Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Mércores, 25 de setembro de 2019 Páx. 42400

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

ORDE do 12 de setembro de 2019 pola que se autoriza a Fundación Cidade da Cultura de Galicia para convocar os premios Emprende Cultura Gaiás Sixto Seco, de conformidade coas bases reguladoras establecidas para a súa convocatoria (código de procedemento CT899A).

A disposición derradeira sétima, número 2, da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, dá nova redacción ao número 1 da disposición adicional décimo sexta da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que pasa a dispoñer que as fundacións do sector público unicamente poderán conceder subvencións cando así se autorice á correspondente fundación de forma expresa mediante acordo do ministerio de adscrición ou órgano equivalente da Administración ao cal a fundación estea adscrita.

Esta modificación normativa, que segundo a disposición derradeira primeira ten o carácter de lexislación básica, entrou en vigor o 3 de outubro de 2015, de conformidade coa disposición derradeira décimo oitava.2 da citada Lei 40/2015, polo que, a partir desa data, o outorgamento de subvencións pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia require a autorización expresa da consellería de adscrición, no presente caso, da Consellería de Cultura e Turismo.

Así mesmo, conforme establece a mesma disposición adicional décimo sexta da Lei 38/2003, do 17 de novembro, na redacción dada pola disposición derradeira sétima da Lei 40/2015, do 1 de outubro, a aprobación das bases reguladoras será exercida polos órganos da Administración que financien en maior proporción a subvención correspondente.

Conforme o Decreto 163/2018, do 13 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura y Turismo queda adscrita a esta consellería, sen prexuízo da súa personalidade xurídica propia, a Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

Esta fundación foi constituída como unha organización de natureza fundacional, de interese galego, sen ánimo de lucro, cun patrimonio afecto de maneira duradeira á realización dos fins de interese xeral propios da institución.

Segundo o artigo 6 dos estatutos da Fundación Cidade da Cultura de Galicia constitúe o seu obxecto social «a creación, explotación e promoción de áreas ou centros de conservación, produción, exhibición e consumo cultural, comunicativo e tecnolóxico, que constitúa un espazo multifuncional, multidisciplinar e aglutinador, propicio á interacción cultural».

Para a consecución dos fins mencionados no punto anterior, e consonte o previsto no artigo 7 dos seus estatutos, a fundación pode realizar (entre outras) as seguintes actividades:

g) As que impulsen o emprendemento empresarial no ámbito das industrias culturais e creativas, con especial énfase en proxectos que favorezan a innovación, tanto tecnolóxica como non tecnolóxica, e a súa transferencia aos sectores máis maduros do tecido produtivo, servindo como plataforma de desenvolvemento e promoción da marca país Galicia.

Así pois, en virtude do mandamento estatutario, a fundación leva a cabo todo tipo de accións de fomento e promoción do emprendemento cultural en toda a súa extensión e en todas as súas disciplinas, incluídos a promoción económica e o impulso do empredemento empresarial e tecnolóxico.

Atendendo a estas consideracións xerais e en virtude das competencias que me foron atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo único. Autorización

Autorizar a Fundación Cidade da Cultura de Galicia para convocar os premios Emprende Cultura Gaiás-Sixto Seco para o ano 2019, de conformidade coas bases reguladoras aprobadas polo órgano competente (anexo), polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, dos premios Emprende Cultura Gaiás-Sixto Seco para o ano 2019.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2019

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo

Bases reguladoras polas que se convocan os premios Emprende Cultura Gaiás-Sixto Seco para o ano 2019 (código de procedemento CT899A)

A Fundación Cidade da Cultura de Galicia foi constituída como unha organización de natureza fundacional, de interese galego, sen ánimo de lucro, cun patrimonio afecto de maneira duradeira á realización dos fins de interese xeral propios da institución.

Esta Fundación Cidade da Cultura de Galicia forma parte do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia; na actualidade está adscrita á Consellería de Cultura e Turismo e foi declarada como fundación de interese galego.

Segundo o artigo 6 dos estatutos da Fundación Cidade da Cultura de Galicia constitúe o seu obxecto social «a creación, explotación e promoción de áreas ou centros de conservación, produción, exhibición e consumo cultural, comunicativo e tecnolóxico, que constitúa un espazo multifuncional, multidisciplinar e aglutinador, propicio á interacción cultural».

Para a consecución dos fins mencionados no punto anterior, e consonte o previsto no artigo 7 dos seus estatutos, a fundación pode realizar (entre outras) as seguintes actividades:

g) As que impulsen o emprendemento empresarial no ámbito das industrias culturais e creativas, con especial énfase en proxectos que favorezan a innovación, tanto tecnolóxica como non tecnolóxica, e a súa transferencia aos sectores máis maduros do tecido produtivo, servindo como plataforma de desenvolvemento e promoción da marca país Galicia.

Así pois, en virtude do mandamento estatutario, a fundación leva a cabo todo tipo de accións de fomento e promoción do emprendemento cultural en toda a súa extensión e en todas as súas disciplinas, incluído a promoción económica e o impulso do empredemento empresarial e tecnolóxico.

O Gaiás está intimamente ligado ao fomento do emprendemento en toda a súa extensión, programando actividades formativas e de asesoramento que redunden nas empresas emprendedoras que actualmente se sitúan no Centro de Emprendemento (CEM), con especial énfase en proxectos que favorezan o crecemento económico e a creación de emprego, actuando como elementos vehiculares na transmisión da identidade cultural, aspecto este esencial na difusión e promoción da diversidade cultural e a súa transferencia aos sectores máis maduros do tecido.

Neste contexto, no ano 2013, xorden os Premios Emprende Cultura Gaiás-Sixto Seco na Cidade da Cultura de Galicia, que xa celebra a súa VII edición, actuación consistente nun concurso dirixido a emprendedores e profesionais independentes do sector cultural, que pretende:

– Potenciar a realización de proxectos empresariais dentro do ámbito das industrias culturais.

– Impulsar o desenvolvemento de novas ideas no dito ámbito.

Esta convocatoria ten por obxecto impulsar o desenvolvemento de novas ideas emprendedoras relacionadas coas industrias culturais e que queiran desenvolver a súa actividade no Gaiás Cidade da Cultura de Galicia: deseñadores-ilustradores, profesionais da comunicación, produtores, xestores culturais, programadores de aplicacións informáticas e de proxectos culturais na internet e calquera outra persoa con vinculación no emprendemento cultural.

Preténdese así resaltar, impulsar, recoñecer e promover iniciativas concretas que sirvan de exemplo para o tecido empresarial en Galicia e indispensables para o seu fortalecemento e adaptación aos novos contornos económicos.

Por todo o anterior, a Cidade da Cultura de Galicia organiza a VII Edición dos Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco, concurso de ideas empresariais innovadoras que ten por obxecto premiar aqueles emprendedores e emprendedoras que presenten ideas innovadoras susceptibles de converterse en proxectos empresariais a curto e medio prazo.

En virtude das competencias atribuídas polo Padroado da Fundación Cidade da Cultura de Galicia na súa sesión do 16 de decembro de 2016,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e convocar os premios de Emprende Cultura Gaiás-Sixto Seco para o ano 2019. Esta resolución regula o procedemento recollido na sede electrónica da Xunta de Galicia co código CT899A.

2. Obxecto do concurso:

a) Premiar e impulsar o desenvolvemento de proxectos empresariais viables que creen emprego.

b) Promover a cultura emprendedora na nosa comunidade.

c) Dinamizar e diversificar o tecido empresarial de Galicia.

Artigo 2. Requisitos das persoas candidatas

1. Poderá participar nesta convocatoria calquera emprendedor, persoa física ou xurídica, maior de idade, de calquera nacionalidade, que desexe implantar a súa idea ou desenvolver o seu proxecto dentro do ámbito das industrias culturais e creativas, co fin de converter a idea nunha actividade sustentable.

2. Non poderán participar na convocatoria aquelas persoas solicitantes que teñan iniciado unha actividade empresarial e/ou profesional para a posta en funcionamento da «idea emprendedora» á que se refire o artigo 5 das presentes bases, sempre que medien máis de seis meses desde o inicio da dita actividade empresarial e/ou profesional.

3. Non ter o carácter de persoa incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e estar ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da devandita lei, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 3. Candidaturas

As candidaturas poderán ser presentadas polas persoas solicitantes que opten a estes premios de forma individual ou en equipo.

Artigo 4. Prazo

O prazo de presentación das solicitudes e da documentación será dun mes, que se contará a partir do seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase que o prazo vence o día cuxo ordinal coincida co que serviu de partida, que é o de publicación no Diario Oficial de Galicia e, se fose festivo, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 5. Categorías

1. As persoas solicitantes deberán presentar unha idea emprendedora relacionada coas industrias culturais. Estas ideas deberán estar relacionadas coas seguintes materias: deseño-ilustración, comunicación, produción, xestión cultural, programación de aplicacións informáticas e de proxectos culturais na internet.

2. As categorías ás que se pode concursar son:

1. Categoría A: idea emprendedora para a programación de aplicacións informáticas relacionadas co sector cultural e proxectos culturais na internet.

2. Categoría B: idea emprendedora para o desenvolvemento de proxectos na área do deseño, a xestión cultural e da creación artística e plástica no ámbito cultural.

Entenderase por «idea emprendedora» aquel paradigma que xurda para aproveitar unha oportunidade real de negocio, así como aquelas solucións creadas para cubrir necesidades do mercado que non están satisfeitas ou que, estando satisfeitas, son máis eficaces que as existentes.

A idea considerarase innovadora cando cumpra, entre outras, algunha destas circunstancias:

– Aplicación industrial ou comercial de resultados de investigación científica.

– Desenvolvemento dun novo método de produción ou de organización dos recursos produtivos.

– Creación de invencións ou deseños industriais innovadores.

– Aplicación de innovacións en invencións ou deseños industriais, de embalaxe ou deseño gráfico de produtos tradicionais que melloren significativamente a súa competitividade no mercado.

– Adaptación ao mercado rexional dunha idea consolidada en mercados estranxeiros.

– Introdución no mercado dun novo ben ou servizo.

– Iniciativa de economía social, que contribúa ao desenvolvemento social e económico do territorio, que teña como obxectivo traballar e promover o cooperativismo, o respecto polo ambiente e o benestar social da comunidade.

Os membros da comisión avaliadora poderán apreciar discrecionalmente trazos innovadores non expresamente recollidos na relación precedente.

3. A condición de persoa gañadora de anteriores edicións dos premios Emprende Cultura Gaiás-Sixto Seco é incompatible coa condición de proxecto ou empresa participante desta edición.

Artigo 6. Premios

Os premios que se van outorgar á mellor idea emprendedora presentada en cada unha das modalidades consisten en:

A) Dous premios en metálico dotados con tres mil euros (3.000,00 €) cada un [un premio por categoría e proxecto seleccionado]; o proxecto gañador en cada unha das categorías sinaladas no punto 5 recibirá tres mil euros en metálico para o desenvolvemento da idea premiada e diploma acreditativo. Só haberá un premio por categoría, polo que no caso de empate entre varios candidatos na mesma modalidade, o premio en metálico repartirase entre estes gañadores/as.

B) Posibilidade de incorporación gratuíta durante doce meses ao espazo de cotraballo «Centro de Emprendemento Creativo de Galicia» da Cidade da Cultura de Galicia. Se o gañador quixese facer uso desta posibilidade, deberá solicitalo expresamente por escrito nun prazo de trinta días desde o outorgamento do premio; se non o solicitase, enténdese que renuncia a esta parte do galardón, sen que supoña a renuncia total ao premio. En calquera caso, a incorporación ao espazo non é requisito obrigatorio para a aceptación do premio en metálico indicado no parágrafo inmediatamente anterior.

A incorporación gratuíta ao espazo inclúe:

1) Ocupación dun espazo na sección de cotraballo, coas seguintes prestacións: unha mesa de traballo, con conexión á internet, e os seguintes servizos comúns: sala de reunións con internet, wifi, proxector..., despacho para reunións, caixa de correo, servizos de seguridade, videovixilancia e control de accesos, subministración eléctrica, auga, calefacción e servizo de limpeza.

2) Desconto do 50 % en todas as actividades que se realicen na Cidade da Cultura de Galicia.

3) Participación en todas as actividades de formación promovidas de forma gratuíta pola Cidade da Cultura de Galicia de interese para a persoa solicitante.

4) Posibilidade de mostrar produtos promocionais do proxecto gañador escaparate/showroom.

5) Intercambio con outros espazos de cotraballo de ámbito internacional, coas que a Cidade da Cultura de Galicia teña convenio.

No caso de solicitantes da modalidade B «proxecto innovador para o desenvolvemento de proxectos na área do deseño e da creación artística e plástica no ámbito cultural», o espazo cedido só poderá ser empregado para a creación intelectual do deseño, dado que a Cidade da Cultura de Galicia non dispón de instalacións que permitan a execución material dos devanditos procesos.

Será requisito inescusable para a percepción dos premios non ter iniciado unha actividade empresarial e/ou profesional para a posta en funcionamento da «idea emprendedora» premiada a que se refire o artigo 5 das presentes bases, sempre que medien máis de seis meses desde o inicio da dita actividade empresarial e/ou profesional e o momento da adxudicación do premio.

O aboamento do premio realizarase unha vez publicada a resolución definitiva.

Cando o proxecto ou memoria se tivese elaborado por varios promotores, pero a idea emprendedora fora posta en marcha unicamente por unha parte deles, deberá presentarse acta notarial ou declaración responsable na que os promotores que abandonen recoñezan o dereito dos demais á continuación e explotación da empresa, e renuncien a calquera reclamación ou dereito sobre o proxecto ou empresas resultantes.

Artigo 7. Financiamento e concorrencia

1. A dotación global dos premios é de seis mil euros (6.000,00 €) para as dúas categorías (3.000,00 € por categoría e proxecto), e será sufragada con cargos aos orzamentos da Fundación Cidade da Cultura de Galicia para o ano 2019.

2. O procedemento para a concesión dos premios será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os premios regulados ao abeiro desta resolución son compatibles con outras subvencións e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou de entidades públicas ou privadas, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 8. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, excepto para os suxeitos indicados no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, posto que, neste caso, a presentación de solicitudes por vía electrónica é obrigatoria.

2. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente no Rexistro da Fundación Cidade da Cultura de Galicia ou poderán enviar por correo postal ou mensaxería ao seguinte enderezo: Fundación Cidade da Cultura de Galicia. Cidade da Cultura de Galicia, Edificio Cinc, terceiro andar, Monte Gaiás, s/n, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente no rexistro da Fundación Cidade da Cultura de Galicia situado na Cidade da Cultura de Galicia, Edificio Cinc, terceiro andar, Monte Gaiás, s/n, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), ou por correo postal ou mensaxería á mesma dirección.

Artigo 9. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

1. Comprobación de datos de terceiras persoas interesadas (anexo II).

2. Memoria da idea emprendedora (anexo III).

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude indicados no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedimento administrativo común das administracións públicas. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente no Rexistro da Fundación Cidade da Cultura de Galicia ou por correo postal ou mensaxaría ao seguinte enderezo: Fundación Cidade da Cultura de Galicia ubicado na Cidade da Cultura de Galicia, Edificio Cinc, terceiro andar, Monte Gaiás, s/n, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

5. Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se a persoa solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través do rexistro da Fundación. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

6. Despois de comprobar que as persoas solicitantes cumpren os requisitos, a relación das inscricións admitidas comunicaranse individualmente ás persoas solicitantes.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

1) Anexo I:

1º. DNI ou NIE da persoa solicitante.

2º. DNI ou NIE da persoa representante.

3º. NIF da entidade representante.

4º. Títulos universitarios da persoa solicitante.

5º. Títulos non universitarios da persoa solicitante.

6º. Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria respecto da persoa solicitante.

7º. Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social respecto da persoa solicitante.

8º. Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Facenda da Xunta de Galicia respecto da persoa solicitante.

2) Anexo II:

1º. DNI ou NIE de terceiras persoas interesadas.

2º. Títulos universitarios de terceiras persoas interesadas.

3º. Títulos non universitarios de terceiras persoas interesadas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos. Igualmente, no caso de que as terceiras persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no formulario anexo II e achegar unha copia dos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderanse solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. A comisión avaliadora

1. A comisión avaliadora, na cal se procurará unha presenza equilibrada de homes e mulleres, estará composta polas seguintes persoas:

– A persoa titular da Dirección Xeral de Políticas Culturais da Consellería de Cultura e Turismo.

– A persoa titular da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

– Unha persoa representante da Axencia Galega de Innovación (Gain).

– Unha persoa representante do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

– Unha persoa representante da Universidade de Santiago de Compostela.

– Unha persoa representante da Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

2. Actuará como secretario/a da comisión avaliadora, a Coordinadora do Centro de Emprendemento da Fundación Cidade da Cultura, con voz e sen voto.

3. A presidencia recaerá na persoa titular da Dirección Xeral de Políticas Culturais da Consellería de Cultura e Turismo, a cal designará os membros da comisión avaliadora e procederá á súa convocatoria e constitución.

4. A comisión avaliadora axustará o seu funcionamento ao sinalado nesta resolución e ao disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

5. Os seus acordos adoptaranse por maioría simple. O voto da persoa titular da presidencia dirimirá no caso de empate. As deliberacións da comisión avaliadora son confidenciais.

6. A comisión avaliadora poderá conceder premios compartidos ou declarar o premio deserto, se considera que as propostas presentadas non reúnen os méritos suficientes para ser galardoadas.

7. A comisión avaliadora queda facultada para resolver sobre aspectos non previstos nestas bases, así como todas as cuestións que poidan suscitarse con motivo dos premios.

8. A resolución da comisión avaliadora será inapelable.

Funcións da comisión avaliadora:

– Avaliar os proxectos presentados.

A comisión avaliadora será apoiada pola unidade de instrución, que para o presente caso será constituída pola Coordinadora do CEM. A unidade de instrución encargarase da tramitación do procedemento, verificación da documentación presentada polos solicitantes, e proporá a concesión dos premios para o seu outorgamento polo órgano de contratación, dando traslado do informe de proposta de resolución emitido pola Comisión.

Artigo 12. Criterios de avaliación

A valoración realizarase unicamente a través da memoria presentada a esta convocatoria e, de ser o caso, da documentación física. Valoraranse todos aqueles aspectos que describan accións concretas, metodoloxías aplicadas e integración de perfís, creatividade e carácter innovador do proxecto. Non se valorarán aspectos retóricos ou descricións baleiras sen visibilización da súa aplicabilidade no mercado.

1º. Viabilidade e factibilidade da idea: ata 15 puntos, que se avaliarán en función do grao de elaboración e concreción da proposta, e factibilidade da idea ou proxecto presentado e as posibilidades de converterse nun proxecto viable. Valorarase a viabilidade da proposta presentada polas persoas solicitantes e as previsións de éxito da idea emprendedora. Para determinar a factibilidade da idea, a persoa solicitante deberá detallar os seguintes puntos:

– Mercado ao que se dirixen os servizos/produtos (ata 3 puntos).

– Identificación do cliente (ata 3 puntos).

– Nivel de competencia e competidores clave no mercado (ata 3 puntos).

– Plan de investimento e financiamento (ata 3 puntos).

– Previsión de gastos e ventas no primeiro ano de actividade (ata 3 puntos).

2º. Valor engadido que achega a idea emprendedora ao ámbito cultural e creativo en Galicia: ata 5 puntos. Terase en conta a creatividade e os sinais identitarios e culturais que xera idea emprendedora no ámbito das industrias culturais e que produzan influencia e aproveitamento por parte deste tipo de industrias, excluíndo calquera outro ámbito.

3º. Grupo de traballo: valorarase ata un máximo de 10 puntos, que se avaliarán da seguinte maneira:

i) Experiencia e dedicación dos participantes no proxecto: fitos acadados (6 puntos).

ii) Formación das persoas participantes: 2 puntos por participante con formación nas seguintes materias; deseño, ilustración, comunicación, produción, xestión cultural e programación de aplicacións informáticas. A puntuación máxima neste punto será de 4 puntos. En todo caso, só será valorada unha formación por participante, polo que se optará por aquela titulación acorde coas materias indicadas; se un mesmo participante puidese acreditar varias titulacións relacionadas coas materias indicadas, deberá optar pola de superior rango.

Artigo 13. Fase de selección

Se algunha das persoas solicitantes presenta a documentación incompleta, requiriráselle para que a emende no prazo de tres días hábiles, preferiblemente a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación a emendar presencialmente no rexistro da Fundación Cidade da Cultura de Galicia ubicado na Cidade da Cultura de Galicia, Edificio Cinc, terceiro andar, Monte Gaiás, s/n, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Superada esta fase, a comisión de avaliación realizará unha primeira peneira ou filtro, procedendo a valorar se a idea emprendedora pode ou non considerarse como innovadora en atención a algunha destas circunstancias:

– Aplicación industrial ou comercial de resultados de investigación científica.

– Desenvolvemento dun novo método de produción ou de organización dos recursos produtivos.

– Creación de invencións ou deseños industriais innovadores.

– Aplicación de innovacións en invencións ou deseños industriais, de embalaxe ou deseño gráfico de produtos tradicionais que melloren significativamente a súa competitividade no mercado.

– Adaptación ao mercado rexional dunha idea consolidada en mercados estranxeiros.

– Introdución no mercado dun novo ben ou servizo.

– Iniciativa de economía social, que contribúa ao desenvolvemento social e económico do territorio, que teña como obxectivo traballar e promover o cooperativismo, o respecto polo ambiente e o benestar social da comunidade.

Os membros da comisión avaliadora poderán apreciar discrecionalmente trazos innovadores non expresamente recollidos na relación precedente, polo que, unha vez recepcionadas as solicitudes, procederá a excluír aquelas propostas que non cumpran cos parámetros establecidos na presente convocatoria.

Unha vez realizado o primeiro filtro, para a valoración da calidade técnica do proxecto e a viabilidade económica e técnica da proposta, e a dimensión do dito proxecto a comisión avaliadora procederá a seleccionar as tres mellores ideas emprendedoras de cada categoría, para o que procederá a aplicación dos criterios previstos no artigo 12 da presente convocatoria.

A continuación, a comisión de avaliación seleccionará e convocará ás tres mellores ideas emprendedoras de cada unha das categorías a unha entrevista persoal co obxecto de coñecer os datos referidos ao proxecto que presentan.

O promotor disporá de dez minutos para facer a súa exposición. A sala para a exposición contará cun ordenador e un proxector. Valorarase a capacidade do promotor de concisión e concreción á hora de expoñer, podendo utilizar para isto os instrumentos audiovisuais que crea conveniente. Unha vez finalizada a exposición, a comisión de avaliación poderá realizar cantas preguntas considere oportunas ao promotor para coñecer en profundidade o proxecto.

A fase de entrevista terá un máximo de 15 minutos por promotor/emprendedor. Na exposición de proxectos, o promotor tratará como mínimo os seguintes puntos:

– Mercado ao que se dirixen os servizos/produtos.

– Identificación do cliente.

– Nivel de competencia e competidores clave no mercado.

– Experiencia e dedicación do promotor do proxecto (se é o caso), fitos acadados.

– Plan de investimento e financiamento.

– Previsión de gastos e vendas no primeiro ano de actividade.

– Valor engadido que achega o proxecto no ámbito cultural e creativo.

Finalizada a fase de entrevista, a comisión avaliadora procederá a emitir as súas puntuacións e elevará proposta ao órgano competente para resolver.

Artigo 14. Resolución

1. A unidade instrutora elevará a proposta da comisión de avaliación á directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia ou persoa que legalmente a substitúa, quen resolverá a concesión do premio no prazo máximo dun mes desde a recepción da proposta da comisión de avaliación. Unha vez recibida a proposta, á directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, ou persoa que legalmente a substitúa, emitirá unha resolución dos premios concedidos; esta resolución poderase consultar no portal da Fundación Cidade da Cultura de Galicia no seguinte enderezo electrónico: http://www.cidadedacultura.gal.

2. De acordo co disposto no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de cinco meses, contados a partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entender desestimadas por silencio administrativo as solicitudes presentadas.

Artigo 15. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Obrigas dos/das gañadores/as

1. Os/as beneficiarios/as dos premios terán a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 3 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No modelo normalizado que figura como anexo I, os/as beneficiarios/as deben facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar acerca da veracidade dos datos relativos á dita conta en que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do dito premio, no caso de obtelo. Esta cantidade estará suxeita ás retencións que legalmente correspondan.

3. O/a beneficiario/a ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indican os artigos 14.j) e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Para os efectos do artigo 31.7 da Lei 9/2007, poderá utilizarse a declaración responsable incluída no anexo I desta resolución ou certificado de estar ao día das súas obrigas tributarias. De transcorrer máis de seis meses desde a presentación da declaración, a persoa beneficiaria ten a obriga de achegar unha nova declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 17. Promoción dos premios

A relación de persoas solicitantes admitidos e excluídos e as cualificacións obtidas polos candidatos e candidatas publicaranse no portal da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, no seguinte enderezo electrónico: http://www.cidadedacultura.gal.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 19. Información básica sobre protección de datos persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia –Fundación Cidade da Cultura de Galicia– coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de Procedementos e Servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Será de aplicación ao presente procedemento o previsto no Regulamento 2016/679 (UE) xeral de protección de datos persoais, e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file