Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Venres, 9 de agosto de 2019 Páx. 36327

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 24 de xullo de 2019 pola que se modifica a autorización temporal do centro privado estranxeiro Eleven School, de Vigo.

A representante da entidade Eleven School, S.L. solicita a modificación da autorización temporal do centro privado Eleven School, de Vigo, para incrementar o ensino a Year 8 (de 12 a 13 anos de idade).

Conforme a Orde do 12 de setembro de 2018, autorízase, con carácter temporal, o centro privado estranxeiro Eleven School para impartir as ensinanzas de Nursery (3 a 4 anos de idade) ata o curso Year 6 (de 10 a 11 anos de idade) do currículo nacional de Inglaterra e País de Gales.

O centro achega o certificado de acreditación do British Council, con validez ata o mes de xuño de 2021, para un máximo de 110 alumnos/as desde o curso de Nursery (de 3 a 4 anos de idade) ata o curso Year 8 (de 12 a 13 anos de idade) do currículo nacional de Inglaterra, ensinanzas que se corresponden co segundo ciclo da educación infantil, a educación primaria e o 1º curso da educación secundaria obrigatoria do sistema educativo de España.

Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España, así como no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da autorización temporal

Modificar a autorización, con carácter temporal, do centro privado estranxeiro Eleven School, para impartir as ensinanzas de Nursery (de 3 a 4 anos de idade) ata o curso de Year 8 (de 12 a 13 anos de idade) do currículo nacional de Inglaterra.

Os datos do centro son os que se detallan a seguir:

Denominación xenérica: centro privado estranxeiro (CPREX).

Denominación específica: Eleven School.

Código do centro: 36024963.

Titular: Eleven School, S.L.

Enderezo: Camiño Real, nº 10, Parada.

Parroquia: Matamá (San Pedro).

Concello: Vigo.

Código postal: 36213.

Provincia: Pontevedra.

Ensinanzas que se autorizan con carácter temporal:

Desde o curso de Nursery (de 3 a 4 anos de idade) ata o curso Year 8 (de 12 a 13 anos de idade) do currículo nacional de Inglaterra.

Alumnado: español e estranxeiro.

Número de postos escolares: 110.

Artigo 2. Ensinanzas de lingua e cultura

O centro deberá complementar as ensinanzas autorizadas, de niveis equivalentes aos obrigatorios do sistema educativo con ensinanzas de lingua española e de lingua galega, que se deberán impartir co mesmo deseño e horario establecidos nos correspondentes decretos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, a cultura española deberá desenvolver os contidos esenciais da correspondente área de coñecemento, recollidos na norma reguladora das ensinanzas.

Artigo 3. Requisitos do profesorado

O profesorado que imparta as ensinanzas mencionadas no punto anterior deberá reunir os requisitos de titulación requiridos pola lexislación española para o nivel educativo e terá os dereitos e as obrigas que determina o artigo 12 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España.

A Xefatura Territorial da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional de Pontevedra, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que imparta estas materias.

Artigo 4. Validez da autorización temporal

A autorización temporal a que fai referencia o artigo 1 desta orde terá validez ata xuño de 2021, conforme o certificado emitido polo British Council. A partir desta data, a autorización dependerá dunha nova inspección dos servizos da Embaixada británica.

Artigo 5. Inscrición no rexistro

Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6. Modificación da autorización

O centro queda obrigado a cumprir a normativa vixente e sometido á inspección educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de conformidade co establecido no artigo 9 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, así como a solicitar unha nova autorización e inscrición no caso de que se produza calquera variación nos elementos e circunstancias que dan lugar a esta autorización.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición, ante esta consellería, no prazo de un mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional