Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Mércores, 16 de outubro de 2019 Páx. 45505

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 7 de outubro de 2019 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que modifica as bases reguladoras dos préstamos previstos no Instrumento financeiro préstamos pemes Galicia-programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (código de procedemento IG534C).

O Consello de Dirección do Igape, na súa reunión do 31 de xullo de 2019, acordou modificar as bases reguladoras dos préstamos previstos no Instrumento financeiro préstamos pemes Galicia-programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Modificación das bases reguladoras

Modificar as bases reguladoras dos préstamos previstos no Instrumento financeiro préstamos pemes Galicia-programa operativo Feder Galicia 2014-2020, aprobadas pola Resolución do Igape do 16.10.2017 (DOG núm. 206, do 30.10.2017), nos seguintes aspectos:

a) Modificación da redacción do artigo 23, Información básica sobre protección de datos de carácter persoal para adaptalo á normativa en vigor, conforme o detallado no anexo á presente resolución.

b) Modificar os números 1.1. Préstamos IFI Emprende, 1.2. Préstamos IFI Industria 4.0 e 1.3. Préstamos IFI Relanzamento, do anexo 1, nas respectivas letras I) Criterios específicos de avaliación, para permitir que un maior número de proxectos de pemes galegas poidan ser beneficiarias destas axudas, nos termos detallados no anexo á presente resolución.

c) Incluír no anexo 1 das bases reguladoras, Modalidades de préstamos do Instrumento financeiro préstamos pemes Galicia Feder 2014-2020, o número 1.5 detallado no anexo á presente resolución, e convocar os ditos préstamos en réxime de concorrencia non competitiva (procedemento IG534C).

A presente convocatoria finánciase no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, que ten unha taxa de cofinanciamento Feder do 80 %, en particular:

Préstamos IFI Industria 4.0, IFI Relanzamento e IFI Tur:

Obxectivo temático 03: mellorar a competitividade das pemes.

Prioridade de investimento 03.d: apoio á capacidade das pemes para o crecemento nos mercados rexionais, nacionais e internacionais e nos procesos de innovación.

Obxectivo específico: 03.04.01: promover o crecemento e a consolidación das pemes, en particular mellorando o seu financiamento, tecnoloxía e acceso a servizos de apoio avanzados; incluíndo os sectores agrícola, pesqueiro, mariño, marítimo, turístico, cultural e comercial.

Actuación: 3.4.1.3.b: instrumentos financeiros para proxectos de investimento empresarial para promover o crecemento e a consolidación das pemes.

Campo de intervención: CE001 investimentos produtivos xenéricos nas pequenas e medianas empresas (pemes).

Segundo. Prazo de presentación de solicitudes dos Préstamos IFI TUR

O prazo de presentación de solicitudes da liña de préstamos directos do Igape Préstamos IFI TUR comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:

Que conforme as solicitudes recibidas, se esgote o crédito orzamentario para a respectiva modalidade de préstamo, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes para a respectiva modalidade de préstamo, de conformidade co disposto no artigo 32 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro).

b) O 31 de decembro de 2019.

Terceiro. Dotación orzamentaria

Establécese a liña de préstamos directos do Igape Préstamos IFI TUR, polo importe máximo indicado a seguir, que se establece conxuntamente coas liñas de préstamos IFI Industria 4.0 e IFI Relanzamento convocadas pola Resolución do 16.10.2017 (DOG núm. 206, do 30.10.2017), que se modifica neste punto:

Préstamos IFI Industria 4.0., Préstamos IFI Relanzamento e Préstamos IFI Tur: 27.000.000 €, dos que ata un máximo de 2.000.000 € destinaranse a Préstamos IFI Relanzamento.

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á partida orzamentaria, importes e distribución plurianual que se indican a seguir:

Partida orzamentaria

Liña préstamo

Ano 2018

Ano 2019

Ano 2020

09.A1-741A-8310

IFI Industria 4.0 e IFI Tur

5.479.412 €

10.520.000 €

9.000.588 €

09.A1-741A-8310

IFI Relanzamento

0 €

1.000.000 €

1.000.000 €

Totais

5.479.412 €

11.520.000 €

10.000.588 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos, logo de declaración da súa dispoñibilidade nos termos referidos no artigo 31 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Cuarto. Prazos de duración do procedemento

O prazo máximo para resolver e notificar o acordo de concesión/denegación dos préstamos directos do Igape Préstamos IFI TUR será de seis meses desde a recepción no Rexistro do Igape da solicitude de préstamo.

Quinto. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicada á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Sexto. Contido da convocatoria

Os requisitos das letras c), e), f), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases dos préstamos previstos no Instrumento financeiro préstamos pemes Galicia-programa operativo Feder Galicia 2014-2020, aprobadas pola Resolución do Igape do 16.10.2017 (DOG núm. 206, do 30.10.2017), e que se modifican parcialmente nesta resolución.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2019

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO

Modificación das bases reguladoras dos préstamos previstos no Instrumento financeiro préstamos pemes Galicia-Programa operativo Feder Galicia 2014-2020

A. Modificación do artigo 23 das bases reguladoras.

Modifícase o artigo 23 das bases reguladoras, que pasa a ter a seguinte redacción:

Artigo 23. Información básica sobre protección de datos de carácter persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento, todo iso de conformidade coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito nas presentes bases reguladoras a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.

B. Modificación dos criterios específicos de avaliación dos números 1.1. Préstamos IFI Emprende, 1.2. Préstamos IFI Industria 4.0 e 1.3. Préstamos IFI Relanzamento, do anexo 1 das bases reguladoras.

Nos números 1.1. Préstamos IFI Emprende, 1.2. Préstamos IFI Industria 4.0, e 1.3. Préstamos IFI Relanzamento, modifícanse as respectivas letras I) Criterios específicos de avaliación, quedando redactadas do seguinte xeito:

«Considérase que todos os proxectos co obxecto descrito na letra A) anterior son de interese para Galicia, polo que non se establecen criterios específicos de avaliación que poidan supoñer a denegación das solicitudes, sempre que se superen os limiares de cualificación de risco de crédito establecidos no anexo 3 destas bases reguladoras».

C. Inclusión dunha nova liña de préstamo nas modalidades previstas no anexo 1 das bases reguladoras.

Modifícase o anexo 1 «Modalidades de préstamos do Instrumento financeiro préstamos pemes Galicia Feder 2014-2020» das bases reguladoras publicadas mediante a Resolución do 16 de outubro de 2017 (DOG nº 206, do 30 de outubro de 2017), incluíndo o número 1.5. seguinte:

1.5. Préstamos IFI-TUR.

A) Obxecto.

Apoiar financeiramente os proxectos de creación e mellora de establecementos turísticos de aloxamento en Galicia.

B) Modalidade do contrato de financiamento.

Contratos de préstamo que se instrumentarán entre o beneficiario e o Igape. O nominal do devandito préstamo estará cofinanciado nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. OT 3, PI 3.d), OE 3.4.1., actuación 3.4.1.3.b).

C) Requisitos específicos dos beneficiarios.

C.1) Ademais dos requisitos establecidos no artigo 1, deben desenvolver ou ter previsto desenvolver as súas actividades na epígrafe 55 do grupo I da Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE-2009), e cumprir algún dos seguintes requisitos:

– Ser titulares de establecementos turísticos de aloxamento incluídos nas alíneas a) Establecementos hoteleiros, c) Campamentos de turismo ou d) Establecementos de turismo rural do artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, reguladora do turismo de Galicia, autorizados ou clasificados, conforme estableza a normativa turística, no Rexistro de Actividades Turísticas da Xunta de Galicia. En caso de que o titular do establecemento o teña en aluguer e/ou en réxime de concesión administrativa, a duración do contrato correspondente debe abarcar como mínimo o período de vixencia do préstamo.

Quedan expresamente excluídos os apartamentos e vivendas turísticas e os albergues turísticos incluídos nas alíneas b) e e) do devandito artigo 55.1 da Lei 7/2011 reguladora do turismo de Galicia.

– As persoas que proxecten a creación dun establecemento turístico de aloxamento incluído nalgunha das alíneas a), c) ou d) do artigo 55.1 da devandita Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, que cumpran cos requisitos establecidos pola normativa turística para a súa apertura.

C.2) Tamén poderán ser beneficiarias as persoas físicas e as sociedades civís e comunidades de bens, que cumpran o establecido no apartado C1 anterior. Neste caso, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe das axudas que se van aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigacións que como beneficiaria correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos previsto no artigo 35 e 63 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia.

D) Requisitos específicos do proxecto que se vai financiar.

D.1) Importe.

O proxecto deberá presentar un custo financiable entre 77.000 € e 1.600.000 €.

D.2) Gasto financiable.

Serán financiables os conceptos sinalados no artigo 3, letra a) Activos fixos materiais, que correspondan a terreos, obras e equipamento dos establecementos turísticos de aloxamento que cumpran os requisitos sinalados na epígrafe C.1) anterior.

Poderán ser financiadas as infraestruturas de restaurante, cafetaría e servizos auxiliares e de turismo activo, así como o seu equipamento e mobiliario, cando estes formen parte dos establecemento de aloxamento e sexan explotados conxuntamente.

Será financiable a adquisición de establecementos turísticos preexistentes, co límite do 40 % do custo financiable total.

Exclúense como financiables os seguintes conceptos:

– Dereitos de traspaso dos establecementos.

– Adquisición de elementos de transporte.

– Gastos correntes da empresa e adquisición de material non inventariable, como menaxe de cociña e comedor.

– Gastos de mantemento do establecemento, entendendo por tales os que se realizan periodicamente para manter a edificación en perfecto uso.

D.3) Modalidade de proxecto.

Investimento en activos fixos baixo o criterio de selección de operacións do programa operativo Feder 2014-2020, para proxectos de investimento en novos establecementos, ampliacións ou mellora de capacidade produtiva e competitividade.

D.4) Acreditación de financiamento bancario complementario.

Polo menos o 35 % do custo total elixible do proxecto financiarase mediante un préstamo bancario cun prazo de devolución igual ou superior ao préstamo do Igape. A dispoñibilidade deste financiamento acreditarase mediante unha certificación emitida pola entidade bancaria segundo o modelo do anexo 5.5 e/ou copia da póliza ou escritura de formalización da operación.

D.5) Informe sectorial previo favorable.

O proxecto deberá ser informado favorablemente pola Axencia de Turismo de Galicia respecto do cumprimento dos requisitos establecidos na normativa turística sectorial aplicable e da avaliación do criterio de exceso de oferta indicado na epígrafe I.1), anexándose este informe ao emitido polos servizos técnicos do Igape segundo o establecido no artigo 10.3. das bases reguladoras.

E) Condicións do produto financeiro.

E.1) Importes mínimo e máximo.

O importe mínimo do préstamo será de 50.000 € e o máximo de 1.000.000 €. En ningún caso superará o 65 % do custo do proxecto financiable.

E.2) Prazos de amortización e de carencia.

O prazo de amortización será como máximo de 12 anos, incluíndo un máximo de 2 anos de carencia na amortización de principal.

E.3) Tipo de xuro.

E.3.a) Tipo de xuro ordinario.

O capital disposto e non amortizado do préstamo devindicará diariamente, contado desde a disposición dos fondos e ata que transcorra o prazo de vixencia do préstamo, un xuro nominal fixo que se liquidará e se pagará con periodicidade trimestral e con carácter vencido o último día de cada trimestre natural, xunto coa cantidade destinada a amortización de principal salvo no período de carencia.

Para cada unha das disposicións, no período comprendido desde a data da disposición do préstamo ata o último día do primeiro trimestre natural seguinte á disposición, o importe absoluto dos xuros devindicados calcularase segundo a seguinte fórmula:

(C × R × T)/36000

Onde C = capital, R = tipo de xuro nominal anual pagadoiro trimestralmente expresado en puntos porcentuais, e T = número de días naturais comprendidos entre a data de disposición e o último día do trimestre natural.

Nos restantes períodos trimestrais completos de xuros, o importe absoluto dos xuros devindicados calcularase aplicando a seguinte fórmula:

(C x R)/400

Onde C = capital, R = tipo de xuro nominal anual expresado en puntos porcentuais.

O tipo de xuro nominal anual determinarase para toda a vida do préstamo no momento da concesión, resultado de sumar:

– Tipo de referencia: será a media do euríbor a 1 ano do mes anterior á data da proposta de resolución da concesión do préstamo.

– Marxe adicional: será de 0,1puntos porcentuais. Se o resultado da subvención implícita no préstamo, obtida aplicando o criterio previsto no anexo 2, supera o límite de axuda de minimis, incrementarase a marxe adicional para diminuír a vantaxe financeira respecto ao mercado ata cumprir este límite.

O tipo de xuro será do 0 % cando resulte negativo.

E.3.b) Tipo de xuro de mora.

Sen prexuízo do dereito de resolución do préstamo, en caso de atraso no pagamento dalgunha das sumas debidas en virtude deste contrato, o prestameiro incorrerá de pleno dereito en mora sen necesidade de requirimento previo e virá obrigado a pagar sobre a suma vencida o tipo de xuro ordinario do período máis 6 puntos porcentuais anuais. Os ditos xuros liquidaranse coincidindo co seguinte vencemento trimestral de xuros.

E.4) Plan de amortización.

Unha vez finalizado o período de carencia, o reintegro do préstamo realizarase en cotas trimestrais vencidas, o último día de cada trimestre natural, xunto coa cantidade destinada ao pagamento de xuros. O plan de amortización será calculado polo Igape e incorporarase á resolución de concesión. Para o cálculo do plan de amortización, utilizarase o sistema de amortización francés, de forma que a carga que afronte o beneficiario, resultante de sumar os xuros e as amortizacións pagadoiras ao trimestre polo beneficiario, se manteña constante durante toda a vida do préstamo tras a carencia.

E.5) Garantías.

O Igape tomará garantías procurando manter unha posición similar á da entidade financeira que conceda o financiamento complementario mencionado no punto D.5) anterior. A garantía puntuarase conforme o anexo 4 comparativamente coa que obtería a entidade financeira.

F) Documentación específica a presentar coa solicitude.

Ademais da documentación sinalada no artigo 7, deberá figurar xunto coa solicitude:

– Comunicación emitida pola entidade bancaria e/ou copia da póliza ou escritura de formalización da operación a que se refire o punto D.5) anterior.

– En caso de que o titular do establecemento o teña en aluguer e/ou en réxime de concesión, deberá achegarse copia do contrato correspondente.

– Memoria do proxecto, que desenvolverá o seguinte contido:

a) Antecedentes da empresa e dos seus promotores: historial, principais fitos na evolución da empresa, capacidades básicas (estratéxicas, capacitación da xerencia, organizativas e de control), capacidade técnica da entidade (recursos humanos, técnicos, materiais, colaboracións, cooperacións, certificacións de calidade e ambientais), capacidade económica da entidade (análise dos estados financeiros, solvencia dos promotores, política de financiamento e rendibilidade).

b) Descrición do proxecto: definición pormenorizada do investimento e das actuacións que se desenvolverán, que deberá incluír en todo caso:

– Planos de localización do investimento.

– Relación, indicando calidades, dos materiais e acabados propostos.

– Relación detallada dos bens mobles e equipos, con indicación das calidades, localización e número que se van instalar.

– Para establecementos existentes, reportaxe fotográfica do inmoble, incluíndo exteriores, interiores e contorno.

c) Orzamento do investimento, desagregado por partidas, en que se especificará o custo da execución material, así como o custo da redacción do proxecto, da dirección de obra e de todo o equipamento previsto.

d) Memoria explicativa sobre o cumprimento dos criterios de valoración sinalados na letra I, acompañando documentación acreditativa, se for o caso.

– Se for o caso, proxecto técnico elaborado para a obtención da correspondente licenza urbanística cando sexa preceptiva. Exceptúase da necesidade de presentación de proxecto técnico a execución de obras ou instalacións menores.

G) Requisitos e documentación específica que se presentará coa disposición.

G.1) Requisitos e documentación que se presentará ademais da sinalada no artigo 13:

a) Será necesario acreditar previamente a existencia de débeda cos provedores dos bens para financiar, mediante facturas, contratos, facturas pro-forma ou orzamentos debidamente aceptados.

b) En proxectos xa iniciados, e sempre para a segunda e posteriores disposicións será necesario acreditar documentalmente a realización e pagamento dos investimentos executados, mediante facturas, xustificantes de pago e extractos bancarios.

c) Con carácter xeral, a parte do proxecto financiada con outros fondos será executada e pagada con anterioridade á utilización do préstamo ou simultaneamente. En caso de pagamento simultáneo, a prestameira deberá acreditar, mediante certificación bancaria, a dispoñibilidade líquida para o pagamento da parte non financiada para o préstamo.

d) Conforme o artigo 53 da Lei 2/2018, do 26 de decembro, a prestameira deberá acreditar que se atopa ao día no pagamento das obrigacións de reembolso de calquera outro préstamo concedido anteriormente con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma, mediante certificación do órgano competente, ou cando non se poida acreditar doutra maneira, mediante unha declaración responsable da prestameira.

e) Acreditación da alta do establecemento no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) e copia da resolución de autorización/clasificación correspondente da Axencia Turismo de Galicia.

G.2) Non será necesario acreditar os requisitos e achegar a documentación establecidos nas alíneas a), b) e c) do anterior punto G.1), cando o reembolso dun tramo do préstamo figure avalado mediante aval bancario ou de sociedade de garantía recíproca.

Os avais bancarios ou de sociedade de garantía recíproca achegados pola beneficiaria en garantía da execución e correcta xustificación ante o Igape dos investimentos aprobados no acordo de concesión serán liberados unha vez conste xustificado o proxecto conforme o establecido no artigo 17 das bases.

H) Documentación específica que se presentará coa xustificación.

Ademais da documentación sinalada no artigo 17, deberán presentar:

– Copia da póliza ou escritura de préstamo sinalada no punto D.4) anterior, en caso de non presentarse previamente xunto coa solicitude.

I) Criterios específicos de avaliación.

Sen prexuízo do cumprimento do limiar da cualificación de risco de crédito, para a súa aprobación deberá obter unha puntuación mínima de 50 puntos, resultantes de sumar os seguintes valores:

I.1) Para todas as modalidades:

– Valoración do exceso de oferta. Aspecto que será puntuado no Informe sectorial da Axencia de Turismo de Galicia referido na epígrafe D.5). Este aspecto será puntuado de 0 a 2 puntos, sendo necesario para a concesión do préstamo que o proxecto acade unha puntuación mínima de 1 punto. Toda puntuación inferior a este limiar suporá a obtención de 0 puntos nos criterios específicos de avaliación, independentemente dos puntos acadados nas epígrafes I.1) e I.2), e a desestimación da solicitude presentada.

0 puntos. Para a tipoloxía de establecemento proxectado, existe un exceso de oferta turística no contorno da actuación, e a concesión da axuda pode alterar a competencia.

1 punto. Polas características do establecemento proxectado, a oferta no contorno da actuación non se considera excesiva, existindo suficiente demanda, e non se aprecia que a concesión da axuda poida alterar a competencia.

2 puntos. Cando o proxecto presenta algunha das seguintes características:

– O proxecto non supón un incremento na oferta e redunda na mellora da calidade do servizo.

– O proxecto supón unha novidade no seu contorno e complementa a oferta turística.

I.2) Para proxectos de reforma de establecementos preexistentes:

– O proxecto inclúe actuacións de mellora de condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas: 40 puntos.

– O proxecto inclúe obras destinadas a mellorar as instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade: 30 puntos

– O proxecto inclúe actuacións destinadas a mellorar a clasificación do establecemento que supoñan un incremento de categoría: 30 puntos ou 40 puntos no caso de que obteña unha categoría de hotel de 4/5 estrelas.

– O proxecto inclúe actuacións de mellora de climatización que favorezan a sostibilidade coa implementación de medidas de aforro enerxético: 30 puntos.

– O proxecto inclúe actuacións relativas á renovación e modernización das instalacións así coma a mellora do contorno: 20 puntos.

– Emprego vinculado: máximo 30 puntos, calculado segundo a fórmula: (número medio de empregados do último exercicio + expectativas de creación de emprego)/ préstamo en miles de € x 200.

I.3) Para proxectos de novos establecementos:

– Por modalidade do aloxamento:

Hoteis de 4/5 estrelas segundo o Decreto 57/2016, do 12 de maio, e establecementos de turismo rural segundo o Decreto 48/2016, do 21 de abril, 40 puntos. O resto de establecementos, 30 puntos.

– As instalacións proxectadas permitirán obter certificacións de calidade: 30 puntos.

– Por cada praza de aloxamento prevista: 1 punto ata un máximo de 20 puntos.

– O proxecto recolle actividades complementarias ao aloxamento turístico: 30 puntos.

– Emprego vinculado: máximo 30 puntos (expectativas de creación de emprego)/ préstamo en miles de € x 200.

D. Modifícanse os anexos 5.1 e 5.2 das bases reguladoras publicadas mediante Resolución do 16 de outubro de 2017 (DOG nº 206, do 30 de outubro).

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file