Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Venres, 4 de outubro de 2019 Páx. 43901

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

DECRETO 118/2019, do 19 de setembro, polo que se crea na Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Escola de Doutoramento Internacional (EDIUS) e se suprime a Escola de Doutoramento Internacional en Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, a Escola de Doutoramento Internacional Campus Terra, a Escola de Doutoramento Internacional en Ciencias da Saúde e a Escola de Doutoramento Internacional en Ciencias e Tecnoloxía, creadas polo Decreto 91/2017, do 21 de setembro.

O Decreto 259/1994, do 29 de xullo, establece, con carácter xeral, o procedemento para a creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 7 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (LOU), modificada pola Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, establece que as universidades públicas estarán integradas por escolas, facultades, departamentos, institutos universitarios de investigación, escolas de doutoramento e por aqueles outros centros ou estruturas necesarias para o desempeño das súas funcións. O número 4 do artigo 8 da LOU, tamén modificado pola Lei 14/2011, considera a estas escolas de doutoramento como unidades creadas por unha ou varias universidades, por si mesmas ou en colaboración con outros organismos, centros, institucións e entidades con actividades de I+D+i, nacionais ou estranxeiras, e que teñen por obxecto fundamental a organización, dentro do seu ámbito de xestión, do doutoramento nunha ou varias ramas de coñecemento ou con carácter interdisciplinar. As universidades poderán crear escolas de doutoramento de acordo co previsto na súa propia normativa e na respectiva da comunidade autónoma. A súa creación notificarase ao Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos.

Esta regulación aparece do mesmo xeito establecida no Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento, e na Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia.

Con base nas anteriores disposicións naceu, no ano 2013, a Escola de Doutoramento Internacional (EDI) da USC, que foi substituída en 2017 pola creación de catro escolas especializadas en consonancia coas liñas estratéxicas de investigación, para conseguir unha identidade formativa e científica propia da USC:

– EDI en Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas.

– EDI Campus Terra.

– EDI en Ciencias da Saúde.

– EDI en Ciencias e Tecnoloxía.

A Universidade de Santiago de Compostela, mediante escrito do 31 de maio de 2019, solicita unha nova reestruturación mediante a creación dunha unidade centralizada, a Escola de Doutoramento Internacional da USC (EDIUS), para a coordinación e xestión dos estudos e programas de doutoramento, que teña en conta as distintas especificidades e características das grandes áreas de coñecemento sen perder a unidade de criterios e actuacións en temas académicos que afectan por igual todas elas, atender ao seu carácter cientificamente interdisciplinario, a comunicación fluída entre os distintos ámbitos temáticos e simplificar os órganos unipersoais e colexiados de goberno e os procesos administrativos asociados á súa xestión presentes na anterior estrutura.

A EDIUS estará organizada en catro seccións, cada unha delas coordinada por un/unha subdirector/a, que agrupan as cinco grandes áreas de coñecemento (Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias da Saúde, Ciencias e Enxeñarías).

A Universidade, no uso das atribucións conferidas na normativa legal aplicable, adoptou, entre outros, no pleno do seu Consello de Goberno, en sesión ordinaria do 28 de maio de 2019, e no pleno do Consello Social, en sesión celebrada o 6 de maio de 2019, e de conformidade co establecido no artigo 75.4.e) da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, o acordo de emitir informe favorable á proposta de modificación da estrutura organizativa dos estudos de doutoramento, na cal se xunta informe de cada unha das escolas extintas.

De acordo co establecido no artigo 56.4 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, emitiuse informe sobre a creación da Escola de Doutoramento Internacional, así como a supresión das catro escolas de doutoramento existentes, no pleno do Consello Galego de Universidades, en sesión do 10 de xuño de 2019.

No exercicio das competencias sinaladas no artigo 19.8 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do dezanove de setembro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1. Supresión das escolas de doutoramento internacional

A supresión das seguintes escolas de doutoramento internacional da Universidade de Santiago de Compostela, creadas polo Decreto 91/2017, do 21 de setembro:

– A Escola de Doutoramento Internacional en Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas.

– A Escola de Doutoramento Internacional Campus Terra.

– A Escola de Doutoramento Internacional en Ciencias da Saúde.

– A Escola de Doutoramento Internacional en Ciencias e Tecnoloxía.

Artigo 2. Creación da Escola de Doutoramento Internacional da Universidade de Santiago de Compostela

Autorizar na Universidade de Santiago de Compostela a creación da Escola de Doutoramento Internacional (EDIUS).

Artigo 3. Inscrición no Rexistro de universidades, centros e títulos

De acordo co artigo 13.1 do Real decreto 1509/2008, do 12 de setembro, polo que se regula o Rexistro de universidades, centros e títulos (RUCT), e o artigo 9.1 do Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, a creación das escolas de doutoramento notificarase ao Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, a través da Secretaría Xeral de Universidades, para os efectos da súa inscrición naquel.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional para que, no ámbito das súas competencias, dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de setembro de dous mil dezanove

O presidente da Xunta de Galicia
P.S. (Decreto 106/2019)
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional