Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Xoves, 1 de agosto de 2019 Páx. 35514

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 93/2019, do 18 de xullo, polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polas actuacións no Camiño Inglés, no treito polígono do Tambre, de clave AC/17/012.10.5, e no treito do cemiterio-cruzamento de Meixonfrío, de clave AC/18/023.06, no concello de Santiago de Compostela.

Antecedentes:

Primeiro. O día 5 de xullo de 2019 asínase a resolución da Axencia Galega de Infraestruturas pola que se aproba a memoria técnica do proxecto de construción de mellora e integración paisaxística das entradas dos Camiños de Santiago en Santiago de Compostela. Ámbito: Camiño Inglés-polígono do Tambre, de clave AC/17/012.10.5.

Segundo. No Diario Oficial de Galicia núm. 188, do 2 de outubro de 2018, publicouse o Anuncio do 26 de setembro de 2018 polo que se somete ao trámite de información pública o documento básico Actuacións no Camiño Inglés en Santiago de Compostela. Treito cemiterio-cruzamento de Meixonfrío, de clave AC/18/023.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado. Despois da análise das alegacións, informes e certificados presentados, o 8 de xullo de 2019 apróbase o expediente de información pública e o documento básico Actuacións no Camiño Inglés en Santiago de Compostela. Treito cemiterio-cruzamento de Meixonfrío, de clave AC/18/023.06.

Estes dous proxectos teñen por obxecto acadar unha imaxe identitaria internacional común ao longo do Camiño, concretamente para mellorar a integración do peregrino na entrada da cidade de Santiago de Compostela, facilitando a dita percepción e diminuíndo a tensión de tráfico sobre o Camiño, así como favorecendo a mobilidade peonil nesta área ao priorizar ao peregrino sobre o tráfico rodado.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, neste caso, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do número dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Por outra banda, o artigo 80 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, determina que a aprobación da delimitación dos Camiños de Santiago levará implícita a declaración de interese social e a de necesidade de ocupación dos bens e adquisición de dereitos para os fins de expropiación forzosa, de ocupación temporal ou de imposición ou modificación de servidumes tanto dos tramos necesarios para a funcionalidade da traza como dos bens localizados no seu ámbito delimitado necesarios para a conservación, protección ou servizo do Camiño.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaoito de xullo de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo único.

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución das actuacións no Camiño Inglés, no treito polígono do Tambre de clave AC/17/012.10.5, e no treito do cemiterio-cruzamento de Meixonfrío, de clave AC/18/023.06.

Santiago de Compostela, dezaoito de xullo de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade