Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Mércores, 30 de outubro de 2019 Páx. 47084

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 15 de outubro de 2019, da Xefatura Territorial de Pontevedra, polo que se dá publicidade á Resolución do 16 de setembro de 2019, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, pola que se modifica o acordo de concentración parcelaria da zona de Codeseda (A Estrada-Pontevedra).

O 16 de setembro de 2019 o director xeral de Desenvolvemento Rural ditou a seguinte resolución de modificación do acordo de concentración parcelaria da zona de Codeseda (A Estrada-Pontevedra):

O acordo de concentración parcelaria da zona de Codeseda (A Estrada-Pontevedra) foi aprobado pola dirección xeral competente na materia con data do 15 de xuño de 2010, na actualidade encóntrase pendente de declaración de firmeza.

Con posterioridade a estes actos, o Concello da Estrada solicitou a cesión da titularidade dos predios nº 924 e 1009 para destinalos a zona verde e área recreativa, o primeiro, e aula da natureza do colexio público de Codeseda, o segundo.

Vista a proposta da xunta local da zona, a Lei de reforma e desenvolvemento agrario, do 12 de xaneiro de 1973; a disposición transitoria primeira da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia; a Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro; a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas, e demais disposicións vixentes de aplicación ao caso.

Dados os destinos para os que se solicitan os referidos predios, e respecto dos que se entende que é perfectamente subsumible no suposto recollido no artigo 32 da antedita lei galega, esta dirección xeral resolve:

1. Modificar o acordo de concentración parcelaria da zona de Codeseda (A Estrada-Pontevedra), e adxudicar ao Concello da Estrada a titularidade dos predios nº 924 e 1009, que causa baixa no Fondo de terras da zona, para seren destinados aos fins que se recollen na parte expositiva da presente resolución.

Transcorridos cinco anos desde a cesión das propiedades sen que os predios fosen destinados aos fins para os cales son adxudicados, a titularidade dos referidos predios reverterá sobre o Fondo de terras da zona, o patrimonio da Comunidade Autónoma, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) ou outra entidade que corresponda, segundo o caso.

2. Ordenar que á presente resolución se lle dea a oportuna publicidade, sen prexuízo da súa notificación ao Concello da Estrada.

Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural no prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta resolución.

Pontevedra, 15 de outubro de 2019

Antonio Crespo Iglesias
Xefe territorial de Pontevedra