Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Martes, 29 de outubro de 2019 Páx. 46934

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2019 pola que se modifica a Resolución do 26 de xuño de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, relativas ao Plan de transición a unha mobilidade eficiente, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria para a anualidade 2019.

A Resolución do 26 de xuño de 2019 establece as bases reguladoras das subvencións relativas ao Plan de transición a unha mobilidade eficiente, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, para o ano 2019 (IN421T e IN421U).

Estas axudas xestionaranse a través de entidades colaboradoras que serán os concesionarios ou puntos de venda cuxa epígrafe da sección primeira das tarifas do imposto sobre actividades económicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1175/1990, do 28 de setembro, sexa 615.1, comercio por xunto de vehículos, motocicletas, bicicletas e os seus accesorios, ou 654.1, comercio polo miúdo de vehículos terrestres.

É práctica habitual neste tipo de establecementos que se cubra unha folla de pedido á hora de adquirir o vehículo co correspondente pagamento dun sinal por parte do comprador.

A folla de pedido é un documento intermedio entre o orzamento e o contrato de compravenda do vehículo novo (compromiso mutuo do vendedor de entregar a cousa segundo o pactado e do comprador de pagala).

Segundo o disposto no artigo 2.2 das bases reguladoras destas axudas:

«Poderán obter dereito á subvención todas aquelas actuacións recollidas no artigo 3 destas bases reguladoras que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma e cuxo prazo de execución se inicie unha vez que se teña efectuado a solicitude de axuda ante esta entidade e remate, como máis tarde, o 15 de outubro de 2019. Para estes efectos, considerarase como inicio da actuación o primeiro pagamento do beneficiario final ao concesionario».

A medida que se van revisando os expedientes compróbase que en moitos deles figuraba o pagamento dun sinal con anterioridade á presentación da solicitude da axuda e da sinatura do contrato de compravenda o que, coa aplicación do establecido neste artigo, daría lugar á denegación da axuda.

A mellora na xestión destas axudas xustifica a necesidade de incorporar unha modificación nas bases reguladoras, consistente en que sexan subvencionadas todas as actuacións cuxo prazo de execución se inicie unha vez publicadas as bases reguladoras, permitindo así que estes expedientes nos cales se paga un pequeno sinal se poidan resolver favorablemente.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e as atribuídas no Decreto 142/2016, do 22 de setembro, polo que se crea a Axencia Instituto Enerxético de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Resolución do 26 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, relativas ao Plan de transición a unha mobilidade eficiente, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria para a anualidade 2019

Un. Modifícase o artigo 2.2 do anexo I, que queda redactado nos seguintes termos:

2. Poderán obter dereito á subvención todas aquelas actuacións recollidas no artigo 3 destas bases reguladoras que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma e cuxo prazo de execución se inicie unha vez publicadas estas bases reguladoras e remate, como máis tarde, o 6 de novembro de 2019. Para estes efectos, considerarase como inicio da actuación o primeiro pagamento do beneficiario final ao concesionario.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia