Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Luns, 12 de agosto de 2019 Páx. 36501

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 24 de xullo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2019 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para proxectos colectivos que melloren a eficiencia enerxética nas lonxas pesqueiras, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) (código de procedemento PE209E).

O Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), ao Fondo Social Europeo (FSE), ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, define as modalidades e as condicións da intervención comunitarias no sector pesqueiro.

Así mesmo, o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 2328/2003, (CE) nº 861/2006, (CE) nº 1198/2006 e (CE) nº 791/2007 do Consello, e o Regulamento (UE) nº 1255/2011 do Parlamento Europeo e do Consello, prevé no artigo 6 que o FEMP contribuirá á prioridade 1 da UE relativa a fomentar una pesca sustentable desde o punto de vista ambiental, eficiente no uso dos recursos, innovadora, competitiva e baseada no coñecemento.

Mediante a Decisión de execución da Comisión do 13 de novembro de 2015 aprobouse o programa operativo para España do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca para o período 2014-2020, que inclúe as medidas que se desenvolverán para a consecución dos obxectivos do FEMP en España.

A Lei 11/ 2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, sinala nos seus artigos 1 e 2 que esta lei ten por obxecto a regulación, no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, entre outras materias, a ordenación do sector pesqueiro galego, a comercialización, manipulación, transformación e conservación dos produtos pesqueiros e que a política pesqueira galega ten por finalidade a viabilidade duradeira do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola galego, garantindo a mellora das condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a estas actividades mediante a explotación sustentable, equilibrada e responsable dos recursos.

A mellora da competitividade dos portos pesqueiros asegurarase aplicando as medidas do artigo 43.1 do Regulamento (UE) nº 508/2014, que promoverán a mellora da eficacia, seguridade e rastrexabilidade nos portos.

Galicia conta cun amplo número de portos pesqueiros e ancoradoiros distribuídos ao longo do seu litoral que conforman un sistema portuario pesqueiro diverso e complexo, que presta servizo a unha flota heteroxénea en tamaño e actividades e a un amplo grupo de usuarios plural tanto nas súas actividades coma nos seus intereses e que se insire no territorio tanto espacial como socialmente.

Nas lonxas dos portos pesqueiros o custo enerxético é significativo, e o prezo da enerxía e a súa contribución ao quentamento global determinan que o aforro enerxético e a mellora da eficiencia, se definan como criterios básicos de actuacións que hai que promover. O cambio dos sistemas de iluminación interior nas lonxas baseados na tecnoloxía led é unha medida de aforro enerxético con que poden diminuír os custos económicos e que tamén contribúe á redución da pegada de carbono.

Os proxectos subvencionados nesta orde financiarán as organizacións colectivas (confrarías de pescadores) para desenvolver medidas de interese colectivo, que contribúan á consecución da prioridade 1, ao logro do obxectivo específico 1.d) de fomento da competitividade e viabilidade das empresas do sector da pesca, con inclusión da pesca costeira artesanal, e de mellora das condicións de seguridade e traballo.

Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2019 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para proxectos colectivos que melloren a eficiencia enerxética nos edificios das lonxas pesqueiras mediante a modernización das instalacións de iluminación interiores baseadas en tecnoloxía led.

2. O procedemento regulado nesta orde ten o código PE209E.

Artigo 2. Marco normativo

Para o outorgamento e execución destas subvencións atenderase ao disposto nas bases reguladoras establecidas nesta orde, así como nas normas seguintes:

a) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello.

b) Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello.

c) Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

d) Regulamento delegado (UE) nº 2015/531 da Comisión, do 24 de novembro de 2014, polo que se complementa o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

e) Regulamento delegado (UE) nº 2015/2252 da Comisión, do 30 de setembro de 2015, polo que se modifica o Regulamento delegado (UE) nº 2015/288 polo que se refire ao período de inadmisibilidade das solicitudes de axuda do FEMP.

f) Regulamento delegado (UE) nº 1014/2014 da Comisión, do 22 de xullo de 2014, que complementa o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, no relativo ao contido e a construción dun sistema común de seguimento e avaliación das operacións financiadas no marco do FEMP.

g) Regulamento de execución (UE) nº 1242/2014 da Comisión, do 20 de novembro de 2014, polo que se establecen, de conformidade co Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, normas no que atinxe á presentación de datos acumulativos sobre operacións.

h) Regulamento de execución (UE) nº 1243/2014 da Comisión, do 20 de novembro de 2014, polo que se establecen, de conformidade co Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, normas sobre a información que deben enviar os Estados membros, así como sobre as necesidades de datos e das sinerxías entre as fontes potenciais de datos.

i) Regulamento delegado (UE) nº 2015/288 da Comisión, do 17 de decembro de 2014, que complementa o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, no que respecta ao período de tempo e ás datas en relación coa inadmisibilidade das solicitudes.

j) Programa operativo para España do FEMP aprobado pola Decisión de execución da Comisión do 13 de novembro de 2015 e modificación aprobada pola Comisión o 26 de abril de 2019.

k) Preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

l) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

m) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

n) Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coas súas posteriores modificacións.

ñ) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

o) Decreto 132/2006, do 27 de xullo, en materia de rexistros de axudas, subvencións, convenios e sancións.

p) Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

q) Lei 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

r) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. O crédito orzamentario para as solicitudes de axuda tramitadas durante o exercicio do ano 2019 e a plurianualidade asociada alcanza o importe de douscentos cincuenta e cinco mil euros (255.000,00 euros), repartidos nas seguintes anualidades e partida orzamentaria:

Partida orzamentaria

Ano 2019

Ano 2020

Total

15.03.514A.781.0

150.000,00 €

105.000,00 €

255.000,00 €

Para o ano 2019 na partida orzamentaria sinalada, código de proxecto 2016 257, existe crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, aprobados pola Lei 2/2018, do 26 de decembro.

2. O importe consignado poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, agás indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto. En todo caso, a concesión das axudas estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

3. As porcentaxes de cofinanciamento das axudas son do 75 % con fondos FEMP e o 25 % con fondos da Comunidade Autónoma.

Artigo 4. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as confrarías de pescadores de Galicia que realicen os investimentos e gastos que se consideren subvencionables.

2. Non poderán obter a condición de beneficiaria aquelas entidades en que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Os operadores que se atopen nalgún dos supostos establecidos no artigo 10 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio.

b) As persoas sinaladas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Ter sido sancionada coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

d) Ter incumpridas as obrigas establecidas nos artigos 55 e 58 ou as obrigas de constitución dos órganos reitores recollidas nas seccións 3ª e 4ª do capítulo IX do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, que regula as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, tal e como sinala a disposición adicional segunda do mesmo decreto.

e) Non se concederán axudas ás empresas en crise de acordo coa definición establecida nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise.

Artigo 5. Obrigas dos beneficiarios

1. Os beneficiarios, ao formalizaren a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a estas.

2. Os beneficiarios deberán:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención, dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión, con cumprimento das condicións e prescricións establecidas nela, na orde de convocatoria e demais normativa de aplicación, de forma que se poida realizar a comprobación documental e material deste.

b) Acreditar, mediante declaración responsable, que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

c) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que se encontran ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades para as que se solicita axuda, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución ou a consecución dos fins para os cales foi concedida a axuda de que se trate.

e) Facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación coas subvencións concedidas e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a entidade concedente, así como aos órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.

f) Cumprir as condicións de admisión da solicitude do artigo 10.1 do Regulamento (UE) nº 508/2014, durante todo o período de execución da operación e durante un período de cinco anos despois da realización do pagamento final. Así, no caso de detectarse infraccións ou fraudes en controis posteriores á concesión da axuda, e de conformidade co artigo 202 do Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046, poderase recuperar a axuda aboada indebidamente.

g) Manter os investimentos obxecto de subvención durante 5 anos, polo menos, ou 3 anos no caso de pemes, posteriores á súa realización de acordo co previsto no artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

h) Informar o público sobre a axuda obtida, dando adecuada publicidade con expresa mención á participación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e a súa porcentaxe de financiamento, nos seguintes termos:

O beneficiario debe recoñecer que a operación recibiu o apoio dos fondos e en todas as medidas de información e comunicación adoptará:

1º. O emblema da Unión, de conformidade con las características técnicas establecidas no Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 e no Regulamento de execución (UE) nº 763/2014.

2º. Unha referencia ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) que apoia a operación.

3º. O logotipo da Xunta de Galicia.

Durante a realización da operación, o beneficiario informará o público do apoio obtido dos fondos:

1º. Facendo unha breve descrición da operación no sitio da internet, no caso que dispoña dun, de maneira proporcionada ao nivel de apoio prestado, incluíndo os obxectivos e destacando o apoio financeiro da Unión. A descrición deberá permanecer durante a execución do proxecto e, cando menos, ata a data do pagamento final da axuda.

2º. Colocando un cartel con información sobre o proxecto (tamaño mínimo A3), en que se mencionará o apoio financeiro da UE, nun lugar facilmente visible para o público, como a entrada dun edificio.

i) Manter un sistema de contabilidade separado, ou ben asignar un código contable axeitado que permita coñecer todas as transaccións relacionadas coa operación que se subvenciona, co obxecto de facilitar a pista de auditoría, de acordo co artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

j) Proporcionar toda a información e datos necesarios para poder proceder ao seguimento e avaliación do programa operativo, de acordo co establecido no artigo 111 do Regulamento (UE) nº 508/2014, relativo ao FEMP.

k) Independentemente do sistema establecido para a xustificación da subvención, deberán manterse á disposición da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo os documentos xustificativos relativos aos gastos subvencionados durante un prazo de dous anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación, para o cal se informará o beneficiario da data de inicio do período mencionado.

Os documentos conservaranse ou ben en forma de orixinais ou de copias compulsadas de orixinais, ou ben en soporte de datos comunmente aceptados, en especial versións electrónicas de documentos orixinais ou documentos existentes unicamente en versión electrónica.

l) Non concertar a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con persoas ou entidades afectadas polas situacións referidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

m) Manter, dentro do territorio da UE, os investimentos en infraestruturas ou produtivos polo menos dez (10) anos contados desde a data do último pagamento realizado á persoa beneficiaria. Esta obriga non será de aplicación ás pemes.

Artigo 6. Proxectos obxecto de subvención

1. Poderán ser obxecto de subvención os proxectos colectivos que se desenvolvan nos edificios das lonxas pesqueiras e teñan como obxecto mellorar a eficiencia enerxética na iluminación interior mediante a modernización dos sistemas de iluminación por tecnoloxía led, e a modernización ou incorporación de sistemas de control de acendido, e de sistemas de regulación do nivel de iluminación.

2. Condicións dos proxectos:

a) Delimitación das actuacións do proxecto ao ámbito do sector pesqueiro.

b) Os investimentos deberán efectuarse nas instalacións de iluminación interiores dos edificios das lonxas pesqueiras situadas na Comunidade Autónoma de Galicia, quedando excluída a iluminación exterior.

c) O proxecto deberá identificar como contribuirá de xeito tanxible a mellorar os servizos diarios das persoas pescadoras e/ou acuicultoras que empregan o porto.

d) No caso de proxectos promovidos por importe superior a 250.000 euros, deberá presentarse un plan de negocio.

3. Requisitos técnicos dos proxectos:

a) Os investimentos só serán subvencionables no caso de que se mellore a eficiencia enerxética das instalacións de iluminación existentes que leven asociada unha redución anual de, polo menos, un 40 % respecto ao consumo inicial en iluminación nas zonas de actuación (kWh/ano).

b) Os investimentos só poderán ser subvencionados sobre a base dun informe de técnico competente, así como dun estudo lumínico, cuxos resultados se plasmarán na memoria técnica da solicitude.

O informe de técnico competente recollerá medidas de eficiencia enerxética e aforro nos sistemas de iluminación existentes na lonxa e unha análise económica que xustifique que os investimentos implicarán un aforro de enerxía e mellorarán a eficiencia enerxética.

c) Requisitos da iluminación interior:

1º. Os equipamentos de iluminación non poderán ter unha temperatura de cor superior a 4.000 K coas excepcións establecidas na columna de requisitos específicos da norma UNE-EN12464-1 (iluminación dos lugares de traballo interiores).

2º. A instalación cumprirá cos requisitos establecidos na norma UNE-EN 12464-1 (iluminación dos lugares de traballo interiores) en canto á iluminancia mantida (Em), índice de cegamento (UGR) e uniformidade de iluminancia (Uo).

3º. A iluminancia mantida non poderá superar en máis dun 20 % os valores de referencia establecidos na norma UNE-EN 12464-1.

4. Os únicos tipos de sistemas de control de acendido subvencionables son os detectores de presenza e pulsadores. Como sistemas de regulación da iluminación, o único tipo subvencionable son os sensores.

5. Cada entidade só poderá presentar unha solicitude de proxecto e para unha lonxa pesqueira.

A presentación de máis dunha solicitude por unha confraría será causa de inadmisión dos proxectos presentados.

A presentación dunha única solicitude para máis dunha lonxa será causa de inadmisión do proxecto.

6. O solicitante debe acreditar a capacidade legal do uso e desfrute da lonxa. A acreditación deberá realizarse mediante documento acreditativo dunha concesión ou autorización administrativa ata un período mínimo de 6 anos ou prorrogable ata o dito período, desde a data da solicitude da axuda, ou mediante contrato de alugamento por un período mínimo de 6 anos.

7. O importe total da inversión subvencionable, é dicir a suma dos importes dos conceptos de investimento subvencionable, debe ser como mínimo de 3.000 euros. A presentación dunha solicitude que non acade o investimento mínimo mencionado será causa de inadmisión do proxecto.

8. Non serán obxecto de subvención aqueles proxectos que non sexan técnica ou economicamente viables.

Artigo 7. Gastos subvencionables

1. Poderán concederse subvencións para a adquisición de equipamento e instalacións que formen parte do sistema (iluminación/control/regulación), a súa montaxe e posta en marcha, para a execución do proxecto referido no artigo anterior.

2. Os gastos subvencionables efectuados polo beneficiario axustaranse aos seguintes requisitos xerais:

a) Que se efectuasen ao longo da duración da acción ou programa de traballo.

b) Que se consignasen no orzamento estimado total da inversión.

c) Que sexan necesarios para a execución das actuacións obxecto da subvención.

d) Que sexan identificables e verificables, en particular, que consten na contabilidade do beneficiario e se determinen de acordo coas normas contables e de conformidade coas prácticas contables habituais do beneficiario en materia de gastos.

e) Que cumpran co disposto na lexislación fiscal e social aplicable.

f) Que sexan razoables e xustificados, e cumpran co principio de boa xestión financeira.

3. Os investimentos e gastos subvencionables para os cales se solicita a axuda non se poderán iniciar antes da data de presentación da solicitude da axuda.

O non inicio das actuacións acreditarase mediante declaración responsable de que os investimentos non foron iniciados.

Ademais, a non realización de investimentos con anterioridade á data de presentación da solicitude de axuda demostrarase mediante a data da factura correspondente.

4. Cando o importe do gasto total subvencionable (sen IVE) supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, o promotor deberá solicitar e achegar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

No suposto de que non exista no mercado número suficiente de entidades que subministren o ben solicitado e que, polo tanto, non se presenten un mínimo de tres ofertas de distintos provedores, o solicitante acreditará o custo razoable do gasto subvencionable, mediante un informe de taxador ou perito independente.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse coa solicitude de subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Cando o importe do gasto total subvencionable (sen IVE) non supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, para o contrato menor, o solicitante deberá achegar unha oferta que avale o orzamento do proxecto.

As ofertas deberán conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, enderezo e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe por concepto (especificando se inclúe ou non IVE) e a descrición técnica dos elementos ofertados.

5. O beneficiario poderá subcontratar a actividade subvencionada ata o 100 %, sempre tendo en conta as limitacións establecidas no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer o beneficiario para a realización por si mesmo da actividade subvencionada.

Artigo 8. Gastos non subvencionables

Consideraranse gastos non subvencionables:

a) As compras de materiais e equipamentos usados.

b) Os alugamentos.

c) A adquisición de material, mobiliario e equipamento de oficina.

d) A adquisición de vestiario e equipamento persoal.

e) Os gastos de funcionamento, mantemento e conservación dos bens e equipamentos. Tampouco serán subvencionables os gastos orixinados por obras que supoñan a substitución de elementos deteriorados, obras de mantemento e reparación.

f) Operacións de mantemento (simple reposición de lámpadas...) e os rótulos lumínicos.

g) Os gastos de manutención, desprazamento de persoas e representación.

h) O IVE.

i) Os custos de persoal e os custos indirectos.

j) Os impostos, taxas, licenzas ou calquera outro gasto financeiro non relacionado coa execución material do proxecto.

k) Os pagamentos en metálico.

l) Os gastos de funcionamento.

m) A obra civil non asociada directamente á instalación dos equipamentos.

n) Os gastos de legalización.

ñ) Sistemas e equipamentos de iluminación que xa fosen obxecto de subvención nos 5 anos naturais anteriores.

o) Os investimentos realizados con carácter previo á presentación da solicitude de axuda.

p) Gastos periciais, de consultoría e de redacción de proxectos técnicos.

q) Calquera gasto que, de acordo coa normativa aplicable, resulte ser non subvencionable.

Artigo 9. Intensidade da axuda

1. A porcentaxe máxima das axudas poderá acadar o 100 % do investimento subvencionado en cada unha das accións, de acordo co previsto na presente orde, así como co indicado no artigo 95 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, condicionada, en todo caso, ás dispoñibilidades orzamentarias.

A comisión de avaliación prevista no artigo 17 decidirá a aplicación do incremento de intensidade de axuda pública.

2. Os rendementos financeiros que se xeren polos fondos liberados aos beneficiarios incrementarán o importe da subvención concedida e aplicaranse igualmente á actividade subvencionada.

Artigo 10. Compatibilidade da axuda

1. As axudas recollidas nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda, subvención ou recurso público e privado, sempre que o mesmo gasto ou investimento non teña financiamento parcial ou total procedente doutro fondo EIE ou instrumento financeiro comunitario, nin polo mesmo fondo conforme un programa ou medida diferente e, ademais, que o importe acumulado das axudas non exceda o custo da actividade subvencionada.

2. No suposto de que a suma de todas as axudas supere os devanditos límites, procederase por resolución do órgano concedente á minoración da axuda concedida.

Artigo 11. Prazos de presentación de solicitudes e de resolución

1. Para a convocatoria de 2019 o prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

2. A resolución de concesión emitirase e notificaráselles aos interesados no prazo máximo de cinco (5) meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. De non esgotarse o crédito dispoñible, ou de resultar incrementado este posteriormente en virtude de renuncias, de modificación de resolucións de outorgamento ou de dotacións orzamentarias adicionais, poderase emitir unha nova proposta de resolución, en que se terán en conta as solicitudes que formen parte da listaxe de reserva a que se refire o artigo 20.2 desta orde.

Artigo 12. Forma de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal. O formulario normalizado correspóndese co anexo I desta orde. A presentación da solicitude nun formulario distinto será causa de inadmisión.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Forma parte de cada solicitude a declaración responsable que contén esta e na cal se fan constar os seguintes aspectos:

a) Que cumpren os requisitos para obter a condición de entidade beneficiara segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Que non se atopan en ningún dos supostos establecidos no número 1 do artigo 10 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, é dicir:

1º. Non ter cometido infracción grave consonte o artigo 42 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 ou o artigo 90.1 do Regulamento (CE) nº 1224/2009.

2º. Non ter estado involucrada na explotación, xestión ou propiedade de buques pesqueiros incluídos na lista de buques INDR da Unión recollida no artigo 40.3 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 ou de buques que enarboren pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes, segundo se establece no seu artigo 33.

3º. Non ter cometido infraccións graves da política pesqueira común (PPC).

4º. Non ter cometido fraude no marco do Fondo Europeo de Pesca (FEP) ou do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

c) Non ter sido sancionada coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

d) Ter cumprido as obrigas establecidas nos artigos 55 e 58 ou as obrigas de constitución dos órganos reitores recollidas nas seccións 3ª e 4ª do capítulo IX do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, que regula as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, tal e como sinala a disposición adicional segunda do mesmo decreto.

e) Non ser unha empresa en crise segundo a definición e as condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise (2014/C249/01).

f) O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

g) Que os investimentos non foron iniciados.

h) Que as instalacións ou equipamentos solicitados non foron obxecto de subvención nos 5 anos naturais anteriores.

i) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir co proxecto para o cal se solicita a axuda.

2. As solicitudes estarán asinadas polo representante legal da entidade solicitante. A presentación da solicitude non asinada polo representante legal será causa de inadmisión.

3. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o interesado non poderá modificar a súa petición de axuda variando o importe do investimento, nin modificando os conceptos para os cales solicita a axuda. Non se considera variación do importe do investimento as diferencias ou erros materiais que se poidan dar ao transcribir os importes dos orzamentos ou facturas pro forma.

Artigo 13. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación.

a) Documentación acreditativa da personalidade: certificación do órgano competente en que se acredite o desempeño actual do cargo por parte do asinante e se especifique o acordo polo que se lle concede a este autorización para formalizar a solicitude. Se actúa en virtude de atribucións fixadas nos estatutos indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.

b) Proxecto para un tipo de investimentos que permita determinar a súa viabilidade e realizar a valoración, conforme os criterios establecidos nos artigos 18 e 19 desta orde de bases reguladoras.

Para elaborar a memoria que se xunta coa solicitude, o modelo pode consultarse na páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/).

A memoria do proxecto deberá conter, polo menos:

1º. Descrición da entidade: experiencia da entidade na xestión de proxectos financiados pola Unión Europea. Elementos que aseguran a capacidade técnica da entidade para a realización do proxecto. Equipo que a entidade vai destinar para a xestión do proxecto. Número de persoas pescadoras e acuicultoras asociadas á entidade. Historial produtivo e económico de produtos da pesca nos últimos 5 anos.

2º. Explicación das necesidades que se pretenden cubrir e obxectivos perseguidos (xeral e específicos). Indicar como detectou a necesidade de desenvolver a actuación. Identificar como o proxecto contribuirá de xeito tanxible a mellorar os servizos diarios das persoas pescadoras e acuicultoras que empregan o porto. Tamén se incluirá a seguinte información:

i. Descrición da situación anterior á actuación: plano da situación das instalacións de iluminación na lonxa coa distribución dos equipamentos inicial (luminarias/equipamento de iluminación, sistemas de control e regulación). Relación de luminarias/equipamentos para iluminación nas diferentes zonas obxecto de actuación. Para cada zona: nome da zona, número de puntos de luz, tipo (campá, proxector...), número de lámpadas por punto de luz, tipo de lámpada e potencia (W), sistemas de control e regulación da iluminación (no caso de existiren), e consumo (kWh).

ii. Descrición da situación posterior á actuación: plano da situación das instalacións de iluminación na lonxa coa distribución dos equipamentos final (luminarias/equipamento de iluminación, sistemas de control e regulación). Relación de luminarias/equipamentos para iluminación nas diferentes zonas obxecto de actuación. Para cada zona: nome da zona, número de puntos de luz, tipo (campá, proxector...), número de lámpadas por punto de luz, tipo de lámpada e potencia (W), sistemas de control e regulación da iluminación (no caso de existiren), e consumo (kWh).

iii. Descrición dos resultados que se obterán coa implementación do proxecto. Comparación dos consumos nas situacións anterior e posterior á actuación, e indicar o consumo que se prevé reducir coa actuación prevista (potencia inicial kW, consumo inicial kWh/ano, potencia final kW, consumo previsto final en kWh/ano e % de aforro enerxético). Medidas que ten previsto implementar para verificar que se alcanza o aforro enerxético previsto.

3º. Descrición das accións que se pretenden acometer. Equipamento novo solicitado: marca, modelo, referencia, número/tipo. Características técnicas dos equipamentos solicitados: ficha técnica ou catálogo do equipo de iluminación polo fabricante, onde figuren as características técnicas do equipamento e onde se inclúan polo menos os datos de potencia, fluxo luminoso, temperatura de cor e rendemento. Marcación UE do equipamento.

4º. Explicar quen se beneficiará do proxecto, é dicir o/os grupo/s obxectivo/s que se verá/n beneficiado/s dos resultados dos investimentos. Indicar o número de persoas pescadoras e acuicultoras que se beneficiarán do proxecto. Explicar porque o solicitante sería un beneficiario colectivo e o interese colectivo das accións do proxecto.

5º. Calendario de realización das accións previstas.

6º. Orzamento detallado de cada unha das accións propostas, en que o IVE deberá vir separado. Para cada zona en que se prevé actuar incluirá: marca, modelo, breve descrición e número de unidades dos equipamentos, importes de material e man de obra. De ser o caso, incluirase a relación de ofertas solicitadas e elixidas.

7º. Información relativa aos indicadores conforme o previsto no Regulamento de execución (UE) nº 1242/2014 e Regulamento de execución (UE) nº 1243/2014.

No caso de que o proxecto poida desenvolverse por fases susceptibles de produciren efectos independentes, farase constar de xeito expreso e describirase cada unha delas por separado.

c) Estudo económico-financeiro externo acreditativo da viabilidade económica do proxecto ou resultado da ferramenta de autoavaliación da viabilidade que pode consultarse na páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/).

d) Estudo lumínico da totalidade da superficie que se iluminará, identificando o programa de cálculo utilizado para a súa realización.

e) Informe de técnico competente que preverá medidas de eficiencia enerxética e aforro nos sistemas de iluminación existentes na lonxa, e unha análise económica que xustifique que os investimentos implicarán un aforro de enerxía e mellorarán a eficiencia enerxética.

Para o aforro enerxético (kWh/ano) compararase a situación actual da instalación coa situación final, e terá en conta as facturas de electricidade de doce (12) meses e a repartición do consumo en iluminación e outros usos.

f) Documentación xustificativa de todos os custos incluídos (orzamentos, facturas pro forma, etc.) cunha información detallada e pormenorizada de cada un dos investimentos, equipamentos ou sistemas que os integran. Se é o caso, informe dun taxador ou perito independente.

As ofertas presentadas deberán incluír os mesmos elementos para seren comparables.

g) Copia do contrato de alugamento por un período mínimo de 6 anos ou documento acreditativo dunha concesión ou autorización administrativa ata un período mínimo de 6 anos ou prorrogable ata o dito período, desde a data da solicitude da axuda.

h) Copia das autorizacións ou permisos ou licenzas, de ser o caso, ou da xustificación de telos solicitado aos organismos correspondentes, necesarias para levar a cabo os investimentos previstos.

i) Plan de negocio, no caso de proxectos de importe superior a 250.000 euros.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación dos documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE do representante da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

f) Concesións doutras subvencións e axudas.

g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 15. Emenda da solicitude

1. Os órganos responsables da tramitación das solicitudes comprobarán que estas reúnen todos os requisitos recollidos nesta orde. No caso contrario poráselles de manifesto por escrito aos interesados para que nun prazo de dez (10) días hábiles remitan cantos datos, documentos complementarios e aclaracións se consideren necesarios para poder resolver o expediente, coa indicación de que, se así non o fixeren, se considerará que desistiron da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas polo órgano instrutor, de conformidade co disposto no artigo 14, resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais ou das débedas coa Comunidade Autónoma.

2. Sen prexuízo do sinalado nos parágrafos precedentes, en calquera momento do procedemento o servizo xestor poderá requirir á entidade solicitante para que remita aqueles datos ou documentos complementarios que resulten necesarios para a tramitación e adopción da resolución que proceda.

Artigo 16. Órganos de xestión e resolución

1. O órgano encargado da ordenación e instrución do procedemento será o Servizo de Desenvolvemento Pesqueiro, que realizará de oficio cantas actuacións coide necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se deba formular a proposta de resolución.

O órgano instrutor emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos da convocatoria, incluíndo a viabilidade técnica e económica do proxecto.

A viabilidade analizase en función das garantías ofrecidas en canto a solvencia técnica e adecuación dos medios aos fins previstos; e a viabilidade económica incluirá a análise de se a empresa dispón de garantías para levar adiante o financiamento do proxecto.

2. Os proxectos considerados non viables técnica ou economicamente quedarán excluídos para obter financiamento a través desta orde de axudas, non procedendo, polo tanto, á súa valoración.

3. Os expedientes que non cumpran coas exixencias destas bases ou da normativa de aplicación quedarán á disposición do órgano instrutor que formulará a proposta de resolución desestimatoria ou de inadmisión, segundo o caso.

4. A resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar.

Artigo 17. Comisión de Avaliación

1. Unha vez completos os expedientes, serán remitidos a unha comisión de avaliación constituída na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que os examinará e valorará logo de aplicar os criterios que se sinalan nos dous artigos seguintes. O resultado da avaliación reflectirase nun informe que se incorporará ao expediente.

2. A Comisión de Avaliación estará formada polos seguinte membros:

a) Presidente/a, que será a persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

b) Vogais: unha persoa do cadro de persoal da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, e dúas persoas pertencentes ao cadro de persoal das xefaturas territoriais.

Unha das persoas vogais da comisión actuará como secretario/a.

A comisión poderá actuar asistida polos asesores que xulgue conveniente.

3. O funcionamento desta comisión está sometido ás normas dos órganos colexiados recollidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público de autonómico de Galicia.

4. A Comisión de Avaliación poderá limitar a contía dos gastos elixibles que considere non xustificados debidamente no proxecto, tanto en canto ao seu número como á súa valoración ou á súa necesidade.

5. No caso de presentárense varios proxectos para accións substancialmente idénticas, a Comisión de Avaliación poderá establecer unha contía de subvención para todas elas, independentemente do importe solicitado.

Artigo 18. Criterio de selección xeral

1. Inicialmente comprobarase o criterio de selección xeral, é dicir, que as operacións van dirixidas ao logro dos obxectivos definidos no programa operativo para España do FEMP. Para isto valoraranse os seguintes indicadores, clasificando os proxectos en función do grao de axuste ao programa operativo en alto, medio, baixo ou excluído:

a) Indicador de valoración sobre a adecuación do proxecto á análise DAFO da prioridade 1 do programa operativo do FEMP, así como á estratexia e, en particular, ao cumprimento dos fins do obxectivo específico OE1.d) previsto para as medidas recollidas no número 3.3 do programa operativo Medidas pertinentes e indicadores de produtividade (artigo 43.1, puntuación ata 6 puntos: DAFO de 0 a 2 puntos; estratexia de 0 a 2 puntos; medidas pertinentes de 0 a 2 puntos).

b) Indicador de valoración sobre a achega do proxecto á consecución dos indicadores de resultado (puntuación ata 10 puntos).

c) Indicador de valoración sobre a implicación do proxecto noutras prioridades, obxectivos específicos, así como noutros plans estratéxicos (puntuación ata 10 puntos).

2. Ponderación da valoración conxunta: os indicadores a), b) e c) terán, respectivamente, o 50 %, 25 % e 25 % do peso total da valoración, os proxectos cualificaranse en función da porcentaxe obtida da puntuación máxima posible en: alto: ≥ 75 %; medio: ≥ 25 % e < 75 %; baixo: ≥ 10 % e < 25 %.

Os proxectos que non alcancen o 10 % da dita puntuación máxima posible quedarán excluídos para obter financiamento a través desta orde de axudas, non procedendo, polo tanto, á súa valoración específica.

3. Fórmulas para o cálculo dos indicadores:

Indicador a).

Va = (Poa × Pmax/Pmax a) × 2

Indicador b).

Vb = (Pob × Pmax/Pmax b)

Indicador c).

Vc = (Poc × Pmax/Pmax c).

Onde:

Va, b, c é o valor do indicador a), b) ou c), respectivamente.

Poa, b, c é a puntuación obtida da operación subvencionable do indicador a), b) ou c), respectivamente.

Pmax a, b, c é a puntuación máxima do indicador a), b) ou c), respectivamente.

Pmax é a puntuación maior entre Pmax a, Pmax b ou Pmax c.

No caso do indicador a), multiplicase por 2 para ter en conta a ponderación deste indicador ao 50 %.

Artigo 19. Criterios de selección específicos

1. Unha vez aplicado o criterio xeral, a comisión valorará os proxectos segundo os criterios de selección específicos relativos á viabilidade técnica do proxecto, que servirán de base para determinar a prelación das solicitudes:

a) Calidade, detalle e coherencia da memoria: ata 5 puntos.

b) Traxectoria da entidade: ata 4 puntos.

c) Concreción de obxectivos: ata 4 puntos.

d) Capacidade xerencial: ata 2 puntos.

2. A Comisión de Avaliación:

a) Poderá propor a non concesión ou minoración da axuda cando o custo proposto polo solicitante dos gastos subvencionables sexa superior ao valor de mercado.

b) Poderá establecer, á vista das solicitudes presentadas, límites máximos de investimento subvencionable, independentemente do importe solicitado.

c) Poderá limitar a contía dos gastos elixibles que se considere que non están xustificados debidamente no proxecto, tanto en canto ao seu número como á súa valoración económica.

d) No caso de empate na avaliación, a comisión aplicará como criterio de desempate o valor da puntuación outorgada nos criterios de selección específico segundo a orde establecida.

Artigo 20. Proposta de resolución

1. Logo de deliberación, o/a presidente/a da Comisión de Avaliación formularalle ao órgano concedente proposta de resolución que indicará de xeito individualizado os beneficiarios, os proxectos seleccionados e as accións para as que se propón a subvención, así como o importe da subvención proposta para cada unha delas.

No caso de que a suma dos investimentos subvencionados nos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, non será necesario que figure a avaliación individualizada de cada expediente.

2. Establecerase unha listaxe de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria e sendo consideradas viables pola comisión, non acadasen a puntuación necesaria para seren seleccionadas por falta de crédito. No caso de dispoñibilidades orzamentarias adicionais, de conformidade co disposto no artigo 11.3 desta orde, emitirase unha nova proposta en que se terán en conta as solicitudes da listaxe de reserva.

Artigo 21. Resolución

1. Á vista da proposta de resolución e logo da preceptiva fiscalización do gasto, o órgano competente emitirá resolución motivada pola que se outorguen ou deneguen as subvencións solicitadas.

2. A resolución de concesión emitirase e notificaráselles aos interesados no prazo máximo de cinco (5) meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 22. Aceptación

No prazo de dez (10) días desde a notificación da resolución, os interesados deberán comunicar a aceptación ou rexeitamento da subvención nas condicións expresadas nela, conforme o anexo II. De non facelo, entenderase tacitamente aceptada. Por outro lado, a aceptación da axuda implica a aceptación da súa inclusión como beneficiarios na lista de operacións publicada de conformidade co artigo 119, número 2, do citado Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao FEMP.

Artigo 23. Recursos

1. As resolucións, expresas ou presuntas, que recaian ao abeiro desta orde, poñerán fin á vía administrativa e, contra elas, poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a conselleira do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso, ou recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o caso.

2. Contra estas bases reguladoras, cuxa aprobación pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Mar no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, tamén se poderá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente desta xurisdición, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 24. Modificación da resolución e prórrogas

1. Calquera modificación que se pretenda realizar nos investimentos inicialmente previstos, tanto no referente ao orzamento como ás distintas partidas que o compoñen, ou calquera outro aspecto que afecte un elemento substancial da resolución de concesión, requirirá a aceptación expresa do órgano concedente, e deberá ser posta en coñecemento deste, sempre con anterioridade á súa realización.

2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do interesado, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade ou modificación proposta estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras e da convocatoria oportuna.

b) Que a modificación non cause prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos ou circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención ou a non selección do proxecto na concesión inicial.

d) Que a modificación non supoña un incremento do orzamento ou da porcentaxe de axuda.

As modificacións deberán ser solicitadas polo beneficiario por escrito, con anterioridade á súa realización, e con antelación suficiente á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro. O servizo xestor da medida, logo das comprobacións pertinentes, elevará proposta de modificación da resolución ao órgano concedente.

3. Non se admitirán nin aprobarán modificacións que supoñan unha execución total inferior ao 50 % do investimento subvencionado.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais e internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

5. No suposto de que o beneficiario considere que non pode rematar o proxecto ou cumprir os compromisos dentro do prazo sinalado na resolución de concesión da axuda poderá, ata un mes antes de rematar o prazo de execución e xustificación, solicitar unha prórroga presentando unha memoria onde se indique a situación actual do proxecto, o grao de realización da actividade subvencionada, as causas do atraso na execución e o novo cronograma de actuación.

No caso de que a prórroga sexa aprobada, non poderá exceder a metade do tempo inicialmente concedido. Para o cómputo do prazo de execución, terase por data de inicio da execución a data de solicitude.

6. Cando os cambios no expediente supoñan unha variación da distribución por anualidades recollida na resolución inicial, a modificación quedará supeditada á existencia de dispoñibilidades orzamentarias nas anualidades correspondentes.

Artigo 25. Xustificación

1. Con carácter xeral, agás que a resolución fixe outro prazo, os gastos correspondentes deberán executarse e xustificarse antes do 1 de decembro de cada anualidade.

2. Para o cobramento da subvención concedida, as entidades beneficiarias deberán presentar a documentación que se sinala a seguir, indicando o número de expediente da resolución de concesión da subvención, no prazo establecido no parágrafo anterior:

a) Xustificación de ter realizado as accións para as que se concedeu a subvención, mediante os seguintes documentos:

1º. Informe técnico en que se describa a realización das accións e os datos e incidencias máis significativas na súa execución, que inclúa reportaxe fotográfica dos equipamentos instalados e acredite o cumprimento das obrigas de publicidade.

No caso de pagamento final, proporcionarase información sobre os indicadores de resultados conforme o previsto no Regulamento de execución (UE) nº 1242/2014 e no Regulamento de execución (UE) nº 1243/2014.

2º. Relación de custos individualizados por cada actuación, con e sen IVE, que incluirá polo menos: concepto facturado e entidade que factura; descrición do equipamento, marca e modelo, número de serie (de ser o caso); número de factura, data da factura, data de pagamento, e importe xustificado (sen IVE).

3º. Facturas correspondentes aos custos sinalados na relación, detalladas ao máximo posible e, polo menos, co mesmo nivel de desagregación dos investimentos que figuren na resolución de outorgamento da axuda.

Non se admitirán supostos de autofacturación (facturas emitidas polo propio beneficiario da subvención).

4º. Xustificante bancario (transferencia bancaria, certificación bancaria), no cal conste o número da factura obxecto de pagamento, o titular da conta desde a cal se realiza a operación que deberá coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa ou empresa que emitiu a factura.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento debe ser posterior á data da solicitude de axuda e terán como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de execución e xustificación previsto no número 1 deste artigo.

b) No caso de opoñerse á súa consulta polo órgano xestor: certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter débedas por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.

c) De ser o caso, autorizacións ou permisos para levar a cabo os investimentos. Os beneficiarios deberán estar en posesión das autorizacións ou permisos no momento do pagamento final da axuda, nos casos en que sexan necesarios para a execución do proxecto.

d) Certificado do instalador/provedor en que se indique a data de finalización da instalación/actuación subvencionada, asinado por técnico competente. En todo caso, a data de finalización da obra/actuación debe estar comprendida dentro do período de execución e xustificación.

Ademais, incluirase declaración de que as medicións efectuadas tras a renovación das instalacións de iluminación na superficie afectada se axustan ao proxecto.

3. No momento da xustificación da execución parcial e total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o beneficiario presentará, unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, así como unha declaración responsable de que se manteñen os requisitos para ser beneficiario, conforme o anexo III.

4. Os servizos correspondentes da Consellería do Mar emitirán certificado sobre o grao de realización do investimento, así como da súa adecuación, tanto ao proxecto que serviu de base para o outorgamento da axuda como aos xustificantes de gasto presentados.

5. Transcorrido o prazo establecido na resolución de concesión da axuda para a xustificación dos investimentos sen se ter presentado esta, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comporta a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades que derivan da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Pagamento e pagamentos parciais

1. A Consellería do Mar efectuará o pagamento das axudas unha vez xustificada de forma documental e material a realización do obxecto da subvención e a elixibilidade do gasto. O importe da axuda aboaráselle mediante transferencia bancaria ao beneficiario e na contía que corresponda segundo o proxecto executado.

2. Poderán presentarse xustificacións parciais a medida que se vaian executando as accións subvencionadas. O importe conxunto dos pagamentos parciais e dos pagamentos anticipados que, se é o caso, se concedesen, non poderá superar o 80 % do total da subvención concedida nin superar o importe da correspondente anualidade, e quedarán condicionados á efectiva realización completa do proxecto e á liquidación definitiva da subvención.

Os pagamentos parciais están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados no artigo 28. Non se considerará que un pagamento é parcial cando comprenda a totalidade da subvención correspondente a unha fase do proxecto susceptible de producir efectos independentes, sempre que así se recolla expresamente na resolución de concesión.

3. O pagamento da primeira e sucesivas anualidades terá carácter de ingreso á conta e a súa consolidación estará condicionada á finalización das actividades obxecto da axuda. No caso de que o solicitante non cumprise cos requisitos exixidos, estará obrigado ao reintegro da axuda nos termos previstos nos artigos 32 a 40 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. No caso de que o investimento sexa xustificado por menor contía que o considerado como subvencionable inicialmente, poderase minorar a axuda na mesma proporción, sempre que esta minoración non afecte aspectos fundamentais do proxecto e que non supoña unha realización deficiente deste.

No suposto de que o custo definitivo real do investimento sexa inferior ao orzamento considerado para o outorgamento da axuda, esta minorarase proporcionalmente, aplicando a porcentaxe da axuda deducida sobre a nova base constituída polo custo final do investimento.

5. Se o beneficiario xustifica conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 50 % do importe total do investimento subvencionado, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, procederase ao reintegro das cantidades que se aboaron, ou perderase o dereito de cobramento da subvención, se é o caso.

Artigo 27. Pagamento anticipado

Por resolución motivada do órgano concedente, e logo de solicitude dos interesados, poderá autorizarse un anticipo de ata un 50 % da subvención prevista para a anualidade naqueles casos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos. Os pagamentos anticipados están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados no artigo 28.

Artigo 28. Garantías

1. Será obrigatoria a prestación de garantías para a expedición de anticipos ou pagamentos á conta, de acordo cos artigos 65 e seguintes do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia nos seguintes casos:

a) Anticipos que superen o importe de 18.000 euros.

b) Pagamentos parciais que excedan os 18.000 euros.

Estes importes anteriores enténdense referidos á cantidade acumulada dos pagamentos realizados, parcial e/ou anticipadamente.

2. A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que se depositará na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, e deberá acadar como mínimo ata os dous meses seguintes ao remate do prazo de xustificación da axuda.

3. A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas calquera que fose o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

4. As garantías serán liberadas logo de que se comprobe a realización do proxecto ou das accións independentes que o compoñan.

Artigo 29. Reintegro

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, da subvención concedida e dos xuros de demora que se teña dereito a percibir desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, o importe a reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación de posibles incumprimentos das condicións impostas co motivo da concesión das subvencións:

a) Procederá o reintegro total da axuda concedida e dos xuros de demora que se teña dereito a percibir desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro no caso de incumprir a obriga indicada no artigo 5.2.d) de comunicar a obtención doutras axudas, no caso de que sexan incompatibles.

b) O incumprimento da obriga establecida no artigo 5.2.d) de comunicar a obtención doutras axudas, no caso de que estas fosen compatibles, dará lugar ao reintegro parcial polo exceso de financiamento xunto cos xuros de demora, conforme o establecido no artigo 23 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) O incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 5.2.h) dará lugar a un reintegro parcial do 2 % da axuda concedida.

d) O incumprimento do mantemento dun sistema de contabilidade separado ou unha codificación contable axeitada, segundo o establecido no artigo 5.2.i), dará lugar ao reintegro parcial do 2 % da axuda concedida.

3. Procederase ao reintegro parcial prorrata temporis da subvención se nos cinco anos seguintes ao pagamento final ao beneficiario se produce algunha das seguintes circunstancias:

a) O cesamento ou relocalización dunha actividade produtiva fóra da zona do programa.

b) Un cambio na propiedade que proporcione unha vantaxe indebida (entendendo por tal a utilización de mecanismos que permitan a obtención dun maior grao de axuda que a que lle correspondería ao beneficiario).

c) Un cambio substancial (en relación coas condicións e requisitos polos que se concedeu a axuda) que afecte a natureza, os obxectivos ou as condicións de execución da operación de forma que se menoscaben os seus obxectivos orixinais.

4. Para o devandito procedemento de reintegro terase en conta o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 30. Infraccións e sancións

As actuacións dos beneficiarios en relación coas axudas obxecto desta orde están sometidas ao réxime de infraccións e sancións do título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 31. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 32. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 33. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 34. Servizo Nacional de Coordinación Antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude na Intervención Xeral da Administración do Estado, polos medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto polo dito servizo no enderezo web
http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, que se pode consultar no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Documents/Comunicacion
SNCA06-04-2017Canaldenuncias.pdf

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta do cidadán.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais ou páxinas web.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición adicional segunda. Comisión de Avaliación

A creación da Comisión de Avaliación non xerará incremento da consignación orzamentaria do órgano con competencias en materia de desenvolvemento pesqueiro.

Disposición adicional terceira. Desenvolvemento da orde

Facúltase a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2019

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file