Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Martes, 8 de outubro de 2019 Páx. 44478

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 23 de setembro de 2019 pola que se crea a Rede de Comercios e Mercados no Camiño, se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para fomentar a adhesión a ela, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento CO300F).

BDNS (identif.): 476035.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases e sempre que nas solicitantes non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas, que estean situadas nun concello onde transcorra un dos Camiños de Santiago e cumpran ademais os seguintes requisitos:

1. Comerciantes retallistas:

a) Que desenvolvan a súa actividade comercial nalgún concello polo que transcorra algún dos Camiños de Santiago, que o domicilio social radique na Comunidade Autónoma e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade.

b) Que, tendo a condición de peme conforme os requisitos establecidos pola Comisión Europea na súa Recomendación 2003/361/CE, do 6 de maio (DOUE núm. 124, do 20 de maio, p. 36), empreguen menos de cincuenta (50) traballadores e non teñan a consideración de grande establecemento comercial segundo a normativa aplicable.

c) Que estean dadas de alta nalgunha das epígrafes do IAE que se relacionan no anexo II.

d) Que desenvolvan a actividade comercial nun establecemento comercial cunha superficie de exposición e venda igual ou inferior a 300 metros cadrados, agás que a actividade comercial se encadre na epígrafe 653.1 do IAE.

2. As asociacións de vendedores das prazas de abastos, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva nalgún concello polo que transcorra algún dos Camiños de Santiago.

3. As asociacións de comerciantes de carácter territorial, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva en concellos situados nalgún dos Camiños de Santiago, de ámbito municipal ou inferior ao municipal.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto a creación da Rede de Comercios e Mercados no Camiño e a regulación do procedemento de adhesión a ela. Así mesmo, esta orde aproba as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de subvencións da Consellería de Economía, Emprego e Industria para fomentar a adhesión á rede e convócaas para o ano 2019.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Importe

Destínase un total de 150.000.000 de euros nas aplicacións orzamentarias 09.30.751A.781.1 (75.000 €) e 09.30.751A.770.1 (75.000 €).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2019

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria