Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Xoves, 24 de outubro de 2019 Páx. 46509

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 133/2019, do 10 de outubro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Abegondo de todo o dominio público, a excepción da calzada e das beiravías, do treito da estrada AC-542 Betanzos (AC-840)-O Mesón do Vento (N-550) entre os puntos quilométricos 12+115 e 12+505, marxe esquerda.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón, no artigo 9.7, que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Abegondo e a Axencia Galega de Infraestruturas asinaron o día 7.1.2019 un convenio de colaboración para a construción dunha senda peonil na estrada AC-542. Neste convenio o concello acepta, unha vez realizadas as obras, o cambio de titularidade de todo o dominio público da estrada AC-542, no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 12+067 e 12+456, sen afectar as beiravías nin a calzada.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, e tendo en conta o plano do DPV autonómico da AC-542, xunto co plano do proxecto da senda peonil, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade de todo o dominio público, a excepción da calzada e das beiravías, do treito da estrada AC-542 Betanzos (AC-840)-O Mesón do Vento (N-550), situado entre os puntos quilométricos 12+115 e 12+505, marxe esquerda.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dez de outubro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Abegondo de:

• Todo o dominio público, a excepción da calzada e das beiravías correspondentes ao treito da estrada AC-542 Betanzos (AC-840)-O Mesón do Vento (N-550), situado entre os puntos quilométricos 12+115 e 12+505, marxe esquerda.

Artigo 2

En aplicación dos puntos 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Abegondo deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Correspóndelle ao Concello de Abegondo, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación de todo o dominio público, a excepción da calzada e das beiravías, do treito obxecto deste cambio de titularidade, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de outubro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade