Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Xoves, 7 de novembro de 2019 Páx. 47998

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Pontevedra

ANUNCIO da aprobación inicial do estudo de detalle para o reaxuste de aliñacións na rúa de Pote Muíños, en Santo André de Lourizán.

A Xunta de Goberno Local do Concello de Pontevedra, na sesión ordinaria que tivo lugar o 28 de outubro de 2019, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

«(...) Primeiro. Prestar aprobación inicial ao estudo de detalle para o reaxuste de aliñacións previstas no plano O.16-5 do vixente PXOU para o segundo treito da rúa de Ponte Muíños, na parroquia de Santo André de Lourizán, formulado, por iniciativa particular, pola entidade mercantil Inmobiliaria Ponteno, S.L., instrumento urbanístico redactado polo arquitecto Amador Rey Camiño, datado en xuño de 2019, que tivo entrada no Rexistro Xeral do Concello o 19 de xuño de 2019, baixo o número 2019025575.

Segundo. Someter a información pública o amentado estudo de detalle, durante un prazo dun (1) mes, mediante anuncio que se publicará, por conta da promotora, no Diario Oficial de Galicia, no taboleiro de edictos do Concello, na sede electrónica do Concello www.sede.pontevedra.gal e nun dos xornais de maior difusión da provincia, con notificación individualizada aos titulares catastrais afectados e, en xeral, ás persoas propietarias dos terreos afectados e/ou que estremen co a vía referida, para efectos de que durante o dito período poidan examinar o expediente e formular as alegacións e suxestións que consideren oportunas, computando o remate do amentado prazo de alegacións desde a data de publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia ou notificación individual se for posterior, dilixenciándose a documentación exposta pola Secretaría da Administración Municipal.

Terceiro. Remitir certificación do presente acordo, xunto co instrumento urbanístico inicialmente aprobado, debidamente dilixenciado, á Subdirección Xeral de Aeroportos e Navegación Aérea, da Dirección Xeral de Aviación Civil, xa que o estudo de detalle se atopa abranguido no eido das servidumes aeronáuticas establecidas no Plan director do aeroporto de Vigo, para que emita, de ser necesario, o informe previsto na disposición adicional segunda do Real decreto 2591/1998, do 4 de decembro, de ordenación dos aeroportos de interese xeral e a súa zona de servizo, en relación co artigo 29.2 do Decreto 584/1972, do 24 de febreiro, de servidumes aeronáuticas, e solicitar, así mesmo, informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da CMATV, no exercicio das competencias da Xunta de Galicia en materia de costas, segundo o que se determina na Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas (...)».

Durante o prazo dun mes, contado a partir da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, calquera interesado poderá examinar o expediente no Servizo Municipal de Urbanismo, Medio Ambiente e Patrimonio Histórico (rúa Churruchaos, nº 2, baixo) e formular as alegacións e as xustificacións que considere procedentes.

Así mesmo, infórmase de que nestas datas xa se atopa publicado na sede electrónica do Concello de Pontevedra (ligazón exacta a día de hoxe: http://www.pontevedra.gal/areas/urbanismo-e-territorio/planeamento-urbanistico/planeamento-en-tramitacion/) o contido íntegro do documento aprobado inicialmente pola Xunta de Goberno Local, en cumprimento do disposto no artigo 7 da Lei 19/2013, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

Pontevedra, 29 de outubro de 2019

Miguel A. Fernández Lores
Alcalde