Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Venres, 13 de setembro de 2019 Páx. 40227

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 16 de abril de 2019, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento de Outeiro de Rei, para a delimitación dos núcleos rurais de Penelas, Francos, Corredoira, Leiros Largos e Barciela e alteración de varias determinacións normativas (expediente PTU-LU-12/043).

Con data 28.1.2019 recibiuse do concello de Outeiro de Rei documentación do expediente de referencia, para os efectos de resolver sobre a súa aprobación definitiva, consonte o establecido na disposición transitoria 2ª da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG). A dita documentación foi requirida pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio con data do 6.3.2018, co obxecto de emendar as deficiencias detectadas na documentación que aportara o concello no 5.2.2018.

A documentación remitida polo concello consiste no proxecto de modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento de Outeiro de Rei para a delimitación dos núcleos rurais de Penelas, Francos, Corredoira, Leiros Largos e Barciela, modificación das ordenanzas SNU/N e SNU/IPV e disposicións de carácter xeral, réxime de aplicación das edificacións fóra de ordenación (MP), en formato dixital, datado de abril de 2018, redactado pola arquitecta Gloria Trigo Mayor, e incluíndo documentación do enxeñeiro de camiños J. Enrique Cacicedo Herrero.

Analizada a documentación achegada polo concello, e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Outeiro de Rei conta cunhas normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente o 30.10.1992.

I.2. Consta a decisión da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental de 17.1.2012, pola que se declarou a non necesidade de someter a modificación a avaliación ambiental estratéxica; resultado das consultas atendidas por Augas de Galicia (28.11.2011), Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (13.1.2011), Cámara oficial mineira de Galicia e Dirección Xeral de Montes (2.12.2011).

I.3. De acordo coa documentación remitida polo concello, a tramitación incluíu:

• Documento de inicio de avaliación ambiental estratéxica de 17.11.2011 e decisión do non sometemento ao procedemento (17.1.2012).

• Emisión de informes municipais, técnico (7.2.2012) e xurídico (16.5.2012).

• Solicitude de informe urbanístico autonómico previsto no artigo 85.1 LOUG (25.5.2012).

• Informe da SX de Ordenación do Territorio e Urbanismo previo á aprobación inicial (31.7.2012).

• Proposta de suspensión de licenzas formulada pola Alcaldía de Outeiro de Rei (2.9.2012) no ámbito de solo urbanizable delimitado polas NSP na parroquia de Robra.

• Emisión de informe xurídico municipal verbo da suspensión de licenzas (2.9.2012).

• Acordo plenario de suspensión de licenzas no solo urbanizable delimitado polas NSP na parroquia de Robra (7.9.2012) publicado no diario El Progreso o 14.9.2012 e no DOG do 5.10.2012 (artigo 77.1 da Lei 9/2002).

• Informes municipais, xurídico (16.10.2012) e técnico (25.10.2012).

• (1ª) Aprobación inicial do plan de (26.10.2012).

• Exposición pública mediante anuncios na La Voz de Galicia o 29.11.2012, El Progreso o 29.11.2012 e o Diario Oficial de Galicia o 18.12.2012; e informes sobre o seu resultado; técnico (16.4.2014) e xurídico (23.4.2014).

• Informes sectoriais:

a) SXCAA, manifestando improcedencia do informe solicitado (26.11.2012).

b) Axencia Galega de Infraestruturas (7.12.2012 e 20.2.2013), favorables.

c) Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (27.12.2012) requirindo estudo hidrolóxico-hidráulico.

d) DX do Patrimonio Cultural (10.10.2013), desfavorable.

e) DX de Conservación da Natureza (29.11.2013), con consideracións a ter en conta.

f) Informe do secretario municipal (15.1.2014), concluíndo a improcedencia de varias prescricións do informe da Demarcación de Estradas do Estado (20.5.2013).

• Trámite de audiencia aos concellos de Lugo, Friol, Castro de Rei, Rábade e Begonte (19.11.2012) e contestación de Castro de Rei (10.12.2012) e Begonte (14.12.2012).

• Informes técnicos municipais, técnico (16.4.2014) e xurídico (16.4.2014).

• (2ª) Aprobación inicial da MP do 28.4.2014.

• Exposición pública con anuncios no DOG (8.5.2014), La Voz de Galicia (10.5.2014) e El Progreso (10.5.2014). Sen alegacións.

• Informes sectoriais:

a) Delegación do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas en Lugo (16.6.2014). Comunica ao concello a innecesariedade do informe solicitado.

b) SX de Calidade e Avaliación Ambiental (18.7.2014). Ratifícase a decisión de non sometemento a AAE da presente modificación.

c) DX de Telecomunicacións (4.3.2015), favorable.

d) CHMS (21.9.2015), favorable.

e) DXPC (17.12.2015), favorable condicionado á introdución de correccións.

f) AXI (11.2.2016), favorable.

g) Deputación Provincial de Lugo (7.7.2017), favorable.

• Audiencia aos concellos de Lugo, Castro de Rei, Friol, Rábade e Begonte (29.5.2014).

• Audiencia ao Concello de Cospeito (4.4.2018), contestación (19.04.2018).

• Emisión de informes municipais, xurídico (18.12.2017) e técnico (19.12.2017).

• (1ª) Aprobación provisional (Pleno 28.12.2017).

• Remisión do expediente ao servizo de urbanismo da Xunta en Lugo (5.2.2018), para os efectos de resolver sobre a aprobación definitiva.

• (2ª)A probación provisional (acordo plenario do 31.5.2018) adoptado sobre o proxecto de modificación de abril de 2018.

II. Aspectos xerais. Contido.

A modificación puntual afecta a unha superficie de 145,92 ha, clasificando 70,95 ha como solo de núcleo rural, 15,67 ha de solo rústico de protección de augas, 7,95 ha de solo rústico de protección de infraestruturas, 37,61 ha de solo rústico de protección ordinaria e 13,70 ha de solo urbanizable de uso industrial.

A modificación reclasifica como solo de núcleo rural terreos que as NSP clasifican como solos urbanizables non delimitados e rústicos. De resultas desa reclasificación, desaparece o solo urbanizable non delimitado de usos mixtos (SUB-RO1) e altérase a delimitación establecida como solo urbanizable de uso industrial (SUB-RO2) existente, que se adapta aos límites das parcelas que efectivamente xa están destinados a actividade industrial. Tamén desaparece a superficie asignada nas NSP a uso urbanizable dotacional (SUB-RO3).

Delimítase como solo de núcleo rural a parte do territorio que contén varios asentamentos singularizados: Penelas, Francos, Barciela, Corredoira e Leiros Largos. Estes cinco núcleos ocupan unha superficie de 70,95 ha das cales 8,54 ha están destinadas a viario, 0,34 ha a solo de interese público e social e 0,2 ha como zonas verdes e espazos libres públicos. A superficie restante susceptible de edificación é de 61,87 ha.

Os núcleos de Penelas, Francos e Barciela están recoñecidos no Nomenclator de entidades de poboación da provincia de Lugo (Decreto autonómico 6/2000), clasificándose parte en núcleo tradicional e parte común. O núcleos de Corredoira e Leiros Largos figuran no Nomenclator do Instituto Nacional de Estatística, clasificándose na modificación puntual o de Leiros Largos como núcleo rural común e o de Corredoira parte en tradicional e parte en común.

O proxecto define o trazado da rede viaria existente e completa este trazado coa apertura de novas vías para conectar coas existentes (dúas no núcleo de Francos e tres no núcleo de Penelas); porén, non se establece o modo de obtención e de execución delas mesmas. Defínense as zonas edificables, regúlanse as condicións de usos das edificacións e catalóganse varios bens (árbores e construcións tradicionais) de valor ambiental e cultural. Tamén establece unha zonificación acústica e inclúe un plano de todo o termo municipal no que se indican as estradas principais para os efectos de aplicación da ordenanza SNU/IPV.

Esa ordenanza SNU/IPV (solo non urbanizable de protección de vías) modifícase, así coma a ordenanza SNU/N de solo de núcleo (na que se inclúen condicións específicas para os núcleos tradicionais); facendo un texto refundido co fin de clarificar o seu contido e mellorar a súa compresión. Defínese o réxime de aplicación aos edificios desconformes co planeamento, que as actuais NSP carecen desas determinacións.

Por último establece a modificación unha serie de disposicións de carácter xeral co fin de clarificar criterios de interpretación na aplicación dos parámetros urbanísticos.

III. Observacións.

III.I. En relación co contido da modificación, deberanse incluír as previsións normativas e económicas necesarias para a obtención dos terreos e a execución das novas vías.

III.2. En relación coa regulación normativa, terán que revisarse as seguintes cuestións:

– Deberase integrar o contido do apartado 3.3 da memoria na normativa.

– Incluiranse todas as medidas correctoras dos puntos 2 e 5 do informe de DXPC de 17.12.2015; e integrarase no catálogo a edificación número 7 indicada no núcleo de Corredoira.

– No plano de ordenación incluirase a liña de fluxo preferente (márcase a Q500 que segundo o estudo hidrolóxico coincide con esta ( pdf 4 plano estudo hidrolóxico).

– Eliminarase no apartado III de ordenanzas SNU/N o uso complementario de explotacións gandeiras existentes e aserradoiros existentes; e nos usos prohibidos, figurará o uso industrial en todos os grados.

– Eliminarase no apartado 8 do apartado III, o referente ao uso de fibrocementos ou pranchas.

III.3. En relación coa documentación terase que:

– O plano 6 de «Superposición de inundabilidade e ordenación» adaptarase ao plano 4 do estudo hidrolóxico-hidráulico.

– Na memoria deberanse corrixir as seguintes incoherencias ou erros:

• Páxina 6 as referencias á Louga.

• Páxina 10 indica aprobación inicial onde debería dicir aprobación provisional.

• Páxina 27 e 28 da memoria no punto 3.2.1 onde figuran como núcleos rurais tradicionais algúns que tamén teñen parte de núcleo rural común.

• Páxina 38 a táboa resumo dos núcleos presenta numerosos erros numéricos.

• Páxina 51 no punto 9.2 a referencia aos plans de sectorización e a referencia no último parágrafo do punto 10 ao anexo II apartado 2.3 sobre o consumo de auga.

– Na normativa deberanse corrixir as seguintes incoherencias ou erros:

• Páxina 2 do apartado III no punto 4 engadir no segundo parágrafo a referencia ás estradas autonómicas.

• Páxina 5 do mesmo apartado III eliminar a frase «eliminado o último parágrafo».

• Páxina 9 do mesmo apartado III no punto 6.6.2 eliminar a referencia aos peches incluídos no catálogo.

– Nos planos deberanse corrixir as seguintes incoherencias ou erros:

• No plano O.01 de ordenación non figuran os elementos catalogados no núcleo de Penelas P2 e P3.

• Eliminar dos cadros de identificacións dos planos a referencia a SNRT.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dunha modificación puntual de planeamento xeral que teña por obxecto a delimitación do solo de núcleo rural, corresponde á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de conformidade co disposto no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 10 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia modificado parcialmente polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro.

IV. Resolución.

Visto canto antecede, en virtude do establecido no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016 (LSG),

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento de Outeiro de Rei para delimitación dos núcleos rurais de Penelas, Francos, Corredoira, Leiros Largos e Barciela; modificación das ordenanzas SNU/N e SNU/IPV e disposicións de carácter xeral; e réxime de aplicación das edificacións fóra de ordenación, coa subxección á corrección dos puntos indicados no apartado III.

2. O concello fará as correccións exixidas e elaborará un texto refundido conforme o establecido no artigo 62 da LSG; e elevarao de novo ante esta Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, para a súa verificación formal e dilixencia.

3. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a Delimitación no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

4. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa da Delimitación aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita esta no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

5. Notifíquese ao concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

6. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2019

María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

missing image file