Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Venres, 25 de outubro de 2019 Páx. 46721

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Resolución do 16 de setembro de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Corme modificación substancial (repotenciación do parque eólico Corme G-3), sito no concello de Ponteceso (A Coruña) e promovido por EDP Renovables España, S.L.U. (expediente IN661A 2018/1-1).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, con respecto da Resolución do 16 de setembro de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Corme modificación substancial (repotenciación do parque eólico Corme G-3), sito no concello de Ponteceso (A Coruña) e promovido por EDP Renovables España, S.L.U. (IN661A 2018/1-1).

Contido da resolución e condicións que a acompañan:

a) Outorgar a autorización de desmantelamento das instalacións actuais do parque eólico Corme G-3 (núm. de expediente 1/97).

b) Outorgar a autorización administrativa previa para o parque eólico Corme modificación substancial (IN661A 2018/1-1), sito no concello de Ponteceso (A Coruña) e promovido pola sociedade EDP Renovables España, S.L.U., para unha potencia de 18,30 MW.

c) Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución do parque eólico Corme modificación substancial (IN661A 2018/1-1).

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, EDP Renovables España, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, en 134.489 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e o procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. De conformidade coa disposición transitoria cuarta, número 3, da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o promotor disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións, nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

5. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica que lle resulten de aplicación.

6. Previamente ao inicio das obras de desmantelamento das instalacións existentes, o promotor comunicará a data de comezo dos traballos á Dirección Xeral de Enerxía e Minas e á Xefatura Territorial da Coruña.

Finalizado o dito desmantelamento e logo das comprobacións técnicas que se consideren oportunas, a Xefatura Territorial da Coruña emitirá a correspondente acta de peche, de acordo co establecido no artigo 41.6 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, o cal se lle comunicará á Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

7. Previamente ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral un estudo ambiental de sinerxías que inclúa as infraestruturas de evacuación, así como as posibles afeccións a infraestruturas próximas.

8. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións o promotor deberá presentar, ante a xefatura territorial, un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución aprobado, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia e, así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxía e Minas un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, xunto coa solicitude de autorización de explotación das instalacións o promotor deberá presentar ante á dita xefatura territorial certificado do fabricante en que conste a limitación de potencia das máquinas, que garanta que a potencia instalada non supera en ningún momento a potencia autorizada por esta resolución.

9. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Coruña inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación, incluídas as contidas na declaración de impacto ambiental formulada o 12.6.2019 pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático.

10. No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal de televisión, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, EDP Renovables España, S.L.U. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

11. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

12. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

13. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

d) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 24.1.2017, Desarrollos Eólicos Corme, S.A.U. solicitou a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución da repotenciación do parque eólico Corme G-3, segundo o previsto no Decreto 138/2010, do 5 de agosto.

2. O 23.11.2017, EDP Renovables España, S.L.U. solicitou a tramitación do expediente da repotenciación do parque eólico Corme G-3 (en diante, o parque eólico) conforme a disposición transitoria terceira da Lei 5/2017.

3. O 11.12.2017, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas autorizou a transmisión da titularidade de parques eólicos das sociedades absorbidas Desarrollos Eólicos de Galicia, S.A.U. e Desarrollos Eólicos Corme, S.A.U. (sociedades absorbidas) a favor de EDP Renovables España, S.L.U. (sociedade absorbente), entre as cales se atopa o parque eólico.

4. O 29.12.2017, o promotor solicitou a declaración de interese especial para o parque eólico. O 15.2.2018, o Consello da Xunta de Galicia declarou o proxecto do parque eólico como de interese especial.

5. O 23.1.2018, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe a que fai referencia o artigo 33.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

6. Mediante o Acordo do 21 de marzo de 2018, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Coruña (en diante, a xefatura territorial), someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental do parque eólico.

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 5.4.2018 e no xornal La Voz de Galicia do 3.4.2018. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios do concello afectado (Ponteceso), da xefatura territorial, e da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

7. O 16.4.2018, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Axencia Galega de Infraestruturas, Unión Fenosa Distribución, S.A., Deputación Provincial da Coruña, Axencia Estatal de Seguridade Aérea e Concello de Ponteceso.

8. O 12.6.2019, o órgano ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública por medio do Anuncio do 14 de xuño de 2019, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático (DOG núm. 122, do 28 de xuño).

Durante o procedemento consultáronse as seguintes administracións públicas afectadas e persoas interesadas: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio, Subdirección Xeral de Residuos da DXCACC, Axencia Turismo de Galicia, Concello de Ponteceso, Federación Ecoloxista Galega, Sociedade Galega de Historia Natural, Sociedade Galega de Ornitoloxía, Augas de Galicia e Dirección Xeral de Saúde Pública.

9. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de distribución para unha potencia de 18,30 MW, de acordo co informe do xestor da dita rede.

No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas