Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Luns, 2 de setembro de 2019 Páx. 38578

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 11 de xullo de 2019, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da infraestrutura gasística de distribución denominado ERM e rede polietileno MPB para subministración ao polígono industrial de Morás, Arteixo (A Coruña), promovido por Nedgia Galicia, S.A. (expediente IN627A 2019/01-1).

Logo de examinar o expediente instruído por pedimento da empresa Nedgia Galicia, S.A., con enderezo para os efectos de notificacións na rúa Lisboa, Edificio Área Central, local 31 HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes:

Feitos.

Con data do 26 de decembro de 2018, Nedgia Galicia, S.A. achegou solicitudes de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución das instalacións recollidas no proxecto técnico denominado ERM e rede polietileno MPB para subministración ao polígono industrial de Moras, Arteixo (A Coruña) promovido por Nedgia Galicia, S.A. (expediente IN627A 2019/01-1), provincia da Coruña, achegando a seguinte documentación:

a) Proxecto técnico das instalacións para a súa aprobación, subscrito por Ángel Casas Bachiller, enxeñeiro industrial (colexiado nº 9.735/COIIM).

b) Declaración responsable do técnico asinante dos proxectos, segundo a Instrución 5/2012, do 15 de novembro, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG nº 229, do 30 de novembro), sobre os criterios aplicables para exixir visado colexial en materia de industria e enerxía.

Para os efectos previstos no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, e no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, someteuse ao trámite de información pública o proxecto achegado, que foi publicado no BOP do 12 de abril, DOG do 31 de maio, La Opinión da Coruña do 9 de maio e La Voz de Galicia de 9 de maio de 2019.

Durante a fase de información pública non se achegaron alegacións ao proxecto e, con data 26 de xullo de 2019, Nedgia Galicia, S.A. achegou unhas modificacións non substanciais das instalacións proxectadas, a resultas das reunións de implantación co organismo promotor da actuación urbanística Xestur.

Consideracións legais e técnicas.

1. Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos (BOE nº 241, do 8 de outubro), modificada pola Lei 12/2007, do 7 de outubro (BOE nº 158, do 3 de xullo), que ten por obxecto renovar, integrar e homoxeneizar a distinta normativa legal vixente en materia de hidrocarburos e dispón, entre outras materias, a ordenación da subministración de gases combustibles por canalización.

2. Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Orde do 30 de novembro de 1999, da Consellería de Industria e Comercio (DOG nº 244, do 21 de decembro), que regula o procedemento sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas e, no seu artigo 2 en particular, as competencias das delegacións provinciais (actualmente xefaturas territoriais), dentro do réxime de autorizacións administrativas das canalizacións de gas, agás a normativa derrogada a que se fai referencia nesta orde.

4. Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización das instalacións de gas natural (BOE nº 313, do 31 de decembro).

5. Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11 (BOE nº 211, do 4 de setembro) e, en particular:

a) O disposto na ITC-ICG 01 Instalacións de distribución de combustibles gaseosos por canalización, que ten como obxecto fixar os requisitos técnicos esenciais, as medidas de seguridade que deben observarse referentes ao proxectado, construción e explotación das instalacións de distribución de combustibles gasosos por canalización a que se refire o artigo 2 do citado real decreto, así como determinar as prescricións relativas ás probas que se deben realizar previamente á posta en marcha e os procedementos de operación, mantemento e control das instalacións.

6. Decreto 62/2010, do 15 de abril, da Consellería de Economía e Industria, polo que se regulan o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP) (DOG nº 77, do 26 de abril).

7. Decreto 51/2011, do 17 de marzo, da Consellería de Economía e Industria, polo que se actualiza a normativa en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior (DOG nº 65, do 1 de abril).

As características básicas da rede proxectada son:

– Realización dunha derivación mediante a instalación dunha te de toma en carga de 10’’, con weldolet e diámetro de saída de 4”, sobre o gasoduto RAA IO15.1 actualmente en servizo.

– Execución dunha antena de aproximación en aceiro Gr L245 de 4’’ de diámetro e 3,6 mm de espesor de parede en MOP 16 bar, desde o gasoduto RAA IO15.1 ata unha ERM 16-4 Q 5000-D.

– Instalación dunha ERM tipo 16-4 Q 5000-D, con presión de entrada ata 16 bar e de saída ata 5 bar, con capacidade para o filtrado, regulación de presión e contaxe dun caudal nominal de 5.000 m3(n)/h de gas natural (implantación conforme o modificado).

– Execución dunha rede de distribución de gas en PE 100 SDR 17,6 / 17 en diámetros de 200, 160, 110 e 90 mm e MOP 4 bar desde a saída da ERM ata as parcelas dos futuros clientes.

– Instalación de 10 válvulas de corte para a regulación e control do fluxo de gas na antena de aproximación e na rede de distribución.

8. O servizo técnico desta xefatura informa que, unha vez analizado o expediente, as instalacións proxectadas cumpran cos requisitos regulamentarios.

De acordo co todo o indicado,

RESOLVO:

1. Autorizar administrativamente e aprobar o proxecto de execución das instalacións de gas canalizado proxectadas e descritas nos antecedentes, así como as acometidas, para a súa execución, antes dun prazo dun ano.

2. A autorización das instalacións concederase coas seguintes condicións:

• A aprobación do proxecto de execución solicitada por Nedgia Galicia, S.A. outorgarase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio ao ambiente.

• Antes do inicio das obras, Nedgia Galicia, S.A. deberá achegar a esta xefatura territorial todas as autorizacións e permisos dos titulares dos bens e/ou dereitos afectados polas instalacións proxectadas. Igualmente, designará a razón social da empresa instaladora autorizada de gas que vai realizar as obras e o director de obra responsable delas, o que deberá comunicar a esta xefatura territorial.

• A empresa distribuidora vixiará que as canalizacións de gas respecten en todo momento as exixencias dispostas nas autorizacións e/ou informes emitidos por outras administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral e, en particular, naquelas zonas en que no subsolo se encontren instalados outros servizos, tales como electricidade, telecomunicacións, subministración de auga, etc., as conducións do gas serán instaladas de xeito que se cumpran escrupulosamente as distancias de seguridade previstas nas súas respectivas normativas sectoriais.

• De conformidade cos criterios e exixencias previstos na regulamentación vixente, deberanse instalar os elementos de seguridade que sexan necesarios, particularmente válvulas, coidando da súa accesibilidade.

• Se durante a fase de execución das obras se tivesen que adoptar medidas técnicas non previstas no proxecto obxecto de autorización, previamente á súa execución, deberase dispoñer do pertinente visto e prace desta xefatura territorial.

• Todas as modificacións efectuadas na fase de execución deberán estar recollidas na dirección de obra, sempre e cando non superen un 20 % respecto ás instalacións recollidas neste proxecto, e só no que se refire ao cambio de trazado; superado este límite, deberán achegar a correspondente addenda para a súa aprobación por parte desta xefatura territorial.

• Todas as ampliacións da rede de distribución de gas natural estarán suxeitas á presentación da correspondente addenda para a súa aprobación por parte desta xefatura territorial.

• O prazo de execución das instalacións de gas canalizado proxectadas e descritas nos antecedentes, así como as acometidas, rematará o 31 de decembro de 2020; este prazo será prorrogable consonte o establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do 26 de novembro.

• Para os efectos da posta en marcha das instalacións, que deberá ser expresamente solicitada por Nedgia Galicia, S.A., presentarase un certificado da empresa distribuidora e da empresa instaladora de superación das probas regulamentarias realizadas baixo a supervisión do director de obra responsable delas, e o seu certificado de dirección de obra.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, nos termos establecidos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do 26 de novembro, do procedemento administrativo común da administracións publicas sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso ou acción legal que se considere pertinente.

A Coruña, 11 de xullo de 2019

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña