Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Mércores, 2 de outubro de 2019 Páx. 43448

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 17 de setembro de 2019 pola que se modifica a autorización do centro privado estranxeiro Semente Compostela, de Santiago de Compostela.

Por Orde da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria do 19 de setembro de 2018 concédese autorización de apertura e funcionamento temporal, ata o 31 de agosto de 2019, ao centro privado estranxeiro Semente Compostela, de Santiago de Compostela, para impartir as ensinanzas de nivel Elementary Section (de 6 a 12 anos de idade) do sistema educativo dos Estados Unidos de América.

A titularidade do centro educativo solicita unha prórroga da autorización temporal ata o 31 de agosto de 2021, de conformidade coa New England Association of Schools & Colleges (NEASC), que renova o certificado de elixibilidade para entrar no proceso de acreditación do centro privado estranxeiro Semente Compostela, para impartir as ensinanzas de nivel Elementary Section, que se corresponden coa etapa de educación primaria (de 6 a 12 anos de idade) do sistema educativo dos Estados Unidos de América, para 35 postos escolares.

Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre centros docentes estranxeiros en España, así como no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Prórroga da autorización

Prorrogar, ata o 31 de agosto de 2021, a autorización temporal do centro privado estranxeiro Semente Compostela, para impartir as ensinanzas de nivel Elementary Section (de 6 a 12 anos de idade) do sistema educativo dos Estados Unidos de América, para 35 postos escolares.

Os datos do centro son os que se detallan a seguir:

Denominación xenérica: Centro privado estranxeiro (CPR EX).

Denominación específica: Semente Compostela.

Código do centro: 15033150.

Domicilio: rúa do Ceo, 3, baixo.

Localidade: Santiago de Compostela.

Concello: 15707 Santiago de Compostela.

Provincia: A Coruña.

Titular: Escola de Ensino Galego Semente, S.L.

Artigo 2. Validez da autorización temporal

A autorización temporal terá validez desde o 1 de setembro de 2019 ata o 31 de agosto de 2021, conforme o certificado emitido pola New England Association of Schools & Colleges (NEASC). A partir desta data, a autorización dependerá dunha nova inspección dos servizos da Embaixada dos Estados Unidos de América.

Artigo 3. Ensinanzas de lingua e cultura

O centro deberá complementar as ensinanzas autorizadas, de niveis equivalentes aos obrigatorios do sistema educativo con ensinanzas de lingua española e de lingua galega, que deberán impartirse co mesmo deseño e horario establecidos nos correspondentes decretos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, a cultura española deberá desenvolver os contidos esenciais da correspondente área de coñecemento, recollidos na norma reguladora das ensinanzas.

Artigo 4. Profesorado

O profesorado que imparta as ensinanzas mencionadas no artigo 3 deberá reunir os requisitos de titulación requiridos pola lexislación española para o nivel educativo, e terá os dereitos e obrigas que determina o artigo 12 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España.

Artigo 5. Inscrición no rexistro

Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6. Obrigas do centro

O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e sometido á inspección educativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional de conformidade co establecido no artigo 9 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, así como a solicitar unha nova autorización e inscrición no caso de que se produza calquera variación nos elementos e circunstancias que dan lugar a esta autorización.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional