Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Xoves, 17 de outubro de 2019 Páx. 45671

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 128/2019, do 3 de outubro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Moraña do dominio público dun treito da estrada PO-226 marxe dereita, agás calzada e beiravías.

A teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Moraña e a Axencia Galega de Infraestruturas asinaron o día 5 de xullo de 2018 un convenio de colaboración para a construción dunha senda peonil na marxe dereita da estrada PO-226 ao longo dos puntos quilométricos 3+430 ao 3+650.

A estrada PO-226 Cuntis (N-640)-Porráns (N-550) conta cunha lonxitude de 12,15 quilómetros, pertence á rede primaria complementaria da Xunta de Galicia e discorre polo termo municipal de Moraña entre os puntos quilométricos 1+830 e 8+810.

O convenio recolle que as obras se executan parcialmente en terreos que non son titularidade da Administración titular da estrada, e que o concello acepta o cambio de titularidade de todo o dominio público do treito da senda peonil resultante da execución das obras na PO-226, sen afectar as beiravías nin a calzada.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de outubro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1

– Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Moraña do dominio público viario, agás calzada e beiravías, de:

Estrada

PQi

Coordenadas UTM (ETRS89)

PQf

Coordenadas UTM(ETRS89)

Marxe

Lonxitude

PO-226

3+430

X=534.821 Y=4.716.532

3+650

X=534.698 Y=4.716.348

MD

220 m

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Moraña deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Correspóndenlle ao Concello de Moraña, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que poida corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de outubro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade