Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Xoves, 8 de agosto de 2019 Páx. 36218

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Fundación Galicia Europa

ANUNCIO do 24 de xullo de 2019 polo que se convocan en 2019, en réxime de concorrencia competitiva, vinte (20) prazas de formación en actividades formativas dentro do programa de especialización en financiamento comunitario TecEuropa (código de procedemento PR816A).

O día 28 de maio de 2019 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 10 de maio de 2019 pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa para realizar actividades formativas dentro do programa de especialización en financiamento comunitario TecEuropa e se aproban as bases reguladoras polas cales rexerán a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das prazas para participar no dito programa.

Segundo o establecido no artigo 15 dos estatutos da Fundación Galicia Europa (FGE), en ausencia do presidente da Fundación corresponde ao vicepresidente asinar as convocatorias públicas das axudas, subvencións e bolsas formativas da Fundación.

Á vista do anteriormente exposto,

DISPOÑO:

Primeiro. Convocatoria

Convocar vinte (20) prazas para o desenvolvemento dunha edición de actividades formativas dentro do programa de especialización en financiamento comunitario TecEuropa, de conformidade coas bases reguladoras establecidas no anexo I da Orde do 10 de maio de 2019 pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa para realizar actividades formativas dentro do programa de especialización en financiamento comunitario TecEuropa e se aproban as bases reguladoras para a súa convocatoria (en diante, bases reguladoras).

Segundo. Duración e lugar de realización das actividades formativas

A edición desenvolverase entre os días 11 e 15 de novembro en Bruxelas, e o día 26 de novembro en Santiago de Compostela.

Terceiro. Financiamento da actividade

1. O importe destinado ao financiamento da actividade formativa ascende a un total de catorce mil euros (14.000,00 €).

O financiamento desta actividade por parte da FGE enmárcase na epígrafe de gastos por axudas e outros, axudas monetarias, con cargo á conta 65001 «axudas monetarias individuais», do orzamento de gastos da FGE para o exercicio 2019, que ten crédito adecuado e suficiente para o seu financiamento.

2. A FGE aboará un máximo de 700 € a cada persoa beneficiaria.

Cuarto. Requisitos dos beneficiarios e presentación de solicitudes

1. Para poderen ser beneficiarios/as da bolsa, as persoas candidatas deberán pertencer a algunha das entidades do artigo 5.1 das bases reguladoras.

2. Non teren participado no programa de especialización en financiamento comunitario TecEuropa en edicións anteriores a 2019.

3. As solicitudes presentaranse de acordo co establecido no artigo 6 das bases reguladoras.

4. As persoas solicitantes deberán achegar coa solicitude a documentación a que fai referencia o artigo 7 das bases reguladoras.

5. O prazo de presentación de solicitudes e da documentación complementaria será o establecido no artigo 8 das bases reguladoras.

Quinto. Información ás persoas interesadas

1. Sobre este procedemento administrativo (PR816A) poderase obter información adicional a través dos seguintes medios:

a) Na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal

b) Na páxina web da Fundación Galicia Europa: http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu/

c) No enderezo electrónico:

santiago@fundaciongaliciaeuropa.eu ou bruselas@fundaciongaliciaeuropa.eu

d) Nos teléfonos: 981 54 10 12 ou +32 (0) 27 35 54 40.

e) Persoalmente nos enderezos da Fundación Galicia Europa:

En Santiago de Compostela: rúa do Hórreo, 61.

En Bruxelas: rue de la Loi/Wetstraat, 38, 2°, bte. 2.

2. Para dúbidas relacionadas con dificultades técnicas ou de carácter xeral, poderán facer as súas consultas no teléfono de información da Xunta de Galicia 012 ou ao correo electrónico 012@xunta.es

Sexto. Criterios de adxudicación

1. De existiren máis persoas candidatas que prazas, aplicarase o seguinte sistema de adxudicación:

a) En primeiro lugar, terán preferencia as persoas que traballen en entidades con experiencia na participación en proxectos europeos ou que estean a preparar algunha candidatura específica para un proxecto europeo. Estes criterios valoraranse a través da breve exposición do anexo III.

b) En segundo lugar, terán preferencia as persoas candidatas que acrediten máis horas de formación en fondos estruturais, proxectos ou asuntos europeos.

c) Finalmente, valorarase o nivel de coñecemento das linguas inglesa e/ou francesa.

2. Co fin de asegurar unha representación equilibrada do persoal das distintas entidades, establécese unha reserva mínima de prazas para cada unha das categorías do artigo 5.1 das bases reguladoras:

a) Dez (10) prazas para persoal con relación laboral, estatutaria ou funcionarial nalgunha das entidades membros do Padroado da FGE: Xunta de Galicia (Administración xeral da Comunidade Autónoma ou entidades instrumentais do sector público autonómico), Abanca, Consorcio Zona Franca de Vigo, Deputación da Coruña e Deputación de Lugo, ou outras entidades que poidan formar parte do padroado no futuro.

b) Cinco (5) prazas para persoal con relación laboral, estatutaria ou funcionarial nalgunha das entidades locais galegas (concellos e deputacións).

c) Cinco (5) prazas para persoal con relación laboral, estatutaria ou funcionarial en entidades públicas e privadas sen ánimo de lucro que deben ter o seu domicilio social e realizar as súas actividades maioritariamente en Galicia.

3. Co fin de asegurar unha representación equilibrada do persoal das distintas entidades, establécese unha limitación de dúas (2) persoas beneficiarias dunha mesma entidade, salvo no caso de vacantes na categoría. As entidades do artigo 5.1.a) das bases reguladoras quedan exceptuadas do anterior.

Sétimo. Xustificación e pagamento das bolsas

Os beneficarios deberán presentar as xustificacións da bolsa, de acordo co artigo 19 das bases reguladoras, para teren dereito ao pagamento das axudas.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2019

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente da Fundación Galicia Europa