Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Xoves, 12 de setembro de 2019 Páx. 39933

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 3 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública dos premios á dinamización demográfica 2019 para distinguir as iniciativas das entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia a prol do crecemento demográfico (código de procedemento PR420C).

Galicia, coma o resto de Europa, enfronta importantes retos demográficos. Atopámonos ante un cambio na dinámica e estrutura demográfica que ten efectos importantes a nivel humano, social, cultural, económico, político e ambiental, do cal é preciso tomar conciencia e articular as medidas oportunas para xestionalo con éxito, medidas en que as entidades locais deben ter un papel protagonista.

Este cambio ten unhas características específicas no rural galego e exixe a adopción de medidas concretas a curto e medio prazo e en distintos ámbitos en que conflúen competencias de todas as administracións, polo que é obrigada a colaboración e cooperación entre elas.

A distribución da poboación no noso territorio é moi heteroxénea; Galicia conta con amplas zonas con moi baixa densidade de poboación que corren o perigo de quedar desertas e zonas, principalmente as áreas urbanas, cunha concentración de poboación destacable. Serve para ilustrar esta dicotomía este dato: o rural galego ocupa o 83,5 % do noso territorio pero conta con menos do 19,4 % da poboación.

Os últimos estudos, como o recente informe do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, poñen de manifesto que o medio rural galego, con excepción das comarcas situadas no contorno das cidades do Eixo Atlántico, vén sufrindo un despoboamento xeneralizado no que o acusado envellecemento, unido aos baixos niveis actuais de nacementos, e os movementos migratorios da mocidade cara ás cidades son circunstancias que converxen para situar os concellos rurais galegos nunha regresión demográfica dificilmente reversible.

A preocupación polo reto que supón este cambio demográfico vén sendo desde hai tempo unha prioridade estratéxica para o Goberno galego. Desta atención son exemplo os distintos instrumentos de planificación deseñados para abordalo desde diversas áreas de goberno ou o máis recente establecemento das liñas estratéxicas para o impulso e a dinamización demográfica de Galicia, mediante a ordenación e coordinación das políticas públicas e o fomento da actuación conxunta dos distintos axentes sociais e económicos de Galicia.

O Goberno galego pretende abordar a situación demográfica cun enfoque integral e transversal, e o anteproxecto de lei de impulso demográfico de Galicia aprobado polo Consello da Xunta o pasado 27 de xuño constitúe o último paso dado para o establecemento dun marco normativo que ampare e guíe a actuación das diferentes administracións públicas galegas e garanta a súa sistematicidade e coherencia.

Sen prexuízo do anterior, as administracións locais de Galicia xa veñen desenvolvendo diversas actuacións neste ámbito que constitúen boas prácticas e, polo tanto, cómpre visibilizalas e recoñecelas.

Neste contexto, o recoñecemento das iniciativas e das accións específicas que as administracións locais leven a cabo para xestionar o declive demográfico nos seus ámbitos territoriais permite pór en valor aquelas decisións que se revelen eficaces e que se poidan converter en medidas aplicables noutros concellos da nosa comunidade autónoma.

Con esta finalidade, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, mediante esta orde, establece as bases reguladoras e a convocatoria da I edición dos premios á dinamización demográfica, cos cales pretende recoñecer as mellores iniciativas en prol da dinamización demográfica do seu territorio promovidas por concellos, de forma individual ou conxunta, polas mancomunidades de concellos e polos consorcios locais de Galicia.

Por outra banda, o actual contexto de estabilidade orzamentaria aconsella manter aquelas medidas que impulsan e promoven unha xestión eficaz e eficiente e permiten rendibilizar os recursos das administracións, das cales veñen sendo boa mostra as fórmulas de xestión compartida na prestación dos servizos públicos, de tal xeito que os resultados positivos dunha posta en común dos recursos permitan continuar prestando uns servizos públicos de calidade sen alterar a estabilidade da situación económica municipal.

Xa que logo, cómpre manter os incentivos á cooperación puntual entre os concellos e aos procesos de fusión municipal, voluntariamente concertados, como medidas de colaboración e reorganización que fagan posible o aforro de custos e asemade a eficacia na xestión. Considerando que tanto o artigo 26 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, como o artigo 81 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración local de Galicia, permiten que os municipios presten os seus servizos independentemente ou asociados, nestas bases reguladoras posibilítase que os concellos presenten iniciativas baixo a modalidade de xestión compartida con outros concellos, a través de agrupacións de concellos.

Neste sentido, o Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 28 de febreiro de 2013 adoptou o acordo de aprobar os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal.

En cumprimento do dito acordo, esta convocatoria incorpora criterios para primar as iniciativas presentadas conxuntamente por mancomunidades de concellos, consorcios locais e agrupacións ou asociacións de concellos fronte ás presentadas individualmente.

Finalmente, o Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, atribúelle á Dirección Xeral de Administración Local as relacións coas entidades locais, así como as convocatorias e propostas de adxudicación de axudas e subvencións ás entidades locais que sexan competencia desa dirección xeral, polo que será este centro directivo o órgano competente para a ordenación e instrución dos procedementos que se inicien en virtude desta orde e ao cal lle corresponda elevar a proposta de resolución do procedemento de concesión dos premios.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Creación do premio e convocatoria

1. Institúense e convócanse os premios á dinamización demográfica 2019 para impulsar e difundir as iniciativas das entidades locais que, de maneira individual ou conxunta, teñan por obxecto o impulso e revitalización demográfica do seu ámbito territorial.

2. Os premios recoñecerán os mellores proxectos de dinamización demográfica promovidos polos concellos, de forma individual ou mediante asociación de concellos, mancomunidades de concellos e consorcios locais de Galicia.

Artigo 2. Obxecto e réxime

1. Os premios á dinamización demográfica 2019 (PR420C) teñen por obxecto a difusión das iniciativas locais que aborden o reto do cambio demográfico mediante a distinción pública de proxectos que aborden o reto da dinamización demográfica promovidos por concellos, agrupacións de concellos, mancomunidades de concellos e consorcios locais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os traballos consistirán en proxectos, incluso proxectos piloto, que persigan a implantación de iniciativas e accións específicas que aborden o reto do cambio demográfico no seu ámbito territorial nalgún dos seguintes ámbitos:

a) Apoio ás familias.

b) Conciliación da vida familiar, laboral e persoal.

c) Apoio á mocidade.

d) Retorno e atracción de nova poboación.

e) Promoción do envellecemento activo e saudable.

f) Creación do marco necesario para o asentamento da poboación no medio rural.

3. A concesión dos premios realizarase mediante o procedemento de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consonte os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

4. Os premios terán os importes indicados no artigo 3 desta orde. Cada un dos premios outorgarase de xeito individual a unha única candidatura ou ben declararase deserto.

Así mesmo, o xurado poderá outorgar unha ou varias mencións especiais a algúns dos proxectos participantes, que non terá dotación económica. As entidades gañadoras desta mención especial recibirán un diploma, que en ningún caso suporá compromiso económico por parte da Administración autonómica.

5. Todas as entidades premiadas e as distinguidas con mención especial recibirán un diploma coa mención Premios á dinamización demográfica 2019 e, no caso das premiadas, o importe do premio, que lles será aboado mediante transferencia bancaria.

6. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado no número 3 deste artigo, as candidaturas examinaraas un xurado, que terá carácter de comisión avaliadora e que se axustará aos principios aplicables aos órganos colexiados segundo a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 3. Financiamento

1. A convocatoria farase efectiva con cargo á aplicación orzamentaria 05.23.141A.460.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, ata unha contía máxima de 77.500 €.

2. Establécense tres categorías de premios coas seguintes contías:

– 1º premio: 40.000 €.

– 2º premio: 25.000 €.

– 3º premio: 12.500 €.

Artigo 4. Entidades destinatarias

1. Poderán optar a estes premios os concellos, de forma individual ou mediante agrupación de concellos, mancomunidades de concellos ou consorcios locais de Galicia que reúnan os seguintes requisitos:

a) Que teñan menos de 20.000 habitantes, de acordo coas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes en 1 de xaneiro de 2018.

b) Todas as entidades participantes deberán cumprir o requisito de ter remitidas ao Consello de Contas de Galicia as contas do exercicio orzamentario de 2017. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes de participación e a súa falta de acreditación por parte dalgunha das entidades participantes na candidatura suporá a inadmisión desta. No caso de agrupacións de concellos, este requisito deberá acreditalo individualmente cada un dos concellos integrantes da agrupación.

Para os efectos desta orde, considérase agrupación de concellos unha candidatura subscrita por dous ou máis concellos.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades en que se dean algunhas das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Non se admitirán as solicitudes presentadas por consorcios locais adscritos ou dos cales forma parte a Xunta de Galicia e financie, en todo ou en parte, os seus gastos de funcionamento.

Artigo 5. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. Os concellos, as agrupacións de concellos, as mancomunidades de concellos, os consorcios locais, segundo proceda, que desexen acollerse aos beneficios desta orde presentarán unha solicitude dirixida á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza segundo o modelo que figura como anexo I.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

5. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación incondicional das bases reguladoras destes premios, que teñen carácter administrativo, e os seus efectos rexeranse polo establecido nesta orde e, no seu defecto, pola normativa xeral que sexa de aplicación.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

a) Proxecto de dinamización demográfica, asinado electronicamente pola persoa representante da entidade local, concretado adecuadamente para facilitar a valoración consonte os criterios establecidos no artigo 11, co contido mínimo e coa estrutura que se indica a seguir:

– Sección 1. Presentación da entidade local, concellos integrantes, de ser o caso, e situación demográfica actual.

– Sección 2. Descrición detallada do proxecto, enumeración das actuacións que se van desenvolver, con indicación dos ámbitos en que inciden, dentro dos enumerados no artigo 2.2 desta orde, metodoloxía empregada, organización dos recursos locais para a realización do proxecto e cronograma das actuacións.

– Sección 3. Resultados acadados ou previstos. No caso de solicitudes conxuntas o proxecto deberá detallar, ademais, os aforros obtidos co proxecto conxunto respecto do custo que suporía a execución individual.

– Sección 4. Orzamento detallado da proposta e importe total dos orzamentos da entidade ou entidades participantes.

– Sección 5. Proxección e replicabilidade noutras administracións.

– Sección 6. Utilización das tecnoloxías da comunicación e da información.

b) Declaración responsable asinada electronicamente pola persoa representante do concello, agrupación de concellos, mancomunidade ou consorcio, incluída no anexo I desta orde, en que se faga constar:

b.1. O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para o proxecto que se presenta á convocatoria do Premio á dinamización demográfica 2019, de calquera outra Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional e, se é o caso, as contías solicitadas ou concedidas.

b.2. Que a entidade solicitante ou, de ser o caso, os concellos integrantes da agrupación que participan na solicitude non está/n incursa/os en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que a entidade está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, e que non é debedora por resolución de procedemento de reintegro.

No caso das agrupacións de concellos, estas declaracións emitiranse con base nas emitidas polas respectivas persoas representantes de cada un dos concellos que a integran. Estas declaracións orixinais deberán quedar en poder do concello representante para a súa incorporación ao procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.

c) No caso de solicitudes individuais de concellos, das mancomunidades ou consorcios, achegarase unha certificación asinada electronicamente pola/o secretaria/o do concello, da mancomunidade ou consorcio, no modelo do anexo II desta orde, na cal se faga constar:

c.1. O acordo do órgano competente da entidade local polo cal se aproba o proxecto de dinamización demográfica e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta orde.

No referido acordo deberá constar expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na orde, e o acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

c.2. A remisión das contas da entidade local ao Consello de Contas de Galicia, correspondentes ao exercicio orzamentario de 2017, a que fai referencia o artigo 4.1.b) desta orde. No certificado quedará acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, polo que se consignará a data de remisión ao Consello de Contas de Galicia e non se admitirán aquelas en que non se faga constar a data de remisión.

O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

d) No caso das agrupacións de concellos, achegarase a seguinte documentación:

d.1. Unha certificación asinada electronicamente pola/o secretaria/o do concello representante no modelo do anexo III desta orde, na cal se faga constar con base nos acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos asociados ou agrupados e/ou nas certificacións emitidas polos/as secretarios/as dos concellos integrantes da agrupación:

a. Que todos os concellos integrantes da agrupación aprobaron o proxecto de dinamización demográfica e aceptaron as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta orde.

Nos referidos acordos deberá constar expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na orde, e os acordos deberán estar adoptados antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

b. O nomeamento do/da alcalde/sa representante con poderes suficientes para cumprir con todas as obrigas que como entidade beneficiaria corresponden á agrupación, e que actuará como coordinador/a, interlocutor/a e perceptor/a do premio.

c. Que todos os concellos participantes na solicitude remitiron as contas do concello ao Consello de Contas de Galicia correspondentes ao exercicio orzamentario 2017, segundo exixe o artigo 4.1.b). Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas de Galicia se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

Os acordos deberán estar adoptados e as contas remitidas antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes. O incumprimento destes requisitos ou a falta da referencia expresa ao contido determinado nos números anteriores, aínda que afecte unha soa das entidades agrupadas ou asociadas, determinará a inadmisión da solicitude.

Os acordos orixinais emitidos polos concellos integrantes da agrupación, así como as certificacións emitidas polos/as secretarios/as destes concellos deberán quedar en poder do concello representante para a súa incorporación ao procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.

d.2. O instrumento xurídico que regule a agrupación e a xestión dos servizos que integran o proxecto, o cal deberá incluír, en todo caso, a designación do/da alcalde/sa que actuará como representante da agrupación. A este representante corresponderalle asinar a solicitude e con el efectuaranse todas as actuacións a que o procedemento dea lugar.

2. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no páragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Mellora e emenda da solicitude

1. A Dirección Xeral de Administración Local notificaralles ás entidades solicitantes os defectos emendables nas solicitudes e, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, concederalles un prazo máximo e improrrogable de dez días para emendaren os erros ou omisións, con indicación de que, de non facelo así, se terán por desistidos da súa petición, logo da resolución que se deberá ditar nos termos do artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, poderáselle requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

3. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, revisadas estas e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria achegaranse ao xurado encargado da súa valoración, de acordo co establecido nestas bases.

Artigo 8. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, esta vicepresidencia e consellería publicará na súa páxina web oficial os nomes dos premiados e os importes dos premios. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren imporse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades premiadas e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9. Órganos competentes

1. A Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia será a unidade administrativa competente para a instrución do procedemento de concesión destes premios e das mencións especiais referidas nesta orde. A dita instrución rematará coa proposta de resolución, que se elevará á persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

2. Corresponderalle á persoa titular da vicepresidencia e consellería referida no número anterior ditar a resolución de concesión dos premios ás mellores iniciativas locais de dinamización demográfica 2019, con indicación do nome do premiado ou premiados e a contía que lle corresponde, e conceder as mencións especiais que procedan.

Artigo 10. Comisión de Valoración

1. O premio será outorgado por proposta dun xurado, que terá a consideración de Comisión de Valoración, presidido pola persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local ou persoa en quen delegue e integrado por:

– Vicepresidente: o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) ou persoa en quen delegue.

– Vogais:

• Un alcalde ou alcaldesa designado/a pola Fegamp.

• A persoa titular da dirección xeral con competencias en dinamización demográfica ou persoa en quen delegue.

• Dúas persoas especialistas en demografía, designadas pola Dirección Xeral de Administración Local.

• Unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Administración Local con nivel mínimo de xefatura de servizo.

Actuará como secretario/a do xurado, para os efectos de expedir acta, con voz pero sen voto, a persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais, ou unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Administración Local con nivel mínimo de xefatura de servizo.

2. As decisións do xurado especificarán a avaliación que lles corresponde a cada un dos proxectos presentados á convocatoria, en aplicación dos criterios previstos no artigo seguinte.

3. En cada unha das categorías establecidas na correspondente convocatoria o premio poderase outorgar de xeito individual ou declararse deserto.

4. O xurado proporá, ademais, as mencións especiais correspondentes, de ser o caso.

Artigo 11. Criterios de valoración

Os criterios que se empregarán para a valoración das candidaturas serán, cun máximo de 100 puntos, os seguintes:

1. Co fin de fomentar a realización de proxectos conxuntos, incentivaranse as solicitudes presentadas por agrupacións, asociación de concellos, mancomunidades e consorcios locais para a realización dun proxecto común, e reservaranse 30 puntos da puntuación total. Para a puntuación deste criterio teranse en conta:

a) Pola presentación dunha solicitude conxunta asignaranse 10 puntos.

b) En función do número de concellos participantes no proxecto asignaranse ata 10 puntos.

c) En función do aforro de custos da prestación conxunta respecto da individual asignarase unha puntuación de ata 10 puntos.

En caso de presentar solicitude unha entidade resultante ou en proceso de fusión municipal, outorgaranse os 30 puntos previstos nesta número 1 pola simple presentación da solicitude.

2. Calidade da proposta, avaliada en atención á utilización adecuada eficiente e sustentable dos recursos locais (naturais, patrimoniais, culturais, sociais e produtivos); polo carácter innovador das actuacións propostas (desde o punto de vista metodolóxico) e polos resultados previstos, ata 25 puntos.

3. Número de ámbitos sobre os cales teña repercusión a proposta, dentro dos definidos no artigo 2.2 desta orde, ata 10 puntos.

4. Grao ou subgrao de urbanización do territorio afectado pola proposta, ata 10 puntos.

5. Índice de envellecemento da poboación da entidade solicitante, definido como a relación entre a poboación maior de 64 anos e a poboación de menos de 20 anos, ata 5 puntos.

6. Importancia cuantitativa do proxecto con relación ao importe total dos orzamentos da entidade, ata 5 puntos.

7. Replicabilidade ou capacidade de aplicación do proxecto por outra entidade local, ata 5 puntos.

8. De conformidade co establecido no artigo 20.2.l) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, pola utilización da lingua galega na realización das actividades para as cales se solicita axuda, acreditada mediante compromiso expreso da entidade solicitante achegado xunto coa solicitude, 5 puntos.

9. Fomento da utilización das tecnoloxías da comunicación e información, ata 3 puntos.

10. A calidade da documentación presentada, ata 2 puntos, valorarase:

– A estrutura e a claridade expositiva.

– As solicitudes que se presenten completas e non sexa preciso requirirlles a emenda da documentación presentada nin a achega de documentos preceptivos.

Para a asignación de puntuacións naqueles criterios que incorporan referencias a datos do índice de envellecemento da poboación e grao de urbanización, utilizaranse as cifras oficiais publicadas polo Instituto Galego de Estatística.

Artigo 12. Resolución e notificación

1. Á vista da deliberación do xurado, contida na acta da sesión en que se concrete a súa avaliación para o outorgamento do premio, a Dirección Xeral de Administración Local elevará proposta de resolución motivada á persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, quen ditará resolución.

2. A concesión dos premios e das mencións especiais será publicada no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no enderezo http://www.xunta.gal/vicepresidencia-cpapx, e notificaráselles ás entidades premiadas e ás distinguidas coa mención especial.

3. O prazo máximo para resolver e notificar os procedementos de subvención iniciados en virtude desta orde será de dous meses contados desde o día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4. A resolución notificaráselles a todas as entidades interesadas, segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Segundo o establecido no artigo 23.5 da mesma lei, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entenderen desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.

5. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

7. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

8. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

9. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

10. As entidades premiadas disporán dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicaren a aceptación do premio e das condicións contidas na resolución. Transcorrido o referido prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptado, e desde ese momento a entidade premiada adquire a condición de beneficiaria.

11. A entrega do premio poderase realizar nun acto público, no lugar e na data que se determinarán oportunamente.

Artigo 13. Efectos dos premios sobre as entidades beneficiarias

A documentación das candidaturas premiadas ao abeiro desta convocatoria quedará en poder da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para o seu arquivamento, e esta reservará para si o dereito de edición, uso, explotación e difusión dos proxectos premiados. A compensación económica polos dereitos de autor que poidan corresponder considerarase incluída na dotación do premio.

Artigo 14. Réxime de recursos

Contra a resolución ditada ao abeiro desta orde, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpor recurso potestativo de reposición ante o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 15. Anulación e reintegro

1. Procederá o reintegro total ou parcial das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A concesión dos premios regulados nesta orde non está vinculada á execución dos proxectos, pero as entidades beneficiarias dos premios quedan obrigadas a declarar a contía do premio concedido en calquera outro procedemento de subvencións do cal poida derivar financiamento para o mesmo proxecto.

Estes premios son compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

3. No caso de que os beneficiarios incumpran algunha das obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza poderá iniciar, se é o caso, un procedemento sancionador, de conformidade co previsto no título IV da dita lei.

Artigo 16. Control

As entidades solicitantes e as premiadas quedan sometidas ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a aquelas que proceda que realice o Consello de Contas ou o Tribunal de Contas, de conformidade co previsto na súa normativa específica.

Ademais, deberán facilitarlle á Dirección Xeral de Administración Local toda a información e documentación complementaria que esta considere precisa para a concesión ou o aboamento do importe do premio.

Artigo 17. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Administración Local, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (http://www.xunta.gal/vicepresidencia-cpapx).

b) Nos teléfonos 981 54 62 11 e 981 54 61 72.

c) No enderezo electrónico administracionlocal@xunta.gal

d) Presencialmente, nas dependencias da Subdirección Xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais.

Artigo 18. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de dar a publicidade exixida do procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira

De conformidade co previsto no artigo 4 da Orde do 29 de decembro de 2017 (DOG núm. 3, do 4 de xaneiro), delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local a competencia para resolver os procedementos de subvención que se inicien en virtude desta orde.

Disposición derradeira segunda

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira

En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, no que non resulte derrogado pola normativa anteriormente citada.

Disposición derradeira cuarta

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2019

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file