Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Martes, 1 de outubro de 2019 Páx. 43248

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 17 de setembro de 2019 pola que se modifica a autorización do centro privado Big Formación, de San Cibrao das Viñas.

A titularidade do centro privado (CPR) Big Formación, de San Cibrao das Viñas, solicita a autorización para impartir o ciclo formativo de grao medio (CM) Emerxencias sanitarias, na modalidade semipresencial e/ou a distancia.

O centro está autorizado para impartir na modalidade presencial as ensinanzas que solicita impartir na modalidade semipresencial e/ou a distancia en virtude da Orde do 11 de abril de 2019 (DOG do 8 de maio).

A Orde do 5 de novembro de 2010, publicada no Diario Oficial de Galicia do 11 de novembro de 2010, establece, con carácter experimental, a ordenación da formación profesional inicial polo réxime para persoas adultas nas modalidades a distancia e semipresencial.

Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da autorización

Autorizar o CM Emerxencias sanitarias, na modalidade semipresencial e/ou a distancia, no centro docente privado cuxos datos se detallan a seguir:

Denominación xenérica: centro privado (CPR).

Denominación específica: Big Formación.

Código do centro: 32020914.

Domicilio: Parque Tecnolóxico de Galicia; Edificio CEI-3º andar.

Localidade: San Cibrao das Viñas.

Código postal: 32911.

Concello: San Cibrao das Viñas.

Provincia: Ourense.

Titular: Academia Trinidad, S.L.

Composición resultante:

a) Modalidade presencial:

• CM Emerxencias sanitarias (2 unidades, 30 alumnos/as cada unha).

b) Modalidade semipresencial e/ou a distancia:

• CM Emerxencias sanitarias.

Artigo 2. Ordenación académica

1. Ás ensinanzas autorizadas no artigo 1 desta orde aplicaráselles, en canto sexa adecuado á súa natureza, o previsto na Orde do 5 de novembro de 2010 pola que se establece, con carácter experimental, a ordenación da formación profesional inicial polo réxime para as persoas adultas nas modalidades a distancia e semipresencial.

2. O desenvolvemento dos módulos profesionais organizarase sobre a base da titoría individual e colectiva, que serán atendidas directamente polo profesorado de cada módulo. A titoría individual realizarase preferentemente de xeito telemático; a colectiva terá carácter presencial coa intervención directa do profesorado, nas instalacións do centro docente.

A asistencia ás titorías presenciais nas instalacións do centro educativo terá carácter voluntario para o alumnado.

3. Ao longo do período lectivo correspondente, o profesorado de cada módulo profesional realizará un seguimento do desenvolvemento do proceso de ensino e aprendizaxe, utilizando para iso os instrumentos e os procedementos de recollida de información previamente establecidos na programación dos módulos, que deberán ser coñecidos polo alumnado.

A avaliación da aprendizaxe do alumnado será continua a través das actividades que se programen e harmonizarase con probas presenciais teórico-prácticas para cada avaliación parcial, de carácter obrigatorio para o alumnado, e axustadas aos resultados de aprendizaxe e aos criterios de avaliación dos currículos dos módulos profesionais. Ao finalizar o desenvolvemento de cada módulo, realizarase unha proba presencial final de carácter global. Esta proba terá que realizala o alumnado que non superase o módulo mediante as probas presenciais parciais que se realicen ao longo do curso.

4. O profesorado que imparta nas modalidades de distancia e semipresencial disporá das competencias necesarias para o manexo da plataforma de formación a distancia e para realizar o seguimento do proceso de ensino-aprendizaxe do alumnado.

Artigo 3. Inicio da actividade

Para a posta en funcionamento das ensinanzas que se autorizan, a Xefatura Territorial da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional de Ourense, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación do profesorado que impartirá docencia nos ditos ciclos, así como o equipamento.

Artigo 4. Inscrición no rexistro de centros

Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5. Modificación da autorización

O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e a solicitar a oportuna revisión cando se deba modificar calquera dos datos que sinala esta orde.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición, ante esta consellería, no prazo de un mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional