Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Martes, 22 de outubro de 2019 Páx. 46236

I. Disposicións xerais

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

DECRETO 130/2019, do 3 de outubro, polo que se aproba a Comisión Interdepartamental para o Impulso e Coordinación da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050.

Desde que hai xa máis dun século se comezou a investigar sobre os efectos da acción da humanidade sobre o clima da Terra, foise xerando paulatinamente un maior coñecemento sobre o cambio climático e acumuláronse evidencias suficientes para confirmar que este fenómeno xa está a provocar impactos considerables no noso planeta.

O cambio climático constitúe unha seria ameaza cuxos efectos teñen repercusión sobre múltiples aspectos de carácter global como son, entre outros, o desenvolvemento sustentable, a economía mundial, a xestión dos recursos naturais ou a saúde. Este carácter universal, tanto das causas como dos efectos, provoca que sexa indispensable achegar unha resposta multilateral fundamentada na acción conxunta de todos os países de acordo co principio das responsabilidades comúns pero diferenciadas.

Esta acción internacional foi posta en práctica no marco da Convención marco das Nacións Unidas sobre o cambio climático, onde, a través das súas reunións anuais coñecidas como conferencias das partes ou COP, se acadaron acordos de notable relevancia como foi no seu momento o Protocolo de Quioto. No entanto, a evolución crecente das emisións globais de gases de efecto invernadoiro evidenciou que os esforzos realizados a nivel mundial ata o momento non eran suficientes, e que se facía necesaria unha maior ambición climática.

Para conseguir isto a comunidade internacional traballou conxuntamente na definición dun novo acordo máis ambicioso, xuridicamente vinculante e de aplicación a todos os países. O Acordo de París, asinado na COP21 de 2015 e que entrou en vigor en novembro de 2016, é o primeiro paso dunha carreira de fondo que ten que levar ao mundo a acadar o obxectivo final de evitar que a temperatura media global creza por riba dos 2 ºC (límite establecido polo IPCC, a partir do cal os efectos do cambio climático serán imprevisibles e irreversibles).

Na actualidade, segundo o informe especial sobre os impactos do quecemento global de 1,5 °C con respecto aos niveis preindustriais, o quecemento global inducido polo home alcanzou aproximadamente 1 °C sobre o nivel preindustrial e está actualmente aumentando a un ritmo de 0,2°C por década debido ás emisións pasadas e presentes de gases de efecto invernadoiro. Resulta necesaria unha transformación sen precedentes para limitar o aumento da temperatura global do planeta a 1,5 ºC, pois os compromisos de redución de emisións postos actualmente sobre a mesa son insuficientes para evitar un aumento da temperatura media global de 1,5 ºC.

Para isto cómpre que as emisións mundiais de gases de efecto invernadoiro acaden o seu punto máximo o antes posible, tendo presente que os países en desenvolvemento tardarán máis en conseguilo e, a partir dese momento, reducir rapidamente as emisións de gases de efecto invernadoiro para alcanzar un equilibrio entre as emisións antrópicas emitidas polas fontes e a absorción antrópica realizada polos sumidoiros na segunda metade do século.

Complementariamente á redución das emisións, o Acordo de París tamén sinala a necesidade de aumentar a capacidade de adaptación, fortalecer a resiliencia e reducir a vulnerabilidade. Requírese, polo tanto, incrementar as accións de adaptación de xeito que se anticipen aos efectos do cambio climático e se adopten as medidas apropiadas para previr ou minimizar os impactos que xa se están a producir na actualidade.

Aínda que non é posible determinar coa precisión que sería desexable as consecuencias do cambio climático, si que debemos de asumir que é necesaria unha acción decidida e inmediata fronte a este fenómeno, debido a que, se non se controla, a frecuencia de impactos graves, xeneralizados e irreversibles para as persoas e os ecosistemas será maior.

A magnitude e complexidade dos cambios que os patróns actuais de produción e consumo teñen que experimentar nas próximas décadas fai indispensable a creación dun instrumento de planificación que, por unha banda, achegue un marco de actuación a longo prazo que oriente as políticas que se queren realizar e, por outra, permita aliñar as accións que se están a desenvolver a curto prazo cos obxectivos establecidos no Acordo de París. A correcta planificación e posterior execución deste proceso de transición non soamente terá un efecto positivo sobre o cambio climático senón que, ademais, proporcionará a Galicia unha vantaxe competitiva moi importante que repercutirá nunha maior actividade económica e un maior nivel de emprego na nosa comunidade.

Tendo en conta esta realidade e as iniciativas que se adoptan desde o ámbito internacional, comunitario e nacional, a Xunta de Galicia, como órgano colexiado do goberno autonómico, elaborou a Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, que será o instrumento planificador na loita fronte ao cambio climático e a transición enerxética de cara ao horizonte temporal 2050, e onde se establecen as grandes liñas de acción na loita contra o cambio climático desde unha perspectiva rexional, centrada en Galicia, permitindo tamén contribuír aos obxectivos establecidos a nivel global nesta materia.

Para levar a cabo esta tarefa, tendo en conta o carácter transversal do cambio climático a nivel competencial, é necesaria a creación dun órgano de coordinación e de impulso da acción do Goberno na loita contra o cambio climático a través da Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, de modo que todos os departamentos que integran a Administración e o goberno da Comunidade Autónoma de Galicia se atopen representados ao máximo nivel. Desta maneira, o goberno de Galicia garante e fai visible as actuacións que fronte ao cambio climático poñen en marcha os seus distintos departamentos, actuacións que deben conformar de maneira coordinada os plans ou programas do goberno para a mitigación e adaptación ao cambio climático.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e tras a deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día tres de outubro de dous mil dezanove

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto a creación da Comisión Interdepartamental para o Impulso e Coordinación da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, así como a regulación da súa composición, das súas funcións e o réxime de funcionamento.

Artigo 2. Natureza e adscrición

1. A Comisión Interdepartamental para o Impulso e Coordinación da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 estará adscrita á consellería con competencias en materia de cambio climático.

2. A Comisión Interdepartamental para o Impulso e Coordinación da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 é un órgano de coordinación e colaboración en materia de cambio climático que se crea para garantir a necesaria coordinación nas accións administrativas e de goberno, derivada da necesidade de dar cumprimento aos compromisos adquiridos na Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, e co fin de impulsar actuacións prioritarias como as precisas para o logro das funcións previstas no artigo 4.

Artigo 3. Réxime xurídico

A Comisión Interdepartamental para o Impulso e Coordinación da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 rexerase polo disposto para os órganos colexiados na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, neste decreto e, se é o caso, polo seu regulamento interno de funcionamento.

Artigo 4. Funcións

Son funcións da Comisión Interdepartamental para o Impulso e Coordinación da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050:

a) Establecer os fundamentos para abordar a execución e seguimento da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 e dos plans de acción derivados desta que deban executarse en ámbitos sectoriais específicos.

b) O impulso e a coordinación da posta en marcha das medidas de mitigación e adaptación que correspondan aos distintos ámbitos sectoriais.

c) Analizar as medidas derivadas das estratexias de cambio climático establecidas a nivel europeo e nacional que afecten a Comunidade Autónoma de Galicia, así como a súa posta en marcha e cumprimento.

d) O estudo, coordinación e programación de propostas interdepartamentais en relación coa mitigación das emisións de gases de efecto invernadoiro e a adaptación ao cambio climático.

e) Informar o Consello da Xunta de Galicia, por petición deste ou por iniciativa propia, en todos os asuntos relacionados co cambio climático na Comunidade de Galicia, co fin de que sexan tidos en consideración nas diferentes políticas e programas de desenvolvemento sectoriais.

f) Fomentar a investigación e o estudo en materia de mitigación e adaptación ao cambio climático.

g) Impulsar programas que incrementen o interese e coñecemento da cidadanía en materia de cambio climático promovendo cambios nas pautas de comportamento, de modo que se favoreza a utilización dos recursos naturais e a mellora da eficiencia no seu uso.

h) O fomento no intercambio de información de interese para a Comunidade Autónoma de Galicia relevante para o avance cara a unha economía baixa en carbono, tanto entre os distintos departamentos da Comunidade Autónoma, como entre a Comunidade Autónoma, a Administración local e o Estado.

i) A realización dun informe de avaliación dos plans operativos para a implantación e desenvolvemento da Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, así como a elaboración e aprobación dos sucesivos plans.

j) A realización dun informe de seguimento sobre o cumprimento dos obxectivos fixados na Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, que será presentado ante o Parlamento de Galicia cada dous anos.

Artigo 5. Composición

1. A Comisión Interdepartamental para o Impulso e Coordinación da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, na cal estarán representados os distintos departamentos da Administración galega con implicación na loita fronte ao cambio climático, terá a seguinte composición:

a) Presidencia: corresponde a presidencia da Comisión á persoa titular da consellería que teña atribuídas as competencias en materia de cambio climático.

b) Vicepresidencia: corresponde a vicepresidencia da Comisión á persoa titular da dirección xeral que teña atribuídas as competencias en materia de enerxía.

c) Vogais: serán vogais da Comisión as persoas con rango de secretario/a xeral, director/a xeral ou equivalente, designadas por resolución da persoa titular da consellería competente nas materias que se indican a seguir, ou pola Secretaría Xeral da Presidencia cando as referidas materias sexan competencia dos órganos superiores e de dirección no ámbito da Presidencia:

1. Cambio climático

2. Calidade ambiental

3. Medio natural

4. Auga

5. Agricultura

6. Gandaría

7. Ordenación forestal

8. Industria forestal

9. Administración local

10. Ordenación do territorio

11. Economía

12. Facenda

13. Industria

14. Enerxía

15. Saúde pública

16. Vivenda

17. Infraestruturas

18. Mobilidade

19. Protección civil

20. Xestión de emerxencias

21. Turismo

22. Educación

23. Pesca

24. Portos

25. I+D

26. Comunicación

2. Actuará como secretario/a da Comisión a persoa que ocupe a subdirección xeral que teña atribuídas as competencias en materia de cambio climático, que actuará con voz pero sen voto.

3. En caso de ausencia ou enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, os/as vogais serán substituídos/as polas persoas suplentes designadas polos/as titulares, que deberán ter categoría de subdirector/a. A persoa titular da secretaría poderá ser substituída pola persoa suplente que se designe, por acordo do propio Pleno, que deberá ter categoría de subdirector/a ou xefe/a de servizo.

4. O número de vogais non ten porque coincidir co número de materias indicadas no punto 1.c), posto que as persoas titulares da consellería competente nas materias indicadas no citado punto poden nomear, en calquera momento, unha soa persoa en representación de unha ou varias delas. A persoa nomeada disporá unicamente dun voto, independentemente do número de áreas que represente.

Artigo 6. Presidencia

Son funcións da presidencia da Comisión:

a) Desempeñar a representación da Comisión.

b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias da Comisión, presidilas, levantalas e moderar o desenvolvemento dos debates.

c) Establecer a orde do día das sesións tendo en conta, de ser o caso, as peticións dos demais membros, formuladas coa suficiente antelación.

d) Dirimir co seu voto os empates para os efectos de adoptar acordos.

e) Dar o visto e prace ás actas e certificacións dos acordos da Comisión.

f) Exercer cantas funcións sexan inherentes á presidencia do órgano colexiado.

Artigo 7. Vicepresidencia

Corresponde á persoa que desempeñe a vicepresidencia:

a) Substituír a persoa que desempeña a presidencia na totalidade das súas atribucións, nos casos de vacante, enfermidade, ausencia ou outra causa legal.

b) Exercer as funcións intrínsecas á súa condición de membro da Comisión, con dereito a voto.

c) Cantas outras funcións expresamente lle sexan delegadas pola presidencia.

d) Asistir a presidencia nas correspondentes sesións da Comisión.

Artigo 8. Vogais

Corresponde ás persoas que desempeñen as vogalías:

a) Asistir ás reunións e participar nos debates, expoñendo a súa opinión e formulando as propostas que consideren pertinentes.

b) Exercer o seu dereito ao voto e formular o seu voto particular, así como expresar o sentido do seu voto e os motivos que o xustifican.

c) Propoñer á presidencia, a través da secretaría da Comisión, a inclusión de puntos na orde do día das sesións ordinarias.

d) Solicitar e obter a información necesaria para cumprir debidamente as funcións asignadas á Comisión. Para os efectos anteriores deberán formular, por escrito, a petición correspondente dirixida á Secretaría da Comisión.

e) Formular suxestións, rogos e preguntas.

f) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de vogais.

Artigo 9. Secretaría

Son funcións da persoa titular da secretaría da Comisión:

a) Asistir ás reunións con voz e sen voto.

b) Efectuar a convocatoria das sesións da Comisión por orde da persoa que desempeñe a presidencia, así como as citacións aos membros desta.

c) Recibir os actos de comunicación dos membros co órgano e, por tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos dos cales deba ter coñecemento.

d) Preparar o despacho dos asuntos e levantar a acta das sesións do Pleno.

e) Expedir certificacións das consultas, ditames e acordos aprobados.

f) Aquelas que sexan inherentes á secretaría da Comisión.

Artigo 10. Funcionamento

1. A Comisión Interdepartamental para o Impulso e Coordinación da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 funcionará en pleno ou en comisión permanente.

2. Para a válida constitución da Comisión Interdepartamental para o Impulso e Coordinación da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 en pleno, para os efectos da celebración de sesións e toma de acordos, requirirase a presenza da persoa que desempeñe a presidencia e da persoa que desempeñe a secretaría ou das persoas que as substitúan, e da metade, polo menos, dos seus membros, en primeira convocatoria, e dunha terceira parte dos seus membros en segunda convocatoria.

3. A Comisión Interdepartamental para o Impulso e Coordinacion da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 poderá constituír unha comisión permanente e/ou grupos técnicos de traballo por áreas, que poderán ser permanentes ou específicos e estarán formados polos membros que a Comisión Interdepartamental designe para o efecto.

Artigo 11. Pleno

1. Ao Pleno da Comisión Interdepartamental para o Impulso e Coordinación da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 corresponderánlle as funcións propias da Comisión establecidas no artigo 4.

2. A Comisión reunirase en Pleno unha vez ao ano con carácter ordinario, e con carácter extraordinario cantas veces sexa convocada pola súa presidencia, por iniciativa propia ou por proposta ao menos dunha terceira parte dos seus vogais.

3. Os acordos adoptaranse por maioría simple de votos validamente emitidos. A persoa que desempeñe a presidencia, en caso de empate, terá voto de calidade.

4. Ademais dos membros da Comisión, poderán asistir ás sesións do Pleno, logo de convite da persoa que desempeñe a presidencia, con voz pero sen voto, outras persoas de recoñecida competencia profesional que, polos seus coñecementos técnicos e científicos, presten o asesoramento necesario nos asuntos que vaian tratarse.

5. As convocatorias do Pleno, tanto ordinarias coma extraordinarias, realizaranse, polo menos, con dez días de antelación. Á convocatoria achegarase a orde do día dos temas que se van tratar e a documentación necesaria que a acompañe.

6. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, salvo que estean presentes todos os membros e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

Artigo 12. Duración do mandato

Os membros da Comisión manterán a condición de membro por razón do seu cargo.

Cesarán na súa condición de membro por revogación da designación efectuada polo titular da consellería que os nomeou.

Artigo 13. Retribucións

Os membros da Comisión non percibirán retribucións económicas nin ningunha indemnización por esta causa, e tampouco os que asistan as súas sesións na súa condición de persoal convidado en virtude do disposto no artigo 11.

Disposición adicional primeira. Gastos de funcionamento

As actuacións da Comisión Interdepartamental para o Impulso e Coordinación da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 non xerarán incremento das consignacións orzamentarias da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Disposición adicional segunda. Constitución da Comisión

No prazo máximo de tres meses desde a entrada en vigor deste decreto constituirase a Comisión Interdepartamental para o Impulso e Coordinación da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, conforme a composición que neste decreto se determina.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a execución e desenvolvemento do presente decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2019

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Mª Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda