Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Luns, 28 de outubro de 2019 Páx. 46773

III. Outras disposicións

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 17 de outubro de 2019 pola que se acorda publicar o Regulamento electoral xeral desta universidade.

Reunido o Claustro Universitario o día 15 de outubro de 2019 acordou na dita sesión a publicación do Regulamento electoral xeral da Universidade de Vigo que figura no anexo desta resolución.

Vigo, 17 de outubro de 2019

Joaquín Manuel Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo

ANEXO

Regulamento electoral xeral da Universidade de Vigo

(Aprobado polo Claustro Universitario o 15 de outubro de 2019)

TÍTULO I

Normas electorais xerais

Capítulo I. Obxecto

Sección 1ª. Ámbito de aplicación

Artigo 1. Ámbito de aplicación

Sección 2ª. Dereito de sufraxio

Artigo 2. Principios xerais do sufraxio

Artigo 3. Persoas electoras

Artigo 4. Persoas elixibles

Artigo 5. Colexios electorais

Artigo 6. Circunscricións electorais

Capítulo II. Administración electoral

Sección 1ª. Órganos electorais

Artigo 7. Administración electoral

Artigo 8. A Comisión Electoral

Artigo 9. Competencias da Comisión Electoral

Artigo 10. As xuntas electorais

Artigo 11. Competencias das xuntas electorais

Artigo 12. Funcionamento da Comisión Electoral e da Xunta Electoral

Artigo 13. Colaboración dos órganos de goberno

Sección 2ª. Censos electorais

Artigo 14. Disposicións xerais sobre o censo electoral

Artigo 15. Adscrición ás circunscricións

Capítulo III. Normas comúns a todo proceso electoral

Sección 1ª. Actos e actuacións no proceso electoral

Artigo 16. Conservación dos actos electorais

Artigo 17. Votos válidos, nulos e en branco

Artigo 18. Cómputo de prazos

Artigo 19. Segredo do voto

Artigo 20. Soporte e financiamento das actividades electorais

Artigo 21. Infraccións electorais

Sección 2ª Titularidade dos cargos electos

Artigo 22. Principios xerais

Artigo 23. Perda da condición dun cargo unipersoal

Artigo 24. Perda da condición de membro dun órgano colexiado

TÍTULO II

Dos procesos electorais na Universidade de Vigo

Capítulo I. Procedemento electoral xeral

Sección 1ª. Preparación das eleccións

Artigo 25. Convocatoria das eleccións

Artigo 26. Publicación e impugnación do censo electoral

Artigo 27. Presentación de candidaturas

Artigo 28. Proclamación de candidatos/as e recursos

Artigo 29. Campaña electoral

Sección 2ª. Organización da votación

Artigo 30. Mesas electorais

Artigo 31. Constitución das mesas electorais

Artigo 32. Persoas interventoras

Artigo 33. Papeletas e sobres

Sección 3ª. Celebración da votación

Artigo 34. A xornada de votación

Artigo 35. Mantemento da orde

Artigo 36. Identificación do electorado

Artigo 37. Emisión do voto

Sección 4ª. Escrutinio

Artigo 38. Escrutinio

Artigo 39. Fin do reconto

Artigo 40. Acta de escrutinio

Artigo 41. Expediente electoral

Artigo 42. Escrutinio xeral

Sección 5ª. Proclamación de candidatas/os electos

Artigo 43. Proclamación provisoria de candidaturas electas

Artigo 44. Proclamación definitiva de candidaturas electas

Sección 6ª. Voto electrónico

Artigo 45. Sistema de votación

Artigo 46. Órganos responsables do proceso electoral

Artigo 47. Mesas electorais electrónicas

Artigo 48. Preparación da votación

Artigo 49. Procedemento para a votación electrónica

Capítulo II. Elección do reitor/a e de representantes en órganos colexiados

Sección 1ª. Elección do/da reitor/a

Artigo 50. A elección do reitor/a

Artigo 51. Convocatoria da elección

Artigo 52. Ponderación do voto

Sección 2ª. Disposicións comúns ás eleccións de representantes en órganos colexiados

Artigo 53. Convocatoria das eleccións

Artigo 54. Candidatos/as elixibles

Sección 3ª. Eleccións ao Claustro Universitario

Artigo 55. Normas xerais

Artigo 56. Sectores e subsectores

Sección 4ª. Elección de representantes nas xuntas de centro

Artigo 57. Normas xerais

Artigo 58. Sectores e subsectores electorais

Artigo 59. Electores e elixibles

Sección 5ª. Elección de representantes nos consellos de departamento

Artigo 60. Normas xerais

Artigo 61. Sectores

Capítulo III. Elección polo Claustro e polo Consello de Goberno de representantes en órganos colexiados

Sección 1ª. Elección polo Claustro de representantes en órganos colexiados

Artigo 62. Elección de representantes no Consello de Goberno

Artigo 63. Elección de representantes nos consellos de campus

Artigo 64. Procedemento de votación nas eleccións polo Claustro

Sección 2ª. Elección polo Consello de Goberno de representantes en órganos colexiados

Artigo 65. Elección de representantes no Consello Social

Capítulo IV. Elección de decano/a ou director/a de centro e de director/a do departamento

Sección 1ª. Procedemento especial común

Artigo 66. Normas xerais

Artigo 67. Convocatoria

Artigo 68. Da sesión para a votación

Artigo 69. Votación

Artigo 70. Escrutinio

Artigo 71. Ausencia de candidaturas

Artigo 72. Moción de censura

Sección 2ª. Elección de decano/a da facultade ou director/a da escola

Artigo 73. Disposicións comúns

Artigo 74. Convocatoria e candidaturas

Artigo 75. Equipo directivo

Sección 3ª. Elección de director/a do departamento

Artigo 76. Convocatoria e candidaturas

Disposición adicional primeira. Órganos de goberno en centros e departamentos

Disposición adicional segunda. Interpretación normativa

Disposición adicional terceira. Recursos

Disposición adicional cuarta. Aplicación da normativa sobre os procesos electorais

Disposicións derrogatorias

Disposición derradeira

TÍTULO I

Normas xerais

CAPÍTULO I

Obxecto

Sección 1ª. Ámbito de aplicación

Artigo 1. Ámbito de aplicación

1. O presente regulamento aplicarase aos seguintes procesos electorais no ámbito da Universidade de Vigo:

a) Elección de reitor ou reitora.

b) Elección de representantes no Claustro Universitario.

c) Eleccións, polo Claustro Universitario, de representantes en órganos colexiados: Consello de Goberno, consellos de campus e Comisión Electoral; así como, polo Consello de Goberno, de representantes no Consello Social.

d) Elección de representantes nas xuntas de centro e nos consellos de departamento.

e) Elección de decanos/as de facultade e de directores/as de escola e de departamentos.

2. Os restantes procesos electorais rexeranse polas súas normas específicas e, en todo caso, aplicarase o disposto no artigo 2 deste regulamento.

3. O presente regulamento aplicarase preferentemente a outras disposicións da universidade que regulen a mesma materia, e as normas e principios xerais enunciados nel, que servirán de criterios interpretativos en todos os procesos electorais da Universidade de Vigo.

Sección 2ª. Dereito de sufraxio

Artigo 2. Principios xerais do sufraxio

1. A Universidade de Vigo garantirá nos seus procesos electorais o dereito de sufraxio universal, libre, igual, directo e secreto, de acordo co presente regulamento e coa legalidade vixente.

2. Non se admitirá o voto delegado, o voto anticipado nin o voto por correo.

3. O dereito de sufraxio exercerase persoalmente e unha soa vez en cada proceso electoral, no sector ou subsector e circunscrición en que a persoa votante estea censada, ou no órgano colexiado a que pertence, segundo corresponda.

Artigo 3. Persoas electoras

1. Son electores e electoras todas as persoas que figuren no censo electoral da circunscrición correspondente e que reúnan os requisitos legalmente establecidos para cada proceso electoral segundo os estatutos da Universidade de Vigo e o presente regulamento, así como a normativa especial que poida corresponder, de acordo coas categorías seguintes:

a) Persoal docente e investigador en situación de servizo activo e con destino na Universidade de Vigo, agás o que desempeñe a praza ou o posto fóra da Universidade de Vigo en comisión de servizos ou situación equivalente. No entanto, o persoal docente e investigador contratado por obra ou por servizo, interino de substitución ou visitante, deberá acreditar unha vinculación coa Universidade de Vigo superior a un ano dentro dos últimos dezaoito meses previos á convocatoria do proceso electoral de que se trate.

b) O persoal de administración e servizos en situación de servizo activo e con destino na Universidade de Vigo, agás o que desempeñe a praza ou o posto fóra da universidade en comisión de servizos ou en situación equivalente. No entanto, o persoal eventual de administración e servizos deberá acreditar unha vinculación coa Universidade de Vigo superior a un ano dentro dos últimos dezaoito meses previos á convocatoria do proceso electoral de que se trate.

c) O alumnado matriculado na Universidade de Vigo antes da convocatoria do proceso electoral correspondente, agás o dos centros adscritos á Universidade de Vigo e o alleo á Universidade de Vigo participante en programas de intercambio. O alumnado pertencente ao Programa de maiores só poderá participar nas eleccións a reitor/a.

2. Ningunha persoa poderá ter a condición de elector ou electora en dous ou máis sectores de representación distintos, nin dentro dun sector en dúas ou máis circunscricións electorais. Neste caso, debe optar polo sector ou circunscrición en que desexe participar na votación mediante un escrito, no período de reclamacións ao censo, ante a Comisión Electoral ou a Xunta Electoral, segundo corresponda. Esta, en ausencia de opción, fará a adscrición, con prevalencia do sector de persoal de administración e servizos sobre os restantes, e do sector de profesorado doutor con vinculación permanente á universidade ou do sector do resto de persoal docente e investigador sobre o sector de alumnado.

3. O alumnado que simultanee estudos en máis dun centro optará por un daqueles onde os realice, durante o período de reclamacións ao censo electoral, presentando o correspondente escrito ante a Comisión Electoral. Esta, en ausencia de opción, fará a adscrición ao centro onde se imparta a titulación da que estea matriculado con maior número de créditos ou, no caso de paridade de créditos, por sorteo.

4. No caso de compaxinación de estudos de 1º e de 2º ciclo con estudos de 3º ciclo, o alumnado deberá presentar un escrito optando por un dos sectores durante o período de reclamacións ao censo electoral. De non presentar o devandito escrito de opción, a Comisión Electoral ou a Xunta Electoral correspondente adscribirao ao sector do 3º ciclo.

Artigo 4. Persoas elixibles

1. É elixible toda persoa que, posuíndo a calidade de elector ou electora, reúna as condicións requiridas nos estatutos e no presente regulamento para ser elixida no proceso electoral correspondente e sempre que:

a) Presente a súa candidatura conforme o disposto no presente regulamento.

b) A Comisión Electoral ou a Xunta Electoral concernida proclame a candidatura, segundo corresponda, mediante a resolución definitiva.

2. Os requisitos exixidos para exercer o dereito de sufraxio pasivo deberán reunirse na data da presentación da candidatura e manterse ata a realización das eleccións.

Artigo 5. Colexios electorais

Os colexios electorais estarán integrados:

a) Polo conxunto de electores e electoras da comunidade universitaria, nas eleccións a reitor/a e a representantes no Claustro Universitario.

b) Polo conxunto de inscritos no censo do respectivo centro, escola, departamento ou instituto, segundo corresponda, nas eleccións a representantes nas xuntas de facultade ou escola ou nos consellos de departamento.

c) Polos/as claustrais dos respectivos campus, nas eleccións a membros dos consellos de campus.

d) Polos membros da respectiva Xunta de Centro ou consello, segundo corresponda, nas eleccións a decano/a ou director/a de escola ou departamento.

Artigo 6. Circunscricións electorais

1. Serán circunscricións electorais:

a) Nas eleccións de representantes no Claustro Universitario, cada centro da Universidade de Vigo, para os sectores de profesorado doutor con vinculación permanente á universidade e do estudantado. A Comisión Electoral distribuirá os membros que serán elixidos entre os diferentes centros de forma proporcional ao número de membros do sector correspondente, garantindo un mínimo por centro e decidindo verbo dos agrupamentos de centros, co fin de constituír as circunscricións electorais para o sector do restante persoal docente e investigador; de xeito que se garanta unha adecuada correspondencia entre o número de membros do sector nas circunscricións e o número de representantes no claustro. No caso do persoal de administración e servizos, constituirase unha circunscrición electoral única, con independencia do lugar en que cada elector/a teña o seu destino.

b) Nas eleccións a representantes nas xuntas de facultade ou escola, os citados centros.

c) Nas eleccións a representantes nos consellos de departamento, os departamentos, agás nas eleccións de representantes de alumnado nos consellos de departamentos, que serán os centros.

d) Nas eleccións a membros dos consellos de campus, os respectivos campus.

2. As circunscricións electorais contarán cun número mínimo de dez persoas electoras e a Comisión Electoral ou a Xunta Electoral concernida, segundo corresponda, deberá agrupar a citada circunscrición con outra ou outras cando a suma do número de electores/as nun determinado sector ou subsector e circunscrición sexa inferior a dez, co fin de garantir o segredo do voto.

CAPÍTULO II

A Administración electoral

Sección 1ª. Órganos

Artigo 7. Administración electoral

1. A Administración electoral ten por finalidade velar polo cumprimento da legalidade nos procesos electorais da Universidade de Vigo.

2. A Administración electoral está integrada pola Comisión Electoral, as xuntas electorais dos centros e departamentos e as mesas electorais, que supervisarán o desenvolvemento e resolverán as incidencias dos correspondentes procesos electorais no ámbito da súa competencia.

3. Os órganos de goberno da universidade colaborarán, así mesmo, coa Administración electoral na organización e xestión dos procesos electorais nos asuntos que lles sexan encomendados, baixo a supervisión da Secretaría Xeral.

4. Os membros da Comisión Electoral e da Xunta Electoral non poderán difundir propaganda ou realizar calquera outra actividade conducente á captación de votos nos procesos electorais en que aquelas están implicadas.

5. A resolución das reclamacións, impugnacións ou aclaracións suscitadas nos procesos electorais correspóndelles á Comisión Electoral e ás xuntas electorais, no seu respectivo ámbito de competencia.

Artigo 8. A Comisión Electoral

1. A Comisión Electoral ten por función resolver as reclamacións presentadas contra as decisións adoptadas polas xuntas electorais dos centros e dos departamentos, así como regular as eleccións do reitor ou reitora e dos membros do claustro, aprobando o calendario, os censos e o procedemento das eleccións. Ademais, será o órgano competente para coñecer e resolver todos os problemas e dúbidas que se poidan presentar nestas e demais eleccións consideradas nos estatutos da Universidade de Vigo.

2. A Comisión Electoral estará composta:

a) Pola reitora ou polo reitor, que a preside, quen poderá delegar nun dos/das vicerreitores/as.

b) Polo/a secretario/a xeral da universidade.

c) Por doce membros elixidos polo Claustro, dos que tres corresponderán ao profesorado doutor con vinculación permanente á universidade, tres a outro persoal docente e investigador, tres ao alumnado e tres ao persoal de administración e servizos.

3. Os membros da Comisión Electoral serán elixidos polos claustrais do respectivo sector para un período de catro anos, agás os/as estudantes que o serán por dous. Cada candidato/a levará unha persoa suplente que o/a substituirá no caso de perda da súa condición de membro desta comisión.

4. No caso de producirse unha vacante do membro titular ou suplente, cubrirase mediante unha nova elección, de acordo co procedemento establecido no Regulamento de réxime interno do Claustro para casos semellantes.

Artigo 9. Competencias da Comisión Electoral

1. En xeral correspóndelle á Comisión Electoral elaborar as instrucións de obrigado cumprimento para a Administración electoral en calquera materia electoral e a formulación dos criterios interpretativos en aplicación da normativa electoral; así como resolver todos os problemas e dúbidas que se poidan presentar nestas e demais eleccións consideradas nos estatutos da Universidade de Vigo.

2. Ademais, tamén lle corresponden, en particular, as seguintes funcións, en relación coas eleccións de reitor ou reitora e coas eleccións de representantes no Claustro e de alumnado nos consellos de departamentos:

a) A aprobación definitiva dos censos electorais.

b) A resolución, en única instancia, dos recursos que interpoñan os/as titulares do dereito de sufraxio contra a súa inclusión ou omisión indebida no censo pola Secretaría Xeral.

c) A distribución en cada procedemento electoral, cando proceda, do número de representantes elixibles en cada circunscrición e sector ou subsector, así como a resolución dos recursos que se interpoñan contra a citada distribución.

d) A aprobación do modelo oficial a que se axustará o escrito de presentación de candidaturas, as papeletas, así como os modelos das actas de constitución de mesas electorais, de escrutinio xeral e de proclamación de persoas electas, e calquera outro modelo tanto impreso coma electrónico.

e) A proclamación definitiva de candidatos e candidatas e a resolución dos recursos que estes/as interpoñan contra a mencionada proclamación.

f) O sorteo para establecer a orde de colocación dos candidatos e candidatas nas papeletas oficiais de votación.

g) A organización do procedemento de emisión do voto e a determinación do número de mesas electorais, así como a súa situación.

h) A provisión e a distribución de urnas, papeletas e sobres, en colaboración cos órganos de goberno correspondentes.

i) A proclamación provisional e definitiva das candidatas e candidatos electos.

j) A remisión ao reitor ou reitora das cuestións disciplinarias producidas en relación con actos electorais.

k) A revogación de oficio en calquera tempo, ou por instancia da parte interesada dentro do prazo de cinco días, das decisións dos órganos de goberno de facultades, escolas, departamentos e institutos contra as que as persoas afectadas polas citadas decisións recorran ante a Comisión Electoral por oporse aquelas á interpretación da normativa electoral realizada por esta.

l) A resolución con carácter vinculante das consultas en materia electoral que lles formulen a Secretaría Xeral ou os demais órganos universitarios.

m) Calquera outra non atribuída a outros órganos en materia electoral.

3. Toda a documentación electoral remitida pola Comisión Electoral aos centros enviarase, na medida en que sexa posible, en formato electrónico.

Artigo 10. As xuntas electorais

1. En cada centro e departamento haberá unha Xunta Electoral responsable de todas as competencias atribuídas por este regulamento.

2. A Xunta Electoral está composta:

a) Polo decano ou pola decana, ou o director ou directora do centro ou departamento, que a preside.

b) Polo secretario ou pola secretaria do centro ou departamento, que actúa como secretario ou secretaria dela.

c) Por un membro do persoal docente e investigador, outro do persoal de administración e servizos e outro do sector de alumnado, designados por sorteo público, así como os e as respectivos suplentes.

3. Non obstante, os departamentos de cada ámbito poderán acordar ter unha única Xunta Electoral que supervise as eleccións dos representantes nos consellos de departamento, agás as de estudantes.

Artigo 11. Competencias das xuntas electorais

1. As xuntas electorais teñen competencias en relación cos seguintes procesos electorais:

a) Xuntas de centro.

b) Consellos de departamentos (agás alumnado).

c) Decanos/as e directores/as de centros ou de departamentos.

2. En relación cos procesos sinalados no parágrafo anterior, as xuntas electorais teñen atribuídas as seguintes competencias:

a) A aprobación definitiva dos censos electorais.

b) A resolución dos recursos que interpoñan os/as titulares do dereito de sufraxio contra a súa inclusión ou omisión indebida no censo.

c) A distribución en cada procedemento electoral, cando proceda, do número de representantes elixibles en cada circunscrición e sector ou subsector, así como a resolución dos recursos que se interpoñan contra a citada distribución.

d) A aprobación do modelo oficial a que se axustará o escrito de presentación de candidaturas, as papeletas, así como os modelos das actas de constitución de mesas electorais, de escrutinio xeral e de proclamación de electos, e calquera outro modelo tanto impreso coma electrónico.

e) A proclamación de candidatos e candidatas e a resolución dos recursos que estes/as interpoñan contra a mencionada proclamación.

f) O sorteo para establecer a orde de colocación dos candidatos e candidatas nas papeletas oficiais de votación.

g) A organización do procedemento de emisión do voto e a determinación do número de mesas electorais, así como a súa situación.

h) A provisión e a distribución de urnas, papeletas e sobres.

i) A proclamación provisional e definitiva das candidatas e candidatos electos.

j) A designación por sorteo público das persoas que formen parte das mesas electorais.

k) A proclamación provisional e definitiva de resultados.

l) A remisión ao reitor ou reitora das cuestións disciplinarias que se produzan en relación con actos electorais da súa competencia.

Artigo 12. Funcionamento da Comisión Electoral e da Xunta Electoral

1. O secretario ou secretaria convocará as sesións da Comisión Electoral e da Xunta Electoral cunha antelación de 48 horas á reunión, agás no caso en que concorran circunstancias excepcionais, en que se poderá convocar con tres horas de adianto.

2. A convocatoria poderá realizarse por correo electrónico e a sesión poderá realizarse por correo electrónico, audioconferencia, videoconferencia ou mecanismo equivalente a estes, seguindo o procedemento indicado.

3. Para que a reunión sexa válida, concorrerán en primeira convocatoria a metade dos seus membros e figurarán entre eles o presidente ou presidenta e o secretario ou secretaria, ou persoas que os/as substitúan. No caso de non acadarse o quórum suficiente, a reunión convocarase de novo aos quince minutos da primeira; nesta segunda convocatoria bastará a presenza dun terzo dos seus membros, sempre que asistan o presidente ou presidenta e o secretario ou secretaria, ou as persoas que os/as substitúan.

4. Os acordos adoptaranse por maioría das persoas presentes, e será de calidade o voto do presidente ou presidenta no caso de empate.

5. Tanto a Comisión Electoral coma a Xunta Electoral poderán delegar no seu presidente ou presidenta ou no seu secretario ou secretaria a resolución dos asuntos que expresamente determinen, así como adoptar acordos sen necesidade de reunión en asuntos sobre os que conste unanimidade de criterio, logo de que o presidente ou presidenta así o confirmase por medio de comunicación telefónica ou electrónica.

6. O secretario ou secretaria redactará a acta de cada sesión. Nela constará o nome das persoas asistentes e das non presentes que xustifiquen a súa ausencia; a orde do día da reunión; as circunstancias de lugar e de tempo en que tivo lugar; os puntos principais das deliberacións; as intervencións cuxa constancia se solicitou e un resumo sucinto do resto das intervencións; así como o resultado das votacións e o contido dos acordos adoptados. Deberá notificar os que afecten directamente persoas concretas do xeito máis rápido posible.

Artigo 13. Colaboración dos órganos de goberno

1. Os órganos de goberno da universidade colaborarán coa Administración electoral na preparación e na xestión dos procesos electorais.

2. Sen prexuízo das funcións atribuídas á Secretaría Xeral en materia electoral polo presente regulamento, os órganos de goberno unipersoais das facultades e das escolas e dos departamentos, en especial as súas secretarías, colaborarán coa Xunta Electoral na preparación e na xestión dos procesos electorais nos seus respectivos ámbitos de competencia, nas condicións que esta estableza.

3. En particular, os órganos indicados no parágrafo anterior prestarán apoio nos seguintes procesos electorais, dentro dos seus respectivos ámbitos de competencia:

a) No rexistro das candidaturas e na elaboración das listaxes provisionais e definitivas de candidatos e candidatas, cando o estableza a Xunta Electoral, así como a súa remisión a esta.

b) Na elaboración das papeletas de votación conforme os criterios establecidos polo presente regulamento e pola Xunta Electoral.

c) Na provisión dos medios materiais para o correcto desenvolvemento das eleccións.

d) Na designación dos electores e electoras que consideren máis adecuados para formar parte das mesas electorais no suposto de inasistencias á constitución destas e durante o curso das votacións.

e) Na elaboración das listaxes e das táboas provisionais e definitivas de resultados cando o estableza a Xunta Electoral, así como a súa remisión a esta.

Sección 2ª. Censos electorais

Artigo 14. Disposicións xerais sobre o censo electoral

1. Para o exercicio do dereito ao sufraxio activo e pasivo será necesaria a inclusión no correspondente censo electoral.

2. A elaboración, a rectificación en período electoral e a adscrición do electorado ás respectivas circunscricións de acordo co disposto neste regulamento correspóndelles:

a) Á Secretaría Xeral, nas eleccións a reitor ou reitora, así como a representantes no Claustro Universitario e de estudantes nos consellos de departamento.

b) Ás secretarías dos centros e dos departamentos no resto das eleccións incluídas no ámbito do presente regulamento.

3. Sen prexuízo do disposto no artigo 26, quen acredite un interese directo poderá instar, en calquera momento, ante a Secretaría Xeral ou, se é o caso, nas secretarías dos centros e departamentos a rectificación dos datos censuais.

4. Os censos dos órganos de goberno colexiados das facultades, escolas e departamentos poderán ser actualizados pola secretaría dos centros e dos departamentos ou, se é o caso, pola Xunta Electoral correspondente respecto das incorporacións ou baixas que non requiran eleccións. Esta actualización non alterará a composición dos demais sectores, con independencia das proporcións asignadas a cada un deles nos estatutos, mentres non teñan lugar as correspondentes eleccións.

5. No censo electoral incluirase o nome e os apelidos dos electores e electoras e o número do seu documento oficial de identificación. Esta última mención poderá omitirse na publicación do censo nos taboleiros electorais, e omitirase na publicación do censo en medios electrónicos.

6. As persoas candidatas poderán solicitar da Comisión Electoral ou da Xunta Electoral correspondente, desde o día seguinte á proclamación definitiva de candidaturas, unha copia do censo correspondente ao electorado que pode votar a súa candidatura. Este poderá utilizarse exclusivamente para fins electorais, sen prexuízo da normativa sobre protección de datos persoais.

7. Contra as decisións da Secretaría Xeral e das xuntas electorais en materia electoral caberá un recurso ante a Comisión Electoral.

Artigo 15. Adscrición ás circunscricións

1. A Secretaría Xeral levará a cabo a adscrición do electorado ás respectivas circunscricións no período previsto para elaborar os censos electorais segundo os criterios establecidos no presente regulamento ou, no seu ámbito de competencia, os decanatos ou direccións dos centros e dos departamentos. Corresponderalle á Comisión Electoral ou á Xunta Electoral, segundo o caso, resolver as dúbidas que poidan suscitarse sobre as citadas adscricións.

2. Os membros do persoal docente e investigador estarán censados no departamento a que pertenzan e no centro en que impartan maior docencia. No caso de ter a mesma docencia en varios optará, no período de reclamacións ao censo electoral, sen que ninguén poida estar censado en máis dun centro ou departamento.

3. Os membros do PDI sen tarefas docentes asignadas no POD exercerán os seus dereitos no centro onde impartiron a súa docencia no último curso en que tiveron asignada a tarefa docente.

4. O alumnado de doutoramento estará censado no centro e no departamento onde estea censado o/a director/a da correspondente tese, e optará no caso de codirección.

5. Os/as estudantes de 1º e de 2º ciclo estarán censados:

a) No centro responsable da titulación en que estean matriculados e nos departamentos que teñan a súa docencia asignada ás materias en que estean matriculados, segundo corresponda.

b) No centro que imparta a titulación da que se matriculou dun maior número de créditos, no caso de simultaneidade de estudos. De estar matriculado do mesmo número de créditos en dúas ou máis titulacións, cada estudante optará, no período de reclamacións ao censo electoral, por estar censado nun só centro; será adscrito de oficio pola Comisión Electoral ou, se é o caso, a Xunta Electoral, de non exercer o devandito dereito de opción.

6. Os membros do persoal de administración e servizos (PAS) estarán censados na unidade onde presten os seus servizos. Os membros do PAS adscritos a unidades administrativas que prestan servizo a varios centros ou departamentos poderán optar a ser elixidos como representantes do seu sector en calquera das xuntas de centro ou consellos de departamentos a que a súa unidade administrativa dea servizo.

CAPÍTULO III

Normas comúns a todo proceso electoral

Sección 1ª. Actos e actuacións no proceso electoral

Artigo 16. Conservación dos actos electorais

1. Os vicios do procedemento electoral unicamente producirán a nulidade de actuacións cando sexan determinantes do resultado da elección.

2. A invalidez da votación nunha ou varias mesas, ou no caso de eleccións parciais, que non alteren o resultado final, non producirán a súa nulidade.

Artigo 17. Votos válidos, nulos e en branco

1. O voto exércese indicando inequivocamente a preferencia por unha ou varias candidaturas, segundo corresponda. No caso de existir unha papeleta oficial, o electorado marcará cunha cruz o recadro correspondente ás candidaturas ás cales lles outorgue o seu voto.

2. Considérase voto nulo:

a) O emitido nun sobre ou nunha papeleta diferente do modelo oficial.

b) O emitido nunha papeleta sen sobre, cando este sexa preceptivo, ou o emitido en sobre que conteña máis dunha papeleta con distintas candidaturas.

c) O emitido en papeleta na cal conste un número de marcas superior ao número máximo de candidaturas que o electorado poida votar.

d) O emitido en papeleta con riscaduras, emendas, modificacións ou calquera outro tipo de alteración que impida coñecer con claridade a efectiva vontade do elector ou electora. De ser o caso, a nulidade só afectará o nome ou nomes respecto aos cales se suscite a dúbida.

e) O emitido nun sobre con signos externos de recoñecemento.

f) O voto que conteña calquera outra expresión allea ao voto.

3. No caso de voto electrónico, considéranse nulas as papeletas ou as votacións electrónicas en que figuren sinalados maior número de candidatos e candidatas dos que lles corresponda votar a cada elector ou electora, así como as papeletas ou votacións en que se lle outorgue o voto a máis do 60 % das candidaturas dun dos xéneros, conforme o establecido no artigo 54 deste regulamento.

4. Considérase voto en branco, pero válido:

a) O emitido nun sobre que non conteña papeleta.

b) O emitido nunha papeleta ou papeletas que non conteñan indicación a favor de ningunha das candidaturas que permita coñecer a preferencia de cada votante.

c) O voto a unha candidatura legalmente retirada.

5. No suposto de que o sobre conteña máis dunha papeleta a favor da mesma candidatura, computarase como un só voto válido. No caso de que xunto a unha papeleta adecuadamente cuberta o sobre conteña outra ou outras en branco, entenderase que a papeleta cuberta é válida e non se terán en conta as restantes.

Artigo 18. Cómputo de prazos

1. Nas eleccións referidas no presente regulamento, considéranse períodos inhábiles o mes de agosto, así como os festivos previstos con carácter xeral para toda a universidade no calendario laboral. Así mesmo, consideraranse tamén inhábiles as restantes datas en que estea suspendida a actividade académica docente, segundo o calendario académico aprobado polo Consello de Goberno, en relación co cómputo dos prazos das eleccións a reitor/a, así como para as datas de votación nas eleccións a decanos/as e a directores/as de centros ou de departamentos.

2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, o cómputo dos prazos sinalados no presente regulamento axustarase ás normas xerais de procedemento administrativo, que se aplicarán, así mesmo, en todo o non expresamente previsto por este en materia de procedemento, do mesmo xeito que, cando lle corresponda, á Lei orgánica do réxime electoral xeral.

Artigo 19. Segredo do voto

1. Cada elección realizarase nunha urna diferenciada, que terá as características necesarias para garantir o segredo da votación.

2. Cando polas características da elección deban reunirse nunha mesma urna os votos de máis dun sector, subsector ou circunscrición electoral, diferenciaranse as papeletas mediante cores ou marcas que faciliten distinguilas.

Artigo 20. Soporte e financiamento das actividades electorais

1. Ao longo de todo o proceso electoral realizado na Universidade de Vigo, garantirase a igualdade das persoas candidatas no acceso aos medios dispoñibles para o seu desenvolvemento.

2. O financiamento das actividades electorais cumprirá cos requisitos exixidos pola normativa de transparencia e de protección de datos sen que poida, en ningún caso, comprometer a autonomía da universidade.

Artigo 21. Infraccións electorais

O reitor ou a reitora exercerá a potestade disciplinaria nos casos de incumprimento da normativa establecida no presente regulamento ou da negativa a asumir os deberes establecidos nel.

Sección 2ª. Titularidade dos cargos electos

Artigo 22. Principios xerais

1. As persoas titulares de órganos de goberno electas, así como os seus membros electos, perderán a citada condición no momento en que deixen de cumprir os requisitos exixidos para seren elixidos.

2. Para desempeñar os devanditos cargos estarase ao disposto nos estatutos da Universidade de Vigo e nos regulamentos que os desenvolvan.

3. Ata a constitución dos órganos colexiados electos continuarán en funcións as persoas que viñan ocupando eses mesmos postos.

4. Os efectos administrativos e económicos das persoas electas, cando procedan, computaranse desde o momento en que o órgano competente as nomee ou que o órgano se constitúa, agás que se dispoña expresamente unha data anterior, que en todo caso será posterior á data da proclamación definitiva como electo/a.

Artigo 23. Perda da condición dun cargo unipersoal

1. Sen prexuízo do disposto nas restantes normas aplicables, a condición de órgano de goberno unipersoal de carácter electivo é persoal e intransferible.

2. A condición de órgano de goberno unipersoal de carácter electivo perderase por:

a) Finalización do mandato.

b) Petición propia.

c) Deixar de posuír as condicións necesarias para ser elixido ou elixida.

d) Conclusión dos procedementos de revogación establecidos nos estatutos da Universidade de Vigo e nos regulamentos que os desenvolvan.

e) O feito de ser nomeado para desempeñar outro cargo unipersoal.

f) Inhabilitación para o cargo por sentenza ou resolución administrativa firme.

g) Xubilación do/da titular.

h) Falecemento do/da titular.

i) Fin da condición de servizo activo na Universidade de Vigo no caso do persoal funcionario ou a situación equivalente no persoal laboral.

j) Deixar de pertencer ás categorías, corpos docentes ou escalas de funcionarios que sexan exixidas pola lexislación vixente para ocupar ese cargo.

k) Cambio de dedicación de tempo completo a tempo parcial do/da titular.

l) Deixar de estar matriculado nos estudos correspondentes, no caso do alumnado.

m) Calquera outra causa que estableza a Comisión Electoral.

3. En ningún caso se poderá exercer a titularidade de máis dun órgano de goberno unipersoal, nin compaxinar a de calquera deles coa de órganos de goberno unipersoais doutra universidade ou do Consello Superior de Investigacións Científicas e dos seus centros respectivos.

4. No caso de cesamento, con carácter xeral, o reitor ou reitora poderá resolver a continuidade en funcións do/da anterior titular ata a elección da persoa que o substitúa.

5. Cando se produza o cesamento do cargo dun órgano de goberno unipersoal, tamén cesarán nos seus cargos as persoas que foran nomeadas por proposta daquel, aínda que continuarán en funcións ata seren confirmadas ou substituídas por quen substitúa a persoa cesante.

Artigo 24. Perda da condición de membro de órganos colexiados

1. A condición de membro de órganos colexiados de carácter electivo é persoal e intransferible.

2. A condición de membro de órganos colexiados de carácter electivo perderase por:

a) Finalización legal do mandato.

b) Petición propia.

c) Deixar de posuír as condicións necesarias para ser elixido ou elixida.

d) Disolución do órgano colexiado concernido.

e) Deixar de pertencer ao sector ou subsector da comunidade polo que se foi elixido ou elixida.

f) Inhabilitación por sentenza ou resolución administrativa firme do/da titular.

g) Falecemento do/da titular.

h) Perda da condición de servizo activo na Universidade de Vigo, no caso do persoal funcionario, ou a situación equivalente no persoal laboral.

i) Incumprimento grave das súas obrigas, nos termos que sinale a normativa reguladora do órgano, de acordo cos criterios xerais dispostos no número 3 do presente artigo.

j) Calquera outra causa que estableza a Comisión Electoral.

3. No caso de perda da condición de membro dun órgano colexiado dun/dunha representante electo, será nomeado membro, ata o final do período, o seguinte candidato/a máis votado/a do mesmo sector ou subsector e circunscrición, agás nos casos en que o presente regulamento estableza supostos de suplencia de candidatos/as.

4. Correspóndelles á Secretaría Xeral, aos decanatos e ás direccións de centros e departamentos, unha vez coñecida a existencia dunha vacante, dar de baixa no órgano os/as representantes que perdesen a súa condición de membros e, de ser o caso, incorporar como membros os substitutos e substitutas.

5. Se, de acordo co previsto no parágrafo anterior, non houbese substitutos ou substitutas que reúnan os requisitos exixibles para formar parte do órgano, a vacante manterase ata a realización das seguintes eleccións que correspondan. A Secretaría Xeral, decanatos e direccións de centros e departamentos, no caso que corresponda, comunicaranlles a súa baixa ou incorporación ás persoas afectadas, que poderán interpoñer un recurso ante a Comisión Electoral ou Xunta Electoral, segundo proceda.

6. No Claustro Universitario, a renovación dos/das claustrais que causen baixa pola perda da súa condición farase de forma automática. As vacantes serán cubertas polas persoas máis votadas da circunscrición e sector polo que foi elixido o membro do claustro que causou baixa.

7. Os regulamentos internos dos órganos colexiados poderán establecer a perda da condición dos seus membros no caso de inasistencia reiterada e inxustificada ás súas reunións, falta de consideración grave á Presidencia ou aos restantes membros do órgano, incumprimento do deber de sixilo cando exista, ou por outras faltas establecidas no réxime sancionador correspondente, e a decisión deberá tomarse motivadamente e por acordo do órgano respectivo.

TÍTULO II

Elección do/da reitor/a e de representantes nos órganos colexiados

CAPÍTULO I

Procedemento xeral

Sección 1ª. Preparación das eleccións

Artigo 25. Convocatoria das eleccións

1. A resolución coa convocatoria das eleccións reguladas no presente título conterá, polo menos, as seguintes indicacións:

a) Data de exposición pública do censo electoral.

b) Prazo de reclamacións ao censo e prazo de resolución destas.

c) Data de publicación do censo definitivo.

d) Prazo de presentación de candidaturas.

e) Data de proclamación provisoria de candidatos e candidatas.

f) Prazo de presentación de reclamacións á proclamación provisoria de candidatos e candidatas.

g) Data de proclamación definitiva de candidatos e candidatas.

h) Se é o caso, período da campaña electoral e da xornada de reflexión.

i) Data da votación e, nas eleccións que poidan requirir unha segunda votación, tamén a data desta; en ambos os casos deberá corresponder con día lectivo.

j) Lugar onde terán lugar as votacións e o horario durante o que se desenvolverán.

k) Data de proclamación provisional de persoas candidatas electas.

l) Prazo de presentación de reclamacións contra a proclamación provisional de persoas candidatas electas, así como o seu prazo de resolución.

m) Data de proclamación definitiva de persoas candidatas electas.

2. A convocatoria e os actos derivados desta publicaranse no taboleiro electrónico oficial ou, na súa falta, nos taboleiros electorais correspondentes.

3. Agás circunstancias excepcionais apreciadas pola Comisión Electoral ou pola Xunta Electoral, segundo corresponda, as eleccións reguladas neste título convocaranse unha vez finalizado o prazo ordinario de matrícula do curso vixente no momento da convocatoria e as votacións terán lugar en días lectivos, fóra dos períodos oficiais de exames, e cunha antelación previa de sete días como mínimo ao inicio da realización dos citados períodos.

4. No caso de empregar o voto electrónico, o establecido neste artigo axustarase ás súas peculiaridades.

Artigo 26. Publicación e impugnación do censo electoral

1. Para exercer o dereito de sufraxio nas eleccións recollidas no presente título será necesaria a inclusión no censo electoral correspondente; empregarase para cada elección o censo electoral vixente.

2. As listaxes do censo expoñeranse publicamente no taboleiro electrónico oficial ou, na súa falta, mediante taboleiros electorais e pola vía telemática máis axeitada, coas cautelas exixidas pola lexislación de protección de datos de carácter persoal e na data establecida na resolución da convocatoria das eleccións. Permanecerán expostas durante o tempo establecido na convocatoria de eleccións.

3. A Comisión Electoral ou a Xunta Electoral, segundo corresponda, poderán resolver de oficio a rectificación de erros materiais que constaten.

4. Unha vez publicado o censo, os/as titulares do dereito de sufraxio poderán presentar as reclamacións sobre os datos ante a Comisión Electoral ou a Xunta Electoral, no prazo que determine a convocatoria, mediante un escrito razoado dirixido á presidencia e entregado no rexistro electrónico.

5. A Comisión Electoral ou a Xunta Electoral, segundo corresponda, resolverán as reclamacións e realizarán as rectificacións procedentes no prazo que estableza a resolución da convocatoria das eleccións.

6. As resolucións da Comisión Electoral ou da Xunta Electoral sobre as reclamacións ao censo notificaránselles directamente ás persoas interesadas; caberá un recurso no prazo de tres días ante a Comisión Electoral, que o resolverá nos cinco días seguintes de rematado o citado prazo. Contra a resolución da Comisión Electoral caberá un recurso no prazo de tres días ante o Consello de Goberno.

7. O censo provisional publicado enviarao a definitivo a Comisión Electoral ou, se for o caso, a Xunta Electoral se non se solicitase a súa rectificación ou non se producise ningunha modificación. Este publicarase inmediatamente despois do remate do período de reclamacións e, cando menos, dez días hábiles antes da data das eleccións, no taboleiro electrónico oficial ou, na súa falta, nos taboleiros electorais.

Artigo 27. Presentación de candidaturas

1. Poderán presentar a súa candidatura as persoas que posúan a condición de elixibles conforme o establecido neste regulamento e na restante normativa aplicable.

2. Nas eleccións de representantes de estudantes a membros dos consellos de departamentos, cada estudante só poderá presentar a súa candidatura a un departamento. As candidaturas de estudantes de 1º e de 2º ciclo serán independentes das de estudantes de 3º ciclo.

3. Nas eleccións a reitor/a, as candidaturas presentaranse por rexistro electrónico, no Rexistro Xeral da universidade ou en calquera dos seus rexistros auxiliares, en días hábiles das 9.00 ás 14.00 horas, mediante un escrito dirixido á Presidencia da Comisión Electoral, no prazo establecido na resolución da convocatoria de eleccións.

4. Nas eleccións a membros do Claustro Universitario e a representantes de estudantes nos consellos de departamento, as candidaturas presentaranse por rexistro electrónico, no Rexistro Xeral da universidade ou en calquera dos seus rexistros auxiliares, en días hábiles das 9.00 ás 14.00 horas, no prazo que se estableza na resolución da convocatoria de eleccións.

5. Nas eleccións a membros das xuntas de centros, as candidaturas presentaranse por rexistro electrónico ou nos rexistros dos centros, en días hábiles das 9.00 ás 14.00 horas, no prazo establecido na resolución da convocatoria de eleccións.

6. Nas eleccións a membros dos consellos de departamentos, agás as de representantes de estudantes, as candidaturas presentaranse por rexistro electrónico ou nos rexistros dos departamentos, en días hábiles das 9.00 ás 14.00 horas, no prazo que se estableza na resolución da convocatoria de eleccións.

7. As candidaturas presentadas non se poderán modificar unha vez rematado o prazo de presentación destas, agás por renunciar a persoa candidata. No caso de renuncia ou falecemento do candidato ou candidata con anterioridade ao día da votación, a Comisión Electoral ou a Xunta Electoral, segundo proceda, comunicarállelo ás mesas electorais correspondentes para os efectos derivados da aplicación do presente regulamento.

8. O escrito de presentación de cada candidatura, que ten carácter persoal e estará asinado polo interesado ou interesada, axustarase ao modelo establecido pola Comisión Electoral ou Xunta Electoral. Este escrito deberá conter como mínimo os seguintes datos: nomes e apelidos do candidato ou candidata, número do documento nacional de identidade, proceso electoral e o sector e, se é o caso, subsector polo que presenta a súa candidatura como candidato ou candidata, titulación e ciclo, se procede, número de teléfono e enderezo electrónico.

9. No caso de que presente a candidatura outra persoa en nome do candidato ou candidata, terá que identificarse cos seus datos persoais e acompañar a autorización deste ou desta.

10. As candidaturas serán individuais para os efectos de presentación, votación e escrutinio, aínda que, nas eleccións de representantes en órganos colexiados, os candidatos ou candidatas se poderán agrupar co obxecto de realizar a campaña electoral. Nese caso, achegarase coa solicitude de cada un deles a denominación, sigla ou símbolo que identifique o seu agrupamento.

11. No caso de coincidencia na denominación, sigla ou símbolo por parte de dúas ou máis agrupacións distintas, daráselle preferencia á que teña antes a súa entrada no rexistro.

12. Se o número de candidaturas nalgún sector non supera o número de postos que se deben cubrir, a Comisión Electoral ou a Xunta Electoral, segundo proceda, poderá declarar concluído o proceso electoral nese sector.

Artigo 28. Proclamación provisoria de candidatos e recursos

1. Unha vez finalizada a presentación de candidaturas, a Comisión Electoral ou a Xunta Electoral, segundo corresponda, remitiralles a proclamación provisoria de candidaturas a todos os decanatos e direccións dos centros, departamentos, en cada caso, no prazo que estableza a resolución de convocatoria de eleccións.

2. A proclamación provisoria de candidaturas publicarase no taboleiro electrónico ou, na súa falta, nos taboleiros electorais e na páxina web da universidade, centros e departamentos correspondentes.

3. A proclamación provisoria de candidaturas indicará de forma individualizada, polo menos, o nome da persoa candidata e, se é o caso, a da suplente e a sigla ou denominación que identifique a agrupación a que aquela pertence. Así mesmo, a Comisión Electoral ou a Xunta Electoral publicará, no mesmo prazo, unha relación das persoas candidatas non proclamadas, con expresión da causa da súa non proclamación.

4. Non se proclamarán candidaturas que incumpran os requisitos sinalados no artigo anterior.

5. No prazo establecido na resolución de convocatoria de eleccións, as persoas candidatas proclamadas, así como as excluídas, poderán interpoñer un recurso ante a Comisión Electoral ou a Xunta Electoral, segundo proceda, nos mesmos rexistros indicados no artigo anterior, devindo definitiva a proclamación en ausencia de reclamacións no prazo previsto para tal efecto.

6. Logo de transcorrer o prazo de reclamacións establecido no calendario electoral, a proclamación de candidaturas devirá definitiva e a Comisión Electoral ou a Xunta Electoral, segundo proceda, publicará a proclamación definitiva de candidaturas.

Artigo 29. Campaña electoral

1. Os órganos de goberno da universidade que, en virtude das súas competencias, convoquen un proceso electoral poderán realizar durante o período previsto unha campaña institucional destinada a informar o correspondente corpo electoral sobre a data da votación e o procedemento para votar, así como a incentivar a participación, sen que caiba, en ningún caso, influír na orientación do voto do electorado.

2. A campaña electoral, entendida como o conxunto de actividades lícitas levadas a cabo polos candidatos e candidatas en orde á captación de sufraxios, comezará o día que estableza a resolución da convocatoria da elección correspondente e terminará ás 00.00 horas do día inmediatamente anterior ao da votación, e deberá ter unha duración mínima de tres días.

3. Non poderá difundirse propaganda electoral nin realizarse ningún acto que solicite o voto fóra do período establecido para a campaña electoral.

4. As persoas responsables dos centros facilitarán o desenvolvemento das reunións ou as actividades electorais e cando estas poidan implicar algunha alteración da actividade docente, investigadora, administrativa ou laboral, as persoas propoñentes do acto solicitaranlle a correspondente autorización á Xerencia ou ao equipo decanal ou directivo do centro ou departamento, segundo corresponda.

5. A autorización ou a denegación da solicitude indicada no parágrafo anterior deberá producirse por escrito no día seguinte a presentala; poderá impugnarse ante a Presidencia da Comisión Electoral ou, se é o caso, da Xunta Electoral, no prazo de dous días, e corresponderá a súa resolución á Presidencia da Comisión ou da Xunta Electoral, segundo proceda, no prazo dos dous días seguintes á súa presentación.

6. Nas instalacións da universidade habilitaranse espazos destinados para colocar a publicidade electoral das persoas candidatas. Garantirase a súa distribución en condicións de igualdade, sen prexuízo de poder colocar publicidade electoral noutros lugares da universidade, de xeito moderado e sempre que non se altere o normal funcionamento das actividades docentes, investigadoras ou de xestión.

7. Nas eleccións a reitor ou reitora, o equipo de cada candidatura, así como as liñas xerais do programa, deben coñecerse antes do inicio da campaña electoral, e presentaranse por rexistro electrónico, no Rexistro Xeral ou en calquera dos rexistros auxiliares de Ourense, Pontevedra e Vigo, en días hábiles das 9.00 ás 14.00 horas.

8. Nas eleccións a reitor ou reitora, a Comisión Electoral determinará, dentro das dispoñibilidades orzamentarias da universidade, unha asignación global para financiamento dos gastos da campaña electoral, que será distribuída a partes iguais entre os candidatos/as. Así mesmo, a Universidade, a través da Secretaría Xeral e nos termos que determine a Comisión Electoral, porá á disposición dos candidatos/as un espazo nos medios institucionais de difusión electrónica para incluír o texto do seu programa e propaganda electoral e para os usos que a Comisión autorice.

Sección 2ª. Organización da votación

Artigo 30. Mesas electorais

1. Para cada proceso electoral regulado no presente título constituiranse as correspondentes mesas electorais, nos termos establecidos neste artigo, cuxa composición deberá publicarse en cada circunscrición electoral correspondente.

2. Correspóndelles ás mesas electorais presidir a votación, conservar a orde, realizar o escrutinio e velar pola legalidade do sufraxio no seu respectivo ámbito de actuación.

3. O número e a localización das mesas electorais determinaraas a Comisión Electoral ou a Xunta Electoral, segundo proceda, que asignarán o electorado segundo criterios de proximidade.

4. Con carácter xeral, as mesas electorais coincidirán coa circunscrición e serán únicas para cada sector ou subsector; no entanto, nas eleccións a reitor/a, as mesas coincidirán coas das eleccións de representantes no Claustro Universitario; e nas eleccións a representantes de estudantes nos consellos de departamento estableceranse mesas en cada centro.

5. No caso de que deba realizarse unha segunda votación nas eleccións a reitor/a, as mesas electorais estarán integradas polos mesmos membros designados para a primeira.

6. Cada mesa electoral estará composta por un membro de cada un dos catro sectores electorais (profesorado doutor con vinculación permanente, outro persoal docente e investigador, estudantes e persoal de administración e servizos), designados por sorteo entre os que figuran no censo electoral respectivo; a presidencia corresponderalle ao sector de profesorado doutor con vinculación permanente á universidade. Cada membro da mesa terá o seu/súa suplente designado do mesmo xeito ca o/a titular.

7. Correspóndelles ás xuntas electorais dos centros e departamentos, nas súas respectivas eleccións de representantes, realizar o sorteo, público, dos membros que formen parte das mesas electorais. Eles mesmos elixirán quen debe actuar como secretario/a, no momento da constitución, o que se reflectirá na correspondente acta.

No caso de Xunta Electoral Única para todos os departamentos dun ámbito, esta realizará o sorteo dos membros da/das mesa/s entre todo o persoal adscrito aos departamentos do respectivo ámbito.

8. Nas eleccións a reitor/a e a representantes no Claustro Universitario haberá unha mesa electoral no edificio da Reitoría, na cal votará polo menos o electorado do sector de persoal de administración e servizos que desempeñe as súas funcións tanto nese mesmo edificio coma nos correspondentes ao resto dos servizos centrais.

9. A mesa electoral da Reitoría estará integrada por tres membros do sector de persoal de administración e servizos aos que lles corresponda votar nesta mesa, designados por sorteo pola Comisión Electoral. Cada membro da mesa terá unha persoa como suplente. Exercerá a presidencia a persoa máis antiga da mesa. A mesa electoral elixirá, no momento da súa constitución, quen debe actuar como secretario ou secretaria, e esta circunstancia reflectirase na acta de constitución.

10. Queda excluído/a de formar parte de calquera mesa electoral quen presente a súa candidatura e quen sexa membro da Comisión Electoral ou da Xunta Electoral, ou sexa nomeado interventor/a.

11. A designación como presidente/a ou vogal das mesas electorais é de aceptación obrigatoria e notificaráselles ás persoas designadas no prazo de dous días tras ter lugar o sorteo, xunto co regulamento electoral e demais normas relativas ás eleccións correspondentes. Sen prexuízo do antedito, no prazo das setenta e dúas horas inmediatamente anteriores á realización das votacións, as persoas designadas poderán alegar ante a Xunta Electoral ou, se é o caso, ante a Comisión Electoral, unha causa xustificada e documentada que lles impida aceptar o cargo, que será apreciada pola Xunta Electoral ou, se é o caso, pola Comisión Electoral, que, de admitilas, designará a persoa suplente e sorteará un/unha novo/a suplente.

12. Se non fose posible compoñer a mesa electoral conforme o indicado nos puntos anteriores, a Xunta Electoral ou, se é o caso, a Comisión Electoral resolverá en función do número de persoas electoras afectadas, ben realizando un novo sorteo entre todo o corpo electoral que corresponda, sen distinción de sectores de representación, ben acordando que os/as electores/as voten noutra mesa nunha urna independente ou ben mediante designación directa, nos casos establecidos no artigo seguinte.

13. O persoal ao servizo da universidade que forme parte das mesas electorais ten dereito, durante o día da votación e o día inmediatamente posterior, a un permiso retribuído de xornada completa, se non goza en tales datas do descanso semanal, sempre e cando o horario de votación e reconto de papeletas sexa igual ou superior ás 19.30 horas.

Artigo 31. Constitución das mesas electorais

1. A Presidencia e os/as vogais de cada mesa electoral, así como os/as seus correspondentes suplentes, reuniranse unha hora antes do inicio da votación no local asignado para esta pola Xunta Electoral ou, de ser o caso, pola Comisión Electoral; considerarase como falta grave a ausencia dun membro da mesa sen causa xustificada previamente aceptada pola Xunta Electoral ou, se é o caso, pola Comisión Electoral.

2. Á hora sinalada no número anterior, o presidente ou presidenta da mesa electoral redactará a acta de constitución, que asinarán os membros da mesa e, sempre que o soliciten, os/as interventores/as.

3. Na acta de constitución indicarase o nome de todos os membros e constará en quen recae a función de secretario/a, e respecto dos/das interventores/as, a súa relación nominal, con indicación da candidatura pola que teñan tal condición.

4. Se o/a presidente/a non acudise, asumirá a presidencia a persoa suplente e, na súa falta, o/a primeiro/a vogal ou o/a segundo/a ou, se é o caso, o/a terceiro/a vogal, por esta orde. Os/as vogais que non acudisen ou que tomasen posesión como presidentes/as serán substituídos polas persoas suplentes.

5. En ningún caso poderá constituírse a mesa electoral sen a presenza da Presidencia e de dous/dúas vogais. De non poder cumprirse este requisito, e sen prexuízo da posible responsabilidade dos/das que non compareceran, os membros da mesa presentes, os/as suplentes que acudisen ou, na súa falta, os órganos de goberno que teñan coñecemento da circunstancia, asinarán unha declaración dos feitos e comunicaranlla á Xunta Electoral ou á Comisión Electoral, segundo corresponda, para que designe libremente as persoas que deberán constituír a mesa electoral; incluso poderán ordenar que forme parte dela algún dos electores e electoras presentes no local.

6. Antes de iniciar a votación, a Presidencia fará constar na acta a constitución da mesa electoral. Na acta expresarase necesariamente con que persoas queda constituída a mesa en concepto de membros desta e a relación nominal dos interventores e interventoras, con indicación da candidatura pola que o sexan. Así mesmo, se fose preciso, comunicaralle inmediatamente á Xunta Electoral ou, se é o caso, á Comisión Electoral, a falta no local electoral de calquera dos elementos necesarios para votar. A acta, na cal expresará o nome das persoas que a constituíron, será asinada pola Presidencia e os/as vogais presentes.

7. No transcurso da votación estarán sempre presentes un mínimo de dous membros da mesa e, durante esta, os membros presentes tomarán as súas decisións por maioría simple de votos, a Presidencia gozará de voto de calidade, de ser o caso, e calquera dos membros da mesa poderá facer constar expresamente o seu parecer contrario a un acordo adoptado pola maioría.

Artigo 32. Persoas interventoras

1. As persoas candidatas, unha vez proclamadas, poderán proporlles tanto a órganos colexiados coma a unipersoais, ata oito días naturais antes da data de votación, o nomeamento dun/dunha interventor/a por cada mesa electoral e sector, que ten que ter a condición de elector ou electora na citada votación.

2. A condición de interventor/a é compatible coa de candidato/a pero non así coa de membro da mesa electoral, da Comisión Electoral e da Xunta Electoral.

3. As propostas de nomeamento dirixiranse á Presidencia da Comisión Electoral ou da Xunta Electoral, segundo corresponda, que redactará a correspondente credencial, se procede, e lla presentará á Presidencia da Mesa Electoral.

4. Para ser designado/a interventor/a é preciso estar inscrito no censo electoral e, agás nas eleccións a reitor/a, decano/a e director/a de centro ou de departamento, pertencer ao mesmo sector ou subsector de representación ca as persoas candidatas.

5. As credenciais por cada interventor/a serán expedidas pola Presidencia da Comisión Electoral ou da Xunta Electoral, segundo proceda. De non reunir os requisitos exixidos para actuar como interventor ou interventora, a Comisión Electoral ou a Xunta Electoral, segundo proceda, comunicarallo á persoa interesada.

6. Poderán nomearse interventores/as para representar varios candidatos/as, o que será de obrigado cumprimento para os que concorran cunha mesma denominación ou sigla e autorizasen a identificación da súa agrupación na papeleta electoral. Nestes casos, requirirase a conformidade de todos eles/as, expresada por escrito, para remitirlla xunto coa solicitude das credenciais á Comisión Electoral ou á Xunta Electoral.

7. O/a interventor/a de cada candidatura estará facultado para examinar o desenvolvemento da votación e do escrutinio, para formular reclamacións, para impugnar as actas da votación e para exercer os demais dereitos previstos neste regulamento.

8. Os/as interventores/as exercerán o seu dereito de sufraxio na mesa ante a que estean acreditados.

9. O persoal ao servizo da universidade que acredite a súa condición de interventor/a ten dereito durante o día da votación a un permiso retribuído da xornada completa e a unha redución da súa xornada de traballo de cinco horas o día inmediatamente posterior, sempre e cando o horario da votación sexa igual ou superior a cinco horas.

10. Tras reunirse a presidencia e os/as vogais, recibirán as credenciais dos/das interventores/as que se presenten ata quince minutos antes da hora fixada para o inicio da votación. Se o/a interventor/a se presentase na mesa electoral despois da hora sinalada e unha vez redactada a acta de constitución desta, a Presidencia non lle dará posesión do seu cargo, aínda que poderá votar na citada mesa.

Artigo 33. Papeletas e sobres

1. As papeletas de votación serán impresas co mesmo formato e aparencia para cada sector e circunscrición, agás nos casos en que se teñan solicitado papeletas en braille, que lle corresponderá valorar á Comisión Electoral ou á Xunta Electoral, segundo proceda.

2. A elaboración das papeletas iniciarase inmediatamente despois da proclamación definitiva de candidaturas; deberá estar á disposición destas e do electorado, como mínimo, con dous días de antelación á data da realización da votación.

3. Nas eleccións a reitor ou reitora, Claustro e ás de representantes de estudantes a consellos de departamentos, a Secretaría Xeral facilitaralles aos equipos de dirección dos centros as papeletas de votación e os sobres correspondentes, así como as actas de escrutinio, agás no caso da Reitoría, que se lle facilitarán ao presidente ou presidenta da mesa electoral. Os equipos de dirección dos centros entregaranlles a citada documentación aos presidentes e presidentas das mesas electorais.

4. Nas restantes eleccións a órganos colexiados de centros e departamentos, os equipos de dirección facilitaranlles as papeletas de votación e os sobres correspondentes aos presidentes ou presidentas das mesas electorais.

5. Haberá unha papeleta por cada sector e circunscrición e os nomes das persoas candidatas proclamadas figurarán na papeleta por orde alfabética, despois do sorteo por parte da Comisión Electoral ou Xunta Electoral, segundo proceda, da letra pola que debe comezar a relación; deberán figurar separadamente os candidatos e candidatas.

6. O nome de cada persoa candidata irá precedido dun recadro onde cada persoa electora sinalará cunha cruz as candidaturas a que lles outorgue o seu voto, cos límites sinalados no artigo 54 da presente normativa; ao lado do nome figurará a marca de identificación do agrupamento, se así se solicitase ao formalizar a súa inscrición.

7. Nas eleccións a reitor/a haberá unha papeleta por candidato/a, de xeito que cada elector/a só poderá dar o seu voto a un/unha candidato/a ou votar en branco; computaranse como tales os sobres sen papeletas.

8. Os sobres deberán manter correspondencia coas papeletas e, cando menos, nos procesos electorais en que coincida a votación a máis dun órgano colexiado, os sobres levarán impresa a denominación correspondente a cada órgano.

9. As mesas electorais faranse responsables de garantir que estean sempre dispoñibles as papeletas electorais ao longo da xornada da votación.

Sección 3ª. Celebración da votación

Artigo 34. A xornada de votación

1. Logo de redactar a acta de constitución da mesa electoral, coas súas correspondentes copias, iniciarase a votación ás 10.00 horas, que continuará sen interrupción ata as 18.00 horas, agás que na convocatoria figure outra hora de comezo ou remate, ou que con anterioridade á hora prevista para o remate emitisen o seu voto a totalidade dos electores censados na correspondente mesa. Á hora fixada para o inicio da votación, a Presidencia anunciará en voz alta que se vai iniciar a votación.

2. O acto de votación só poderá non se iniciar ou suspenderse por causas de forza maior, sempre baixo a responsabilidade da Presidencia da Mesa Electoral, que motivará por escrito a súa decisión e fará chegar, en todo caso, unha copia en man, e inmediatamente despois de estendelo, á Comisión Electoral ou á Xunta Electoral para que esta comprobe a certeza e suficiencia dos motivos e, de ser o caso, inste do reitor ou reitora a incoación do procedemento para exixir as responsabilidades que procedan.

3. No caso de suspensión da votación, non se terán en conta os votos emitidos na mesa electoral nin se comezará co seu escrutinio. A Presidencia ordenará inmediatamente a destrución das papeletas depositadas na urna e consignará isto no escrito a que se refire o parágrafo anterior.

4. Non obstante o disposto no parágrafo 2 deste artigo, a Presidencia deberá interromper a votación cando advirta a ausencia de papeletas, e dará conta da súa decisión á Comisión Electoral ou á Xunta Electoral, ou aos órganos de goberno do centro ou departamento, segundo proceda, para que provexan a súa subministración. A interrupción non poderá durar máis dunha hora e a votación prorrogarase tanto tempo coma estivese interrompida. Neste suposto non se aplicará o parágrafo 3 deste artigo.

5. Á hora fixada para o peche da votación, a Presidencia anunciará en voz alta que vai concluír a votación. Se algún dos electores e electoras que se atopen no local ou no acceso a este non votou aínda, a Presidencia identificará as persoas pendentes de exercer o dereito de sufraxio, admitirá que o fagan e non permitirá que vote ninguén máis. A continuación, votarán os membros da mesa electoral e os interventores e interventoras, se os houbese; especificarase na listaxe numerada de votantes a mesa electoral que lles correspondería aos interventores e interventoras que non figuren no censo da mesa.

Artigo 35. Mantemento da orde

1. Correspóndelle á Presidencia da mesa, dentro do local electoral, a autoridade exclusiva para conservar a orde, asegurar a liberdade do electorado e manter a observancia do establecido neste regulamento; e velará para que a entrada ao local se conserve sempre libre e accesible para as persoas que teñen dereito a entrar nel.

2. Só teñen dereito a entrar no local electoral os/as electores/as, os/as candidatos/as, os/as interventores/as, os/as encargados/as da orde que para tal efecto designe a universidade ou requira a presidencia da mesa, os membros da Comisión Electoral ou da Xunta Electoral e, se fose o caso, os/as notarios/as.

3. Nin nos locais electorais nin nas súas inmediacións se poderá realizar ningunha propaganda electoral de ningún xénero, así como tampouco poderán formarse grupos susceptibles de entorpecer o acceso aos locais, nin se admitirá a presenza nas proximidades de quen poida dificultar ou coaccionar o libre exercicio do dereito de voto; a este respecto a Presidencia da Mesa Electoral deberá tomar todas as medidas que considere convenientes.

4. Calquera incidente que afectase a orde nos locais electorais recollerase na acta da sesión, incluídos, se constasen, o nome e os apelidos da ou das persoas que o provocasen.

Artigo 36. Identificación do electorado

1. O dereito a votar acreditarase pola inscrición nos exemplares certificados das listaxes do censo.

2. O elector ou a electora identificarase ante a mesa electoral co documento nacional de identidade, pasaporte, carné de conducir ou documento identificativo normalizado da Universidade de Vigo.

3. A mesa comprobará a súa inclusión no censo electoral e deseguido admitirá o seu voto na urna.

4. Cando a mesa electoral teña dúbida sobre a identidade da persoa que se presente a votar, decidirá por maioría, á vista dos documentos acreditativos e do testemuño que poidan presentar os electores e electoras presentes.

Artigo 37. Emisión do voto

1. O electorado só poderá votar no sector ou subsector e mesa electoral que lle corresponda, sen prexuízo do disposto para os/as interventores/as. O electorado achegarase á mesa electoral, ou ao posto de votación electrónica, individualmente e, no caso de votación presencial, despois de elixir as papeletas electorais e introducilas nos correspondentes sobres.

2. Os/as electores/as que por discapacidade física estean impedidos para elixir a papeleta, introducila dentro do sobre ou entregala á Presidencia da mesa, poden servirse para estas operacións dunha persoa de confianza, tamén se disporán as urnas ou os postos de votación electrónica de xeito que poidan acceder a eles as persoas con mobilidade reducida.

3. Nas eleccións de reitor/a, Claustro Universitario ou de representantes de estudantes nos consellos de departamento, se algún/algunha elector/a desexase dispoñer de papeletas en braille, deberá solicitalo cunha antelación mínima dun mes antes de realizarse a votación; nas demais eleccións, deberá solicitarse coa antelación que se estableza na convocatoria.

4. No caso de votación presencial, cada elector/a manifestaralle o seu nome e apelidos á Presidencia e un/unha vogal e os/as interventores/as comprobarán, polo exame das listaxes do censo electoral, o dereito a votar do/da elector/a, así como a súa identidade, que se xustificará conforme o disposto no artigo anterior. Inmediatamente o/a elector/a entregará pola súa propia man o sobre ou sobres de votación pechados á Presidencia que, a continuación e sen ocultalos nin un momento da vista do público, os depositará na urna ou urnas.

4. O membro da mesa electoral encargado da comprobación dos votantes no censo electoral fará un sinal na listaxe á medida que vota cada elector/a.

Sección 4ª. Escrutinio

Artigo 38. Escrutinio

1. Unha vez rematada a votación, a Presidencia da mesa declarará iniciado o acto de escrutinio, que será público e non se suspenderá, salvo causas de forza maior.

2. A Presidencia ordenará a inmediata expulsión das persoas que, de calquera modo, entorpezan ou perturben o desenvolvemento do acto de escrutinio.

3. No caso de votación presencial, o escrutinio realizarase extraendo a Presidencia da mesa, un a un, os sobres da urna correspondente e lendo en voz alta o nome dos candidatos e candidatas votadas.

4. A Presidencia comunicaralles cada papeleta, unha vez lida, aos/ás vogais e aos/ás interventores/as, e se algún/algunha interventor/a ou candidato/a dubidase do contido dunha papeleta lida pola Presidencia, poderá pedila no acto para o seu exame, que se lle concederá.

5. No caso de que nalgunha mesa electoral o número de votos que figure nunha acta excedese o dos/das electores/as que haxa na mesa electoral segundo as listaxes do censo electoral, coa excepción do voto emitido polos/as interventores/as, a mesa electoral non computará os votos do correspondente sector ou subsector.

Artigo 39. Fin do reconto

1. Nas votacións presenciais, finalizado o reconto, confrontarase o total de sobres co de votantes anotados.

2. A continuación, a Presidencia preguntará se hai algunha protesta que facer contra o escrutinio e, non existindo ningunha, ou despois de que a mesa electoral resolva por maioría as que se presentasen, anunciará en voz alta o seu resultado, especificando o número de votantes ou de papeletas nulas, ou de votos en branco, así como o dos votos obtidos por cada candidato/a.

3. As papeletas extraídas das urnas destruiranse en presenza das persoas concorrentes, con excepción daquelas ás cales se lles negase validez ou que fosen obxecto dalgunha reclamación; estas achegaranse á acta e arquivaranse con ela, unha vez rubricadas polos membros da mesa electoral.

Artigo 40. Acta de escrutinio

1. Tras rematar o escrutinio, a Mesa Electoral publicará inmediatamente os resultados por medio dunha acta de escrutinio, que deberá conter:

a) O número de electorado que votou e dos/das interventores/as que votaron que non figuraban na listaxe da mesa electoral.

b) O número de votos nulos.

c) O número de votos en branco.

d) O número de votos obtidos por cada candidato/a.

e) Un resumo das reclamacións e das protestas formuladas, de ser o caso, polos candidatos/as, polos/as interventores/as e polos/as electores/as sobre a votación e o escrutinio, así como as resolucións motivadas da Mesa Electoral sobre elas, cos votos particulares, se os houbese.

f) Calquera incidente que se producir.

2. A acta asinarana os membros da mesa e mais os/as interventores/as. Deberán publicar un exemplar desta no taboleiro electrónico ou, na súa falta, no taboleiro electoral correspondente, e remitirlle outro exemplar á secretaría do centro ou departamento ou á Secretaría Xeral da universidade, dependendo do procedemento electoral de que se trate.

3. Unha copia da acta entregaráselles aos/ás interventores/as e aos/ás candidatos/as que, estando presentes, a soliciten, sen que se poida expedir máis dunha copia por candidatura ou, se fose o caso, por agrupación de candidaturas.

Artigo 41. Expediente electoral

1. Logo de redactar a acta de escrutinio, a mesa electoral preparará o expediente electoral, composto dos seguintes documentos:

a) O orixinal da acta de escrutinio, a acta de constitución da mesa electoral e as incidencias relevantes do desenvolvemento da sesión.

b) As copias das credenciais dos/das interventores/as e as papeletas ás que se lles negou validez ou que foron obxecto dalgunha reclamación.

c) A listaxe do censo electoral utilizada.

2. Unha vez preparado o expediente electoral, introducirase nun sobre coas sinaturas da Presidencia, vogais e interventores/as cruzando a parte polo que se pechará.

3. Cando teñan preparada a correspondente documentación, a Presidencia, así como os/as vogais e interventores/as que o desexen, entregaranlla inmediatamente á Secretaría da Comisión Electoral ou da Xunta Electoral, segundo proceda.

4. Non obstante, coa finalidade de axilizar a publicación dos resultados, remitiránselle por fax ou por correo electrónico as actas de constitución e de escrutinio á Secretaría da Comisión Electoral ou da Xunta Electoral.

Artigo 42. Escrutinio xeral

1. Tras recibir os expedientes electorais das mesas electorais e as actas de escrutinio, a Comisión Electoral ou a Xunta Electoral realizará o escrutinio xeral dos votos emitidos en cada elección.

2. Durante o escrutinio xeral, a Xunta ou a Comisión Electoral non poderá anular ningunha acta nin ningún voto. As súas atribucións limitaranse a verificar o reconto e a suma dos votos admitidos nas correspondentes mesas segundo as actas ou as copias das actas das mesas, e poderá tan só corrixir os simples erros materiais ou de feito, e os aritméticos.

3. No escrutinio xeral poderá estar presente un interventor ou interventora por cada candidatura ou agrupación, debidamente acreditado. Os/as interventores/as non poderán presentar reclamacións nin ningunha protesta mentres se examinen as actas, agás as observacións concretas que se refiran á exactitude dos datos lidos.

Sección 5ª. Proclamación de candidatos/as electos/as

Artigo 43. Proclamación provisoria de candidatos/as electos/as

1. A Comisión Electoral ou a Xunta Electoral, segundo corresponda, proclamará provisionalmente os/as candidatos/as electos/as. A acta de proclamación será asinada polo secretario ou secretaria da comisión ou Xunta Electoral e conterá unha mención expresa dos votos obtidos por cada candidatura, así como a relación nominal das persoas electas.

2. No prazo que se estableza na convocatoria da correspondente elección, desde a publicación do acto de proclamación provisoria de candidaturas electas, as persoas candidatas, proclamadas ou non, poderán interpoñer reclamacións ante a propia Comisión Electoral ou a Xunta Electoral, segundo corresponda, que as resolverán no prazo máximo de cinco días.

3. Nas eleccións a reitor/a, o disposto nos puntos anteriores será tamén de aplicación á segunda votación, de ser o caso.

Artigo 44. Proclamación definitiva de candidatos/as electos

1. Unha vez resoltas as reclamacións interpostas contra a proclamación provisoria de candidatos/as electos/as, ou transcorrido o prazo previsto para isto sen que se interpuxer ningunha, a Comisión Electoral ou a Xunta Electoral proclamará definitivamente os/as candidatos/as electos/as e redactará por duplicado a acta correspondente.

2. A Comisión Electoral ou a Xunta Electoral publicará a proclamación definitiva nos taboleiros electorais e medios de difusión electrónica da universidade, e comunicarallo, segundo o tipo de elección, á Mesa do Claustro ou á persoa que exerza a dirección do centro ou departamento.

3. O orixinal das actas do escrutinio, da sesión e da proclamación de candidatos/as electos/as, así como os recursos interpostos contra esta proclamación e as súas respectivas resolucións, quedará arquivado na Secretaría da Comisión Electoral ou da Xunta Electoral, segundo corresponda.

Sección 6ª. Voto electrónico

Artigo 45. Sistema de votación electrónica

1. Nos casos en que así o estableza a Comisión Electoral ou a Xunta Electoral a votación realizarase electronicamente.

2. O sistema de votación electrónica permitirá emitir os votos desde un dispositivo conectado á rede ata unha urna dixital remota situada nun recinto protexido e baixo a custodia da Comisión Electoral da Universidade de Vigo.

3. O sistema de votación recollerá os mecanismos de votos válidos, votos en branco e votos nulos.

Artigo 46. Órganos responsables do proceso electoral

1. Correspóndelle á Secretaría Xeral a dirección e a coordinación dos medios humanos necesarios para levar a cabo o procedemento de votación electrónica, e á vicerreitoría con competencias en tecnoloxías da información e das comunicacións a coordinación dos medios tecnolóxicos.

2. A Comisión Electoral ou a Xunta Electoral, segundo corresponda, será a responsable de garantir a custodia dos votos emitidos.

3. Así mesmo, a Comisión Electoral ou a Xunta Electoral, segundo corresponda, establecerá e decidirá o contido da pantalla de votación, de acordo con criterios obxectivos e igualitarios para todas as persoas candidatas, e na cal se especificará claramente o número máximo de persoas que poden ser votadas.

4. Poderá existir un equipo de apoio técnico que asesore a Comisión Electoral ou a Xunta Electoral en aspectos tecnolóxicos, aínda que os seus informes non serán vinculantes.

Artigo 47. Mesas electorais electrónicas

1. Para os efectos do disposto no presente capítulo, nomearanse as mesas electorais electrónicas, coas seguintes funcións:

a) Responsabilizarse da custodia da clave descifradora para permitir o escrutinio.

b) Realizar o escrutinio da mesa.

c) Resolver as incidencias do procedemento e difundir os acordos adoptados pola resolución destas.

d) Remitirlle á Comisión Electoral ou á Xunta Electoral os resultados do escrutinio.

2. A mesa electoral electrónica estará integrada por un membro do persoal docente e investigador con vinculación permanente á universidade, que a presidirá; un membro do resto do persoal docente e investigador; un membro do persoal de administración e servizos, como secretario ou secretaria; e un/unha estudante.

3. A Comisión Electoral ou a Xunta Electoral, segundo corresponda, nomeará os membros titulares e suplentes da mesa electoral electrónica a que se refire o número anterior, e notificaralles individualmente a súa designación.

4. A composición da mesa electoral electrónica publicarase no taboleiro electrónico da Universidade de Vigo ou, na súa falta, nos taboleiros electorais do ámbito de aplicación da elección.

5. Os membros da mesa electoral electrónica poderán contar coa presenza das persoas designadas e do equipo de apoio responsable do mantemento do voto electrónico.

Artigo 48. Preparación da votación

1. A Comisión Electoral ou a Xunta Electoral, segundo corresponda, elaborará as papeletas electrónicas. Nelas figurarán os nomes das persoas proclamadas candidatas por orde alfabética, tras o sorteo feito pola Comisión Electoral ou a Xunta Electoral, segundo corresponda, da letra pola que debe comezar a relación das devanditas persoas.

2. O nome de cada persoa candidata irá precedido dun recadro onde cada persoa electora sinalará as candidaturas ás cales lles outorgará o seu voto.

3. No caso de eleccións de representantes de órganos colexiados, respectarase o número máximo de candidaturas ás que se poderá outorgar o voto sinalado no presente regulamento.

4. O horario da votación será o establecido na convocatoria electoral.

Artigo 49. Procedemento para a votación electrónica

1. Antes de iniciar as votacións, a Presidencia da Mesa Electoral redactará a acta de constitución, que será asinada por todos os seus membros.

2. Os membros da mesa reuniranse cunha antelación mínima dunha hora antes do inicio da votación no lugar acordado pola Presidencia, e quedará validamente constituída coa presenza dun mínimo de tres dos seus membros.

3. Antes de comezar a votación, a Presidencia da mesa deberá iniciar o sistema, que xerará as claves criptográficas de codificación/cifra e a descifradora.

4. A clave descifradora aludida no parágrafo anterior distribuirase entre os membros da mesa electoral electrónica dividida en fraccións secretas codificadas cos certificados dixitais de cada un dos membros, momento a partir do cal se poderá iniciar a votación.

5. A votación electrónica realizarase unha soa vez, sendo este o voto válido emitido, e finalizará á hora indicada na convocatoria de eleccións, sen que ningún elector ou electora poida acceder á aplicación de voto electrónico a partir de entón.

CAPÍTULO II

Elección do/da reitor/a e de representantes en órganos colexiados

Sección 1ª. Elección do/da reitor/a

Artigo 50. A elección do/da reitor/a

1. A comunidade universitaria elixirá o/a reitor/a da universidade, mediante elección directa e sufraxio universal libre e secreto, por un período de catro anos e con posibilidade dunha soa reelección, entre os catedráticos e catedráticas da universidade en activo que presten os seus servizos na Universidade de Vigo.

2. Unha vez elixido o/a reitor/a, será nomeado/a polo órgano correspondente da Xunta de Galicia.

3. O voto para a elección de reitor/a ponderarase do xeito disposto no artigo 52. Proclamarase reitor/a, en primeira volta, a persoa candidata que acade o apoio proporcional de máis da metade dos votos validamente emitidos, unha vez feitas e aplicadas as ponderacións correspondentes, sen ter en conta os votos en branco para o devandito cómputo.

4. Se ningunha persoa candidata acadase o apoio necesario para ser elixida en primeira volta, realizarase unha segunda elección á que só poderán concorrer as dúas persoas candidatas máis apoiadas na primeira votación, tendo en conta as ponderacións efectuadas. Nesta segunda volta proclamarase electa a persoa candidata que obteña a maioría simple de votos, atendendo a esas mesmas ponderacións.

5. No suposto dunha soa candidatura, realizarase unha única votación e, no caso de non presentarse candidaturas que cumpran os requisitos exixidos, ou cando non de poida proclamar ningunha das persoas candidatas, continuará en funcións o/a anterior titular, que deberá convocar de novo as eleccións no prazo de tres meses, tendo en conta o previsto no parágrafo terceiro do artigo 22.

Artigo 51. Convocatoria da elección

1. O/a reitor/a convocará as eleccións a reitor/a coa debida antelación para que teñan lugar antes do termo do seu mandato, e en calquera caso, como mínimo un mes antes da citada data. De non facelo así, convocaraas de oficio a Comisión Electoral.

2. No caso dunha finalización anticipada do mandato do/da reitor/a por calquera causa, as eleccións deberán convocarse no prazo dos trinta días seguintes á data en que se produciu a extinción do mandato, continuando en funcións a persoa cesante ata tomar posesión a nova, que será substituída, no caso de que algunha causa lle impedise continuar en funcións, polo/a vicerreitor/a designado, con anterioridade ou, se é o caso, polo/a vicerreitor/a con maior antigüidade no cargo dentro da universidade, ou o/a de maior idade, no caso da mesma antigüidade no posto.

3. Un terzo da totalidade dos membros do claustro poderá propor a convocatoria de eleccións a reitor/a. A presentación da proposta provocará a convocatoria do Claustro Universitario no prazo máximo de dez días. Durante a tramitación, debate e votación da proposta, o Claustro será presidido polo/a vicepresidente/a da Mesa do Claustro.

4. A proposta será discutida en sesión plenaria, na cal intervirá, en primeiro lugar, un representante dos propoñentes, que explicará os motivos da proposta e, a continuación, o/a reitor/a, tras o que se abrirá unha quenda de palabras para todos os membros do claustro, que pechará cunha segunda intervención dos representantes dos propoñentes, así como do/da reitor/a.

5. Despois do debate, a proposta será votada e entenderase aprobada se obtén o voto favorable de dous terzos da totalidade dos compoñentes do claustro. A aprobación da proposta suporá a inmediata convocatoria de eleccións a reitor/a e a Claustro Universitario no prazo de trinta días. Se a proposta non prosperase, ningún/ningunha dos/das asinantes poderá subscribir unha nova petición deste tipo ata que transcorra un ano desde a data da votación.

6. A convocatoria de eleccións a reitor ou reitora deberá indicar, respecto da persoa candidata electa e, de ser o caso, das que concorresen á segunda votación, ademais do expresado no artigo 25:

a) Data de proclamación provisoria.

b) Prazo para presentar as reclamacións contra o acto de proclamación provisoria.

c) Prazo para resolver as reclamacións presentadas contra o acto de proclamación provisoria.

d) Data de proclamación definitiva.

e) Data da segunda votación, se fose precisa, necesariamente en día lectivo.

Artigo 52. Ponderación do voto

1. O voto para a elección de reitor ou reitora ponderarase do seguinte xeito:

a) Profesorado doutor con vinculación permanente á universidade: 51 %.

b) Restante persoal docente e investigador: 9 %.

c) Estudantes: 25 %.

d) Persoal de administración e servizos: 15 %.

2. A Comisión Electoral, tras recibir os resultados de todas as mesas, calculará os coeficientes de ponderación que corresponda aplicar aos votos validamente emitidos en cada sector, co fin de darlles o valor correspondente segundo as porcentaxes fixadas nos estatutos da Universidade de Vigo.

3. O coeficiente de ponderación de cada sector calcularase, con catro cifras decimais, como segue, onde V equivale ao número total de votos válidos a candidaturas:

a) Coeficiente do sector de profesorado doutor con vinculación permanente á universidade: 0,51 V/VA, onde VA equivale ao número de votos válidos a candidaturas emitidos polo sector de profesorado doutor con vinculación permanente á universidade.

b) Coeficiente do sector doutro persoal docente e investigador: 0,09 V/VB, onde VB equivale ao número de votos válidos a candidaturas emitidos polo sector doutro persoal docente e investigador.

c) Coeficiente do sector de estudantes: 0,25 V/VC, onde VC equivale ao número de votos válidos a candidaturas emitidos polo sector de estudantes.

d) Coeficiente do sector de persoal de administración e servizos: 0,15 V/VD, onde VD equivale ao número de votos válidos a candidaturas emitidos polo sector de persoal de administración e servizos.

4. O número de votos ponderados correspondentes a cada candidatura en cada sector calcularase multiplicando o número de votos obtidos pola candidatura nese sector polo coeficiente de ponderación dese sector, mentres que o número de votos ponderados totais correspondentes a cada candidatura calcularanse sumando os votos ponderados desa candidatura en cada sector.

5. Unha vez calculados os votos ponderados totais correspondentes a cada candidatura, a Comisión Electoral proclamará provisionalmente o reitor ou reitora conforme o establecido no parágrafo terceiro do artigo 50.

6. Unha vez proclamados provisionalmente os resultados, abrirase o prazo de presentación de reclamacións segundo o calendario elaborado pola Comisión Electoral, a cal as resolverá e proclamará definitivamente o/a reitor/a electo/a.

Sección 2ª. Disposicións comúns ás eleccións de representantes
en órganos colexiados

Artigo 53. Convocatoria das eleccións

1. Correspóndelle ao/á reitor/a convocar as eleccións de representantes no Claustro Universitario, despois da súa aprobación polo Consello de Goberno e da aprobación do calendario electoral pola Comisión Electoral.

2. Correspóndelle ao/á reitor/a convocar as eleccións de representantes nos consellos de departamento, despois da aprobación do calendario electoral pola Comisión Electoral.

3. Correspóndelle ao/á decano/a ou director/a de centro a convocatoria das eleccións a representantes dos restantes órganos colexiados dos centros, despois da aprobación do calendario electoral pola Xunta Electoral correspondente.

4. As convocatorias e toda a documentación relativa a elas remitiranse, se é posible, por medios electrónicos aos decanatos ou direccións dos centros e departamentos, segundo proceda, e publicarase no taboleiro electrónico oficial ou, na súa falta, nos taboleiros electorais correspondentes.

Artigo 54. Candidatos/as elixibles

1. A Comisión Electoral ou a Xunta Electoral, segundo corresponda, distribuirá o número de candidatos/as elixibles en cada un dos sectores ou subsectores previstos neste regulamento entre as circunscricións en función do respectivo número de electores e electoras censados nelas.

2. No caso de que o número de representantes elixibles por un subsector non sexa suficiente para atribuír, cando menos, un posto a cada circunscrición, a Comisión Electoral ou a Xunta Electoral, segundo corresponda, poderá determinar outras circunscricións.

3. Cada elector/a só poderá dar o seu voto como máximo a un número de candidatos/as equivalente ao 70 % ou porcentaxe máis próxima ao número correspondente a cada sector ou circunscrición electoral, de acordo coa táboa 1 do anexo, onde A é o número de representantes elixible por cada sector e circunscrición electoral, e B o número máximo de candidatos e candidatas a que poderá dar o seu voto cada votante.

4. Para promover a paridade entre xéneros nos órganos colexiados, cada elector/a poderá votar como máximo o 60 % das candidaturas dun dos xéneros, determinado sobre o número de candidatos/as máximo previsto no número anterior, de acordo coa táboa 2 do anexo, onde A é o número de representantes para elixir por cada sector e circunscrición electoral, B o número máximo de candidaturas a que poderá dar o seu voto cada votante e C o número máximo que se pode votar para un dos xéneros.

5. De conformidade cos números 1 ao 3 do presente artigo, en cada papeleta determinarase o número máximo de candidatos/as que pode votar cada elector ou electora, así como o número máximo por cada xénero.

6. Serán nomeados/as candidatos/as electos/as quen obteña maior número de votos no seu respectivo sector ou subsector e circunscrición, ata completar a cota asignada a eles.

7. Nos casos de empate dentro dun mesmo sector, daráselle preferencia ao/á candidato/a do xénero menos representado no órgano colexiado. No caso de persistir o empate, ao/á candidato/a de maior antigüidade na Universidade de Vigo; computaranse para estes efectos os anos de servizo na Universidade de Santiago de Compostela antes da segregación, prestados nalgún dos campus da Universidade de Vigo e, de persistir aínda o empate, terá preferencia o/a candidato/a de maior idade.

8. Os/as candidatos/as restantes serán suplentes para cubrir futuras baixas dos/das candidatos/as electos/as. A Comisión Electoral ou a Xunta Electoral, segundo corresponda, será a depositaria desta relación.

9. Unha vez rematado o período de tempo para o cal foron elixidos os membros do órgano colexiado, continuarán en funcións ata a nova constitución do citado órgano.

Sección 3ª. Eleccións ao Claustro Universitario

Artigo 55. Normas xerais

1. O Claustro Universitario elixirase segundo o disposto nos estatutos e no presente regulamento. Tamén se aplicará o seu regulamento de réxime interno en todo o que non se opoña ao disposto nos estatutos e no presente regulamento.

2. O Claustro Universitario renovarase cada catro anos, preferentemente xunto coas eleccións a reitor ou reitora, agás os representantes do estudantado de todos os ciclos e modalidades, que se renovarán cada dous anos.

3. O Claustro Universitario quedará disolto cando aprobe a convocatoria extraordinaria de eleccións a reitor/a prevista neste regulamento.

4. Correspóndelle á Comisión Electoral aprobar o calendario, dirixir e supervisar as eleccións de representantes no Claustro Universitario, así como asignar o número de representantes a cada un dos subsectores a que se refire o artigo seguinte.

Artigo 56. Sectores e subsectores

1. Elixiranse como membros do Claustro Universitario representantes dos diversos sectores da comunidade universitaria, mediante sufraxio universal, libre, igual, directo e secreto, coa seguinte composición numérica dos sectores indicados:

a) 128 representantes do profesorado doutor con vinculación permanente á universidade (51 %).

b) 22 representantes do restante persoal docente e investigador (9 %).

c) 63 representantes do estudantado (25 %).

d) 38 representantes do persoal de administración e servizos (15 %).

2. Cada centro da Universidade de Vigo constituirá unha circunscrición electoral para os sectores de profesorado doutor con vinculación permanente á universidade e alumnado. A Comisión Electoral distribuirá os membros que deban ser elixidos entre os diferentes centros de forma proporcional ao número de membros do sector correspondente, garantindo un mínimo por centro.

3. A Comisión Electoral decidirá verbo dos agrupamentos de centros co fin de constituír as circunscricións electorais para o sector do restante persoal docente e investigador, de xeito que se garanta unha adecuada correspondencia entre o número de membros do sector nas circunscricións e o número de representantes no Claustro.

4. No caso do persoal de administración e servizos constituirase unha circunscrición electoral única, con independencia do lugar en que teña o seu destino.

5. Os centros adscritos á Universidade de Vigo quedan excluídos da elección de representantes ao Claustro Universitario.

Sección 4ª. Eleccións de representantes nas xuntas de centro

Artigo 57. Normas xerais

1. Correspóndelle ao/á decano/a ou ao/á director/a do centro a convocatoria de eleccións.

2. O/a decano/a ou o/a director/a será a persoa responsable do proceso electoral no seu centro, e deberá constituír a da súa propia Xunta Electoral.

3. Correspóndelle á Xunta Electoral do Centro aprobar o calendario electoral e supervisar as eleccións de representantes nas xuntas de facultade ou escola, así como asignar o número de representantes de cada sector ou subsector segundo o disposto nos estatutos e no regulamento interno do centro.

4. As persoas representantes serán elixidas por dous anos.

5. Unha vez proclamados definitivamente os/as candidatos/as electos/as, e producida a comunicación a que se refire o parágrafo segundo do artigo 44, a secretaría do centro proclamará a composición da xunta de facultade ou escola, que se lles comunicará a todos os seus membros e a todo o persoal do centro.

Artigo 58. Sectores e subsectores electorais

De acordo co disposto no parágrafo primeiro do artigo 38 dos estatutos da Universidade de Vigo, a Xunta de Centro está composta polo/a decano/a ou polo/a director/a, que a preside, e polo seguinte conxunto de membros:

a) Todo o profesorado con vinculación permanente á universidade, que constituirá o 51 % da Xunta de Centro.

b) Unha representación do persoal docente e investigador sen vinculación permanente á universidade, correspondente ao 10 % da Xunta de Centro, do que, polo menos, o 80 % será persoal docente e investigador con dedicación a tempo completo. En todo caso, de haber candidatos/as, cubriranse todos os postos.

c) Unha representación do estudantado, que constituirá o 29 % da Xunta de Centro, do cal unha sexta parte será estudantado do 3º ciclo. No caso de que o número de candidatos e candidatas de 3º ciclo non permita cubrir a súa porcentaxe, a diferenza acumularase na porcentaxe de 1º e 2º ciclo.

d) Unha representación do persoal de administración e servizos igual ao 10 % da composición total da Xunta de Centro.

Artigo 59. Electores/as e elixibles

1. Son electoras as persoas que figuran no censo electoral de cada centro e sector.

2. Para ser incluído/a como elector/a no respectivo censo deberase:

a) Impartir docencia no centro, de xeito que o profesorado que imparta docencia en máis dun centro será elector da Xunta de Centro en que imparta máis créditos de docencia, tendo que optar por un deles quen teña a mesma carga docente en varios centros.

b) Ser persoal investigador adscrito a un departamento con docencia no centro e desenvolver maioritariamente o seu labor investigador no devandito centro.

c) Estar matriculado nalgunha titulación do centro como estudante de 1º ou 2º ciclo.

d) Estar realizando o proxecto de fin de grao ou mestrado, o que dará lugar á consideración de estudante de 1º ou 2º ciclo, respectivamente.

e) Estar matriculado nun programa de doutoramento.

f) Ser membro do persoal de administración e servizos asignado ao ámbito. Os membros do PAS adscritos a unidades administrativas que prestan servizo a varios centros e departamentos poderán optar a seren elixidos como representantes do seu sector en calquera das xuntas dos centros a que a súa unidade administrativa dea servizo.

g) Ser membro do persoal de administración e servizos adscrito aos departamentos con sede no centro.

Sección 5ª. Eleccións a representantes nos consellos de departamento

Artigo 60. Normas xerais

1. Correspóndelle ao/á reitor/a convocar as eleccións de representantes nos consellos de departamentos.

2. Correspóndelle á Xunta Electoral do Departamento supervisar as eleccións de representantes nos consellos de departamentos, agás as de representantes de estudantes a membros dos consellos de departamentos que é competencia da Comisión Electoral.

3. Correspóndelle á Comisión Electoral asignar o número de representantes de cada sector ou subsector nos consellos de departamentos, segundo o disposto nos estatutos.

4. A duración do mandato dos/das representantes electos/as será de dous anos.

5. Nas eleccións de representantes do alumnado nos consellos de departamentos, a Secretaría Xeral comunicaralles aos departamentos a relación de estudantes que pasan a formar parte de cada consello.

6. Unha vez proclamados/as definitivamente os candidatos e as candidatas electos/as e producida a comunicación a que se refire o parágrafo segundo do artigo 44, o departamento proclamará a composición do consello, que llela comunicará aos seus membros e a todo o persoal do departamento, e quedan os/as restantes como suplentes para cubrir futuras baixas das candidaturas electas.

7. Nas eleccións de representantes de alumnado a membros de consellos de departamento, no caso de haber candidaturas, cubriranse todos os postos garantindo unha representación de polo menos un ou unha estudante de cada un dos centros onde imparte docencia o departamento.

8. De acordo co establecido no artigo 10 do presente regulamento, se así o acordan todos os departamentos do mesmo ámbito, poderá nomearse unha única Xunta Electoral que supervisará as eleccións dos representantes nos consellos dos departamentos do dito ámbito, agás de estudantes.

Artigo 61. Sectores

1. De acordo co artigo 46 dos estatutos, na composición do Consello de Departamento respectaranse de forma aproximada as seguintes porcentaxes:

a) 75 %: membros natos.

b) 10 %: representantes do PDI que non sexan membros natos.

c) 10 %: representantes de estudantes, correspondendo a metade ao alumnado de 3º ciclo.

d) 5 %: representantes do PAS.

2. Son membros natos do Consello de Departamento o PDI con título de doutora ou doutor e o PDI con vinculación permanente á universidade.

3. No caso da alínea c) sinalado no parágrafo primeiro, de haber candidaturas, cubriranse todos os postos, garantindo unha representación de polo menos un/unha estudante de cada un dos centros onde imparte docencia o departamento.

4. Os membros electos do Consello de Departamento renovaranse cada dous anos.

CAPÍTULO III

Eleccións polo Claustro e polo Consello de Goberno
de representantes en órganos colexiados

Sección 1ª. Elección polo Claustro de representantes en órganos colexiados

Artigo 62. Elección de membros do Consello de Goberno

1. O Claustro elixirá os seguintes membros do Consello de Goberno:

a) Vinte membros, dos cales, dez corresponderán ao persoal docente e investigador e oito deles serán profesores/as doutores/as con vinculación permanente á universidade; así como oito estudantes, xunto con dous membros do persoal de administración e servizos, elixidos dentro do seu sector correspondente.

b) Quince membros entre as persoas que desempeñen a dirección dos centros, das unidades docentes ou de I+D+i, elixidos por todo o conxunto do claustro.

2. O Claustro elixirá os membros do Consello de Goberno a que se refire o parágrafo anterior para un período de catro anos, agás os/as integrantes do sector do alumnado, que o serán por dous, propiciando un equilibrio entre homes e mulleres na representación e garantindo a representación de todos os campus e ámbitos de coñecemento, na medida do posible.

3. A devandita elección farase entre os que figuren nunha listaxe única correspondente a cada sector, elaborada despois de abrir un prazo de presentación de candidaturas.

4. Así mesmo, recoñécese a presenza con voz de catro representantes sindicais, un da forza sindical máis votada entre o PDI funcionario, outro da forza sindical máis votada entre o PDI laboral, outro da forza sindical máis votada entre o PAS funcionario e outro da forza sindical máis votada entre o PAS laboral.

Artigo 63. Elección de membros dos consellos de campus

1. O Claustro elixirá os seguintes membros dos consellos do campus de Ourense e de Pontevedra, con anterioridade á súa constitución, segundo as seguintes regras:

a) Cinco representantes do persoal docente e investigador, por e entre os/as claustrais do mesmo sector e campus, dos/das que polo menos un ou unha non pertencerá ao profesorado doutor con vinculación permanente para garantir unha representación polo menos de cada ámbito científico presente no campus, no caso de que haxa candidaturas.

b) Cinco estudantes, por e entre claustrais do mesmo sector e campus, que garanten unha representación polo menos de cada ámbito científico presente no campus, no caso de que haxa candidaturas.

2. A devandita elección terá lugar no Claustro Universitario e farase entre os que figuren nunha listaxe única correspondente a cada sector, elaborada despois de abrir un prazo de presentación de candidaturas e na cal deben figurar o ámbito científico de adscrición das persoas candidatas, de ser o caso.

3. Así mesmo, o Claustro nomeará como representantes as dúas persoas que no sector do PAS obtivesen máis votos nos seus respectivos campus de adscrición (Ourense e Pontevedra) nas eleccións ao Claustro, así como dous representantes sindicais, con voz pero sen voto, do persoal docente e investigador e do persoal de administración e servizos, respectivamente, designados polas organizacións sindicais con presenza nas xuntas de persoal e comités de empresa da Universidade de Vigo.

4. Os membros serán electos para o Consello de Campus por un período de catro anos, agás os correspondentes ao sector do alumnado, que o serán por dous.

Artigo 64. Procedemento de votación nas eleccións polo Claustro

1. No proceso de votación de cara a elixir os/as representantes mencionados na presente sección, cada elector/a só poderá dar o seu voto como máximo a un número de candidaturas igual ou inferior ao 70 % das que se deban elixir, ou a porcentaxe máis próxima, con arredondamento ao enteiro superior se é maior ou igual a 5, e ao enteiro inferior nos outros casos.

2. Para promover a paridade entre xéneros, cada elector/a poderá votar como máximo ao 60 % das candidaturas dun dos xéneros, determinado sobre o número de candidatos/as máximo para elixir previsto no parágrafo anterior, con arredondamento ao enteiro superior se é maior ou igual a 5 e ao enteiro inferior nos outros casos.

3. En cada papeleta determinarase o número máximo de candidaturas que se pode votar por cada elector/a, así como o número máximo por cada xénero.

4. Elixiranse as persoas máis votadas de cada listaxe ata o número de postos que se deban cubrir. Nos casos de empate dentro dunha mesma listaxe, daráselle preferencia á candidatura do xénero menos representado. Se este procedemento non resolve o empate, á candidatura de maior antigüidade no sector correspondente na Universidade de Vigo, e para estes efectos, computarán os anos de servizo na Universidade de Santiago de Compostela antes da segregación, prestados nalgún dos campus da Universidade de Vigo. De persistir o empate, proclamarase a persoa de maior idade.

5. No caso de que se produzan vacantes, cubriranse mediante unha nova elección na cal non se aplicarán as normas de paridade.

Sección 2ª. Elección polo Consello de Goberno
de representantes en órganos colexiados

Artigo 65. Elección de representantes do Consello de Goberno no Consello Social

1. As persoas representantes do Consello de Goberno no Consello Social estarán acollidas ao réxime de dedicación a tempo completo e serán as seguintes:

a) A reitora ou reitor.

b) A secretaria ou secretario xeral.

c) A persoa que ocupe a Xerencia.

d) Unha persoa representante do profesorado.

e) Unha persoa representante do alumnado.

f) Unha persoa representante do persoal de administración e servizos.

2. Os membros non natos serán elixidos polos seus respectivos sectores entre os membros do Consello de Goberno, de acordo co seguinte procedemento:

a) As persoas formalizarán a súa candidatura mediante un escrito dirixido á Presidencia do Consello de Goberno, no cal sinalarán o sector polo que se presentan.

b) O secretario ou secretaria xeral organizará as eleccións que se levarán a termo nunha sesión do Consello de Goberno.

c) Cada votante só poderá dar o seu voto a unha candidatura de cada listaxe.

d) Elixirase a persoa máis votada de cada listaxe. No caso de empate daráselle preferencia á candidatura do xénero menos representado, de xeito que o conxunto dos membros do Consello de Goberno no Consello Social respecten o principio de paridade. Se este procedemento non resolve o empate, á candidatura de maior antigüidade na Universidade de Vigo. De persistir o empate, terá preferencia a candidatura de maior idade.

3. A renovación dos membros do Consello Social levarase a cabo cada catro anos, agás no caso de representantes do alumnado, que será cada dous.

4. No caso de que se produzan vacantes, estas cubriranse mediante unha nova elección. O posto ocupado será ata o final do mandato exercido polo membro substituído.

CAPÍTULO IV

Elección de decano/a ou director/a de centro e de director/a de departamento

Sección 1ª. Procedemento especial común

Artigo 66. Normas xerais

1. Unha vez concluído o mandato electoral de quen ocupe o decanato ou a dirección dun centro ou departamento, ou producido o seu cesamento por pedimento propio, por perda das condicións necesarias para ser elixido ou por aprobación dunha moción de censura, abrirase o procedemento electoral correspondente para o cal o/a reitor/a:

a) Confirmará esa mesma persoa en funcións, ata que se produza o nomeamento da persoa que resulte elixida.

b) Autorizará a persoa en funcións para que convoque eleccións, cunha antelación mínima de quince días á data de realización da votación. A convocatoria publicarase no taboleiro electrónico oficial ou, na súa falta, nos taboleiros electorais do centro ou departamento.

2. No caso de incumprimento do citado deber, o/a reitor/a convocará as eleccións.

Artigo 67. Convocatoria

1. A convocatoria publicaraa, despois da autorización do/da reitor/a, a persoa en funcións segundo o artigo anterior.

2. A convocatoria de eleccións conterá:

a) Constitución da Xunta Electoral.

b) Exposición de censos provisionais.

c) Prazo de reclamacións aos censos provisionais.

d) Exposición de censos definitivos.

e) Prazo de presentación de candidaturas.

f) Data de proclamación provisional de candidaturas.

g) Prazo de presentación de reclamacións.

h) Data de proclamación definitiva de candidaturas.

i) Data, lugar e hora da reunión do órgano colexiado en que se efectuará a votación.

j) Data, lugar e hora da reunión do órgano colexiado en que se procederá a unha segunda votación, cando fose necesaria, e que poderá ter lugar na mesma sesión ca a primeira, e nunca máis tarde ca tres días despois desta.

3. Agás circunstancias excepcionais apreciadas pola Xunta Electoral, as eleccións reguladas neste capítulo convocaranse unha vez finalizado o prazo ordinario de matrícula do curso correspondente, e as votacións terán lugar en días lectivos fóra dos períodos oficiais de exames e dos sete días previos ao inicio dos devanditos períodos.

Artigo 68. Da sesión para a votación

1. A Xunta de Centro ou o Consello de Departamento reunirase en sesión extraordinaria na data sinalada na convocatoria, e será presidida pola persoa en funcións, que lle outorgará un espazo de quince minutos a cada unha das candidaturas para que expoñan o seu programa e, deseguido, noutros quince minutos, respondan as preguntas que se lles formulen.

2. No caso de que a persoa en funcións presente a súa candidatura, será substituída na presidencia do seguinte xeito:

a) No caso de xuntas de facultade ou escola, polo/a vicedecano/a ou subdirector/a de maior idade.

b) No caso dos consellos de departamento, polo/a profesor/a doutor con vinculación permanente á universidade, presente na sesión, máis antigo na Universidade de Vigo, e computarán para estes efectos os anos de servizo na Universidade de Santiago de Compostela antes da segregación prestados nalgún dos campus da Universidade de Vigo. Nos casos de idéntica antigüidade, será substituído polo de maior idade.

3. Se o/a secretario/a presentase a súa candidatura, actuará como secretario/a accidental o membro do órgano de menor idade que reúna as condicións requiridas nos estatutos ou no regulamento correspondente para desempeñar o cargo.

Artigo 69. Votación

1. A votación realizarase do xeito que determine a Presidencia da Xunta Electoral, e en todo caso, garantindo o segredo do voto e a seguridade do resultado. Cada elector ou electora poderá dar o seu voto a favor dun único candidato ou candidata, votar en branco ou absterse. O voto poderá expresarse cunha cruz á beira do nome do candidato ou candidata ou doutro xeito inequívoco.

2. Nos procesos electorais en que sexa preciso ter en conta os votos negativos, ademais dos positivos (candidatura única), a votación terá lugar por medio de papeletas. Nestas constará o nome do candidato ou candidata, figurarán ao cabo deste/a as palabras si e non, xunto a cadanseu recadro.

3. Consideraranse nulas as papeletas que conteñan votos positivos e negativos simultáneos.

Artigo 70. Escrutinio

1. Unha vez rematado o escrutinio, elixirase a candidatura que obteña a maioría absoluta dos votos das persoas asistentes.

2. No caso de non acadarse a devandita maioría, terá lugar unha segunda votación na que resultará elixida a candidatura que obteña o maior número de votos. Se houbese unha única candidatura, esta terá que acadar maior número de votos a favor ca en contra.

3. Tras finalizar a votación, o/a secretario/a da Xunta Electoral redactará a correspondente acta, onde se recollerán todas as incidencias e o resultado do escrutinio.

4. A Presidencia da Xunta Electoral remitiralle ao/á reitor/a unha copia da acta dos resultados, para que se dite a resolución do correspondente nomeamento.

Artigo 71. Ausencia de candidaturas

1. Se convocadas as eleccións a órganos unipersoais non se presentase ningunha candidatura, ou se, concluído o proceso electoral, ningunha candidatura resultase elixida, o/a reitor/a resolverá, con carácter xeral, a continuidade en funcións do ou da anterior titular, que deberá convocar novas eleccións no prazo máximo de seis meses.

2. Se, por circunstancias excepcionais, o/a anterior titular non puidese continuar en funcións, o/a reitor/a nomeará en funcións o/a catedrático/a máis antigo do centro ou departamento ou, no caso de non ser posible, o/a profesor/a titular de universidade ou profesor/a doutor con vinculación permanente á universidade máis antigo do centro ou departamento.

3. Se, transcorrido o prazo máximo de seis meses a que se refire o número anterior, a persoa en funcións convocase de novo eleccións e non se presentase ningunha candidatura, ou se, concluído o proceso electoral, ningunha candidatura resultase elixida, o/a reitor/a nomeará en funcións o/a catedrático/a máis antigo/a do centro ou departamento ou, en caso de non ser posible, o/a profesor/a titular de universidade ou profesor/a doutor con vinculación permanente á universidade máis antigo/a do centro ou departamento.

Artigo 72. Moción de censura

1. Os titulares dos órganos unipersoais a que se refire o presente capítulo poden perder a súa condición pola adopción, por maioría absoluta, dunha moción de censura, que deberá ser proposta polo menos por un terzo dos membros do órgano colexiado que o elixiu e que deberá incluír un candidato ou candidata alternativo/a.

2. Se a moción de censura reunise os requisitos anteriores, a persoa titular do órgano concernido convocará unha xunta extraordinaria do órgano colexiado con este único punto da orde do día nun prazo máximo de quince días.

3. Tanto a persoa candidata proposta coma a titular do órgano disporán dun prazo máximo de trinta minutos para expoñer as súas posicións e liñas xerais de actuación. Deseguido, abrirase unha rolda de preguntas por parte dos membros da xunta, cun prazo máximo de duración dunha hora e media e, rematada a rolda de preguntas e intervencións, votarase. A votación será nominal e secreta.

4. A proposta votarase e entenderase aprobada se obtén o voto favorable, como mínimo, de dous terzos da totalidade dos membros do órgano colexiado.

5. Se a moción de censura non se aprobase, as persoas asinantes non poderán presentar outra ata que transcorra un ano de prazo desde a data da votación perdida. Se a moción se aprobase, proclamarase decano/a ou director/a electo/a a persoa proposta na moción de censura, e o/a anterior titular enviaralle a proposta de nomeamento da nova persoa ao/á reitor/a.

Sección 2ª. Elección de decano/a ou director/a de centro

Artigo 73. Disposicións comúns

1. Os/as decanos/as e os/as directores/as de centro elixiranse por un período de tempo de tres anos, con posibilidade dunha soa reelección. Logo de transcorrer tres anos, calquera persoa poderá volver presentarse para o mesmo cargo.

2. As persoas a que se refire o parágrafo anterior serán elixidas pola súa respectiva xunta de facultade ou escola convocada para tal efecto. O reitor ou reitora nomeará o candidato ou candidata elixido.

3. O profesorado con vinculación permanente á universidade poderá presentar a súa candidatura a decano ou decana de facultade ou director ou directora de escola.

Artigo 74. Convocatoria e candidaturas

1. Os/as decanos/as e os/as directores/as de centro elixiranse mediante votación pola respectiva xunta de facultade ou escola, entre o profesorado con vinculación permanente á universidade adscrito ao respectivo centro.

2. Correspóndelle ao/á decano/a ou director/a do centro convocar as eleccións.

3. As candidaturas deberán presentarse no rexistro do centro onde, ademais dos seus datos persoais, sinalarán as persoas que ocuparán os cargos de vicedecano/a ou subdirector/a e secretario/a.

Artigo 75. Equipo directivo

O número de membros dos equipos directivos dos centros establecerase en función do seu número de estudantes da forma seguinte:

– De 1 a 200 estudantes: un/unha vicedecano/a ou subdirector/a.

– De 201 a 500 estudantes: dous/dúas vicedecanos/as ou subdirectores/as, sempre que no centro se imparta máis dun título de grao ou un grao e titulacións de mestrado. No caso contrario, haberá un/unha vicedecano/a ou subdirector/a.

– De 501 a 800 estudantes: tres vicedecanos/as ou subdirectores/as.

– Máis de 801 estudantes: catro vicedecanos/as ou subdirectores/as.

Sección 3ª. Elección de director/a de departamento

Artigo 76. Convocatoria e candidatos

1. Os/as directores/as de departamento serán elixidos/as polo seu propio consello nunha reunión convocada para tal efecto.

2. O reitor ou reitora nomeará a persoa candidata elixida.

3. Poderá ser candidato/a a director/a de departamento calquera profesor/a doutor con vinculación permanente á universidade adscrito/a ao departamento.

4. Correspóndelle ao/á director/a do departamento convocar eleccións.

Disposición adicional primeira. Órganos de goberno en centros e departamentos de nova creación

1. En centros e en departamentos de nova creación, antes de constituírse a Xunta de Facultade ou Escola ou Consello de Departamento, o/a reitor/a, coa finalidade de coordinar a creación e a posta en funcionamento do centro ou departamento, nomeará un/unha decano/a ou director/a comisario que asuma as funcións que os estatutos da Universidade de Vigo lles outorgan aos devanditos cargos académicos.

2. A duración do mandato sinalado no parágrafo anterior rematará co nomeamento polo/a reitor/a da persoa elixida para o cargo pola Xunta da Facultade, Escola ou Consello de Departamento.

3. A Xunta de Facultade, Escola ou Consello de Departamento constituirase unha vez realizadas as respectivas eleccións de representantes, que convocará o/a decano/a ou director/a, tras a aprobación do calendario electoral pola Xunta Electoral.

Disposición adicional segunda. Interpretación normativa

1. Correspóndelle á Comisión Electoral interpretar e resolver todas as dúbidas e facer todas as interpretacións do articulado previsto neste regulamento.

2. Correspóndelle á Comisión Electoral ditar as normas de desenvolvemento deste regulamento.

3. A Comisión Electoral, tendo en conta as peculiaridades de cada proceso electoral, poderá establecer normas específicas ás contidas neste regulamento, sempre que non contradigan o disposto nel.

Disposición adicional terceira. Recursos

1. Contra os acordos das xuntas electorais dos centros, departamentos e institutos poderase recorrer ante a Comisión Electoral.

2. Os acordos da Comisión Electoral esgotan a vía administrativa.

Disposición adicional cuarta. Aplicación da normativa sobre os procesos electorais

1. As normas do capítulo primeiro do título segundo só serán aplicables, con carácter xeral, aos procesos incluídos no capítulo segundo do citado título, e terán carácter supletorio en relación co resto dos incluídos nel.

2. A presente normativa aplicarase tamén para as eleccións de representantes nas xuntas de titulación previstas no artigo 44 dos estatutos.

3. O procedemento sobre o voto electrónico regulado na sección sexta do capítulo segundo do título II tamén se aplicará no caso de consultas non vinculantes á comunidade universitaria.

Disposición adicional quinta

Todas as mencións relativas ás secretarías de centros e de departamentos refírense ás áreas de apoio á xestión de centros e departamentos.

Disposición transitoria

As medidas sobre a publicación de actos no taboleiro electrónico oficial e sobre o voto electrónico establecidas no presente regulamento aplicaranse cando estean dispoñibles os medios tecnolóxicos necesarios para levalas a cabo.

Disposición derrogatoria primeira

Queda derrogada a Normativa para a elección de decanos e decanas e directores e directoras de centro, aprobada polo Consello de Goberno, na sesión do 11 de decembro de 2003.

Disposición derrogatoria segunda

Queda derrogada a Normativa para a elección de membros das xuntas de centro, aprobada polo Consello de Goberno, na sesión do 11 de decembro de 2003.

Disposición derrogatoria terceira

Queda derrogada calquera norma que se opoña ao establecido neste regulamento.

Disposición derradeira

Este regulamento entrará en vigor o día seguinte de publicarse no DOG.

Táboas do artigo 54

Táboa 1

A

B

A

B

1

1

11

8

2

1

12

8

3

2

13

9

4

3

14

10

5

4

15

11

6

4

16

11

7

5

17

12

8

6

18

13

9

6

19

13

10

7

20

14

21

15

22

15

23

16

24

17

25

18

……

…..

Táboa 2

A

B

C

A

B

C

1

1

1

11

8

4

2

1

1

12

8

4

3

2

1

13

9

5

4

3

2

14

10

6

5

4

2

15

11

6

6

4

2

16

11

6

7

5

3

17

12

7

8

6

3

18

13

7

9

6

3

19

13

7

10

7

4

20

14

8

21

15

9

22

15

9

23

16

10

24

17

10

25

18

11

……..

……

……