Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Mércores, 25 de setembro de 2019 Páx. 42485

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 18 de setembro de 2019 pola que se publica a ampliación de crédito das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao financiamento de plans de formación das entidades locais de Galicia para o ano 2019, no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas.

A Resolución do 26 de febreiro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao financiamento de plans de formación das entidades locais de Galicia para o ano 2019, no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas establece na súa base cuarta que a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria podería ampliarse como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. Así mesmo e de acordo co sinalado polo artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de subvencións de Galicia, sinalábase na dita base que este incremento do crédito estaría condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas.

No texto da convocatoria reitérase en varias ocasións que as subvencións convocadas enmárcanse no Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (AFEDAP), o que obedece ao feito de que os créditos empregados para o financiamento dos plans de formación dos entes locais de Galicia proveñen precisamente do reparto reflectido no acordo anual de xestión de fondos que se realiza ao abeiro do dito AFEDAP e que resulta aprobado pola Comisión Xeral de Formación para o Emprego das Administracións Públicas. No acordo subscrito no ano 2019 no seo da dita comisión establecíase unha cantidade que nun primeiro momento só foi adxudicada parcialmente por mor de atoparse prorrogado o orzamento do Instituto Nacional de Administración Pública (INAP), orzamento en que se territorializan as cantidades que lles corresponden ás comunidades autónomas e cuxa suma se reflicte na lei anual de orzamentos xerais do Estado.

Porén, mediante Resolución da directora do INAP do 5 de xullo de 2019, acórdase conceder ás comunidades autónomas o importe que lle corresponde a cada unha ata alcanzar o total da cantidade recollida no antedito acordo anual de xestión de fondos.

Por outra banda, na base sétima establécese que serán subvencionables os gastos que se realicen entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro do ano 2019 e que se atopen efectivamente pagados o 5 de decembro deste ano, data de finalización do período de xustificación. Por tal motivo, os gastos encadrados na dita base sétima que se xeren a partir da resolución de concesión das subvencións que sexan consecuencia desta ampliación tamén serán subvencionables sempre e cando se devindiquen non máis tarde do 15 de novembro de 2019.

De acordo co anterior, unha vez declarada a dispoñibilidade de crédito, logo de ver a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co establecido no artigo 30.2.b) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento,

RESOLVO:

Ampliar o importe total das axudas que se van conceder ao abeiro da Resolución do 26 de febreiro de 2019, nas contías e aplicacións orzamentarias que figuran a seguir, con créditos ampliados procedentes de maiores fondos finalistas do Estado para o exercicio de 2019. O importe distribúese do seguinte xeito:

Descrición

Aplicación orzamentaria

Importe

Entidades beneficiarias

Liña en concorrencia competitiva

05.80.122B.460.1

95.915 euros

Entidades locais que presenten plans de formación unitarios e/ou agrupados

Liña en concorrencia non competitiva

05.80.122B.481.0

22.833 euros

Entidades que presenten plans de formación interadministrativos

Esta ampliación, unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia, non implicará apertura de prazo para presentar novas solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2019

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública