Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Luns, 14 de outubro de 2019 Páx. 45136

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

ORDE do 11 de outubro de 2019 pola que se establecen os servizos mínimos que se prestarán durante a folga convocada no Concello das Pontes de García Rodríguez para o día 16 de outubro de 2019.

O exercicio da folga por parte dos traballadores para a lexítima defensa dos seus intereses é un dereito fundamental recoñecido pola Constitución no seu artigo 28.2. O seu respecto e protección resulta esencial para o correcto funcionamento dun estado democrático, no cal se deben garantir todos os mecanismos de expresión da soberanía popular. Non obstante o anterior, o exercicio dese dereito debe cohonestarse co respecto ao resto de dereitos constitucionalmente establecidos e coa garantía de acceso da comunidade aos servizos considerados esenciais.

Os sindicatos Confederación Intersindical Galega (CIG), Comisións Obreiras (CC.OO.), e Unión Xeral de Traballadores (UGT), da comarca de Ferrol, comunicaron a convocatoria dunha folga xeral que afectará todas as actividades desempeñadas polos traballadores de empresas privadas, e polos empregados e empregadas do sector público, con vínculo funcionarial, estatutario ou laboral, no ámbito territorial do Concello das Pontes de García Rodríguez, na provincia da Coruña e que terá lugar o día 16 de outubro de 2019, comezando ás 00.00 horas e rematando ás 24.00 horas.

Así pois, a necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga a esta consellería, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais, que se concretan nesta orde.

Desta forma, establécense uns servizos mínimos respecto dos sectores e actividades cuxa regulación é competencia da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e que poden afectar o desenvolvemento ordinario da actividade cidadá, no sentido do artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño.

Os criterios determinantes para a fixación dos servizos mínimos establecidos na presente orde tiveron en conta os distintos pronunciamentos do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en relación cos servizos esenciais fixados nas xornadas das anteriores folgas do 8 de xuño de 2010, do 29 de setembro de 2010, do 27 de xaneiro de 2011, do 29 de marzo de 2012, o 14 de novembro de 2012 e do 8 de marzo de 2018.

Aínda que é certo que o dito tribunal ditou sentenzas que anulaban as normas polas que se establecían os referidos servizos mínimos, non é menos certo que as ditas sentenzas viñeron motivadas fundamentalmente polo déficit de expresión da ponderación dos factores e criterios tidos en conta para a súa fixación, considerando insuficiente a motivación na determinación das prestacións mínimas garantidas.

Por todo isto, no caso concreto e tendo en conta os pronunciamentos anteriores, preténdense dar a coñecer máis xustificadamente, se cabe, os criterios en virtude dos cales se procedeu a identificar os servizos mínimos como esenciais e a determinar os efectivos necesarios para aseguralos á luz da presente convocatoria de folga. Todo isto observando a necesaria proporción entre o sacrificio para o dereito dos traballadores e os bens e intereses que se teñen que salvagardar.

No sector do transporte, os servizos que se prestan representan un carácter esencial para a cidadanía en canto que supoñen unha ferramenta básica para o exercicio doutros dereitos como os de libre circulación dentro do territorio nacional (artigo 19 da Constitución), á educación (artigo 27), ao traballo (artigo 35) e outros como o dereito á protección da saúde (artigo 43). Desta maneira, a garantía dunha mínima mobilidade da cidadanía durante a xornada de folga convértese nunha demanda do interese xeral que debe ser atendida pola Administración no ámbito das competencias que ten atribuídas.

Así pois, a concreción dos servizos mínimos que se observarán durante a xornada de folga debe efectuarse, e así se fai nesta orde, tomando en consideración a posible afección que a tipoloxía da convocatoria representa naqueles outros dereitos afectados. Neste sentido, deben configurarse uns servizos mínimos que permitan compaxinar o dereito á folga dos traballadores co mantemento dos servizos esenciais.

Tendo en conta que as expedicións que prestan servizo de transporte público regular de viaxeiros de uso xeral no Concello das Pontes atenden 9 paradas no dito concello, pero que prestan servizo ademais a un conxunto máis numeroso, ao abranguer outras 130 paradas; que os servizos atenden non só este concello senón a múltiples concellos, tendo en conta o carácter intermunicipal das ditas liñas e que a maior parte son expedicións de longo percorrido, a pesar da convocatoria da folga que afecta o Concello das Pontes de García Rodríguez, cómpre garantir os dereitos do resto de usuarios das outras poboacións ás cales presta servizos.

Polo que se refire aos servizos regulares de uso especial para transporte de escolares, o campo destes servizos resulta especialmente sensible, tanto por ser o transporte un mecanismo auxiliar para o exercicio dun dereito fundamental como é o da educación como polas especiais exixencias que implica a protección aos menores.

No tocante aos servizos regulares de uso especial para transporte de traballadores, co fin de garantir o acceso e a saída dos postos de traballo naqueles servizos de carácter interurbano en que a ausencia dunha previsión mínima crebaría toda posibilidade de acceso ao traballo, propóñense como mínimos todos os servizos nas expedicións anteriores ás 9.00 horas e posteriores ás 18.00 horas.

Polo que se refire ao transporte de mercadorías, neste ámbito debe terse en conta a dependencia que deste tipo de transporte teñen os servizos de asistencia sanitaria, que non poden afrontar unha falta de subministración suficiente dos produtos precisos para a atención á cidadanía.

En consecuencia, proponse manter a totalidade dos transportes de toda clase de mercadorías para e desde os establecementos sanitarios.

Finalmente, no que atinxe ao transporte funerario, polas necesidades sociais inaprazables que atende esta modalidade de transporte, proponse manter a totalidade dos servizos de transporte funerario.

No ámbito da materia de infraestruturas viarias, resulta necesario garantir a súa utilización polos cidadáns en condicións de normalidade, o que exixe, por un lado, manter as estradas nunhas condicións mínimas que garantan o funcionamento das infraestruturas coas debidas condicións de seguridade para os seus usuarios, e doutro, permitir a súa utilización de acordo cos principios de igualdade, universalidade e non discriminación, posibilitando, deste xeito, a liberdade de circulación, e, xunto con esta, o acceso ao exercicio doutros dereitos fundamentais, como o acceso aos servizos de saúde ou a liberdade de elección entre o exercicio ao dereito de folga e o dereito ao traballo.

Así, ao respecto da conservación ordinaria das estradas de titularidade autonómica, as empresas adxudicatarias actuarán en caso de producirse circunstancias adversas de calquera tipo: emerxencias ou situacións excepcionais derivadas de accidentes, posibilidade de obstáculos na estrada ou desprendementos, presenza de animais na vía, circulación de vehículos con cargas perigosas, fenómenos meteorolóxicos (xeo, sarabia, chuvia, etc.). As empresas adxudicatarias do servizo de conservación atenderán as necesidades, establecendo as medidas preventivas e correctivas, e a transmisión de información sobre elas, adoptando para iso as medidas precisas para atender axeitadamente as incidencias acaecidas durante o período en que ten lugar a folga convocada.

Con base no que antecede e logo da audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo único. Servizos mínimos

Durante a folga convocada polo sindicato Confederación Intersindical Galega (CIG), Comisións Obreiras (CC.OO.), e Unión Xeral de Traballadores (UGT), da comarca de Ferrol, terán a consideración de servizos mínimos os que se relacionan a continuación:

Servizos mínimos en materia de transporte público regular de viaxeiros/as de uso xeral por estrada:

Contrato: V-7068; XG-442.

Contratista: Arriva Galicia, S.L.

Contrato

Nome expedición

Saída

Chegada

Parada orixe

Parada destino

V-7068

Ferrol E.A.-Lugo E.A.

13.15

15.31

Ferrol E.A.

Lugo E.A.

V-7068

Vilalba E.A.-Ferrol E.A.

16.45

18.11

Vilalba E.A.

Ferrol E.A.

V-7068

As Pontes-Ferrol E.A.

10.05

10.56

As Pontes

Ferrol E.A.

V-7068

Viveiro E.A.-A Coruña E.A.

6.50

9.05

Viveiro E.A.

A Coruña E.A.

V-7068

A Coruña E.A.-Viveiro E.A.

18.00

20.15

A Coruña E.A.

Viveiro E.A.

V-7068

Pontedeume-As Pontes

19.00

19.38

Pontedeume

As Pontes

V-7068

Vilalba E.A.-Ferrol E.A.

8.00

9.07

Vilalba E.A.

Ferrol E.A.

V-7068

Ferrol E.A.-Vilalba E.A.

15.00

16.07

Ferrol E.A.

Vilalba E.A.

V-7068

A Coruña E.A.-As Pontes

15.00

16.19

A Coruña E.A.

As Pontes

Servizos regulares de uso especial para transporte de escolares:

Manteranse como esenciais os servizos de entrada aos centros desde ás 7.30 ata as 10.30 horas e os de saída desde das 13.30 ás 19.00 horas nos itinerarios de transporte escolar de estudantes de niveis de ensino obrigatorio, cuxa lonxitude total sexa superior a 4 km.

Para os servizos de transporte a alumnado de centros de educación especial considéranse esenciais todos os itinerarios existentes nos horarios habituais.

Servizos regulares de uso especial para transporte de persoas traballadoras:

Co fin de garantir o acceso e a saída dos postos de traballo naqueles servizos de carácter interurbano en que a ausencia dunha previsión mínima crebaría toda posibilidade de acceso ao traballo, establécense, como mínimos, todos os servizos nas expedicións anteriores ás 9.00 horas e posteriores ás 18.00 horas.

Transporte de mercadorías:

Manterase a totalidade dos transportes de toda clase de mercadorías para e desde os establecementos sanitarios.

Transporte funerario:

Manterase a totalidade dos servizos de transporte funerario.

Servizos mínimos en materia de infraestruturas viarias:

Por parte das empresas adxudicatarias dos contratos de servizo para a realización da conservación ordinaria das estradas de titularidade autonómica, deberá actuar o persoal mínimo necesario para atender as incidencias que poidan poñer en risco a funcionalidade da estrada ou a seguridade viaria, como obstáculos na estrada ou desprendementos, presenza de animais na vía, circulación de vehículos con cargas perigosas, fenómenos meteorolóxicos (xeo, sarabia, chuvia, etc.).

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade