Na sesión ordinaria celebrada polo Pleno o día 30 de xullo de 2019, tomouse o seguinte acordo que se transcribe literalmente:
«Mediante Decreto 2017/0373, do 3.5.2017, foi obxecto de aprobación inicial o estudo de detalle nº 1 do Concello da Guarda, en que se acordou a apertura do trámite de información pública mediante anuncio no Diario Oficial de Galicia núm. 105, do 5 de xuño e anuncio publicado no Faro de Vigo o 6 de maio de 2017.
Foron presentadas alegacións por Francisco Antonio González Durán o 16.6.2017, obxecto de informe desestimatorio emitido polo arquitecto municipal con data do 22.11.2018, nos seguintes termos:
Punto 1. Aliñacións: as obras de rehabilitación ou reconstrución non deberían de ter a obriga de cesión do patín.
Contestación: as aliñacións establecidas no estudo de detalle son as mesmas reflectidas no planeamento vixente xa que, conforme o artigo 79.2.c) da Lei 2/2016, de solo de Galicia, os estudos de detalle en ningún caso poderán reducir as superficies destinadas a vías, espazos libres ou dotacións públicas.
Punto 2. Cores das carpintarías: - A carta de cores proposta no estudo de detalle non recolle unha serie de cores fundamentais nunha vila mariñeira. As cores básicas que se lle daban aos «gardacalores» dos barcos; azul, vermello, verde e marrón.
Contestación: en relación coas cores que se poderán utilizar nas carpintarías das edificacións, conforme o punto 3.d) do informe da Dirección Xeral de Patrimonio as cores das carpintarías deberán axustarse ás tonalidades previstas na gama de cores proposta.
Conforme o punto 3.b) do mesmo informe foron eliminadas as cores máis fortes de cada gama (4 en total) da gama de cores proposta inicialmente, polo que a proposta de incorporar máis cores non quedaría amparada no informe favorable emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Emitidos os informes sectoriais pertinentes, así como os informes técnico e xurídicos, concluído o período de información pública, presentadas as alegacións e emitido informe sobre estas en sentido desestimatorio, se eleva ao Pleno a seguinte proposta:
1. Desestimar as alegacións presentadas por Francisco Antonio González Durán con data do 16.6.2017, nos termos sinalados no informe emitido polo arquitecto municipal con data 22.11.2018, e aprobar definitivamente o estudo de detalle nº 1 ACTUACIÓN AG- Paseo Marítimo- rúa Malteses) do Concello da Guarda.
2. Notificar o presente acordo aos interesados e publicar o acordo de aprobación definitiva, no prazo dun mes desde a súa adopción, no Diario Oficial de Galicia, e cando proceda, o texto dos documentos que integran o estudo de detalle así como o índice de planos no Boletín Oficial da provincia.
3. Comunicar á consellería competente en materia de urbanismo, á vez que se lle dará traslado dun exemplar en soporte dixital, debidamente dilixenciado, para a súa inscrición no Rexistro de Plan Urbanístico de Galicia, no prazo dun mes desde a data da aprobación municipal».
En todo caso, e de conformidade co exixido polo artigo 199.4 do RLSG, a eficacia do acto de aprobación definitiva e a entrada en vigor do estudo de detalle quedan condicionadas ao cumprimento dos anteriores trámites e ao sinalado no artigo 70.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases do réxime local, en relación co 65.4 da mesma lei.
Contra o acordo da aprobación definitiva do citado estudo de detalle poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio.
A Guarda, 18 de agosto de 2019
Antonio Lomba Baz
Alcalde