O día 7 de febreiro de 2019 (DOG núm. 27) publicouse a Orde do 20 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais de Galicia para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.
No artigo 21.1 da dita orde establecíase que as entidades beneficiarias das axudas quedan obrigadas a acreditar a realización dos proxectos subvencionados e a achegar a documentación xustificativa, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, ata o 31 de outubro de 2019; no caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción.
Tendo en conta a data de resolución das ditas axudas, motivada polo longo proceso de avaliación e resolución, xunto coa complexidade da execución dos proxectos, e coa finalidade de facer viables os procesos de execución e xustificación dos investimentos por parte das entidades beneficiarias, sen que con iso se cause prexuízos a terceiros, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación.
Visto o anterior,
DISPOÑO:
Artigo único. Modificación da Orde do 20 de decembro de 2018
Modifícase o artigo 21.1 da Orde do 20 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais de Galicia, para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019, que quedaría redactado como segue:
Artigo 21. Xustificación
1. As entidades beneficiarias das axudas quedan obrigadas a acreditar a realización dos proxectos subvencionados e a achegar a documentación xustificativa, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, ata o 30 de novembro de 2019; transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado esta perante o órgano administrativo competente, este requirirá a entidade beneficiaria para que, no prazo improrrogable de dez días, a presente para os efectos previstos da xustificación das subvencións.
A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.
Malia o disposto no número anterior, o órgano concedente da subvención poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non exceda a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.
As condicións e o procedemento para conceder a ampliación de prazo son os establecidos no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas; no caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción. En calquera caso, a entidade beneficiaria deberá xustificar unha porcentaxe mínima do 50 % do importe total do investimento subvencionable; de non alcanzarse ese mínimo, enténdese que non se lograron os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, determinarase a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2019
Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo