Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Luns, 9 de setembro de 2019 Páx. 39658

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 19 de agosto de 2019, da Xefatura Territorial de Lugo, polo que se somete a información pública o expediente de cancelación do convenio Costa Formosa e Calamouco, número de elenco 2716512, do concello de Becerreá (expediente 49/2018).

O 13 de novembro de 1976 constituíuse, segundo o certificado da Cámara Oficial Sindical Agraria de Lugo, o Grupo Sindical de Colonización número 17192, posteriormente Sociedade Agraria de Transformación (en diante, SAT) número 17192 de Oselle, Cerezal e Fontarón. Na cláusula oitava da acta de constitución noméase a Gerardo Pardo de Vera Díaz como presidente, a Manuel López Villares como secretario, a José López Fernández como tesoureiro, a Julio López Gómez como interventor e a Antonio Núñez Villares e Samuel Fernández Díaz como vogais. Na relación nominal dos socios figuran 57 socios.

O 22 de maio de 1980 foron aprobadas as bases do convenio Costa Formosa e Calamouco número de elenco 2716512, subscrito entre o Instituto Nacional para a Conservación da Natureza e a SAT número 17192 de Oselle, Cerezal e Fontarón. A superficie conveniada foi de 462 ha. Logo de tres segregacións (ano 1995, 1998 e 2000) a superficie actual do convenio é de 298 ha.

O 11 de decembro de 2003 tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta o escrito de José H. Pérez Díaz, Manuel Villares Pérez e Carlos Bermúdez Arias no cal comunican que se teña por disolta a SAT Costa Formosa e Calamouco número 17192. O Servizo de Montes de Lugo notificoulles aos solicitantes que os propietarios podían optar polas seguintes opcións:

– Aboamento do saldo pendente por gastos e ingresos producidos e cancelación do convenio.

– Subrogación dos propietarios no convenio vixente.

– Sinatura dun novo convenio, que anule e substitúa o anterior.

O 3 de xullo de 2018 tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta o escrito de Encarnación López Pérez, en calidade de presidenta da Sociedade de Fomento Forestal (en diante, SOFOR) Montes de San Roque de Oselle, S.L., no cal indica que parte dos terreos da SOFOR están no convenio Costa Formosa e Calamouco número de elenco 2716512, polo que solicita que se rescinda o convenio de terreos incluídos na SOFOR.

O 18 de febreiro de 2019, o xefe do distrito VII Fonsagrada-Ancares emite un informe indicando a relación de parcelas incluídas no convenio.

En aplicación da disposición transitoria cuarta da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, o 21 de maio de 2019, o xefe do Servizo de Montes de Lugo certifica que o convenio Costa Formosa e Calamouco 2716512 non presenta saldo debedor.

A disposición transitoria cuarta da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 245, do 28 de decembro), establece entre outras consideracións que:

«1. Os consorcios ou convenios de repoboación coa Administración forestal existentes nos montes no momento da entrada en vigor desta lei serán obxecto de:

a) Cancelación de oficio nun prazo que rematará o 31 de decembro de 2021, nos casos seguintes:

– Montes que non presenten saldo debedor na data de entrada en vigor desta lei ou en calquera momento dentro do prazo máximo estipulado».

Por todo isto, vaise propoñer á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal a cancelación do convenio Costa Formosa e Calamouco, 2716512.

De acordo co establecido no artigo 83 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sométese a información pública o expediente de cancelación do convenio Costa Formosa e Calamouco, número de elenco 2716512, do concello de Becerreá (Lugo). O acto adoptouno a xefa territorial.

Durante o prazo de vinte (20) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, a documentación deste expediente está dispoñible ao público, para a súa consulta, na comarca forestal de Becerreá-distrito forestal VII A Fonsagrada-Os Ancares (r/ Ano Vello, s/n, entrechán, 27640 Becerreá), no Servizo de Montes de Lugo (rolda da Muralla, núm. 70, baixo 2º, 27071 Lugo) e na páxina web da Consellería do Medio Rural (https://mediorural.xunta.gal/anuncios/avisos/vixentes/forestal/).

Durante o prazo sinalado, as alegacións, suxestións ou observacións serán dirixidas á Xefatura Territorial de Lugo da Consellería do Medio Rural a través de calquera rexistro previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lugo, 19 de agosto de 2019

Olga Iglesias Fontal
Xefa territorial de Lugo