Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Venres, 13 de setembro de 2019 Páx. 40170

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 8 de agosto de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de enerxías renovables térmicas e proxectos integrais de aforro e eficiencia enerxética para as universidades públicas de Galicia, para os anos 2019 e 2020, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020 (código de procedemento IN421X).

A sensibilidade especial que para a cidadanía está a ter o uso racional das enerxías e a busca de novas fontes enerxéticas calou de forma importante no enfoque das administracións públicas, que unanimemente están a actuar neste campo, prestando o seu apoio ás iniciativas que sobre aforro e eficiencia enerxética ou enerxías renovables se están a desenvolver na actualidade.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) constitúese en Axencia polo Decreto 142/2016, do 22 de setembro, mantendo a súa adscrición á consellería competente en materia de enerxía, conforme o establecido na Lei 3/1999, do 11 de marzo, e entre cuxas funcións destacan a de incidir na utilización racional da enerxía, así como diversificar as fontes enerxéticas e reducir, na medida do posible, a dependencia exterior.

O Inega establece este sistema de subvencións co obxectivo de fomentar a utilización de fontes de enerxía renovables e proxectos de aforro e eficiencia enerxética. Máis concretamente, preténdese fomentar a redución do consumo de enerxía nos edificios públicos coa finalidade de acadar unha economía baixa en carbono grazas ao papel de difusión asociado aos proxectos desenvolvidos polas administracións públicas e en concreto os das universidades galegas.

A dotación da presente convocatoria con cargo aos orzamentos do Inega para o ano 2019 ascende a 6.348.795 euros financiados con fondos comunitarios derivados do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020.

A través desta convocatoria desenvolveranse dous tipos de actuacións. Por unha parte os proxectos integrais de aforro e eficiencia enerxética encadrada no OE 4.3.1.3b, obxectivo temático 4. Favorecer a transición a unha economía baixa en carbono en todos os sectores; na prioridade de investimento 3. Apoio da eficiencia energética, da xestión intelixente da enerxía e do uso das enerxías renovables nas infraestruturas públicas, incluídos os edificios públicos e nas viviendas; e no obxectivo específico 1. Mellorar a eficiencia enerxética e redución das emisións de CO2 na edificación e nas infraestruturas e servizos públicos. Por outra parte os proxectos de enerxías renovables térmicas encadradas no OE 4.1.2.1, obxectivo temático 4. Favorecer a transición a unha economía baixa en carbono en todos os sectores, na prioridade de investimento 1. Fomento da produción e distribución da enerxía derivada de fontes renovables; e no obxectivo específico 2. Aumentar a participación e distribución das enerxías renovables para usos térmicos, en particular, a biomasa, biogás e biocombustibles para o transporte, en consonancia co Plan de enerxías renovables 2011-2020. O financiamento da convocatoria correspóndese con fondos comunitarios derivados do programa Galicia 2014-2020, Feder nun 80 %, computándose como cofinanciamento nacional ou investimento privado o investimento privado elixible dos beneficiarios.

O uso das enerxías renovables e o desenvolvemento de proxectos de aforro e eficiencia enerxética pode representar para Galicia un gran xacemento de novas actividades, e por iso, a Xunta de Galicia entende que é preciso facer unha aposta firme e realista de cara ao futuro, materializando esta a través da concesión de subvencións, neste caso, nun réxime de concorrencia competitiva.

Por todo o anterior, en virtude do disposto nos artigos 7.1 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

RESOLVO:

Aprobar as bases reguladoras da concesión de subvencións a proxectos de enerxías renovables térmicas e proxectos integrais de aforro e eficiencia enerxética para as universidades públicas de Galicia e convocar os interesados para solicitalas en función do establecido nestas bases reguladoras:

Artigo 1. Obxecto e normativa de aplicación

1. O obxecto de estas bases é apoiar proxectos con fins de aforro e eficiencia enerxética e fomento do uso das enerxías renovables. Os proxectos de enerxías renovables limitaranse a instalacións para a xeración de enerxía térmica mediante equipamentos que utilicen biomasa como combustible e outras instalacións de enerxías renovables que utilicen como fonte enerxética a xeotermia, a aerotermia e a solar térmica. Por outra banda, os proxectos integrais de aforro e eficiencia enerxética limitaranse ao establecido no punto 7.2 das bases de esta convocatoria (código de procedemento IN421X).

2. O procedemento administrativo para a concesión de subvencións será o de concorrencia competitiva e axustarase ao disposto nas propias bases sen prexuízo do establecido na seguinte normativa de alcance xeral: Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro); Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño); Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro); Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 2. Condicións dos proxectos

1. Poderán ter dereito a subvención todas aquelas actuacións descritas no artigo 6 destas bases que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma e o prazo de execución dos proxectos subvencionables iniciarase coa apertura do prazo de presentación de solicitudes e rematará no prazo previsto no artigo 24 destas bases.

2. Os gastos realizados a partir do 1 de xaneiro de 2019 serán considerados elixibles.

3. Enténdese por inicio dos traballos ou ben o inicio dos traballos de construción ou ben o primeiro compromiso en firme para o pedido de equipos ou outros compromisos que faga o investimento irreversible, se esta data é anterior.

4. As operacións non se seleccionarán para recibir axudas dos fondos EIE se concluíron materialmente ou se executaron integramente antes de que o beneficiario presente á autoridade de xestión a solicitude de financiamento conforme o programa, á marxe de que o beneficiario efectuase todos os pagamentos relacionados, tal e como dispón o artigo 65.6 do Regulamento 1303/2013.

Artigo 3. Financiamento

1. As subvencións que se concedan imputaranse ás seguintes aplicacións orzamentarias:

Tipoloxía de proxecto

Aplicación orzamentaria

Código

proxecto

2019

2020

Renovables térmicas

09.A2.733A.744.5

2016 00007

931.795,00

100.000,00

Aforro enerxético

09.A2.733A.744.1

2019 00009

817.096,44

4.500.000,00

Orzamento total: 6.348.891,44 €

1.748.891,44

4.600.000,00

2. O importe dos fondos previstos entenderase máximo, ben que cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes e os límites orzamentarios impostos fixados nestas bases.

3. De producirse a ampliación de crédito publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal) sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

Artigo 4. Beneficiarias

Poderán acceder á condición de beneficiarios das presentes subvencións as universidades públicas integrantes do Sistema universitario de Galicia.

Os requisitos para obter a condición de beneficiarias deberanse cumprir, como máis tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes. O solicitante terá a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se solicita a axuda.

Artigo 5. Entidades excluídas destas axudas

Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das causas de exclusión previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 6. Investimentos subvencionables

Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable (IVE incluído, nos termos previstos no artigo 13, punto 1, da Directiva 2006/112/CE do Consello). Nesta convocatoria existirán dúas tipoloxías de proxectos, os proxectos exclusivamente de enerxías renovables térmicas e os proxectos integrais de aforro e eficiencia enerxética. Os proxectos integrais de aforro e eficiencia enerxética poderán ter asociados investimentos en enerxías renovables co obxectivo de reducir a enerxía primaria non renovable consumida, non obstante, non se admitirá unha solicitude de axuda para un edificio cun proxecto exclusivamente de enerxías renovables que ao mesmo tempo se solicite como un proxecto integral de aforro e eficiencia enerxética.

6.1. Proxectos de enerxías renovables térmicas.

Son elementos subvencionables:

1) O equipo principal de xeración enerxética (paneis solares térmicos, bomba de calor, caldeira….). No caso da biomasa o custo do equipamento térmico e os seus accesorios principais (sistema de regulación e control, sistemas de limpeza, depuración de fumes, extracción cinzas).

2) O resto de accesorios da instalación para o correcto funcionamento do sistema.

3) O custo do sistema de almacenamento do combustible.

4) O custo do sistema de alimentación do combustible.

5) O custo de montaxe e conexionado, a dirección de obra e o proxecto.

6) No caso da enerxía xeotérmica o sistema de captación do recurso xeotérmico: sondeos, intercambiadores, acumuladores, tubaxes, etc.

7) O custo da adaptación da sala de caldeiras, a rede de distribución de enerxía térmica ata os elementos emisores e os propios elementos emisores.

8) No caso de redes de distribución de calor con equipos de xeración con enerxías renovables, que subministre enerxía térmica a varios edificios, será subvencionable o custo da rede de distribución de enerxía térmica (ata a sala de caldeira existente se se conecta a ela ou, no caso contrario, ao punto de entrada ao edificio) e, se for o caso, o custo dos sistemas para a conexión coas salas de caldeiras existentes. A obra civil necesaria da nova sala de caldeiras.

6.2. Proxectos integrais de aforro e eficiencia enerxética.

Considéranse elixibles as actuacións que contribúan a diminuír a demanda enerxética e á mellora da eficiencia enerxética nos edificios existentes tales como a renovación de elementos construtivos como carpintaría, fachadas ou cubertas así como a renovación de equipos e instalacións e a incorporación de sistemas de control e xestión enerxética que permitan unha redución da enerxía primaria non renovable cos criterios establecidos no punto 7, tendo en conta que o proxecto no seu conxunto teña un carácter integral. Tamén se consideran subvencionables os certificados de eficiencia enerxética e as auditorías enerxéticas.

6.3. Conceptos non subvencionables:

a) Os gastos de funcionamento da actividade subvencionada e material funxible en xeral.

b) As obras de mantemento.

c) Os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En ningún caso serán subvencionables as instalacións ou equipamentos que xa fosen obxecto de axuda.

Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Artigo 7. Proxectos que se subvencionan

7.1. Proxectos de enerxías renovables.

Co obxectivo de garantir o máximo aproveitamento enerxético do combustible e minimizar as emisións de substancias contaminantes á atmosfera, os equipos de xeración de calor deberán ser instalacións con avanzadas prestacións operativas, con elevados niveis de eficiencia enerxética e cun bo comportamento con respecto ao ambiente.

Para tal efecto, no caso que fose necesario, as instalacións financiadas deben cumprir cos requisitos establecidos no Real decreto 1027/2007, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de instalacións térmicas de edificios (RITE), respecto a instalacións térmicas, coas condicións establecidas no documento recoñecido do RITE, e especificamente:

a) Caldeiras de biomasa.

No caso das caldeiras de biomasa, cando o regulamento sexa de aplicación, os equipamentos térmicos terán una cualificación enerxética mínima de B para que o proxecto sexa subvencionable ou un rendemento superior ao 80 % no caso de que estes regulamentos non sexan de aplicación.

b) Bombas de calor.

No caso das bombas de calor, os equipamentos que se instalan deberán contar cun coeficiente de eficiencia enerxética en modo calefacción (COP) igual ou superior a 3,5, nas condicións establecidas na norma que lles afecte (UNE-EN 14511:2012, UNE-EN 15316:2010, UNE-EN 16147, UNE-EN 14825:2012, etc). Tomaranse como temperaturas de referencia para o cálculo do COP e da potencia 0/35 ºC para bombas de calor xeotérmicas e 7/35 ºC para aerotermia. Polo tanto, para xustificar esta condición, deberá achegarse a documentación xustificativa do ensaio para a obtención do COP.

c) Solar térmica.

Considéranse nesta epígrafe as instalacións que aproveitan a radiación solar para o quentamento dun fluído mediante paneis solares planos ou tubos de baleiro, sempre que a súa utilización conduza a un aforro dun combustible convencional.

Non serán subvencionables aquelas instalacións destinadas á xeración de auga quente sanitaria (AQS) ou climatización de piscinas que sexan obrigatorias en virtude do Documento básico HE 4-Contribución solar mínima de auga quente sanitaria do Código técnico da edificación (CTE), aprobado polo Real decreto 314/2006, do 17 de marzo, independentemente da porcentaxe de contribución solar que cubra a instalación solar proxectada nestes usos. Para instalacións afectadas polo CTE que tamén se destinen a outras aplicacións non obrigadas por esta normativa, unicamente se poderá obter axuda pola parte correspondente a estas últimas aplicacións.

As instalacións solares destinadas ao apoio á calefacción unicamente serán subvencionables se utilizan emisores de baixa temperatura de deseño (menores de 50 ºC), como chan radiante, radiadores de baixa temperatura ou fan coils.

Non serán subvencionables aquelas instalacións destinadas ao quentamento da auga de piscinas descubertas.

O coeficiente global de perdas do panel solar deberá ser inferior ou igual a 9 W/(m2º C).

7.2. Proxectos integrais de aforro e eficiencia enerxética.

As actuacións en materia de renovación enerxética terán un carácter integral. Exixirase que as intervencións se xustifiquen nas auditorías enerxéticas que terá en conta a guía técnica da Comisión (Guía técnica. Financiando la renovación enerxética de los edificios con fondos das políticas de cohesión) neste ámbito.

Por outra banda, exixirase unha porcentaxe de redución significativa no consumo de enerxía primaria no renovable, de modo que os niveis de aforro de enerxía primaria no renovable sexan maiores ou iguais ao 15 % no conxunto da actuación que se leve a cabo, con respecto á situación inicial.

Artigo 8. Contía da axuda

1. A intensidade máxima da axuda será do 80 % do custo elixible.

2. A contía máxima por beneficiario será de 2.400.000 €. Este límite poderá ser modificado no caso de que coas solicitudes presentadas non se cubra o orzamento total ou específico da convocatoria.

Artigo 9. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes (anexo I) subscribiranas directamente os interesados ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito. A publicación dos formularios de solicitude no DOG faise unicamente para efectos informativos.

2. O prazo de presentación de solicitudes será de dous (2) meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. Se algún dos solicitantes presenta a súa solicitude e a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Os solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

5. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos, 5 MB por arquivo individual, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos.

7. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

No suposto de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirllo á persoa interesada, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

8. Na páxina web do Inega disporase de instrucións de axuda para consulta dos solicitantes. Para o caso de dificultades técnicas ou no caso de requirir máis información, o Inega pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do número de teléfono 981 54 15 00 ou do enderezo de correo electrónico inega.info@xunta.gal

Artigo 10. Documentación complementaria da solicitude

1. As entidades deberán achegar xunto coa solicitude (anexo I), anexadas, copias dixitalizadas da seguinte documentación:

a) Acreditación da titularidade dos terreos ou inmobles sobre os que se vai executar o proxecto, ou da dispoñibilidade deles durante un período mínimo de cinco anos contados desde o último pagamento (que permitan concretar a situación do predio ou inmoble sobre o terreo).

b) Documentación técnica.

b.1. Renovables. Memoria técnica da actuación, asinada por un técnico competente, que incluirá como mínimo:

1º. Descrición da instalación proxectada segundo o modelo de memoria técnica dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) en que se identificarán os sistemas do equipamento xerador e do resto dos compoñentes principais da instalación, identificando a potencia da instalación que se corresponde co indicador de produtividade CO30 (capacidade adicional para producir enerxía renovables (MW). Tamén incluirá unha xustificación do calor útil demandado e das emisións evitadas de gases de efecto invernadoiro que se corresponden co indicador de produtividade CO34 (redución anual estimada de gases de efecto invernadoiro (t CO2/ano).

2º. Plano de situación onde se indique a localización dos equipamentos. Fotografía de vista aérea en que se indique de forma apreciable a edificación onde se executará a instalación (Sixpac, catastro, etc). Bosquexos ou planos en que se localicen os equipamentos na edificación.

3º. Folla de características dos equipos xeradores. No caso da biomasa incluirase a documentación relativa ao índice de eficiencia enerxética ou rendemento.

4º. Orzamento desagregado.

5º. No caso da xeotermia, aerotermia e solar térmica os certificados de rendemento dos sistemas xeradores coas seguintes especificacións:

Xeotérmica e aerotermia.

Certificado do coeficiente de rendemento en modo calefacción (COP) emitido por un laboratorio independente e acreditado para realizar as probas segundo a norma que lles afecte (UNE- EN 14511:2012, UNE-EN 15316:2010, UNE-EN 16147, UNE-EN 14825:2012, etc). Para acreditar este coeficiente, deberá xuntarse a certificación emitida por Eurovent, a EPHA (Asociación Europea da Bomba de Calor) ou por un laboratorio de ensaio acreditado para este tipo de ensaios, segundo a normativa vixente. Tomarase como temperaturas de referencia para o cálculo do COP e da potencia 0/35 ºC para bombas de calor xeotérmicas e 7/35 ºC para aerotermia.

Solar térmica.

Resolución de certificación do panel solar en vigor, emitida pola Administración competente. Se na resolución de certificación non se recolle de xeito íntegro a seguinte información do panel: marca, modelo, superficie de apertura e coeficientes de rendemento, entregarase a maiores copia do ensaio realizado por unha entidade debidamente acreditada (segundo a Orde ITC/71/2007, do 22 de xaneiro, do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio ou, se for o caso, a norma que a substitúa) que serviu de base para a emisión da resolución de certificación.

b.2. Proxectos integrais de aforro e eficiencia enerxética.

1º. Memoria técnica. Que incluirá unha descrición do proxecto segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) indicando adecuadamente a situación de partida e as actuacións que se vaian realizar cun orzamento desagregado. Nesta memoria realizarase unha xustificación do cumprimento do artigo 7.2 das bases reguladoras no relativo a enerxía primaria no renovable aforrada, calculada, principalmente, a partir dos datos procedentes dos certificados enerxéticos antes e despois da actuación. A documentación achegada deberá corresponderse especificamente coas actuacións para as que se solicita a axuda. Os diferentes documentos técnicos que se achegan (proxecto, informe xustificativo, certificado de eficiencia enerxética do edificio, orzamento, etc.) deberán corresponderse coas mesmas actuacións para as que se solicita axuda, de forma que sexan coherentes entre si e os datos técnicos que acheguen sexan coincidentes ou razoablemente similares. Por outra parte, xustificarase o cálculo do indicadores de seguimento do programa operativo Feder deste eixe, CO32 (redución do consumo anual de enerxía primaria en edificios públicos) y CO34 (redución anual estimada de gases de efecto invernadoiro (t CO2/ano). Esta memoria estará asinada por técnico competente.

2º. Certificados de eficiencia enerxética do edificio.

2.a) Certificado de eficiencia enerxética actual do edificio co contido que establece o artigo 6 do procedemento básico para a certificación da eficiencia enerxética dos edificios do Real decreto 235/2013, do 5 de abril, asinado por técnico competente.

2.b) Certificado de eficiencia enerxética logo das reformas propostas para as que se solicita a axuda. No caso en que o conxunto das medidas de aforro xa fosen incluídas no certificado de eficiencia enerxética do estado actual do edificio (anexo III: recomendacións para a mellora da eficiencia enerxética) non será preciso achegar este certificado no momento da solicitude.

O certificado estará asinado por un técnico competente, non sendo necesario que este certificado de eficiencia enerxética estea rexistrado no rexistro do órgano competente da Comunidade Autónoma. Para a avaliación desta documentación o Inega poderá requirir, no caso de que o considere necesario, os arquivos de cálculo do programa informático recoñecido polo ministerio competente en enerxía para o cálculo da cualificación enerxética.

3º. Auditoría enerxética en que se xustifiquen as medidas de aforro propostas.

4º. Proxecto de difusión e xestión intelixente da enerxía.

Describiranse os paneis informativos que se instalarán nos edificios así como outras medidas destinadas a incrementar a capacidade de difusión dos aforros enerxéticos e das medidas implantadas. Neste documento incluirase unha valoración dos orzamentos previstos na epígrafe de difusión no relativo ás infraestruturas previstas. Tamén se xustificará a implantación do sistema de xestión enerxética certificado segundo a norma UNE-EN ISO 50001, se for o caso, e dos sistemas de xestión e medida centralizados en contorno web.

5º. Memoria en que se especifique o grao de madurez do proxecto.

Nesta memoria especificarase o grao de concreción do proxecto e o avance das licenzas para acometer os investimentos previstos así como outros aspectos que permitan avaliar o grao de madurez do proxecto.

c) Ademais da documentación sinalada nas epígrafes a) e b), deberán achegar:

c.1. Acreditación do nomeamento do representante da entidade solicitante.

c.2. Certificado do acordo adoptado polo órgano competente polo que se aproba solicitar a axuda regulada nestas bases.

c.3. Certificación administrativa ou declaración responsable de que non concorren nigunha das causas de exclusión previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, segundo o artigo 10.7 desta lei.

d) Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación do proxecto.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación dos datos

1. Para a tramitación de este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante, cando se trate dunha persoa física.

c) NIF da entidade representante, cando se trate dunha persoa xurídica.

2. No caso de que a persoa interesada se opoña a esa consulta deberá indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. De conformidade co artigo 17.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, o Inega publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na súa páxina web oficial (www.inega.gal) e no Diario Oficial de Galicia expresando a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade. A publicidade no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Inega.

3. Na publicación que se faga no DOG e no taboleiro electrónico das axudas cofinanciadas con fondos Feder e individualmente concedidas ao abeiro desta convocatoria, incluirase unha referencia expresa ás disposicións pertinentes do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, ao seu título e á data de publicación no Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE).

4. En cumprimento do artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 14. Compatibilidade das subvencións

1. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre que non se supere o 100 % do investimento subvencionable.

Non obstante, e de acordo co establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, o proxecto poderá recibir axuda doutros fondos EIE, dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, coa condición de que o gasto declarado nunha solicitude de pagamento correspondente a un dos fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro fondo ou instrumento da Unión, ou axuda do mesmo fondo no marco dun programa distinto.

2. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 21 destas bases reguladoras.

Artigo 15. Órganos competentes

A Xerencia do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións e corresponde ao director do Inega ditar as diferentes resolucións que se deriven do dito procedemento.

Artigo 16. Instrución dos procedementos

1. Unha vez presentada a solicitude xunto coa documentación complementaria, o órgano instrutor comprobará que reúne todos os requisitos e se achegan todos os documentos exixidos polas bases reguladoras. De non ser así, de conformidade coa normativa reguladora do procedemento administrativo común, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos; coa advertencia expresa de que, se así non o fixese, teráselle por desistido na súa petición e arquivarase o expediente.

2. Tales requirimentos de emenda, así como calquera tipo de notificación, realizaranse a través de medios electrónicos, de conformidade co establecido no artigo artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, tal e como se desenvolve no artigo 19.

Calquera persoa física ou xurídica poderá dispoñer deste sistema de enderezo electrónico habilitado asociado ao seu NIF, no cal recibirá a notificación dos procedementos a que se subscriba. É un procedemento gratuíto que só require dispoñer de calquera dos certificados dixitais habilitados na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Se o envío da notificación non é posible por problemas técnicos, o Inega practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo.

4. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

Artigo 17. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados nos artigos seguintes, así como de propor a concesión das subvencións aos interesados.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) O Director do departamento de Enerxía e Planificación Enerxética.

b) Dous técnicos do Inega.

3. No documento co resultado da avaliación que elabore a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, especificándose a puntuación que lles corresponde así como o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible nos diferentes tipos de actuacións que se subvencionan.

4. Exceptuarase o sistema de valoración previsto no artigo seguinte cando os fondos dispoñibles sexan dabondo para que perciban as axudas solicitadas todos os proxectos que fosen admitidos a trámite e reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria.

5. De ser o caso, este documento contará cunha relación dos proxectos admitidos que non acadaron a subvención polo esgotamento do orzamento dispoñible, que conformarán a lista de agarda. O órgano xestor poderá acordar activar a lista de agarda no suposto de que algunha persoa beneficiaria renuncie á subvención concedida ou recaia no dereito á súa percepción; neste caso os créditos liberados poderán asignarse por orde decrecente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto.

Artigo 18. Criterios de valoración

18.1. Enerxías renovables.

1. Características técnicas dos principais equipos (ata 50 puntos).

a) Biomasa.

a.1) Prestacións segundo as características do equipo xerador (ata 30 puntos).

Valorarase o equipo xerador tendo en conta os seguintes criterios:

i. Rendemento (20 puntos).

Utilizaranse os seguintes valores para definir as puntuacións desta subepígrafe, utilizando o valor da etiquetaxe enerxética cando lle sexa de aplicación ao equipamento térmico e o rendemento en caso contrario.

Valor da clase de eficiencia enerxética incluída na etiqueta en modo calefacción

Rendemento (R)

P: 20 puntos

A+++

R≥95 %

P: 15 puntos

A++

75<R<95 (1)

P: 10 puntos

A+

P: 5 puntos

A

P: 0 puntos

B

R=80 %

(1) O resto dos equipamentos puntuaranse proporcionalmente

ii. Fluído caloportador (5 puntos).

Auga: 5 puntos.

Aire: 0 puntos.

iii. Sistema de alimentación do combustible (5 puntos).

Automática: 5 puntos.

Manual: 0 puntos.

a.2) Calidade enerxética do combustible empregado polo equipo (ata 10 puntos).

Este punto valorarase tendo en conta o combustible utilizado:

– Pellet: 10 puntos.

– Estelas: 6 puntos.

– Leña: 3 puntos.

– Residuos forestais e outros tipos de biomasa: 1 punto.

a.3) Sistema de limpeza automática do intercambiador (10 puntos).

b) Aerotermia, xeotermia e solar térmica.

Nesta epígrafe avaliaranse os coeficientes de rendemento enerxético dos principais equipos, COP no caso das bombas de calor e o rendemento de paneis solares en termos de kW/m2, rendemento obtido a partir dos coeficiente de ensaio indicados na epígrafe correspondente.

No caso das bombas de calor outorgarase unha puntuación de 0 puntos para as bombas de calor con COP de 3,5 e a máxima puntuación para as de COP igual ou superior a 5,5. O resto de bombas de calor puntuaranse proporcionalmente.

No caso dos paneis solares outorgarase unha puntuación de 0 puntos para os paneis solares con rateo igual ou inferior a 0,4 kW/m2 e a máxima puntuación para os iguais ou superiores a 0,55 kW/m2. O resto de paneis solares puntuarase proporcionalmente.

2. Grao de utilización da instalación segundo o uso e a demanda (ata 20 puntos).

Tendo en conta a demanda da instalación avaliarase o seu grao de utilización considerando o calor útil demandado e a capacidade de xeración da instalación.

3. Enerxía renovable xerada/investimento (ata 30 puntos).

Avaliarase tendo en conta a relación entre a enerxía renovable xerada e o seu investimento.

Os empates que, de ser o caso, se produzan dirimiranse aplicando os criterios na orde que a seguir se expón:

1º. Maior puntuación obtida na epígrafe características técnicas dos principais equipos.

2º. Maior puntuación obtida na epígrafe enerxía renovable xerada/investimento.

3º. Maior puntuación obtida na epígrafe grao de utilización da instalación.

18.2. Proxectos integrais de aforro e eficiencia enerxética.

1. Aforro de enerxía primaria non renovable (ata 35 puntos).

Outorgarase unha puntuación de 0 puntos para os proxectos cuxo aforro da enerxía primaria non renovables sexa do 15 % e a máxima puntuación para os proxectos cuxo aforro sexa dun 60 %. O resto dos proxectos puntuarase proporcionalmente.

2. Relación aforro de enerxía primaria non renovable anual/investimento elixible (ata 30 puntos).

Outorgarase a puntuación máxima a aqueles proxectos que obteñan valores de 2 kWh/€ ou superiores e 0 puntos para os proxectos cuxo rateo sexa de 0,2 kWh/€. O resto dos proxectos puntuarase proporcionalmente.

3. Grao de madurez e concreción do proxecto (hasta 15 puntos).

a) Grao de concreción do proxecto (ata 7 puntos).

Adicionalmente á documentación técnica requirida para a presentación da solicitude, avaliarase a presentación de documentos técnicos adicionais que permitan dispoñer dun maior grao de concreción, como son os anteproxectos ou proxectos técnicos, que serán valorados da seguinte forma:

– Anteproxecto asinado por técnico competente: 3 puntos.

– Proxecto técnico asinado por técnico competente: 7 puntos.

b) Licenzas (ata 8 puntos).

– Solicitude de licenza de obra: 3 puntos.

– Licenza de obra concedida: 8 puntos.

4. Difusión e xestión intelixente da enerxía (ata 20 puntos).

A puntuación desta epígrafe outorgarase tendo en conta o seguinte:

a) Orzamento destinado a medidas de difusión (máximo 10 puntos). Se o orzamento do proxecto de difusión fose superior ao 0,1 % do orzamento do proxecto a puntuación será o 50 % da puntuación desta subepígrafe, mentres que se o orzamento fose superior ao 0,2 % a puntuación do proxecto será a máxima.

b) Outorgaranse 5 puntos adicionais a aqueles proxectos que integren equipos de xestión e medida centralizados en contorno web.

c) Outorgaranse 5 puntos adicionais a aqueles proxectos que se desenvolvan nun centro en que estivese implantado o sistema de xestión enerxética certificado segundo a norma UNE-EN ISO 5000.

Artigo 19. Resolución e notificación

1. Elaborada a relación prevista no artigo 17.3 destas bases, e sempre con anterioridade á resolución do procedemento, efectuarase o trámite de audiencia, por un prazo de 10 días. Cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, prescindirase do trámite de audiencia.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de catro (4) meses, contados desde a data de finalización do período de presentación das solicitudes ou, de ser o caso, da súa emenda.

Se transcorrese o prazo sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, estarase ao sinalado no artigo 33.7 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

4. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, a contía da subvención, as obrigas dos beneficiarios, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse coa axuda, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA).

5. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida

7. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

8. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

9. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 20. Réxime de recursos

1. Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta resolución de convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o presidente da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin a vía administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 21. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión (DECA) en que se recollerán as modificacións e, de ser o caso, os valores estimados dos indicadores de produtividade.

2. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os requisitos previstos na epígrafe seguinte.

3. O órgano competente para a concesión da subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia do beneficiario respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

4. As modificacións de proxectos que non se comuniquen con anterioridade á xustificación do investimento, ou aquelas que de xeito previo non acheguen a documentación necesaria para a súa valoración, tramitaranse conxuntamente coa documentación xustificativa do investimento, utilizando o requirimento de emenda de xustificación para completar o expediente. Poderán formalizarse a aceptación da modificación do proxecto e a xustificación deste mediante a resolución de pagamento sempre e cando a modificación do proxecto respecte os requisitos establecidos no punto 3 deste artigo e se achegue toda a documentación da solicitude modificada.

5. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación do proxecto, que poderá ou non afectar os termos da resolución de concesión, será ditado polo director do Inega logo da instrución do correspondente expediente no cal se lle dará audiencia aos interesados.

Artigo 22. Aceptación e renuncia

1. No caso de que o beneficiario dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá enviar un escrito, por medios electrónicos a través da aplicación informática, comunicando este feito co fin de proceder ao arquivo do expediente.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución que se notificará ao interesado por medios electrónicos, de conformidade co procedemento establecido no artigo 19 destas bases reguladoras.

Artigo 23. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios, sen prexuízo das demais obrigas que figuran no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Xustificar ante o Inega o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.

3. Someterse ás actuacións de comprobación e control que deban efectuar o Inega, a IXCA, a IGAE, o Tribunal de Contas, e o Consello de Contas as comprobacións e verificacións que deban realizar o OI, AX ou AC e, de ser o caso, os órganos de control da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo ou outras instancias de control, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4. Comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e sempre con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

5. Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado por un período mínimo de cinco anos a contados desde o último pagamento ao beneficiario.

6. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta axuda e conservar a documentación xustificativa relativa aos gastos financiados durante un prazo de tres anos no caso de operacións cun gasto subvencionable inferior a un 1.000.000 € a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas cales estean incluídos os gastos da operación. O Inega informará os beneficiarios das contas en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída.

No caso das operacións non recollidas no parágrafo primeiro, todos os documentos xustificativos estarán dispoñibles durante un prazo de dous anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída.

7. En relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, punto 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013, o beneficiario deberá:

a) En todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo, deberá recoñecer o apoio do Inega, da Xunta de Galicia e do Feder ao proxecto incluíndo a imaxe institucional do Inega e da Xunta de Galicia e mostrando o emblema da Unión, así como unha referencia á Unión Europea, e unha referencia ao Fondo, que dá apoio á operación, o lema do Fondo «Unha maneira de facer Europa».

b) Durante a realización do proxecto e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento ou emprego, o beneficiario informará o público do apoio obtido do Inega, da Xunta de Galicia e do Feder: a) facendo unha breve descrición no seu sitio da internet, no caso de que dispoña dun, da operación, de maneira proporcional ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro da Unión. b) colocando, polo menos, un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), no cal mencionará a axuda financeira da Unión, nun lugar ben visible para o público, por exemplo, na entrada dun edificio.

O beneficiario colocará, nun lugar ben visible para o público, un cartel ou placa permanente de tamaño significativo nun prazo de tres meses a partir da conclusión dunha operación que reúna as características seguintes: a operación consistará na compra dun obxecto físico, no financiamento dunha infraestrutura ou en traballos de construción.

O Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 especifica nos artigos 3 e 4 a forma en que debe crearse o emblema e as características técnicas del e no artigo 5 as características técnicas das placas fixas e dos carteis publicitarios temporais e permanentes.

O Inega facilitará modelos aos beneficiarios a través da súa páxina web.

8. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

9. A aceptación da axuda cofinanciada con fondos Feder 2014-2020, implica a aceptación da inclusión dos beneficiarios na lista de operacións a que fai referencia o artigo 115, punto 2, e co contido previsto no anexo XII, do Regulamento (UE) nº 1303/2013, que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda:

http://www.dgfc.sepg.minhafp.gob.es/sitios/dgfc/es-Es/loFeder1420/porFeder/Paginas/inicio.aspx

10. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade dos previstos no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

11. Con carácter xeral, a documentación presentada permitirá ao Inega medir os indicadores de produtividade asociados a estas bases reguladoras que son, para o subprograma de proxectos de enerxías renovables térmicas, o CO30 capacidade adicional para producir enerxía renovable [MW] e o CO34 redución anual estimada de gases efecto invernadoiro (GEI): toneladas equivalentes de CO2/ano; e para os proxectos integrais de aforro e eficiencia enerxética o CO32 redución do consumo anual de enerxía primaria en edificios públicos e o CO34 redución anual estimada de gases efecto invernadoiro (GEI): toneladas equivalentes de CO2/ano).

Artigo 24. Subcontratación

Permitirase que o beneficiario subcontrate con terceiros a execución de ata o 100 % da actuación que se subvenciona nos termos recollidos no artigo 27 e concordantes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvención de Galicia.

Artigo 25. Anticipos

1. O beneficiario da axuda poderá solicitar un anticipo unha vez notificada a resolución de concesión e coa data límite do 1 de decembro de 2019.

2. Os solicitantes das axudas, poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % do importe da subvención concedida, naqueles supostos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. A solicitude de anticipo será obxecto de resolución motivada polo órgano concedente da subvención.

3. Cando se prevexa a posibilidade de realizar anticipos os beneficiarios desta convocatoria quedan exonerados de constituír garantía, en virtude do artigo 65.4 do Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro.

Artigo 26. Prazo para a execución da instalación

1. A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 15 de setembro de 2020.

2. A documentación xustificativa do investimento realizado presentarase electrónicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 28.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 27. Xustificación da subvención

1. Para o cobramento da subvención concedida, o beneficiario deberá presentar toda a documentación que se sinala nos puntos seguintes deste artigo e solicitará o pagamento mediante a presentación do anexo II, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá cubrirse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal , ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

2. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvención de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polos beneficiarios, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 19 destas bases reguladoras.

No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado documentación ningunha, requirirase igualmente o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 28. Documentación xustificativa do investimento

1. Para o cobramento da subvención concedida o beneficiario deberá xustificar previamente o investimento que lle supuxo executar o proxecto ou actuación subvencionada. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados, na data límite de execución do proxecto.

2. Para o cobramento da subvención concedida, o beneficiario presentará, xunto coa solicitude de pagamento, toda a documentación que se sinala nos puntos seguintes:

a) Tendo en conta que as entidades beneficiarias teñen a consideración de Administración pública para os efectos da Lei 9/2017 de contratos do sector público, deberán tramitar os procedementos de contratación nos termos previstos na dita lei.

b) Unha copia completa, preferiblemente escaneada, ou ben en soporte papel nos casos en que non sexa posible a presentación electrónica da documentación integrante do expediente de contratación, sen prexuízo das comprobacións que puideran efectuarse sobre a documentación orixinal, que poderá ser requirida para os efectos de ulteriores controis.

Tamén incluirán a conta xustificativa composta de facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados. Os gastos aparecerán desagregados por conceptos ou unidades de obra.

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

Presentaranse facturas orixinais, ou facturas electrónicas rexistradas no punto xeral de entrada de facturas electrónicas da Administración xeral do Estado (FACE) ou plataforma similar.

A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Non se admitirán supostos de autofacturación (facturas emitidas polo propio beneficiario da subvención).

Os provedores non poderán estar vinculados co organismo solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores.

Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

i. Xustificante bancario (transferencia bancaria, certificación bancaria, xustificante bancario do ingreso efectivo polo portelo), en que conste: o titular da conta desde a que se realiza a operación ou a persoa que realiza o ingreso efectivo, que debe coincidir en todo caso coa persoa beneficiaria da subvención, receptor do pagamento (empresa ou autónomo) e número de factura obxecto do pagamento.

ii. Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, nota provisoria, letra de cambio): achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

No caso de que non quede acreditado o concepto do gasto, deberá achegar, ademais, xustificante de recepción asinado e selado polo provedor en que se especifique o número de factura pagada, número e data do cheque e NIF e nome da persoa receptora do cobramento.

Tanto no caso do cheque nominativo como de obriga de pagamento, para efectos de data de pagamento, terase en conta a data de cargo na conta do extracto bancario. En ningún caso se tera en conta como data de pagamento efectivo a da entrega do cheque ao provedor.

iii. Non se admitirán en ningún caso como xustificante os documentos acreditativos de pagamentos en metálico, nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou se non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

A data dos xustificantes do gasto e do pagamento debe ser posterior ao 1 de xaneiro de 2019 e terá como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de xustificación previsto no artigo 26.

En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos recollidos nas letras a), b) e c) do artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A certificación ten que estar expedida pola Intervención ou o órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a que foi concedida. Facendo constar como mínimo:

i. O cumprimento da finalidade da subvención.

ii. Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación do/a acredor/a, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Salvo disposición expresa das bases reguladoras, e sen prexuízo do previsto na letra c) deste mesmo artigo, non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

c) Certificación administrativa ou declaración responsable de que non concorren algunha das causas de exclusión previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, segundo o artigo 10.7 desta lei.

d) Xustificación de ter dado cumprimento ás obrigas establecidas no artigo 23.7 en materia de información e comunicación, sobre o apoio procedente dos fondos Feder, recollidas no anexo XII punto 2 do Regulamento (CE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

e) Nos proxectos de enerxías renovables, o beneficiario achegará un certificado asinado polo técnico instalador, en que se indique a data de finalización da instalación que se subvenciona. Naqueles proxectos de xeración térmica con potencia superior a 70 kW deberá achegarse o certificado de dirección de obra asinado polo técnico. Naquelas instalacións que requiran a súa inscrición no rexistro da consellería competente en materia de industria, o beneficiario deberá achegar o xustificante de solicitude de inscrición da instalación nese rexistro. Nese xustificante deberán figurar as características técnicas e o correspondente código de acceso ao referido rexistro, para ter a posibilidade de verificación no caso de que fose necesario.

f) En proxectos integrais de aforro e eficiencia enerxética, o beneficiario achegará o certificado de eficiencia enerxética obtido unha vez realizadas as actuacións, subscrito por técnico competente, en que se acredite o cumprimento dos niveis de aforro exixido no artigo 7.2 das bases da convocatoria. Este certificado estará rexistrado no rexistro do órgano competente da Comunidade Autónoma.

g) Fotografías dos principais equipamentos instalados.

Artigo 29. Pagamento das axudas

1. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

2. Previamente á proposta de pagamento, e sempre que se trate de subvencións de capital cun importe superior a 60.000 €, os servizos técnicos do Inega realizarán unha inspección de comprobación material en que certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda.

3. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderá reducirse proporcionalmente se debido á redución do investimento se superan as porcentaxes máximas de subvención.

Artigo 30. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Instituto Enerxético de Galicia, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia. Os datos serán comunicados á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellería de Facenda coa finalidade de realizar a xestión, seguimento, información, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europea na súa condición de organismo intermedio dos programas operativos en virtude das funcións atribuídas pola autoridade de xestión dos programas operativos segundo o disposto nos artigos 125, punto 2, artigo 140, puntos 3 a 5, e anexo XIII, punto 3, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e as súas disposicións de desenvolvemento.

A fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Artigo 31. Perda do dereito a subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar a devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire a epígrafe anterior será o establecido no tiítulo II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento dos proxectos:

En caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e, de ser o caso, deben reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

Incumprimento total: se o beneficiario xustifica conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención, reintegrando todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas e a xustificación sexa igual ou superior ao 60 %, poderá apreciarse un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión.

Sen prexuízo doutros supostos que poidan concorrer, no caso de condicións referentes á contía ou concepto da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a un concepto distinto do considerado subvencionable, debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

4. Reintegro das axudas no caso de non manter as condicións establecidas nestas bases:

Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder.

Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non dar publicidade ao financiamento do proxecto de acordo co establecido nestas bases.

Suporá a perda dun 5 % non comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención, unha vez recalculada a subvención e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

Suporá a perda da subvención, de forma proporcional ao período en que se incumpra o requisito, non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período de cinco anos.

No caso de condicións que constitúan obrigas que o beneficiario debe acreditar en fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc), estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada nesta epígrafe só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso en que se detecten en controis posteriores o pagamento dalgún incumprimento relativo a esas obrigas.

Artigo 32. Réxime de sancións

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 33. Fiscalización e control

1. Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Inega para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, á autoridade de xestión e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e as verificacións do artigo 125 do Regulamento (CE) núm. 1303/2013, polo que se fixan as disposicións comúns relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 347 do 20.12.2013), que xa foron mencionadas na letra c) do artigo 23 das bases.

2. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puideran ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención General de la Administración del Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

Artigo 34. Comprobación de subvencións

1. O órgano competente para conceder a subvención comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de gastos será de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos das operacións, tal e como se define no artigo 140 do Regulamento (CE) núm. 1303/2013, polo que se fixan as disposicións comúns relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 347, do 20.12.2013).

2. Previamente á proposta de pagamento, e sempre que se trate de subvencións de capital con un importe superior a 60.000 €, os servizos técnicos do Inega realizarán unha inspección de comprobación material do investimento, quedando constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada, tanto polo representante da Administración como polo beneficiario.

Artigo 35. Remisión normativa

As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras rexeranse, entre outras, polas seguintes normas:

a) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, Fondo Social Europeo, Fondo de Cohesión, Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

b) Regulamento (UE) nº 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

c) Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

2. Así mesmo, rexeranse pola normativa aplicable ás axudas e subvencións na Comunidade Autónoma, en particular a seguinte:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

f) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

g) Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se transpoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE, do 26 de febreiro de 2014.

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file