No Diario Oficial de Galicia núm. 204, do 25 de outubro de 2019, publicouse a Resolución do 18 de outubro de 2019 pola que se modifica a Resolución do 15 de xullo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións dos programas de fomento de mellora da eficacia enerxética e sustentabilidade e de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan estatal de vivenda 2018-2021, e se convocan para o ano 2019, con carácter plurianual (código do procedemento VI422E).
De conformidade coa citada resolución, modificouse a redacción do punto 6 do ordinal vixésimo terceiro, Xustificación da subvención, no que se establece que «en ningún caso se admitirá a presentación de documentación xustificativa, parcial ou final, da subvención con posterioridade ao 30 de novembro de cada unha das anualidades comprendidas na resolución de concesión, salvo que o requirimento sinalado no número anterior se fixese dentro dos dez (10) días anteriores a esa data. Non obstante, cando concorran circunstancias que así o xustifiquen, poderase demorar a citada data mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, que terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia».
Tendo en conta que o amplo número de solicitudes presentadas imposibilitan a resolución de concesión dos correspondentes expedientes destes programas coa debida antelación ao 30 de novembro de 2019, procede a ampliación do referido prazo.
De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o punto 6 do ordinal vixésimo terceiro na redacción realizada pola citada Resolución do 18 de outubro de 2019,
RESOLVO:
Único. Ampliar o prazo de presentación da documentación xustificativa, parcial ou final, das subvencións ata o 13 de decembro de 2019, para o caso de expedientes que teñan anualidade neste exercicio.
Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2019
Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo