Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Xoves, 3 de outubro de 2019 Páx. 43607

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 20 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das bolsas de formación deste instituto e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento VI440D).

O Instituto Galego da Vivenda e Solo é un organismo autónomo dos regulados na sección 2ª do capítulo II do título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, adscrito á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, ao cal lle corresponde a realización das políticas de vivenda e solo, coa finalidade de alcanzar os obxectivos previstos na Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do citado organismo, e no marco dos principios reitores contidos no artigo 47 da Constitución española.

Coa finalidade de que as persoas con titulacións universitarias e de grao relacionada cos ámbitos de actuación do citado organismo poidan complementar os seus coñecementos teóricos cunha formación práctica que lle permita afrontar con maiores garantías o seu futuro profesional, o Instituto Galego da Vivenda e Solo quere darlles a posibilidade de que se formen nas materias relacionadas coas funcións que lle son propias, como son, segundo dispón o artigo 4 da súa lei de creación, entre outras, as relacionadas coa promoción e construción de vivenda pública, a tramitación do planeamento sectorial do solo e a redacción e xestión de plans e proxectos técnicos urbanísticos.

Para a consecución deste obxectivo tramítase esta resolución, que contén as bases reguladoras e procédese a súa convocatoria para a anualidade 2019.

Esta resolución axústase á Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, así como á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

I. Disposicións xerais

Primeiro. Obxecto e réxime de concesión das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión de bolsas de formación en materia de vivenda no Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS).

As persoas ás cales se lles conceda a bolsa recibirán a súa formación de acordo cun plan formativo elaborado especificamente para cada convocatoria pola Dirección Xeral do IGVS. Este plan de formación versará sobre materias relacionadas coas funcións propias do citado organismo e indicará as actividades prácticas que se realizarán.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas liñas de axudas para a anualidade 2019, con carácter plurianual (código de procedemento VI440D).

3. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia competitiva, de acordo co artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Natureza xurídica da relación entre as persoas bolseiras e o IGVS

1. Durante o tempo de duración da bolsa, as persoas beneficiarias quedarán asimiladas aos traballadores por conta allea, para os efectos da súa inclusión no réxime xeral da Seguridade Social, nos termos establecidos polo Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro. A cota patronal satisfarase con cargo á aplicación orzamentaria 07.83.451A.484.0 dos gastos do IGVS.

2. A concesión da bolsa non suporá ningún tipo de relación laboral ou profesional entre as persoas bolseiras e o IGVS.

Terceiro. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, o IGVS poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Cuarto. Información ás persoas interesadas

As persoas interesadas poderán obter documentación normalizada ou información adicional sobre esta convocatoria nas áreas provinciais do IGVS, a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, ou a través da páxina web do IGVS http://igvs.xunta.gal/web/igvs/portada e no teléfono 012 do Servizo de Atención e Información á cidadanía.

Quinto. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o IGVS publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4.2.b) da Lei 1/2016, as persoas físicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar ao IGVS, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-IGVS, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualizar da información e contidos da carpeta do cidadán. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e esta circunstancia reflectirase no devandito formulario. Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Sétimo. Recursos contra esta resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas ou entidades interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG), segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Oitavo. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, así como na Lei 39/2015, do 1 do outubro, do procedemento administrativo común.

II. Bases reguladoras

Noveno. Requisitos das persoas beneficiarias

Poderán solicitar esta bolsa todas aquelas persoas que no momento de presentar a súa solicitude reúnan os seguintes requisitos:

– Ter rematado o grao exixido na correspondente convocatoria, dentro do prazo indicado nela.

– Ter competencia en lingua galega no nivel Celga 4, equivalente ou superior.

– Non ter sido con anterioridade beneficiaria doutra bolsa de formación do IGVS.

– Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa similar a esta. Noutro caso, deberá renunciarse ao emprego ou á bolsa con anterioridade ao inicio da formación.

– Non estar incursa en ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décimo. Duración e contía das axudas

A duración e a contía das axudas será a que se determine en cada resolución de convocatoria.

Décimo primeiro. Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. A solicitude realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta resolución, que está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Deberá dirixirse á Dirección Xeral do IGVS.

2. En virtude do establecido nos parágrafos segundo e terceiro do artigo 10 da Lei 4/2019, de 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, tendo en conta que as persoas solicitantes dispoñen de capacidade técnica necesaria para accederen aos medios electrónicos precisos.

3. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

4. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. O prazo de presentación das solicitudes será o que se determine na correspondente resolución de convocatoria.

6. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación das bases reguladoras.

Décimo segundo. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados.

b) Xustificación do pagamento dos dereitos para expedición do título do grao exixido na correspondente resolución de convocatoria, só no caso de que aínda non se atopase expedido.

c) Certificación académica en que conste a nota media do expediente, calculada consonte o establecido na Resolución do 15 de setembro de 2011, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, pola que se dispón a publicación do protocolo de colaboración subscrito entre a consellería e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración dos expedientes académicos (DOG núm. 188, do 30 de setembro de 2011). So serán admitidas as certificacións académicas en que conste a nota media do expediente calculada conforme o prescrito.

d) Currículo da persoa solicitante, con exposición dos méritos académicos, de acordo co modelo que se inclúe nesta convocatoria como anexo II.

e) Documentos que acrediten os méritos relacionados no currículo.

f) Certificado oficial acreditativo da competencia en lingua galega no nivel Celga 4, equivalente ou superior, só no caso de que a persoa interesada conte con un que non fose expedido polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación destes de forma presencial na forma indicada no ordinal anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo terceiro. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade ou número de identificación do estranxeiro da persoa solicitante e, se é o caso, da súa persoa representante.

b) Título do grao exixido na correspondente resolución de convocatoria.

c) Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día do pagamento coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día do pagamento das obrigas coa Administración pública da comunidade autónoma.

f) Documento acreditativo da competencia en lingua galega no nivel Celga 4, equivalente ou superior, expedido polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os devanditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo cuarto. Trámites posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo quinto. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución do procedemento de concesión das axudas é competencia da Dirección Técnica do IGVS que determine a resolución de convocatoria.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas.

Décimo sexto. Procedemento de concesión e requirimentos de emenda

1. O procedemento iníciase de oficio, en réxime de concorrencia competitiva, mediante a publicación da correspondente convocatoria.

2. Se a solicitude presentada non reunise os requisitos exixidos, requirirase a persoa solicitante para que no prazo de dez (10) días hábiles a emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndoa de que, no caso de non atender o requirimento, considerarase que desiste da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os requirimentos de emenda publicaranse na páxina web do IGVS e mediante anuncio no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada.

Poderanse enviar mensaxes ás persoas interesadas ao teléfono móbil e correo electrónico avisando destas publicacións. Para estes efectos, as persoas solicitantes deberán indicar no anexo de solicitude un teléfono móbil e/ou un correo electrónico de contacto para recibir as ditas comunicacións.

4. Sen prexuízo do disposto nos puntos anteriores, a persoa solicitante poderá ser requirida para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. O órgano instrutor avaliará as solicitudes presentadas en prazo e que estean completas, logo da comprobación do cumprimento dos requisitos exixidos. Posteriormente, emitirá un informe por cada unha das solicitudes presentadas, con indicación da puntuación alcanzada, conforme os seguintes criterios de baremación:

– Expediente académico: ata un máximo de 15 puntos. Utilizarase para a súa valoración a nota media calculada consonte o establecido na citada Resolución do 15 de setembro de 2011.

– Formación complementaria: ata un máximo de 10 puntos. Cursos, másters e diplomas de estudos avanzados (DEA) relacionados co obxecto da bolsa, organizados por administracións públicas e universidades:

a) Pola realización de cada máster ou DEA: 4 puntos.

b) Cursos de duración igual ou superior a 100 horas: 0,30 puntos por curso, ata un máximo de 3 puntos.

c) Cursos de duración igual ou superior a 40 horas: 0,20 puntos por curso, ata un máximo de 2 puntos.

d) Cursos de duración inferior a 40 horas: 0,10 puntos por curso, ata un máximo de 1,50 puntos.

Non se valorarán os cursos de menos de 8 horas lectivas nin aqueles que non acrediten as horas lectivas.

6. O órgano instrutor, se así o considera conveniente polo número de solicitudes presentadas e/ou polas puntuacións recollidas no seu informe, poderá remitir o expediente a unha comisión de valoración, para que realice unha entrevista ás persoas cuxas solicitudes fosen admitidas. A puntuación máxima que se pode obter na entrevista será de 5 puntos.

7. A comisión de valoración terá a composición que determine a correspondente resolución de convocatoria e será presidida, en todo caso, pola persoa titular da Secretaría Xeral do IGVS. O seu funcionamento rexerase polo disposto no artigo 15 e seguintes da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico de sector público.

8. A comisión de valoración, de ser o caso, emitirá un informe en que se recollan as puntuacións das entrevistas realizadas. O citado informe deberá ser remitido ao órgano instrutor quen, á vista das puntuacións do seu propio informe e do da citada comisión, elevará unha proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Décimo sétimo. Resolución e recursos

1. A resolución estimará, desestimará ou declarará a inadmisión da concesión da bolsa. A dita resolución será publicada na web http://igvs.xunta.gal e notificada ás persoas interesadas, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás persoas interesadas será de tres (3) meses contados a partir do seguinte ao da publicación da correspondente resolución de convocatoria no DOG. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Contra a resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

4. As persoas ou entidades beneficiarias disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da súa notificación da resolución de concesión, para a súa aceptación, transcorrido o cal, sen que se produciuse manifestación expresa, se entenderá tacitamente aceptada.

Décimo oitavo. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das bolsas terán as seguintes obrigas:

a) Cumprir co plan de formación establecido para a correspondente convocatoria.

b) Colaborar nas accións formativas que lle indiquen as persoas que asuman a titoría da formación.

c) Cumprir co programa de formación establecido cuns niveis de rendemento satisfactorios, presentando os traballos e informes que determine o titor. Así mesmo, deberán asistir ás actividades que o dito centro directivo considere convenientes para a súa formación.

d) Presentar ante a Dirección Xeral do IGVS, durante o último mes do desfrute bolsa, unha memoria detallada das actividades realizadas en que especificará o programa formativo desenvolvido e os obxectivos acadados.

e) Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control interno.

f) Reintegrar as cantidades percibidas, cos xuros de demora correspondentes, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a concesión da bolsa.

Décimo noveno. Modificación da resolución, revogación e réxime sancionador

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, logo de proposta motivada do titor do bolseiro, poderá revogar a concesión da bolsa se a persoa beneficiaria incumpre as condicións impostas con motivo da súa concesión.

Vixésimo. Compatibilidade e incompatibilidades

A bolsa será incompatible co desfrute doutra bolsa de similares características financiada con fondos públicos, así como coa percepción de calquera retribución de carácter laboral e da prestación por desemprego. Permitiranse, con todo, as percepcións esporádicas por tarefas docentes e/ou investigadoras.

III. Convocatoria da anualidade 2019, con carácter plurianual.
Convocatoria con financiamento no ano 2020

Vixésimo primeiro. Obxecto

1. Convócanse seis bolsas para persoas tituladas en grao de estudos de Arquitectura e dúas para persoas tituladas en grado de Arquitectura técnica que rematasen os seus estudos con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2016.

2. As bolsas de formación levaranse a cabo en xornada de maña, de luns a venres, nas dependencias do IGVS, coa seguinte distribución territorial:

– Dúas/dous graduadas/os en estudos de Arquitectura e unha/un graduada/o en Arquitectura Técnica nos servizos centrais do IGVS en Santiago de Compostela.

– Unha/un graduada/o en estudos de Arquitectura e un graduada/o en Arquitectura Técnica na Área Provincial do IGVS da Coruña.

– Unha/un graduada/o en estudos de Arquitectura na Área Provincial do IGVS en Lugo.

– Unha/un graduada/o en estudos de Arquitectura na Área Provincial do IGVS en Ourense.

–Una/un graduada/o en estudos de Arquitectura na Área Provincial do IGVS en Pontevedra.

Vixésimo segundo. Prazo de presentación.

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Vixésimo terceiro. Duración e dotación

1. As actividades de formación iniciaranse coa incorporación das/os bolseiras/os na data que indique a resolución de concesión e terán unha duración de doce mensualidades. Poderán, de conformidade coa normativa legal aplicable, prorrogarse as bolsas por un novo período de seis meses, sempre que as dispoñibilidades orzamentarias así o permitan e logo do informe favorable da/o titora/r de quen reciba a formación a/o bolseira/o.

2. O importe de cada bolsa será de mil euros brutos ao mes, que se farán efectivos, logo da certificación do bo aproveitamento da bolsa por parte da persoa que asuma a titoría, tras realizar as retencións fiscais e sociais que lle correspondan, na conta bancaria que sinale a persoa beneficiaria da bolsa. A cantidade percibida no primeiro mes determinarase en función do número de días transcorridos desde a incorporación á bolsa.

Vixésimo cuarto. Órgano instrutor

A Dirección Técnica de Solo, Edificación e Calidade será o órgano competente para instruír o procedemento de concesión das bolsas.

Vixésimo quinto. A comisión de valoración

A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidencia: a persoa titular da Secretaría Xeral do IGVS.

Vogais:

– Tres xefas/es de servizo do IGVS designadas/os polo director xeral do IGVS; unha desas persoas actuará como secretaria/o.

As/os suplentes serán designados polo director xeral do IGVS entre funcionarios do IGVS.

Na composición da comisión de valoración procurarase acadas unha presenza equilibrada de mulleres e homes.

A composición da comisión farase pública no portal web do IGVS:

http://igvs.xunta.gal/web/igvs

Vixésimo sexto. Orzamento

1. O custo total destas actividades de formación é de 96.000 euros, que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 07.83.451A.480.1, programa de bolseiros, dos orzamentos xerais para 2019, e á correspondente no orzamento de 2020, coa seguinte distribución de anualidades: 24.000 euros en 2019 e 72.000 euros en 2020.

En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, destinaranse 5.000,00 euros (1.300 euros en 2019 e 3.700,00 euros en 2020), que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 07.83.451A.484.0, dos orzamentos xerais para 2019 e 2020, en pagamento das cotizacións á Seguridade Social por parte do IGVS por continxencias comúns e profesionais, consonte o artigo 44 da Orde TMS/83/2019, do 31 de xaneiro, pola que se desenvolven as normas legais de cotización á Seguridade Social, desemprego, protección por cesamento de actividade, fondo de garantía salarial e formación profesional para o exercicio 2019.

A cobertura de accidentes no traballo será realizada mediante a concertación dun seguro de responsabilidade polo IGVS na aplicación 07.83.451A.224, primas de seguros.

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego de Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file