Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Venres, 27 de setembro de 2019 Páx. 42928

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 19 de setembro de 2019 pola que se modifica a Resolución do 21 de febreiro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de enerxías solar fotovoltaica, dirixidas a particulares, para o ano 2019.

A Resolución do 21 de febreiro de 2019 establece as bases reguladoras das subvencións para proxectos de enerxía solar fotovoltaica, dirixidas a particulares, para o ano 2019 (IN421O).

O procedemento de concesión destas subvencións tramitouse en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

De acordo co disposto no artigo 22 das bases reguladoras das axudas, a data límite para a execución das instalacións será o 30 de setembro de 2019.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá da metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), no que se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellasen.

Debido a incidencias xurdidas no procedemento de tramitación destas axudas, non foi posible comunicar con suficiente antelación todas as resolucións de concesión de axudas aos beneficiarios e debido a isto estanse a rexistrar numerosas solicitudes de prórroga do prazo de execución, motivadas nas dificultades existentes para executar as instalacións subvencionadas na referida data límite, xa que algúns dos beneficiarios disporían de menos dun mes desde a data na que se ditou a resolución de concesión da axuda para executar o proxecto.

Con base no anterior, de acordo co disposto no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e en uso das competencias atribuídas no Decreto 142/2016, do 22 de setembro, polo que se crea a Axencia Instituto Enerxético de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Resolución do 21 de febreiro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de enerxías solar fotovoltaica dirixidas a particulares, para o ano 2019, que queda modificada da seguinte maneira:

Un. Modifícase o artigo 22. Prazo de execución das instalacións que queda redactado nos seguintes termos:

O prazo de execución das instalacións iniciarase unha vez se teña efectuado a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará o 30 de setembro de 2019.

Para todas as solicitudes de axuda que se lles notifícase a resolución de concesión a partir do 1 de agosto o prazo de execución das instalacións amplíase ata o 31 de outubro de 2019.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia