Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Mércores, 9 de outubro de 2019 Páx. 44682

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 4 da Coruña

EDICTO (PO 1283/2013-MA).

Eu, Rosana Corral García, letrada da Administración de xustiza do Xulgado do Social número 4 da Coruña, dou fe e certifico que neste xulgado se seguen autos número 1283/2013 por instancia de María Gloria Fernández Pla e outros contra Expertus Multiservicios e outros sobre P.O., nos cales recaeu auto de aclaración o 13 de setembro de 2019 que copiada nos particulares necesarios di así:

Parte dispositiva

Dispoño:

Procede a aclaración de sentenza do 26 de xullo de 2019, modifíquese o parágrafo quinto do fundamento de dereito oitavo e a decisión da sentenza, os cales quedarán do teor literal seguinte:

«Oitavo: polo que se refire á cuantificación das cantidades reclamadas, estas deben ser actualizadas de acordo cos sucesivos convenios, tal e como fai a parte, a través dos seus sucesivos escritos de ampliación, e isto de acordo coa porcentaxe de parcialidade recoñecida ás traballadoras.

Así, no período comprendido entre o 24 de xullo de 2012 (ano anterior á data da presentación da papeleta de conciliación) e o 31 de decembro de 2013, data en que a titular da relación laboral era Soldene, María Gloria Fernández Pla cun coeficiente de parcialidade de 66,4 %, segundo resulta do informe da vida laboral, ten dereito a un incremento do 33,6 %, o cal se traduce en 2.669,38 euros, mentres que María Eulalia Villaverde Aceña con 24 horas semanais (61,53 % de xornada respecto das 39 horas semanais, diferenza 38,47 %), ten dereito á percepción de 2.675,82 euros, sen que sexan admisibles as obxeccións realizadas pola empresa en relación coas porcentaxes.

No período en que foi titular da relación laboral Ingesan (do 1 de xaneiro de 2013 ao 31 de decembro de 2014), en relación a Gloria cunha diferenza de porcentaxe do 33,6 % ata o 1 de novembro de 2013, o cal fai un total de 5.075,18 euros e de 23,40 % a partir da dita data xa que se pacta unha xornada de 29,90 horas, o cal fai un total de 706,90 euros ata o final de 2013, total 5.782,08 euros e 4.276,41 euros no ano 2014 e para Eulalia 6.111,34 euros no ano 2013 e 5.790,06 no ano 2014.

No período en que estivo subrogada a empresa Interserve, como vimos, debe estimarse a excepción de prescrición parcial en relación ás cantidades devindicadas no dito período pois a ampliación fronte a esta última ten lugar a través de escrito do 23 de xaneiro de 2019.

No período en que estiveron subrogadas polo ITMA desde o 1 de xaneiro de 2016 ata, no caso de María Gloria Fernández Pla o 8 de maio de 2019 en que se aumenta a xornada ao 100 % e ata a xubilación de María Eulalia Villaverde Aceña (30 de abril de 2019), aínda que, como sinalamos, o mesmo que ocorre en relación a Interserve, debe apreciarse a excepción de prescrición, aínda que, a diferenza desta última, esta debe quedar limitada ao ano anterior á ampliación, é dicir, debe limitarse ás cantidades devindicadas con posterioridade ao 23 de xaneiro de 2018, o cal se traduce en, de acordo cos cálculos efectuados pola empresa que, como non pode ser doutra maneira, ten en conta os períodos de baixa por IT, no caso de María Gloria Fernández Pla en 4.109,16 euros (2.792,24 euros no ano 2018 e 1.333,20 euros no ano 2019), e no caso de María Eulalia Villaverde Aceña en 6.765,08 (4.752,82 euros no ano 2018 e 1.895,41 euros no ano 2019).

Estas cantidades indicarán o 10 % de xuros de demora previstos no artigo 29.3 do ET.

Decido:

Estímase parcialmente a demanda interposta por María Gloria Fernández Pla e María Eulalia Villaverde Aceña fronte a Expertus Multservicios, S.A., Limpiezas de Noroeste, S.A., a súa administración concursal, Soldene, S.A., Instituto de Gestión Sanitaria (Ingesan), ITMA, S.L., Interserve Facilities Services, S.A.U., e estímanse as excepcións de falta de lexitimación pasiva interpostas pola administración concursal de Limpiezas de Noroeste, S.A. e Expertus Multservicios, S.A., así como as excepcións de prescrición parcial opostas por Soldene e de prescrición opostas por ITMA, S.L. e Interserve Facilities Services, S.A.U. e, en consecuencia:

• Absólvese a Limpiezas de Noroeste, S.A. e Expertus Multservicios, S.A. e Interserve Facilities Services, S.A.U. das pretensións fronte a elas formuladas.

• Condénase a Soldene, S.A. a aboarlles ás demandantes as seguintes cantidades: – A María Gloria Fernández Pla a cantidade de dous mil seiscentos sesenta e nove euros con trinta e oito céntimos de euro (2.669,38 euros). – A María Eulalia Villaverde Aceña a cantidade de dous mil seiscentos setenta e cinco euros con oitenta e dous céntimos de euro (2.675,82 euros).

• Condénase a Instituto de Gestión Sanitaria (Ingesan) a aboarlles ás demandantes as seguintes cantidades: – A María Gloria Fernández Pla a cantidade dez mil cincuenta e oito euros con corenta e nove céntimos de euro (10.058,49 euros). – A María Eulalia Villaverde Aceña a cantidade de once mil novecentos un euro con corenta céntimos de euro (11.901,40 euros).

• Condénase a ITMA, S.L. a aboarlles ás demandantes as seguintes cantidades: – A María Gloria Fernández Pla a cantidade de catro mil cento nove euros con dezaseis céntimos de euro (4.109,16 euros ). – A María Eulalia Villaverde Aceña a cantidade de seis mil setecentos sesenta e cinco euros con oito céntimos de euro (6.765,08 euros).

Os conceptos salariais devindicarán o xuro moratorio do 10 %.

Notifíqueselles esta resolución ás partes.

Contra esta resolución cabe recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o cal deberá anunciarse neste xulgado no prazo dos cinco días seguintes ao da notificación desta resolución; para isto abondará a manifestación da parte ou do seu avogado, graduado social colexiado ou representante dentro do indicado prazo.

Se o recorrente non goza do beneficio de xustiza gratuíta deberá, no momento de anunciar o recurso ter consignado a cantidade obxecto de condena, así como o depósito de 300 euros na conta de depósitos e consignacións que ten aberta este xulgado facendo constar no ingreso o numero de procedemento.

Así o acorda, manda e asina, Nicolás E. Pita Lloveres, maxistrado xuíz do Xulgado do Social número 4 da Coruña».

Notifíqueselles ás partes e fágaselles saber que en aplicación do mandato contido no artigo 53.2 da LXS, no primeiro escrito ou comparecencia ante o órgano xudicial, as partes ou interesados, e, se é o caso, os profesionais designados sinalarán un domicilio e datos completos para a práctica de actos de comunicación. O domicilio e os datos de localización facilitados con tal fin producirán plenos efectos e as notificacións neles intentadas sen efecto serán válidas mentres non sexan facilitados outros datos alternativos; será carga procesual das partes e dos seus representantes mantelos actualizados. Así mesmo, deberán comunicar os cambios relativos ao seu número de teléfono, fax, enderezo electrónico ou similares, sempre que estes últimos estean sendo utilizados como instrumentos de comunicación co Tribunal.

Contra este auto non cabe interpoñer recurso sen prexuízo dos recursos que se poidan interpoñer fronte á resolución aclarada.

Así o acorda e asina SSª. Dou fe.

O maxistrado xuíz. A letrada da Administración de xustiza

E para que conste, para efectos da súa publicación no Diario Oficial de Galicia co fin de que sirva de notificación en forma á empresa Limpiezas do Noroeste S.L.U. expido e asino este edicto.

A Coruña, 19 de setembro de 2019

A letrada da Administración de xustiza