Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Venres, 9 de agosto de 2019 Páx. 36423

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 8 de xullo de 2019, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización ambiental integrada para a ampliación de explotación porcina de ceba de Javier Vázquez Franco en Zas de Rei, no concello de Melide (expediente 2018-IPPC-I-85).

Para os efectos previstos no artigo 29 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais de Galicia (BOE núm. 273, do 10 de novembro) faise público que polo prazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposto o documento titulado:

– «Modificación do proxecto básico de autorización ambiental integrada e estudo de avaliación ambiental de explotación porcina en Zas de Rei, Melide (A Coruña). Javier Vázquez Franco. Xullo de 2018».

Para que calquera interesado poida consultalos e, de ser o caso, formular no citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que xulgue oportunas, o documento estará á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

– Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (rúa San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais, poderán acceder a esta información na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/→medioambiente e sostibilidade→prevención e control de actividades→autorización ambiental integrada→proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2019

María Cruz Ferreira Costa
Directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático

ANEXO

Memoria resumo

Clave do expediente: 2018-IPPC-I-85.

Peticionario: Javier Vázquez Franco.

CIF: 79335589X.

Domicilio social: A Fonte Ouxín, Zas de Rei, 15809 Melide (A Coruña).

Localización da instalación: A Fonte Ouxín, Zas de Rei, 15809 Melide (A Coruña).

Actividade: ampliación de explotación porcina de ceba en Zas de Rei.

Descrición: o proxecto consiste na ampliación dunha explotación porcina de ceba que contará con catro mil trinta e nove prazas, na cal os animais entran con 20 kg e saen con 100 kg. Para iso construirá unha nova nave de porcino (pasa de dúas a tres), e construirá unha nova fosa de xurro externa (pasa de unha a dúas). A instalación contará con almacén e cerramento sanitario.

As augas residuais de limpeza das naves son conducidas á fosa de xurro. As augas pluviais vértense directamente ao terreo. O xurro xerado na instalación será xestionado mediante un xestor autorizado.

Inclúese na documentación presentada o grao de implantación das mellores técnicas dispoñibles, atendendo ao recollido na Decisión de execución (UE) 2017/302 da Comisión, do 15 de febreiro de 2017, pola que se establecen as conclusións sobre as mellores técnicas dispoñibles (MTD) no marco da Directiva 2010/75/UE do Parlamento Europeo e do Consello respecto á cría intensiva de aves de curral ou de porcos.