomeamento de libre designación cando o aspirante seleccionado teña a condición de persoal funcionario ou estatutario ao servizo de calquera Administración pública. Cando o aspirante seleccionado non reúna a dita condición, a vinculación deberá formalizarse mediante contrato de alta dirección.

A contratación de persoal directivo someterase aos principios de publicidade, concorrencia, mérito e capacidade, entre persoas que demostrasen a súa cualificación profesional, de conformidade co artigo 110.d) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

TÍTULO IV

Exercicio social e contas anuais

Artigo 33. Exercicio social

O exercicio social coincidirá co ano natural. Como excepción, o primeiro exercicio comezará na data da constitución da sociedade pública e rematará o 31 de decembro do mesmo ano.

Artigo 34. Formulación

Os administradores da sociedade pública estarán obrigados a formular, no prazo máximo de tres meses contados a partir do peche do exercicio social, as contas anuais, o informe de xestión e a proposta de aplicación do resultado.

As contas anuais e o informe de xestión deberán ser asinados por todos os administradores.

Artigo 35. Contas anuais

As contas anuais comprenderán o balance, a conta de perdas e ganancias, un estado que reflicta os cambios no patrimonio neto do exercicio, un estado de fluxos de efectivo e a memoria.

Estes documentos, que forman unha unidade, deberán ser redactados con claridade e mostrar a imaxe fiel do patrimonio, da situación financeira e dos resultados da sociedade pública, de conformidade coa Lei de sociedades de capital e co previsto no Código de comercio.

Artigo 36. Informe de xestión

O informe de xestión deberá conter unha exposición fiel sobre a evolución dos negocios e a situación da sociedade pública.

Informará, igualmente, sobre os acontecementos importantes para a sociedade pública ocorridos despois do peche do exercicio, a evolución previsible desta, as actividades en materia de investigación e desenvolvemento e, nos termos establecidos na Lei de sociedades de capital, as adquisicións de accións propias.

Artigo 37. Aprobación e aplicación do resultado

As contas anuais serán aprobadas pola Xunta Xeral de Accionistas.

A xunta xeral resolverá sobre a aplicación do resultado do exercicio de acordo co balance aprobado.

Artigo 38. Comisión de auditoría e control

A comisión de auditoría e control estará integrada por tres membros que serán designados polo Consello de Administración da seguinte forma: un por proposta da consellería con competencias en sanidade, outro por proposta da consellería con competencias en facenda e un terceiro elixido de entre os conselleiros por maioría simple.

Entre as súas competencias estarán, como mínimo, as seguintes:

a) Coñecer os procesos de información financeira e os sistemas de control interno da sociedade.

b) Revisar as contas anuais da sociedade, vixiar o cumprimento dos requirimentos legais e a correcta aplicación dos principios de contabilidade xeralmente aceptados.

c) Propor ao Consello de Administración, para o seu sometemento á Xunta Xeral de Accionistas, o nomeamento dos auditores de contas, mediante os procedementos de adxudicación previstos na normativa de contratación pública.

d) Servir de canle de comunicación entre o Consello de Administración e os auditores de contas e avaliar os resultados de cada auditoría. Así mesmo, recibir información sobre todas as cuestións relacionadas co proceso de desenvolvemento da auditoría de contas, así como manter as comunicacións previstas na lexislación de auditoría de contas e demais normas técnicas de auditoría.

e) Elaborar un informe anual sobre as súas actividades.

TÍTULO V

Transformación, fusión, escisión e disolución

Artigo 39. Transformación, fusión e escisión

A transformación, fusión ou escisión da sociedade producirase na forma que establece a Lei 3/2009, do 3 de abril, de modificacións estruturais das sociedades mercantís, e requirirá autorización previa do Consello da Xunta.

Artigo 40. Disolución e liquidación

A sociedade disolverase polas causas e na forma que establece o vixente texto refundido da Lei de sociedades de capital. O acordo de disolución deberá contar coa autorización previa do Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de facenda.

O Consello da Xunta determinará, se é o caso, o destino do haber social.

A condición de liquidador corresponderalles ás persoas designadas pola Xunta Xeral da sociedade ou, na súa falta, aos compoñentes do Consello de Administración, con exclusión por sorteo dun deles, se o número de compoñentes do Consello for par no momento de acordarse a disolución.

TÍTULO VI

Patrimonio, recursos económicos, competencia
da consellería competente e xurisdición

Artigo 41. Patrimonio e recursos económicos

Constitúen o patrimonio da sociedade pública os bens que lle sexan adscritos para o cumprimento dos seus fins e os bens e dereitos de calquera natureza que produza ou adquira con cargo aos seus recursos propios.

Os bens da Comunidade Autónoma que poidan ser adscritos ou cedidos á sociedade pública conservan a súa titularidade e cualificación xurídica orixinais, e corresponderalle a ela administralos e explotalos consonte a normativa reguladora do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os recursos económicos da sociedade pública estarán constituídos:

a) Polas asignacións orzamentarias da Xunta de Galicia e dos seus organismos autónomos e doutros entes dependentes.

b) Polas subvencións, as achegas voluntarias ou as doazóns que lle conceda calquera persoa pública ou privada.

c) Polo rendemento do seu patrimonio.

d) Polos ingresos obtidos por operacións de crédito.

e) Polas remuneracións derivadas da prestación de servizos ou pola realización de actuacións que lle sexan encargadas, de conformidade co seu obxecto social, pola Administración galega, polos seus organismos autónomos ou entes dependentes ou, se é o caso, por calquera outra Administración pública.

f) Por calquera outro que lle corresponda de conformidade coas leis.

Artigo 42. Competencias da consellería competente en materia de facenda

Será, en todo caso, competencia da consellería competente en materia de facenda o exercicio das funcións relativas á tutela financeira e ao control patrimonial da sociedade pública, de conformidade co disposto na Lei de réxime financeiro e orzamentario, na Lei do patrimonio e no seu regulamento.