Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Luns, 9 de setembro de 2019 Páx. 39654

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 4 de setembro de 2019, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se deixa sen efecto a Resolución do 18 de xullo de 2019 pola que se convocaron a todas as persoas participantes no concurso público de adxudicación de novas oficinas de farmacia para o acto público de elección o sábado 14 de setembro de 2019.

Mediante a Resolución do 18 de xullo de 2019, esta secretaría xeral técnica convocou a todas as persoas participantes no concurso público de adxudicación de novas oficinas de farmacia para o acto público de elección o sábado 14 de setembro de 2019.

No prazo legamente establecido para iso, diversos participantes no concurso presentaron recurso de alzada contra a anterior resolución, solicitando a suspensión da eficacia do acto de elección.

Á vista dos argumentos e alegacións formuladas nos ditos recursos, a comisión de valoración constituída para o efecto considerou a posibilidade de que a resolución deles poida facer variar a orde numérica que os candidatos obtiveron nas listaxes definitivas.

Esta cuestión pode ter unha incidencia e influencia inmediata e directa na elección que puidesen facer os aspirantes respecto ás concretas localidades nas cales se atopan as futuras oficinas de farmacia.

O anterior é debido a que a orde dos aspirantes nas listaxes definitivas determina as súas expectativas para efectos de concretar as súas preferencias para establecer a localización das oficinas que poidan ser abertas por virtude do concurso.

Por iso, nos termos que determina o artigo 117 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, cómpre facer unha ponderación razoable e circunstanciada dos intereses en conflito entre os prexuízos que lle son irrogados ao interés público pola eventual suspensión temporal do acto de elección e a imposibilidade ou dificultade da reparación dos prexuízos que poderían producirse aos concurrentes.

A comisión considera que deben prevalecer estes segundos, con fundamento no dificultoso ou imposible que poida resultar o resarcimento dos danos e prexuízos que se ocasionarían aos candidatos que elixiran unha localidade concreta para a apertura dunha oficina de farmacia nunha específica localización, derivados ben da perda da súa posición na orde fixada nas listaxes definitivas, ou ben da renuncia que ao seu dereito poidan facer en caso de que as disponibles non conveñan a un aspirante, así como dos gastos nos cales poidan incorrer ao perder a súa posición nas listaxes e no seu dereito a escoller ubicación, incluídos, tamén, aqueles que puidesen facer valer outras preferencias respecto daqueles que poidan ter un peor dereito á vista das resolucións que sexan ditadas nos recursos de alzada interpostos.

Xa que logo, á vista da proposta formulada pola comisión de valoración, esta secretaría xeral técnica

RESOLVE:

Deixar sen efecto a convocatoria do acto público de elección de novas oficinas de farmacia convocado na Resolución do 18 de xullo de 2019 para o día 14 de setembro de 2019, ata que sexan resoltos e notificados dentro do prazo legalmente previsto os recursos de alzada presentados, sen prexuízo das medidas cautelares que, se for o caso, diten os órganos xurisdicionais.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2019

Alberto Fuentes Losada
Secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade